Pasar al contenido principal

Ditame 10/2026

Enviado el Mié, 01/07/2026 - 10:26

Ditame sobre o proxecto de orde do XX de XXXX de 2026, pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento TR352A)

DITAME 10/2026

 

 

Ditame sobre o proxecto de orde do XX de XXXX de 2026, pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento TR352A)

 

 

I. ANTECEDENTES

 

O día 11 de maio de 2026 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega o proxecto de Orde do XX de XXXX de 2026, pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento TR352A).

 

Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

Segundo se establece na exposición de motivos, “é preciso deseñar e aplicar políticas activas orientadas á atención de colectivos específicos con especiais dificultades de inserción. Para iso resulta necesario contar coa colaboración das entidades sen ánimo de lucro para posibilitar e contribuír ao desenvolvemento, aproveitamento e dinamización do potencial económico, social e cultural da nosa Comunidade Autónoma, á vez que favorecer a creación de emprego, mediante a prestación gratuíta de servizos de interese xeral e social.

 

Así, para 2026 continúase coa implementación en Galicia dun programa autonómico, que non é outra cousa que unha adaptación do programa estatal, coherente co momento actual e cos requirimentos específicos da realidade do noso mercado laboral, como instrumento a través do cal se ofrece ás persoas desempregadas unha oportunidade para adquirir unha experiencia laboral que redunde na mellora da súa empregabilidade e que facilite a súa futura inserción no mercado de traballo, canalizando a práctica laboral adquirida cara a ocupacións que faciliten unha maior estabilidade no emprego.

 

(...) O obxectivo fundamental desta orde é facilitar a mellora da empregabilidade das persoas traballadoras desempregadas a través da adquisición de experiencia profesional, obxectivo que non se desvirtúa, senón que se potencia, pois concentra os servizos que se van desenvolver e, por tanto, as contratacións, nun sector potencialmente xerador de emprego como é o dos servizos sociais, cada vez máis demandados pola sociedade e que precisan de profesionais con experiencia para cubrir as necesidades cada vez maiores neste ámbito”.

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2025 (publicado no DOG núm. 157, do 19 de agosto de 2025) e o ditame emitido polo Consello con data 23 de xuño de 2025 (Ditame 14/2025), obsérvase que a Consellería non deu resposta ao Comité de Ditames, pero tivo en conta algunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial na Orde final publicada no DOG.

 

 

O novo proxecto normativo presenta algunhas modificacións co respecto da orde correspondente ao exercicio anterior.

 

Na Exposición de Motivos na Orde de 2025 faise referencia á “Axenda 20 para o emprego”, mentres que no Proxecto de 2026 subtitúese esa referencia polo de “Estratexia europea para o emprego e de acordo co Plan de acción para a implementación da Axenda 2030 para o Emprego”.

 

O orzamento global para o financiamento destas axudas aumenta, segundo o artigo 2, pasando no ano 2025 de 8.824.473,08 euros ao ano 2026 á cantidade de 9.416.278,06 euros, o que supón un incremento de 591.804,98  euros.

 

Tamén no artigo 2 referente ao financiamento suprímese no proxecto de 2026 o apartado 2 da Orde de 2025 a reserva prioritaria de 3.000.000 euros para proxectos singulares: “2. Do importe total máximo destinaranse prioritariamente 3.000.000 de euros para o financiamento da contratación de persoas traballadoras desempregadas en proxectos singulares, definidos no parágrafo 2º do artigo 4. En caso de non se esgotar o crédito reservado nesta epígrafe, o crédito sobrante aplicarase á concorrencia competitiva entre o resto de solicitudes”.

 

No proxecto de 2026 suprímese o apartado 2 do artigo 2 referente aos proxectos singulares e os proxectos ordinarios.

 

No artigo 4 que regula os requisitos dos servizos que se vaian a prestar modifícase substancialmente o apartado 1.g) que na Orde de 2025 prohibía de forma taxativa que estes contratos se realizasen baixo a modalidade de teletraballo ou traballo a distancia a incluír no Proxecto de 2026 a admisión excepcional da modalidade mixta con autorización do órgano concedente nos seguintes termos: “g) Como norma xeral e tendo en conta a súa natureza e finalidade, estes contratos non poderán realizarse baixo a modalidade de teletraballo ou traballo a distancia, de acordo coa lei 10/2021, do 9 de xullo, de traballo a distancia. Non obstante, e de existir  xustificación  suficiente e cando a natureza do posto o permita, o órgano concedente poderá autorizar a prestación puntual en modalidade mixta”.

