Pasar al contenido principal

Ditame 15/2026

Enviado el Mié, 21/10/2026 - 09:23
Ditame sobre o Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas do Sistema de Formación Profesional dos graos A, B ou C, competencia deste departamento, ou de formación no traballo do Catálogo de Especialidades Formativas do Servizo Público de Emprego Estatal correspondentes aos exercicios 2026 e 2027

 

I. ANTECEDENTES

 

O día 16 de setembro de 2026 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas do Sistema de Formación Profesional dos graos A, B ou C, competencia deste departamento, ou de formación no traballo do Catálogo de Especialidades Formativas do Servizo Público de Emprego Estatal correspondentes aos exercicios 2026 e 2027 (código de procedemento TR301V).

 

Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

A exposición de motivos recorda que “A Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de Formación Profesional para o emprego no ámbito laboral, contempla a planificación e o financiamento do sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, a programación e execución das accións formativas, o control, o seguimento e o réxime sancionador, así como o sistema de información, a avaliación, a calidade e a gobernanza do sistema”.

 

Segundo o seu artigo 1, o obxecto desta orde é regular o réxime da concesión directa de subvencións por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en concepto de bolsas e axudas para as persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas do Sistema de Formación Profesional dos graos A, B ou C, ou de especialidades formativas do Catálogo de Especialidades Formativas do Servicio Público de Emprego Estatal, financiadas pola dita consellería (código do procedemento TR301V). Non se inclúe no ámbito de aplicación desta orde a formación impartida nos programas integrados de emprego, nos obradoiros de emprego ou con fondos provenientes da Unión Europea.

Por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións, referidas ás accións formativas que se inicien no período comprendido entre o 1 de novembro de 2026, día da entrada en vigor desta orde, e o 31 de outubro de 2027 (ambos inclusive).

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio anterior, publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG), número 210, do día 30 de outubro de 2026 e o ditame emitido polo Consello con data 11 de setembro de 2025 (Ditame 16/2025), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial e que a Consellería deu resposta expresa ao Comité de Ditames.

 

O novo proxecto normativo presenta as seguintes modificacións respecto da orde anterior:

 

No artigo 1 o texto de 2025 excluía expresamente da formación subvencionable os programas integrados de emprego, os obradoiros de emprego, e engadía unha exclusión explícita para as accións financiadas "con fondos procedentes do Mecanismo para a recuperación e resiliencia ou con fondos provenientes da Unión Europea".

O proxecto de 2026 simplifica este apartado mantendo a exclusión dos programas integrados, obradoiros e fondos da UE, pero elimina a mención literal expresa ao Mecanismo para a Recuperación e Resiliencia.

 

Increméntase un pouco o crédito total destinado a estas axudas, segundo prevé o artigo 2, que pasa de 10.060.000 euros a 10.200.000 euros.

 

Distribución anual e aplicacións:

  • En 2025 a distribución era de 560.000,00 € para a primeira anualidade e 9.500.000,00 € para a segunda. 
  • En 2026 a distribución plurianual asigna 560.000,00 € á primeira anualidade e 9.640.000,00 € á segunda, variando analiticamente os subgastos internos das aplicacións orzamentarias e códigos de proxecto (como o desglose do proxecto 2013 00545 e 2021 00149).

 

No artigo 4, apartado 5:

Na Orde de 2025 o artigo 4.5 recoñecía expresamente, para alumnado en teleformación/aula virtual, o dereito a:

  • bolsa por discapacidade;
  • bolsa por familia monoparental;
  • bolsa por familia numerosa;
  • axuda por conciliación;
  • bolsa por vítima de violencia de xénero;

sempre que se acreditase a participación/asistencia e se cumprisen os requisitos.

 

Ademais, podían percibirse:

  • transporte;
  • manutención;
  • aloxamento e manutención,

cando existise presenza física.

 

No proxecto 2026 o  artigo 4.5 establece que o alumnado en teleformación ou aula virtual unicamente terá dereito, de ser o caso, a:

  • transporte;
  • manutención;
  • aloxamento e manutención,

e só nas sesións que requiran presenza física.

 

Suprímense, polo tanto, para a teleformación:

  • bolsa por discapacidade
  • bolsa por familia numerosa
  • bolsa por familia monoparental
  • axuda por conciliación
  • bolsa para vítimas de violencia de xénero

 

E mantéñense unicamente:

  • transporte
  • manutención
  • aloxamento e manutención

cando exista presenza física.

