I. ANTECEDENTES
O día 2 de outubro de 2026 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2027.
Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos “as empresas de economía social teñen demostrado a súa capacidade de resistencia ás crises, de creación de emprego estable e de calidade, de vinculación co territorio e de mellora do benestar social, polo que resulta procedente facilitar a súa consolidación como un dos factores que pode permitir a existencia de estruturas permanentes de emprego de calidade.
A consolidación das entidades de economía social é crucial nestes tempos de crise con altos índices de inflación e de tipos de interese que dificultan a capacidade de financiación das empresas e, por tanto, da súa actividade económica. Faise necesario fortalecer a economía social, mediante axudas que apoien a súa consolidación, con fórmulas amparadas polas excepcións do artigos 107, apartado 3, letras b) e c) do Tratado de Funcionamento da Unión Europea (TFUE), fórmulas que por unha banda tratan de facilitar o desenvolvemento e a consolidación da economía social nun contexto económico de alza de prezos xeneralizado, ao tempo que se garante o mantemento dun emprego de calidade”.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para o exercicio 2026, publicada no DOG o día 29 de xaneiro de 2026, e o ditame emitido polo Consello con data 22 de outubro de 2025 (ditame 21/25), obsérvase que se tivo en conta, parcialmente, a consideración formal manifestada polas organizacións sindicais e empresarial.
Con respecto á orde anterior, a única modificación a resaltar é a relativa ao importe do reintegro regulado no artigo 25, apartado 4.a), que engade, como criterio de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvenciones, a súa obtención “presentando ofertas de empresas vinculadas á solicitante ou de persoas relacionadas coa mesma ata o 4º grao de consanguinidade ou afinidade”.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2027 consta de: Exposición de motivos, trinta e tres artigos, tres disposicións adicionais e dúas finais.
Contén así mesmo, como Anexo I, dúas consideracións específicas non unánimes manifestadas polas organizacións sindicais CIG, UGT- Galicia e SN de CCOO de Galicia (Anexo).
|
DITAME 16/2026
|
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2027 (código de procedemento TR802L), da Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, con data de rexistro de entrada neste Consello o 2 de outubro de 2026, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 16 de outubro de 2026, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira.
Este Comité considera que, á vista dos últimos proxectos normativos remitidos para ditame, procede engadir neste proxecto un artigo sobre a canle de denuncias a disposición das persoas que teñan coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade.
Segunda.
Ao longo do texto empréganse indistintamente os termos persoa e entidade interesada ou solicitante, cando o artigo 1 do proxecto normativo indica a finalidade deste programa é apoiar a consolidación das entidades de economía social, polo que todas as referencias deberían facerse a estas.
Terceira.
Obsérvase o emprego, na numeración dos artigos 8 e 14, das letra j e k, impropias do alfabeto galego. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2027.
Cuarta.
Este Comité manifesta a necesidade de que se acheguen os datos estatísticos de execución da orde do exercicio anterior, aínda que sexan datos provisionais, xa que a súa ausencia imposibilita valorar aspectos como a distribución de créditos entre os dous programas que conforman esta norma.
Aínda que se agradece a remisión dos ditos datos xunto coa resposta ao ditame emitido por este Comité, a súa utilidade radica en seren recibidos xunto co proxecto a informar.
En consecuencia, solicita que se faciliten as follas de datos estatísticos dos exercicio 2025 / 2026 que deben acompañar ao proxecto de orde cos seguintes datos:
- Número de solicitudes presentadas
- Número de persoas , desagregadas por sexos, afectadas por esas solicitudes.
- Número de solicitudes resoltas favorablemente
- Número de persoas, desagregadas por sexos, afectadas polas solicitudes resoltas favorablemente.
Ademais, dada a transcendencia outorgada ás renuncias nesta convocatoria, este Comité considera que se debería engadir o dato do número de renuncias á folla estatística xunto ao número de accións para coñecer a efectividade real da execución desta orde.
Quinta.
Obsérvase que o orzamento previsto para estas axudas mantense conxelado desde hai anos. Este Comité considera que procede incrementar a contía asignada a estas axudas.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira.- Artigo 8. Definicións.
O apartado h define o que se entende, aos efectos desta orde, por “obtención de certificados de calidade”.
Este Comité considera que se debería eliminar o inciso final deste apartado, no que se sinala que non serán subvencionables nin os plans de igualdade nin os plans de responsabilidade social empresarial, xa que os ditos plans non son certificados de calidade polo que esta referencia non resulta procedente.
Segunda.- Artigo 21. Pagamentos anticipados.
Este artigo prevé o pagamento do 90 % do importe da subvención concedida para cada anualidade que se realizará de oficio tras a aceptación da subvención.
Este comité reitera a nosa valoración positiva do anticipo para as entidades de economía social e considera, por tanto, que esta regulación dos anticipos debera ser a norma habitual para todas as ordes de axudas que tramite a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Terceira.- Artigo 24. Obrigas da entidades beneficiarias.
Segundo o apartado e), a entidade beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e fronte a Seguridade Social, teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución declarativa de procedencia de reintegro.
Este Comité vén propoñendo que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “outra débeda”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia e considera, ao respecto, que procede recoller expresamente no texto da orde o sinalado na resposta remitida pola Consellería respecto ao ditame 19.23 (emitido sobre a Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de corta duración que se desenvolvan por parte das entidades beneficiarias, e se convoca para 2023-2024), na que se indica que tanto na fase de presentación de solicitudes como na de liquidación, de existir débedas pendentes procédese a efectuar requirimento de oficio á solicitante para que emenden a situación.
Cuarta.- Artigo 24. Obrigas da entidades beneficiarias.
O apartado f) establece a obriga de dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados, así como conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
Este Comité considera que se debería fixar na Orde un prazo durante o cal se debe conservar a dita documentación, para maior coñecemento e seguridade xurídica das persoas beneficiarias.
ANEXO I
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA
Primeira.- Artigo 5. Entidades beneficiarias e condicións para a obtención do incentivo.
O apartado 1 deste precepto relaciona os requisitos que deben cumprir as entidades para poderen ser beneficiarias destas axudas, entre eles, o de estar ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social, tal e como recolle a letra f) do dito apartado.
As organizacións sindicais que fan parte deste Comité consideran que se deberían engadir as obrigas laborais dentro do disposto nese ítem.
E que este requisito debería ser incluído no artigo 24 respecto das obrigas das entidades beneficiarias.
Segunda.- Artigo 24. Obrigas da entidades beneficiarias.
O apartado h) establece, como obriga da entidade, polo menos durante un período de tres anos desde a data da resolución de concesión, unha forma xurídica de entre as elixibles para resultaren beneficiarias da subvención concedida, así como a actividade empresarial.
As organizacións sindicais consideran que se debería fixar, así mesmo, a obriga de manter o emprego na entidade durante o mesmo prazo.