 

O artigo 6 referente á subvención: contía concentra as modificacións máis intensas da reforma de modo que na Orde de 2025 recollía no apartado 3 e no Proxecto de 2026 establece un novo sistema de catro módulos, recollendo o mesmo cambio nas contratacións de vítimas de violencia de xénero e creando un módulo específico para o grupo 2:

 

Orde de 2025:

“3. Os módulos correspondentes a cada grupo de cotización das persoas traballadoras contratadas serán os seguintes, para contratos de 9 meses e xornada a tempo completo e para contratos de 12 meses e xornada tempo parcial do 75 % (agás mulleres vítima de violencia de xénero):

a) Módulo A (grupos de cotización da Seguridade Social 1 ao 2): 26.000 €.

b) Módulo B (grupos de cotización da Seguridade Social 3 ao 7): 21.000 €.

c) Módulo C (grupos de cotización da Seguridade Social 8 ao 10): 17.000 €.

No caso de mulleres vítima de violencia de xénero, os módulos correspondentes a cada grupo de cotización das persoas traballadoras contratadas serán os seguintes, para contratos de 12 meses e xornada a tempo completo:

a) Módulo A (grupos de cotización da Seguridade Social 1 ao 2): 34.666 €.

b) Módulo B (grupos de cotización da Seguridade Social 3 ao 7): 28.000 €.

c) Módulo C (grupos de cotización da Seguridade Social 8 ao 10): 22.666 €.

A presente regulación é coherente coa normativa no eido da concesión e xustificación de axudas por medio dos custos simplificados, e ten por obxectivo a simplificación da xestión administrativa e das obrigas de xustificación impostas ás entidades beneficiarias”.

 

Pola súa banda, no Proxecto de orde de 2026 introduce un novo módulo D) no apartado 3 de forma que queda redactado da seguinte forma:

Proxecto de 2026:

“3. Os módulos correspondentes a cada grupo de cotización das persoas traballadoras contratadas serán os seguintes, para contratos de 9 meses e xornada a tempo completo e para contratos de 12 meses e xornada tempo parcial do 75 % (agás mulleres vítimas de violencia de xénero):

a) Módulo A (grupo de cotización da Seguridade Social 1): 26.000,00 €.

b) Módulo B (grupo de cotización da Seguridade Social 2): 23.000,00 €.

b) Módulo C (grupos de cotización da Seguridade Social 3 a 7): 21.000,00 €.

c) Módulo D (grupos de cotización da Seguridade Social 8 a 10): 17.370,00 €.

No caso de mulleres vítima de violencia de xénero, os módulos correspondentes a cada grupo de cotización das persoas traballadoras contratadas serán os seguintes, para contratos de 12 meses e xornada a tempo completo:

a) Módulo A (grupo de cotización da Seguridade Social 1 ): 34.666,00 €.

b) Módulo B (grupo de cotización da Seguridade Social 2): 30. 666, 67 €.

c) Módulo C (grupos de cotización da Seguridade Social 3 a 7): 28.000,00 €.

d) Módulo D (grupos de cotización da Seguridade Social 8 a 10): 23.160,00 €.

A presente regulación é coherente coa normativa no eido da concesión e xustificación de axudas por medio dos custos simplificados, e ten por obxectivo a simplificación da xestión administrativa e das obrigas de xustificación impostas ás entidades beneficiarias”.

 

No mesmo artigo 6 modifícase de forma substancial o apartado 6 establecendo novos grupos e suprimindo totalmente o límite máximo de 210.000 euros por entidade:

 

Orde de 2025:

“6. Establécense como límites á contratación de persoas traballadoras, en función do ámbito territorial de actuación recollido no RUEPSS, agás no caso de entidades con proxectos singulares, os seguintes:

a) Entidades con proxectos singulares: máximo oito contratos.

b) Entidades de ámbito autonómico con tres ou máis centros de traballo, inscritos no RUEPSS e localizados en dúas ou más provincias da Comunidade Autónoma de Galicia: máximo cinco contratos.

c) Entidades de ámbito autonómico que non cumpran os criterios da alínea b): máximo tres contratos.

d) Entidades de ámbito provincial con tres ou máis centros de traballo: máximo tres contratos.

e) Entidades de ámbito provincial que non cumpra os criterios da alínea d), máximo dous contratos.

f) Entidades de ámbito comarcal ou municipal: máximo dous contratos.