 

Polo tanto, estamos ante unha restrición material do ámbito de determinadas axudas, non ante unha mera adaptación terminolóxica.

O proxecto pasa dun modelo no que determinadas bolsas vinculadas á situación persoal do alumnado podían percibirse tamén en teleformación, a outro no que a modalidade de teleformación deixa de xerar dereito a esas bolsas de asistencia e conciliación.

 

No artigo 4, apartado 6, suprímense as fórmulas de cálculo matemático. Así, a Orde de 2025 recollía no seu artigo 4.6 unha fórmula matemática complexa para o cálculo do tempo de asistencia na modalidade de teleformación baseada en controis realizados sobre o total previsto, así como regras específicas de modulación e unidades formativas.

O proxecto de 2026 elimina por completo dita fórmula de cálculo detallada, simplificando a regulación do réxime aplicable a estas modalidades.

 

No artigo 4 existe un erro de numeración no proxecto.

Aquí detéctase unha cuestión desde unha perspectiva de técnica normativa.

Na Orde 2025 existían apartados 1 a 9, consecutivamente.

No proxecto 2026: aparece o apartado 6; a continuación aparece o apartado 8; despois o apartado 9. É dicir: non existe apartado 7.

 

Isto parece derivar da supresión do antigo apartado 6, relativo á fórmula da teleformación, e da renumeración do antigo apartado 7 como novo apartado 6, pero non se renumeraron os apartados posteriores.

Polo tanto, debería revisarse a numeración:

actual 8 → debería ser 7;

actual 9 → debería ser 8,

salvo que exista unha razón deliberada para conservar esa numeración.

Esta cuestión é especialmente relevante porque o artigo 4 contén remisións internas e forma parte das bases reguladoras.

 

Modifícase o artigo 5, apartado 3: bolsas por discapacidade/familia numerosa/monoparental. A contía permanece en 9 € por día de asistencia. E non cambia o límite do 75 % do IPREM. Pero existe unha modificación relevante no apartado 3.

No 2025 a solicitude debía realizarse: «no prazo dun mes desde que o dito recoñecemento tivo lugar».

No Proxecto 2026 establécese: «no prazo dun mes dende a data de notificación da resolución do dito recoñecemento».

Polo tanto, modifícase o dies a quo do prazo de solicitude, que no 2025 tiña lugar desde que ten lugar o recoñecemento e no 2026 desde a notificación da resolución do recoñecemento.

Esta modificación pode ser favorable en termos de seguridade xurídica para a persoa interesada, porque vincula o inicio do prazo a un momento documentalmente identificable: a notificación da resolución.

 

No artigo 7 modifícase o momento temporal de referencia: O texto de 2025 estipulaba expresamente que o enderezo habitual para o cálculo das axudas de transporte en vehículo propio era o rexistrado no Servizo Público de Emprego de Galicia "no momento de validación da acta de selección do alumnado polas oficinas de emprego".

O proxecto de 2026 modifica este criterio técnico, fixándoo xenericamente na data de inicio da acción formativa. 

Polo tanto, modifícase o momento temporal relevante para fixar o domicilio de intermediación laboral:

  • 2025: validación da acta de selección.
  • 2026: data de inicio da acción formativa.

 

O artigo 9. Axudas á conciliación, aínda que o réxime permanece substancialmente igual, o cambio fundamental é indirecto, derivado do novo artigo 4.5: a axuda por conciliación deixa de figurar entre as axudas que se poden percibir durante a teleformación. O texto de 2025 recoñecía expresamente esa posibilidade.

 

Asistencia administrativa directa: A Orde de 2025 contemplaba expresamente no artigo 15.3 que a persoa peticionaria podía dirixir-se directamente á oficina de emprego correspondente para que unha persoa empregada pública presentase no seu nome a solicitude mediante autorización expresa, engadindo tamén unha previsión específica para vítimas de violencia de xénero a través de persoa titora. O proxecto de 2026 suprime estas dúas mencións específicas sobre a mediación directa de empregados públicos nas oficinas e a tutela de violencia de xénero neste artigo concreto, racionalizando a remisión aos mecanismos xerais de representación.

 

No artigo 25 referente ao pagamento de bolsas e axudas, apartado 1 o proxecto de 2026 establece que «O pagamento ... tramitarase logo da comunicación da resolución de concesión á persoa beneficiaria.» e «No primeiro pagamento incluirase o importe total das axudas devengadas para o período correspondente até o último mes do que estean completas as asistencias.»

