Proxecto de Orde do XX de XXXXX do 2026, pola que se desenvolven as condicións e os criterios de igualdade para a obtención da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade.
DITAME 13/2026
|
Proxecto de Orde do XX de XXXXX do 2026, pola que se desenvolven as condicións e os criterios de igualdade para a obtención da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade. |
I. ANTECEDENTES
O día 1 de xullo de 2026 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que achega o proxecto de Orde do XX de XXXXX do 2026, pola que se desenvolven as condicións e os criterios de igualdade para a obtención da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade.
Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos, “O 29 de outubro do 2025 publicouse no Diario Oficial de Galicia o Decreto 96/2025, do 6 de outubro, polo que se regula a Certificación Galega de Excelencia en Igualdade e o Rexistro de empresas e entidades do terceiro sector recoñecidas coa Certificación Galega de Excelencia en Igualdade.
O citado decreto ten por obxecto desenvolver a regulación da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade, así como crear e regular o rexistro de empresas e entidades do terceiro sector recoñecidas co citado distintivo, dando cumprimento ao disposto no artigo 111.3 da Lei 7/2023, de 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes en Galicia. Esta Lei adica o seu Titulo III á igualdade de mulleres e homes no emprego e nas relacións laborais, e o capítulo II do citado título, relativo á sostibilidade social empresarial e benestar laboral, regula a Certificación Galega de Excelencia en Igualdade, que se configura como un distintivo outorgado pola Administración autonómica para recoñecer aquelas empresas ou entidades do terceiro sector que destaquen na aplicación das políticas de igualdade para a equiparación laboral entre mulleres e homes.
O Decreto 96/2025, do 6 de outubro, regula, entre outros aspectos, os requisitos e condicións de igualdade que deben cumprir as empresas e entidades do terceiro sector para poder optar á obtención e renovación da certificación, así como os criterios de igualdade que se van valorar para o outorgamento do citado distintivo.
A disposición derradeira primeira do decreto establece que, mediante orde, se determinará o contido da memoria xustificativa e a documentación oportuna para acreditar o cumprimento das condicións de igualdade e os supostos de alteración ou incumprimento das ditas condicións que supoñan o empeoramento substancial dos criterios de igualdade para os efectos da aplicación dunha causa de revogación, así como a puntuación mínima para a obtención ou renovación do distintivo e o método de valoración e ponderación dos criterios de igualdade”.
No ano 2022 remitiuse para ditame un proxecto de decreto sobre este mesmo obxecto, que foi informado no ditame 21/2022.
Con posterioridade, no ano 2025 remitiuse para ditame un proxecto de decreto polo que se regula a Certificación Galega de Excelencia en Igualdade e o Rexistro de empresas e entidades do terceiro sector recoñecidas coa Certificación Galega de Excelencia en Igualdade, co gallo de adecuar o Decreto do ano 2022 á nova Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia. O Consello Galego de Relacións Laborais informou o referido proxecto no ditame 8/2025, con data de emisión do 7 de maio de 2025.
Tal e como se recolleu antes, o Decreto 96/2025, do 6 de outubro, regula, entre outros aspectos, os requisitos e condicións de igualdade que deben cumprir as empresas e entidades do terceiro sector para poder optar á obtención e renovación da certificación, así como os criterios de igualdade que se van valorar para o outorgamento do citado distintivo.
A disposición derradeira primeira do decreto establece que, mediante orde, se determinará o contido da memoria xustificativa e a documentación oportuna para acreditar o cumprimento das condicións de igualdade e os supostos de alteración ou incumprimento das ditas condicións que supoñan o empeoramento substancial dos criterios de igualdade para os efectos da aplicación dunha causa de revogación, así como a puntuación mínima para a obtención ou renovación do distintivo e o método de valoración e ponderación dos criterios de igualdade, cousa que ven a facerse a través do proxecto de orde que foi remitido para ser ditaminado agora.