Establécese un límite máximo da contía da subvención por entidade de 210.000 €.

No caso de existiren remanentes orzamentarios tras a aplicación da repartición establecida no parágrafo anterior, poderanse incrementar os máximos establecidos nunha contratación adicional, comezando polas solicitudes que obtivesen a puntuación máis alta, ata esgotar o crédito dispoñible”.

 

 

 

 

Proxecto de 2026:

“6. Establécense os seguintes límites na contratación de persoas traballadoras desempregadas, en función do número de persoas traballadoras da entidade solicitante, segundo figura na declaración informativa anual presentada ante a Axencia Estatal da Administración Tributaria. Modelo 190 - 2025:

a) Entidades con 100 ou máis persoas traballadoras: 8 contratos

b) Entidades con 75 e ata 99 persoas traballadoras: 5 contratos

c) Entidades con 50 e ata 74 persoas traballadoras: 3 contratos

d) Entidades con 10 e ata 49 persoas traballadoras: 2 contratos

e) Entidades con menos de 10 persoas traballadoras: 1 contrato

No caso de existiren remanentes orzamentarios tras a aplicación da repartición establecida no parágrafo anterior, poderanse incrementar os máximos establecidos nunha contratación adicional, comezando polas solicitudes que obtivesen a puntuación máis alta, ata esgotar o crédito dispoñible”

 

No artigo 7 que regula a presentación de solicitudes e prazo elimínase do proxecto de 2026 o apartado o da Orde de 2025: “o) O número de centros e a súa localización, inscritos no RUEPSS, a que se refire o artigo 14.1 na letra c)”, desaparecendo calquera referencia ao número de centros e a súa localización.

 

No artigo 8 referente á documentación complementaria recóllese no apartado 1.c) unha modificación estrutural cun cambio radical do sistema de límites de contratación que en 2025 estaba baseado no ámbito territorial, no número de centros e na existencia de proxecto singular e que no Proxecto de 2026 está baseado exclusivamente no número de persoas traballadoras declaradas no Modelo 190 AEAT:

 

Orde de 2025:

“c) Para os efectos de presentarse polo suposto de proxectos singulares do artigo 4.2.c), xustificarase a condición de entidade con 100 ou máis profesionais no seu cadro de persoal, mediante documentos de cotización acreditativos do cadro de persoal do mes anterior á publicación da presente convocatoria”.

 

Proxecto de 2026:

“c) Declaración informativa anual presentada ante a Axencia Estatal da Administración Tributaria. Modelo 190 – 2025, de ser o caso”.

 

No artigo 14 que regula os criterios de avaliación hai varias modificacións, así no apartado 1.c) para de establecer na Orde de 2025:

“c) Segundo o ámbito xeográfico de actuación: ata 10 puntos. Valorarase tendo en conta o ámbito xeográfico recollido no RUEPSS, agás no caso de entidades con proxectos singulares:

1º. Entidades con proxectos singulares: 10 puntos.

2º. As entidades de ámbito autonómico ou superior: 10 puntos.

3º. As entidades de ámbito provincial: 8 puntos.

4º. As entidades de ámbito comarcal ou municipal (segundo o RUEPSS): 7 puntos”

 

A establecer no Proxecto de 2026 que:

“c) Segundo o ámbito xeográfico de actuación: ata 10 puntos. Valorarase tendo en conta o ámbito xeográfico recollido no RUEPSS:

1º. As entidades de ámbito autonómico ou superior: 10 puntos.

2º. As entidades de ámbito provincial: 8 puntos.

3º. As entidades de ámbito comarcal ou municipal (segundo o RUEPSS): 7 puntos”

 

No mesmo artigo 14 se modifica o apartado 1.d).3º que regula a complementariedade da práctica profesional das persoas traballadoras contratadas con formación ocupacional/información profesional impartida pola propia entidade: ata 2 puntos engadíndose no Proxecto de 2026 respecto á Orde de 2025 que “As entidades que fosen obxecto dun procedemento de reintegro total neste procedemento, con carácter firme en vía administrativa ou contencioso-administrativa, nos cinco anos anteriores a esta convocatoria, non puntuarán no apartado d) deste artigo”.

 

Finalmente, no artigo 14, apartado 4 a puntuación mínima esixida pasa de 50 puntos na Orde de 2025 a 45 puntos no Proxecto de 2026.