Suprímense, polo tanto:

  • a expresión: «e terá carácter mensual cando a acción formativa se desenvolva na modalidade presencial...» e
  • As regras específicas relativas á teleformación:
    • pagamento por módulo;
    • pagamento ao finalizar a acción non modular.

 

No apartado 2, a Orde de 2025 diferenciaba:

  • comprobación mensual de asistencias en presencial;
  • controis de seguimento da aprendizaxe en teleformación.

Pero o proxecto de 2026 establece simplemente: «todos os pagamentos terán lugar logo da comprobación das asistencias mensuais de cada unha das persoas beneficiarias».

 

Polo tanto, o proxecto simplifica e modifica substancialmente o réxime temporal do pagamento. En particular, desaparece a regulación específica que vinculaba o pagamento da teleformación:

  • aos módulos formativos;
  • á finalización da acción;
  • aos controis periódicos de seguimento.

É unha modificación coherente coa desaparición do sistema específico de cálculo da asistencia por teleformación no artigo 4.

 

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

II. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas do Sistema de Formación Profesional dos graos A, B ou C, competencia deste departamento, ou de formación no traballo do Catálogo de Especialidades Formativas do Servizo Público de Emprego Estatal correspondentes aos exercicios 2026 e 2027 (código de procedemento TR301V)”  consta de: Exposición de motivos, vinte e sete artigos, dúas disposicións adicionais, unha transitoria e dúas finais.

 

 

O día 25 de setembro de 2026 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e trece consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

 

 

DITAME 15/2026

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas do Sistema de Formación Profesional dos graos A, B ou C, competencia deste departamento, ou de formación no traballo do Catálogo de Especialidades Formativas do Servizo Público de Emprego Estatal correspondentes aos exercicios 2026 e 2027 (código de procedemento TR301V), da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, con data de rexistro de entrada neste Consello o 15 de setembro de 2026 e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 25 de setembro de 2026, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Primeira.

Tendo en conta a natureza das axudas e a situación das persoas beneficiarias, este Comité considera que a pesar da contestación da Consellería indicando que ese departamento avanzou durante o último ano na automatización das tarefas administrativas propias do proceso de tramitación das solicitudes, segue sendo necesaria a axilización do procedemento para que se realice coa maior celeridade posible.

 

Segunda.

Obsérvase un erro na numeración do artigo 4, debendo engadirse o punto número 7.

En canto ás disposicións adicionais, obsérvase que non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha dela, seguindo a estrutura empregada, neste senso, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2025-2026. Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

 

Primeira.- Artigo 2. Financiamento.

Increméntase o crédito total destinado a estas axudas, segundo prevé o artigo 2, que pasa de 10.060.000 euros a 10.200.000 euros.

 

Este Comité considera a dita suba insuficiente e solicita que se incremente o crédito asignado a esta convocatoria.

 

Segunda.- Artigo 3. Persoas beneficiarias.

O artigo 3, apartado 2, indica que tamén poderán obter a condición de beneficiarias as persoas traballadoras que, tendo a condición laboral de ocupadas, adquiran posteriormente a condición de persoas traballadoras desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia con situación laboral como non ocupada durante o período de desenvolvemento da acción formativa.

Neste caso, só terán dereito a percibir as axudas que lles poidan corresponder desde o primeiro día do mes seguinte a aquel en que adquiran a condición de persoa desempregada.

 

Este Comité estima que estas persoas deberían ter dereito ás axudas que lles poidan corresponder desde o día que en xeren o dereito a dita axuda, é dicir, desde o día en que adquiran a condición de persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego.

 

Terceira.- Artigo 4. Bolsas e axudas. Tipoloxía e réxime de concesión.

No apartado 5 deste artigo, prevé axudas por transporte, manutención e aloxamento e manutención, suprimindo a bolsa de asistencia por discapacidade, por ser membro dunha familia monoparental ou numerosa, por conciliación e bolsa a vítimas de violencia de xénero.

As ditas supresións poden xerar un trato  menos favorable para colectivos con dificultades especiais de acceso á formación, aquelas persoas para as que a teleformación podería supor unha ferramenta de inclusión. A normativa estatal non xustifica a eliminación deste tipo de axudas

 

Cuarta.- Artigo 4. Bolsas e axudas. Tipoloxía e réxime de concesión.

No apartado 6, suprímese a fórmula matemática para o cálculo do tempo de asistencia na modalidade de teleformación baseada en controis realizados sobre o total previsto, así como regras específicas de modulación e unidades formativas.