Vistos o borrador agora remitido, o texto do Decreto 96/2025, do 6 de outubro (publicado no DOG núm. 209, do 29 de outubro de 2025; corrección de erros DOG núm. 211, do 31 de outubro de 2025) e o ditame emitido polo Consello con data 7 de maio de 2025 sobre o proxecto do Decreto (Ditame 8/2025), así como a resposta da Consellería , tívose en conta algunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial na Orde final publicada no DOG.
Revisión xurídica:
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se desenvolven as condicións e os criterios de igualdade para a obtención da certificación galega de excelencia en igualdade” consta de: Exposición de motivos, oito artigos e unha disposición derradeira.
Desde unha perspectiva de Dereito Administrativo, cómpre lembrar que a disposición derradeira primeira do Decreto 69/2025, do 6 de outubro, habilita expresamente á persoa titular da consellería competente para regular catro materias concretas:
- contido da memoria xustificativa;
- a documentación oportuna para acreditar o cumprimento das condicións exixidas no artigo 4.1.j)
- os supostos de alteración ou incumprimento de condicións do artigo 4.1.j) que supoñan o empeoramento substancial dos criterios de igualdade previstos no artigo 5 para os efectos da aplicación da causa de revogación contida no artigo 14.1.c) 3º.método de valoración
- e a puntuación mínima para a obtención ou renovación do distintivo e o método de valoración e ponderación dos criterios de igualdade.
Desde unha primeira análise pode afirmarse que os 8 artigos respectan, en termos xerais, a habilitación normativa conferida polo Decreto 96/2025, do 6 de outubro, e non se aprecia, con carácter xeral, un exceso regulamentario (ultra vires).
Esta habilitación delimita o ámbito material da potestade regulamentaria da Orde e constitúe o principal parámetro para valorar a súa legalidade.
As principais conclusións son:
- Artigo 1: Obxecto: desenvolvemento estritamente fiel á habilitación do Decreto, sen innovacións materiais.
- Artigo 2: Acreditación das condicións de igualdade: reforza a seguridade xurídica mediante a concreción da documentación acreditativa, aínda que incrementa significativamente as cargas documentais e incorpora algunhas exixencias formais (como o límite de extensión da memoria) que podería fundamentarse mellor desde o principio de proporcionalidade.
- Artigo 3: Supostos de alteración ou incumprimento de condicións de igualdade: achega certeza ao concretar os supostos de revogación, pero a cláusula residual final ("calquera outra") debería acoutarse para evitar marxes excesivas de discrecionalidade administrativa.
A análise dos artigos 4, 5 e 6 referentes, respectivamente, ao Método de valoración dos criterios de igualdade, Acreditación e ponderación dos criterios de igualdade e Puntuacións mínimas nos criterios de igualdade permite concluír que a Orde realiza un desenvolvemento regulamentario tecnicamente sólido da habilitación conferida polo Decreto 96/2025, do 6 de outubro. Destacan, en particular, tres fortalezas:
- Obxectivación da avaliación, ao transformar criterios cualitativos en parámetros medibles e puntuables.
- Estruturación sistemática dos criterios, mediante bloques homoxéneos que facilitan unha valoración coherente e reducen a discrecionalidade técnica.
- Configuración dun sistema de mínimos por bloques, que garante unha excelencia integral e evita que unha empresa compense carencias relevantes cunha puntuación elevada noutros ámbitos.
En conxunto, estes artigos respectan a habilitación normativa do Decreto e fortalecen a seguridade xurídica.
Os artigos 7 (Prazo, forma e lugar de presentación das solicitudes) e 8 (Réxime de recursos) constitúen o peche do desenvolvemento regulamentario efectuado pola Orde, reforzando a seguridade xurídica do procedemento.
Unha vez analizados todos os artigos da Orde, pode realizarse unha valoración global desde a perspectiva da calidade normativa a conclusión principal é clara. A Orde permanece, con carácter xeral, dentro do ámbito da habilitación conferida pola disposición derradeira primeira do Decreto 96/2025. Non se aprecia unha modificación do réxime xurídico da certificación. O que realiza é un desenvolvemento executivo.