 

O artigo 16 referente aos Requisitos para a selección das persoas traballadoras engade ex novo definición do que se que considera persoa inscrita e persoa que carece de ocupación nos seguintes termos:

“Considérase persoa inscrita aquela que figure como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia con anterioridade ou no mesmo día da contratación que se subvenciona.

Considérase persoa que carece de ocupación aquela que non estea en situación de alta no día anterior á contratación que se subvenciona, segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e, se fora o caso, segundo certificado da mutualidade do colexio profesional.

Non obstante, non se requirirá a inscrición no Servizo público de Emprego de Galicia no caso de persoas que se atopen nalgún dos casos contemplados no artigo 4.1.a) do Real Decreto-ley 1/2023, de 10 de xaneiro, de medidas urxentes en materia de incentivos á contratación laboral e mellora da protección social das persoas artistas”.

 

No artigo 19 de Substitución de persoas traballadoras modifícase o apartado 3 no punto que no Proxecto de 2026 esixe “Parte de alta na Seguridade Social xunto co informe de datos de cotización (IDC), e comunicación do contrato de traballo a través da aplicación contrat@”, mentres que na Orde de 2025 ese punto estaba recollida da seguinte forma: “Parte de alta na Seguridade Social xunto co informe de datos de cotización (IDC), e contrato de traballo coas cláusulas específicas de contratos vinculados a programas de políticas activas de emprego da persoa substituta, formalizado e debidamente comunicado”.

 

Conclusións xerais:

 

O proxecto de Orde de 2026 mantén a estrutura procedimental pero recolle cambios significativos como os seguintes:

  • Desaparece a reserva orzamentaria e o tratamento específico para proxectos singulares.
  • Substitúe a implantación territorial e o número de centros pola dimensión laboral efectiva e o persoal asalariado acreditado fiscalmente.
  • Hai unha maior tecnificación financeira, coa desagregación en máis módulos e cun novo tratamento do grugo 2.
  • Maior flexibilidade funcional coa admisión excepcional do traballo mixto.
  • Incremento da capacidade de concentración subvencionable coa supresión do límite de 210.000 euros.
  • Maior orzamento e recursos públicos adicados a esta Orde.

Finalmente, dicir que estamos ante un modelo máis profesionalizado, obxectivable, financeiramente parametrizado e orientado á capacidade estrutural das entidades.

 

A reforma incrementa a seguridade técnica nalgúns aspectos (módulos e criterios automatizables).

Pero tamén amplía a discrecionalidade administrativa, especialmente no referente ao teletraballo e á concentración efectiva dos recursos públicos.

 

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

 

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde do XX de XXXX de 2026, pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento TR352A)” consta de: Exposición de motivos, vinte e cinco artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

 

O día 22 de maio de 2026 reúnese este comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e quince consideracións específicas sobre a valoración da norma de carácter unánime manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

 

Contén así mesmo, como anexos, unha consideración xeral e tres específicas manifestadas polas organizacións sindicais CIG, UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia (Anexo I) e tres específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).

 

 

 

 

 

DITAME 10/2026

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde do XX de XXXX de 2026, pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento TR352A)”, da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, con data de rexistro de entrada neste Consello Galego de Relacións Laborais o 11 de maio de 2026, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 22 de maio de 2026, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

 

Primeira. Artigo 3. Entidades beneficiarias. Requisitos.

Obsérvase que no proxecto normativo se mantén a restricción ao acceso á condición de entidade beneficiaria ao esixir, no artigo 3, que as entidades solicitantes estean debidamente inscritas no Rexistro único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais nas actividades concretas que relaciona o dito artigo 3.

 

Este comité propón que se elimine ese requisito e se permita o acceso a todas as entidades sen ánimo de lucro e, en consecuencia, se incrementen as contías asignadas a estas subvencións para dar acollida a todas as entidades, dado que o obxectivo da norma é a contratación de persoas desempregadas para levar a cabo actividades de interese xeral e social, algo ao que tamén se adican entidades non inscritas no RUEPSS.

 

Segunda. Aspectos formais.