Este comité solicita que a Administración explique expresamente como se verificará a participación efectiva na formación virtual ao eliminar o método anterior.

 

Quinta.- Artigo 7. Axudas de transporte.

Os apartados a) e b) do apartado 1 deste artigo fixan en 1,5€ por día de asistencia a axuda de transporte público tanto urbano como interurbano.

Este Comité, tendo en conta o sistema de transporte público galego e a dispersión poboacional no territorio, considera necesario que a contía destinada a sufragar o transporte interurbano sexa superior á prevista para o transporte urbano.

Ao respecto, este Comité quere sinalar que, independentemente dos esforzos realizados pola Consellería trasladando ao Ministerio competente a necesidade de incrementar dita contía, se debe seguer solicitando a suba a nivel estatal.

Ademais, este Comité quere engadir que existen fórmulas para complementar a devandita contía, aparte do establecido na normativa estatal.

 

Sexta.- Artigo 7. Axudas de transporte.

Este Comité considera que debe actualizarse a contía da axuda ao transporte en vehículo propio recollida no apartado 2 e, en consecuencia, procedería incrementar tamén a contía máxima diaria fixada neste apartado.

Ao respecto, este Comité quere sinalar que, independentemente dos esforzos realizados pola Consellería trasladando ao Ministerio competente a necesidade de incrementar dita contía, se debe seguer solicitando a suba a nivel estatal. Ademais, este Comité engade que existen fórmulas para complementar a devandita contía, aparte do establecido na normativa estatal.

 

Sétima.- Artigo 9. Axudas á conciliación.

O artigo 9, apartado 1 establece que as persoas traballadoras desempregadas que asistan ás accións de formación de referencia e que teñan que conciliar a súa participación co coidado de fillos/as menores e/ou persoas acollidas menores de doce anos ou de familiares dependentes ata o segundo grao, terán dereito a unha contía igual ao 75% do IPREM diario por día de asistencia, acumulable, de ser o caso, ao resto de bolsas e axudas que poidan corresponderlle.

 

Este Comité considera que o dereito debe ser a unha contía igual ao 100% do IPREM diario por día de asistencia, acumulable, de ser o caso, ao resto de bolsas e axudas que poidan corresponderlle.

 

Á vista da resposta remitida pola Consellería respecto desta mesma consideración no ditame do exercicio anterior, este Comité propón dar traslado ao Ministerio competente da necesidade de incrementar a dita contía en aras a modificar a normativa estatal que a determina.

 

Oitava.- Artigo 10. Cálculo das rendas.

No último parágrafo do apartado 2 establécese que a variación de rendas non se considerará circunstancia sobrevida para os efectos de xerar dereito á percepción destas axudas.

 

Este Comité considera que se debería articular un mecanismo, que inclúa unha reserva de crédito, para dar así cobertura a situacións de emerxencia social sobrevidas que poidan xurdir.

 

Novena.- Artigo 16. Declaración responsable que forma parte da solicitude.

Se se ten en conta a natureza e finalidade destas axudas, este Comité considera que non é axeitada a remisión recollida no apartado 1.f) deste proxecto normativo, tal e como establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia que, no seu artigo 10.2, obriga a cumprir os requisitos establecidos “salvo que, pola propia natureza da subvención, se exceptúe pola súa normativa reguladora”.

 

Décima.- Artigo 19. Prazo de presentación das solicitudes.

Este precepto fixa o prazo de presentación de solicitudes nun mes, prevendo que a presentación fóra de prazo conleve a súa inadmisión.

Este Comité considera que debería ampliarse o prazo establecido.

 

Undécima.- Artigo 22. Órganos competentes para a ordenación e instrución do procedemento de concesión. Prazo de resolución e de notificación.

No apartado 3 deste artigo disponse que o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder de seis meses.

Este Comité considera excesivo fixar un prazo de seis meses, xa que non debería de ser superior a un mes para que esta convocatoria sexa de utilidade, dada a incapacidade de financiamento das persoas que están sen recursos. Este Comité propón un prazo máis asumible que en vez de un mes sexa de tres meses.

 

Décimo segunda.- Artigo 23. Documentación probatoria.

O artigo 23 recolle “renda familiar” pero este Comité propón que se teña en conta a renda prorrateada individualmente.

 

Décimo terceira.- Artigo 25. Pagamento das bolsas e axudas.

Este Comité considera que o primeiro pagamento debería ter lugar no mes seguinte ao da comunicación da resolución da concesión, en atención á especial natureza destas axudas.

 

 

 

 

Número ditame
15