Conclusións xerais:
Da comparación entre o Proxecto de Orde sometida agora a ditame e o Decreto 96/2025, do 6 de outubro, despréndense as seguintes conclusións:
Primeira.-
A Orde constitúe un regulamento executivo, non un regulamento independente.
En consecuencia, a súa validez depende da adecuación á habilitación contida na disposición derradeira primeira do Decreto.
Segunda.-
Con carácter xeral, non se aprecia un exceso regulamentario (ultra vires), pois os seus preceptos desenvolven as materias expresamente remitidas polo Decreto: memoria xustificativa, documentación acreditativa, alteración das condicións, método de valoración e puntuación mínima.
Terceira.-
A principal achega da Orde é a obxectivación do procedemento de avaliación, reducindo a discrecionalidade mediante a definición de criterios, indicadores e sistemas de puntuación.
Cuarta.-
A Orde reforza de maneira apreciable a seguridade xurídica, ao permitir que as entidades solicitantes coñezan de antemán tanto as obrigas documentais como os parámetros que serán empregados pola Administración para valorar as solicitudes.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se desenvolven as condicións e os criterios de igualdade para a obtención da certificación galega de excelencia en igualdade” consta de: Exposición de motivos, oito artigos e unha disposición derradeira.
O día 14 de xullo de 2026 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Contén, así mesmo, as consideracións non unánimes seguintes: unha xeral manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia SN de CCOO de Galicia (ANEXO I), dúas consideración xerais e sete consideracións específicas manifestadas pola organización sindical CIG (ANEXO II) e unha consideración xeral manifestada pola CEG (ANEXO III).
|
DITAME 13/2026
|
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de de Orde do XX de XXXXX do 2026, pola que se desenvolven as condicións e os criterios de igualdade para a obtención da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 1 de xullo de 2026, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 14 de xullo de 2026, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
Consideración xeral única:
Este Comité propón unha revisión lingüística e ortográfica de todo o texto, xa que se detectaron varios erros. Por poñer un exemplo, na páxina 8, penúltimo parágrafo:
- Onde pon: “distintas de las previstas...”, debería poñer: “distintas das previstas”, ao estar utilizando a lingua galega.
- E nese mesmo parágrafo onde pon “no apartado 2.7 e 1.3” debería poñer “1.3 e 2.7”, para manter a orde cronolóxica dos artigos e das citas.
ANEXO I
CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT – GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA
Consideración xeral:
As organizacións sindicais UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia consideran positivamente o proxecto de orde pola que se desenvolven as condicións e os criterios de igualdade para a obtención da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade
CONSIDERACIÓNS XERAIS E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA ORGANIZACIÓN SINDICAL CIG
Consideracións xerais:
Primeira.- A CIG manifesta a súa oposición, como xa ten formulado respecto da Marca Galega de Excelencia en Igualdade, á creación dun distintintivo que, tal e como está formulado neste decreto, vén premiar ás empresas polo feito de cumprir os mandatos legais no eido da igualdade o que conlevaría un emprego demagóxico do cumprimento da igualdade entre sexos.
A Certificación Galega de Excelencia en Igualdade podía acabar premiando ás empresas simplemente por cumprir obrigas xa impostas pola normativa de igualdade, desvirtuando así o concepto de "excelencia".
Ademais a configuración dos criterios de valoración debería garantir que a Certificación Galega de Excelencia en Igualdade recoñeza actuacións que excedan claramente das obrigas legais e convencionais en materia de igualdade, evitando que o distintivo se identifique co simple cumprimento dos deberes normativos aplicables ás empresas e entidades solicitantes.
En relación á fenda salarial. A memoria xustificativa da norma debería incorporar indicadores actualizados da realidade laboral galega, particularmente en relación coa segregación ocupacional, a fenda salarial e as desigualdades de xénero no emprego, co fin de fundamentar adecuadamente os criterios de valoración establecidos.