Este Comité propón revisar o texto para corrixir erros como a enumeración do artigo 6 que no seu apartado 2 contén dous letras b) e b) na primeira clasificación:

“3. Os módulos correspondentes a cada grupo de cotización das persoas traballadoras contratadas serán os seguintes, para contratos de 9 meses e xornada a tempo completo e para contratos de 12 meses e xornada tempo parcial do 75 % (agás mulleres vítimas de violencia de xénero):

a) Módulo A (grupo de cotización da Seguridade Social 1): 26.000,00 €.

b) Módulo B (grupo de cotización da Seguridade Social 2): 23.000,00 €.

b) Módulo C (grupos de cotización da Seguridade Social 3 a 7): 21.000,00 €.

c) Módulo D (grupos de cotización da Seguridade Social 8 a 10): 17.370,00 €”

 

Obsérvase que nos artigos 7, 9 e 24 empréganse as letras j e k na clasificación, impropias do alfabeto galego. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

 

Este proxecto inclúe tres disposicións adicionais que deberían encaixarse baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha dela, seguindo a estrutura empregada, neste senso, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2024.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.

Finalmente, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE),  e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.

 

Terceira.- Erro ortográfico no pé de sinatura.

Na páxina 44 do proxecto de orde hai un erro ortográfico na sinatura do conselleiro xa que no proxecto aparece “Conselleiro e Emprego, Comercio e Emigración”, cando debería aparece “Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración”.

 

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

 

Primeira.- Artigo 3. Entidades beneficiarias. Requisitos.

No primeiro parágrafo sinálase expresamente que:

 

“Poderán ser beneficiarias das axudas e subvencións previstas na presente orde as entidades sen ánimo de lucro que, na data de achega da solicitude, estean inscritas  no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (en adiante, RUEPSS) na categoría de iniciativa social, nas áreas  de comunidade, dependencia, discapacidade, inclusión, maiores, familia, infancia, menores e igualdade e cuxa actividade principal estea dirixida directamente, e de maneira indubidable, a desenvolver ou fomentar accións específicas para a inserción social e  laboral das persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, servizos comunitarios, igualdade, maiores, familia, infancia, menores ou mulleres, sempre que non estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Deberá figurar no RUEPSS a memoria actualizada  das actuacións desenvolvidas no ano 2025 pola entidade solicitante. A devandita memoria deberá estar dispoñible antes da reunión da Comisión de Avaliación prevista no artigo 13”

 

No segundo parágrafo, pola súa parte indica que:

“As entidades deberán dispoñer polo menos dun centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, entendendo por tal unha oficina ou delegación permanente que poida ser habilitada para o efecto, distinta da sede social da entidade cando coincida co domicilio das persoas físicas que dirixen a entidade, en propiedade, arrendada ou cedida formalmente a esta, e no que se estean a levar a cabo programas de apoio a persoas  con  discapacidade, dependencia, en risco de exclusión, maiores, menores, familias ou mulleres en situación de vulnerabilidade. É nese centro ou centros de traballo nos que as persoas que se contraten ao abeiro desta convocatoria deberán desenvolver as súas funcións”.

 

Neste segundo parágrafo falta incluír “servizos comunitarios e igualdade”

 

Segunda.- Artigo 4.- Requisitos dos servizos que se vaian a prestar.

O apartado 1.d) deste artigo establece unha duración máxima diferente para a contratación, segundo sexa a tempo completo ou a tempo parcial.

 

Este comité considera que a duración máxima debería ser a mesma para os contratos a tempo completo e a tempo parcial. 

 

Terceira.- Artigo 4.- Requisitos dos servizos que se vaian a prestar.

Segundo o último parágrafo do apartado 1.d) deste artigo, “no caso de contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero, a axuda pode estenderse ata os doce meses a xornada completa, e deberá iniciarse dentro do exercicio 2026”, este comité considera que se debería clarificar a redacción dese parágrafo, para saber se caben outras posibilidades aplicables na norma.

 

 

Cuarta.- Artigo 4.- Requisitos dos servizos que se vaian a prestar.

No apartado g) in fine onde dispón:

“Non obstante, e de existir  xustificación  suficiente e cando a natureza do posto o permita, o órgano concedente poderá autorizar a prestación puntual en modalidade mixta”,

 

 

 

Debería establecer:

“Non obstante, e de existir  xustificación  suficiente e cando a natureza do posto o permita, o órgano concedente poderá autorizar excepcionalmente a prestación en modalidade mixta”,

 

Quinta.- Artigo 5. Contratos subvencionables.

En relación co establecido no apartado 2.a) deste artigo, este comité reitera que debería incluírse entre os conceptos subvencionables a indemnización prevista polo artigo 49º.1 c) do Estatuto dos traballadores, xa que forma parte do custo que supoñen esas contratacións para a entidade e non se trata dun custo de carácter voluntario e que, ademais, noutros programas si ten o carácter de custo subvencionable, segundo o recollido na Orde TES/106/2024.

 

Á vista da resposta remitida a esta mesma consideración do ditame do ano 2024, semella que a Consellería está a confundir o carácter non subvencionable da indemnización  co recollido no RD 818/2021, pois o artigo 35.1 (onde se recollen estas cuestións) refírese ao persoal formador, directivo e de apoio mentres que o obxecto deste ditame é unha norma de contratación de persoas traballadoras desempregadas.

 

Sexta.- Artigo 6. Subvención: contía.

Anteriormente o artigo recollía os límites á contratación de persoas traballadoras en función do ámbito territorial de actuación recollido no RUEPSS, “agás no caso de entidades con proxectos singulares”.

Agora este problema xa non existe pero temos  que pode producirse unha distribución territorial inxusta por:

Eliminación del criterio territorial

Risco de concentración

Desaparición de referencias a “proxectos singulares”

 

A modificación do artigo 6 supón a eliminación dos criterios territoriais e da referencia aos proxectos singulares para establecer os límites de contratación, substituíndoos por un criterio baseado exclusivamente no tamaño da entidade. Esta modificación pode ter un impacto negativo no equilibrio territorial e no acceso ás axudas por parte de pequenas entidades de ámbito local, polo que se considera necesario avaliar a súa incidencia e introducir mecanismos que garantan unha distribución máis equilibrada dos recursos. É dicir, pode haber unha mala medición da realidade das entidades.

 

A nova redacción do artigo 6 elimina a referencia a criterios como o ámbito territorial ou os datos do RUEPSS, substituíndoos por un criterio único baseado no número de persoas traballadoras da entidade. Esta simplificación pode non reflectir adecuadamente a realidade de determinadas entidades sen ánimo de lucro, especialmente aquelas que, pola súa natureza ou normativa sectorial, non requiren inscrición ou autorización no RUEPSS ou teñen unha implantación territorial significativa non reflectida no seu tamaño. Por iso, considérase conveniente incorporar criterios complementarios que teñan en conta a realidade funcional e territorial das entidades.

 

Este Comité propón engadir mecanismos correctores para que evitar estas situacións de concentración en entidades de gran tamaño, con prexuízo para as entidades máis pequenas, territoriais ou rurais.

 

Sétima.- Artigo 6. Subvención: contía.

Segundo o apartado 5 deste precepto, a subvención para os efectos do incentivo á mobilidade xeográfica será de 180 euros mensuais por cada beneficiaria do programa de fomento da inserción laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero contratadas que reúnan os requisitos para percibilo.

 

Este comité considera que se debería actualizar esa contía, xa que, como recoñece a propia Consellería en anteriores respostas esta mesma consideración, non se actualiza dende o ano 2006.

 

Oitava.- Artigo 8. Documentación complementaria.

O apartado 1.b) esixe achegar, xunto coa solicitude, un certificado de xestión da calidade vixente na data de publicación da convocatoria, avalado por un organismo de acreditación recoñecido a nivel nacional, segundo o establecido no artigo 14.1.d.1º desta Orde, de ser o caso.

 

Este comité propón que se substitúa a dita redacción pola que segue: “un certificado de xestión da calidade vixente na data de publicación da convocatoria, avalado por un organismo acreditado”.

 

En coherencia con isto, formúlase a mesma consideración respecto do artigo 14.1.d)1º.

 

Novena.- Artigo 8. Documentación complementaria.

O apartado 1.c) recolle dentro da documentación que se deberá achegar coa solicitude:

“c) Declaración informativa anual presentada ante a Axencia Estatal da Administración Tributaria. Modelo 190 – 2025, de ser o caso”.

 

Este Comité considera que dito apartado debe ser modificado do seguinte xeito:

“c) Declaración informativa anual presentada ante a Axencia Estatal da Administración Tributaria. Modelo 190 – 2025”.

 

Décima.- Artigo 14. Criterios de avaliación.

No apartado 1.b) establécese que:

“As ordes que se terán en conta son as do 12 de xullo de 2022 (DOG núm. 139, do 21 de xullo: TR352A 2022); do 31 de xullo de 2023 (DOG núm. 152, do 10 de agosto: TR352A 2023); e do 30 de xullo de 2024 (DOG núm. 155, do 12 de agosto: TR352A 2024).