Segunda.- A CIG considera que a obtención da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade debería vincularse a un elevado grao de execución efectiva das medidas previstas no plan de igualdade. Tratándose dun distintivo de excelencia, debería acreditarse o cumprimento íntegro das medidas programadas para o período transcorrido de execución do plan, de acordo co calendario aprobado, e non unicamente a existencia formal das medidas ou a súa implantación parcial.
Deste xeito, o proxecto de orde podería incorporar maiores mecanismos de valoración da execución efectiva das medidas do plan de igualdade e dos resultados obtidos, reforzando o peso dos informes de seguimento e avaliación para garantir que a certificación recoñeza empresas e entidades cun cumprimento real e contrastable dos compromisos asumidos en materia de igualdade.
Consideracións específicas:
Primeira.- Artigo 2. Acreditación das condicións de igualdade.
Respecto ao artigo 2.2.d) da orde, relativo á documentación acreditativa e ao informe de seguimento e avaliación do plan de igualdade, a CIG considera que a utilización do informe de seguimento e avaliación como principal medio de acreditación de numerosos criterios de igualdade fai recomendable que a orde regule expresamente a súa elaboración e contido mínimo. En particular, debería preverse que o devandito informe sexa elaborado ou validado pola Comisión de Seguimento e Avaliación do plan de igualdade e que incorpore, cando menos:
- As medidas programadas para o período obxecto de avaliación.
- As medidas executadas en prazo.
- As medidas non executadas ou executadas fóra de prazo.
- As incidencias detectadas durante a implantación.
- grao de cumprimento das actuacións previstas.
- A avaliación dos resultados obtidos mediante indicadores desagregados por sexo.
Segunda.- Artigo 2. Acreditación das condicións de igualdade.
Respecto do artigo 2.2. Documentación acreditativa das condicións de igualdade, a CIG considera necesario incorporar mecanismos adicionais de contraste da información achegada polas entidades solicitantes. En particular, debería preverse a achega dun informe da representación legal das persoas traballadoras sobre o grao de cumprimento das medidas previstas no plan de igualdade e habilitar a posibilidade de solicitar informes ou actuacións de comprobación por parte da Inspección de Traballo e Seguridade Social cando existan dúbidas sobre a efectiva implantación das medidas alegadas.
Terceira.- Artigo 2. Acreditación das condicións de igualdade.
Artigo 4. Método de valoracións dos criterios de igualdade.
Artigo 5. Acreditación e ponderación dos criterios de igualdade.
Respectos dos artigos 2, 4 e 5. Informe de seguimento e avaliación do plan de igualdade, a CIG considera necesario clarificar os criterios de acreditación e valoración vinculados ao informe de seguimento e avaliación do plan de igualdade, ao constituír un elemento esencial para a comprobación do cumprimento das condicións e dos criterios de igualdade.
En particular, debería definirse un contido mínimo común do informe, especificando o grao de execución das medidas previstas, os resultados acadados, as incidencias detectadas e os indicadores empregados para a súa avaliación, co fin de garantir a obxectividade, comparabilidade e seguridade xurídica do procedemento de valoración.
Cuarta.- Artigo 2. Acreditación das condicións de igualdade.
Artigo 5. Acreditación e ponderación dos criterios de igualdade.
En relación cos artigos 2 e 5. Acreditación e valoración dos criterios de igualdade, a CIG considera que, as actuacións e medidas alegadas para a obtención da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade deben acreditar unha implantación efectiva e estable no tempo, evitando que poidan ser obxecto de valoración actuacións adoptadas de forma inmediata ou próxima á presentación da solicitude coa única finalidade de obter o distintivo.
En consecuencia, debería valorarse a incorporación de requisitos temporais mínimos de implantación para determinadas medidas ou actuacións susceptibles de puntuación, garantindo que a certificación recoñeza políticas de igualdade consolidadas e non actuacións meramente ocasionais.
Quinta.- Artigo 5. Acreditación e ponderación dos criterios de igualdade.
En relación co artigo 5.1.4. Certificacións de Responsabilidade Social Empresarial, a CIG considera que, a disposición de certificacións externas en materia de responsabilidade social constitúe un indicador relevante do compromiso empresarial coa igualdade e coa mellora continua das condicións laborais.
En consecuencia, debería valorarse o establecemento dun nivel mínimo de acreditación neste ámbito para as entidades que aspiren á Certificación Galega de Excelencia en Igualdade, esixindo, cando menos, a posesión de dúas certificacións de responsabilidade social empresarial ou doutras acreditacións equivalentes que permitan acreditar un compromiso consolidado e verificable coa responsabilidade social e a igualdade.
Sexta.- Artigo 2. Acreditación das condicións de igualdade.
Artigo 7. Prazo, forma e lugar de presentación das solicitudes.
Respecto aos artigos 2 e 7. Acreditación das condicións de igualdade e solicitudes de renovación da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade, a CIG considera que, nos procedementos de renovación da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade, debería reforzarse a documentación acreditativa exixible ás entidades solicitantes.
En particular, ademais do informe de seguimento e avaliación do plan de igualdade vixente, debería requirirse a presentación dos informes de avaliación final dos plans de igualdade que serviron de base para a obtención e, se é o caso, para as sucesivas renovacións da certificación.
Os citados informes deberían recoller, cando menos, o grao de execución das medidas previstas, os resultados acadados, as incidencias detectadas durante a súa implantación e a evolución da situación da igualdade na empresa ou entidade do terceiro sector, co fin de garantir que a renovación da certificación se fundamenta nunha mellora efectiva e continuada das políticas de igualdade.
Deberían avaliarse resultados e non só compromisos ou actuacións recentes. Un distintivo de excelencia debería acreditar unha traxectoria verificable de avance en igualdade e non unicamente o cumprimento puntual dos requisitos vixentes no momento da solicitude.
Sétima.- Artigo 4. Método de valoracións dos criterios de igualdade.
Artigo 5. Acreditación e ponderación dos criterios de igualdade.
Artigo 6. Puntuacións mínimas nos criterios de igualdade.
En relación cos artigos 4, 5 e 6. Valoración e puntuación dos criterios de igualdade, a CIG considera que, a configuración da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade debe garantir un carácter integral das políticas de igualdade desenvolvidas polas entidades solicitantes. En consecuencia, debería valorarse a introdución de requisitos mínimos de cumprimento nos distintos bloques e criterios considerados esenciais, de forma que a obtención da certificación non dependa exclusivamente da acumulación dunha determinada puntuación global, senón tamén da efectiva implantación das actuacións máis relevantes en materia de igualdade.
(unha certificación denominada de "excelencia" non debería fundamentarse exclusivamente nun sistema de puntuación acumulativa, senón que determinados criterios esenciais deberían cumprir obrigatoriamente uns estándares mínimos).
ANEXO II
CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Consideración xeral:
A CEG quere deixar constancia da valoración positiva do proxecto de Orde obxecto do presente Ditame, que supón o desenvolvemento da habilitación normativa conferida polo Decreto 96/2025 polo que se regula a Certificación Galega de Excelencia en Igualdade e o Rexistro de empresas e entidades do terceiro sector recoñecidas coa Certificación galega de excelencia en igualdade, e en aplicación das estipulacións da Lei 7/2023 para a igualdade efectiva de mulleres e homes en Galicia.
Con esta Orde, que foi obxecto de análise e consenso no ámbito do diálogo social autonómico, péchase o marco normativo necesario para contar na nosa Comunidade Autónoma cun distintivo de seu que permita valorar e estimular de xeito positivo a implantación de medidas de igualdade polas empresas e entidades do terceiro sector.