Ás entidades que non recibiron subvención para a contratación de persoas desempregadas, nas tres últimas convocatorias, outórgaselle 3 puntos”.

 

Co gallo de evitar confusións, este Comité considera que a redacción debería ser clarificada nos seguintes termos:

“Ás entidades que non recibiron subvención para a contratación de persoas desempregadas, nas tres últimas convocatorias (anos 2023, 2024 ou 2025), outórgaselle 3 puntos”.

 

Décima primeira.- Artigo 14. Criterios de avaliación.

Este comité delegado entende que debería preverse como criterio avaliable o emprego da lingua galega para cumprir coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia que, no seu artigo 20.2, letra l), establece: Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda, así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia a potenciación do emprego do galego.

 

Igualmente, manifestan que o criterio que se está a seguir por parte da Consellería non é consoante coa función normalizadora que ten por obxectivo a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística.

 

 

 

Décima segunda.- Artigo 16. Requisitos para a selección das persoas traballadoras.

No apartado 3 deste artigo establécese que as persoas traballadoras contratadas por un período igual ou superior a 180 días con cargo ás axudas concedidas nos exercicios pasados, non poderán ser contratadas con cargo ás axudas desta orde.

 

Este comité considera que ese período debería ser superior a nove meses nos últimos tres anos para imposibilitar a contratación ao abeiro desta orde e facilitar a incorporación de máis persoas desempregadas.

 

Décima terceira.- Artigo 16. Requisitos para a selección das persoas traballadoras.

Segundo o apartado 5 deste artigo, será a entidade beneficiaria da subvención a responsable de comprobar que, no momento da selección e da contratación, concorren os requisitos esixidos no artigo 16, entre eles, o de que as persoas contratadas sexan persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego.

 

Este comité considera que non debería ser a entidade beneficiaria quen leve a cabo esa comprobación, senón o órgano xestor no momento da selección e da contratación, sen prexuízo dos controis que poidan efectuarse a posteriori na xestión da axuda.

 

Décima cuarta.- Artigo 20. Pagamento.

O apartado 3 deste precepto sinala que non se poderá realizar, en ningún caso, o pagamento da subvención mentres a entidade beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas– e da Seguridade Social, sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

 

Este Comité vén propoñendo que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “outra débeda”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia e considera, ao respecto, que procede recoller expresamente no texto da orde o sinalado na resposta remitida pola Consellería respecto ao ditame 19.23 (emitido sobre a Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de corta duración que se desenvolvan por parte das entidades beneficiarias, e se convoca para 2023-2024), na que se indica que tanto na fase de presentación de solicitudes como na de liquidación, de existir débedas pendentes procédese a efectuar requirimento de oficio á solicitante para que emenden a situación.

 

Décima quinta.- Artigo 22. Obrigas das entidades beneficiarias.

Este Comité considera que se debería engadir, entre as obrigas das entidades beneficiarias, o cumprimento da normativa laboral.

 

 

 

ANEXO I

 

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E SN. DE CC.OO. DE GALICIA

Consideración xeral:

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais observan que, no texto do proxecto normativo, non se especifica que as entidades beneficiarias non poidan recibir contraprestacións económicas das persoas usuarias ou beneficiarias dos servizos prestados coa actividade das persoas contratadas, polo que se considera que o proxecto de orde debería ser taxativo ao respecto e prohibir expresamente a recepción de calquera contraprestación económica.

Consideracións específicas:

 

Primeira. -Artigo 6. Subvención: contía.

Respecto das contías previstas neste artigo, as organizacións sindicais que integran este Comité consideran que o conxunto dos incentivos non deberían superar, en ningún caso, unha contía equivalente ao custo da Seguridade Social xerado pola persoa contratada.

 

Segunda. -.- Artigo 14. Criterios de avaliación.

En relación coa consideración específica décima primeira, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

 

A Administración explica a substitución do criterio que outorgaba ata 5 puntos ao emprego do galego pola súa avaliación, unicamente, no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

 

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i á que alude o devandito escrito da Comisión Europea, polo que consideramos que debe puntuarse directamente o criterio de utilización da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos.

 

Terceira. -Artigo 17.Criterios para a selección das persoas traballadoras.

Á vista das modalidades de selección que este artigo permite empregar individual ou simultaneamente, as organizacións sindicais que integran este Comité consideran, tal e como se vén formulando respecto doutras ordes, que a única modalidade debería ser a de selección a través do Servizo Público de Emprego.

 

 

 

 

ANEXO II

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

 

Primeira.- Artigo 5. Contratos subvencionables.

O apartado 3.a) deste precepto prevé: “No caso de substitución da persoa traballadora titular, só serán subvencionables os custos que ocasiona a persoa traballadora substituta. A entidade beneficiaria da subvención deberá facerse cargo dos sobrecustos que estas substitucións leven consigo”.

 

A CEG considera que se deberían considerar como gastos subvencionables os custos derivados da situación de baixa por incapacidade temporal. Tendo en conta que se trata dunha situación involuntaria e impredecible, tanto para a entidade como para a persoa contratada, a subvención debería cubrir os custos derivados do complemento da prestación ata o cento por cento do salario, por obriga establecida no convenio colectivo de aplicación.

 

A posibilidade de que este tipo de gastos sexan subvencionables non constitúe ningunha novidade a nivel normativo, e así por exemplo a “Orde TES/106/2024, de 8 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo Plus durante el período de programación 2021-2027” do Ministerio de Trabajo y Economía Social, publicada o 13 de febreiro deste ano contempla este tipo de gastos como subvencionables no seu art. 5.1.c) onde se dispón o seguinte:

 

“c) Para calcular el coste de personal, se considerará como gasto subvencionable el gasto pagado por el empleador derivado de las obligaciones laborales adquiridas para la ejecución de la operación.

Los costes de personal serán subvencionables en la medida en que el empleador haya incurrido en ellos efectivamente y se justifiquen mediante los correspondientes medios autorizados acreditativos del gasto y del pago.

En virtud de lo anterior, podrá considerarse subvencionable el gasto correspondiente a los días de ausencias que no dan lugar a situación de Incapacidad Temporal, tales como las ausencias derivadas de indisposición pasajera o asistencia a consulta médica, entre otras, al igual que los días de permiso que se establecen en el artículo 37.3 del texto refundido de la Ley del Estatuto de los Trabajadores siempre que correspondan a personal que preste efectivamente servicios para la operación seleccionada.

Así mismo, poderán ser subvencionables los costes de los días de Incapacidad Temporal siempre que estén pagados por el empleador conforme a lo dispuesto en la normativa laboral y administrativa aplicable”.

 

Segunda.- .- Artigo 14. Criterios de avaliación.

O apartado 1.b) outorga ata 30 puntos polo nivel de inserción laboral entendendo como tal aquela que supoña a contratación por conta allea, pola entidade solicitante da subvención, das persoas que participaron en proxectos aprobados nas tres últimas convocatorias.

 

A CEG considera que se debería entender como inserción, así mesmo, a contratación por conta propia.

 

Tamén propón que se entenda como inserción a contratación non só por parte da entidade solicitante da subvención, senón tamén por outras entidades con ou sen ánimo de lucro, co obxecto de contabilizar todas estas insercións que están relacionadas co traballo de orientación previa realizado pola entidade, especialmente cos colectivos que contempla esta orde.

 

Terceira.- Artigo 19. Substitución de persoas traballadoras.

En coherencia co cambio proposto no art. 5, a CEG entende precisa a modificación do art. 19, que se refire á substitución dos traballadores, tanto para o caso de extinción da relación laboral, de redución da xornada ou de Incapacidade temporal.

 

Máis en concreto entendemos que debería modificarse o seu apartado 5.

 

Ao facer subvencionables os gastos salariais derivados das Incapacidades Temporais, procedería en consecuencia prever a imputación do sobrecustos derivados da substitución impostos pola lei ou polos convenios colectivos ao remanente correspondente ao tempo efectivamente traballado e o período tomado como referencia para o cálculo da subvención.

 

Deste xeito, proponse a seguinte redacción do apartado 5 do art.19 do proxecto de Orde:

 

“Artigo 19. Substitución de persoas traballadoras .

(...)

5. De non producirse a substitución ou cando, aínda producíndose, a suma dos distintos períodos de contratación referidos a este posto de traballo sexa inferior ao período de tempo tomado como referencia para o cálculo da subvención, procederase á devolución do remanente da subvención polo importe correspondente.

 

En caso de que a entidade tivera que asumir custos derivados da substitución como consecuencia das obrigas impostas pola normativa laboral ou os convenios colectivos aplicables, poderá aplicar o seu importe ao remanente da subvención concedida, procedendo á devolución do restante se fora o caso”.

 

Número ditame
10