Pasar al contenido principal

Ditame 20/2026

Enviado el Jue, 22/10/2026 - 14:25
Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio 2027.

 

I. ANTECEDENTES

 

O día 6 de outubro de 2026 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio 2027.

 

Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

Segundo a exposición de motivos esta orde financia “plans de formación de ámbito autonómico compostos por actividades formativas dirixidas á capacitación para o diálogo social e a negociación colectiva, promovidos polas organizacións sindicais ou asociacións empresariais representativas no devandito ámbito autonómico”.

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2026 (publicado no DOG do 15 de xaneiro de 2026) e o ditame emitido polo Consello con data 5 de novembro de 2025 (Ditame 28/2025), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

Con respecto ao texto da orde anterior, non se detectan modificacións destacables.

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

II. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio 2027” consta de: Exposición de motivos, vinte e nove artigos, unha disposición adicional única e tres disposicións finais.

 

O día 19 de outubro de 2026 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e seis específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

 

Contén así mesmo, como anexo, dúas consideracións específicas de carácter non unánime manifestadas pola CEG.

 

 

 

DITAME 20/2026

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio 2027, con data de rexistro de entrada neste Consello o 6 de outubro de 2026, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 19 de outubro de 2026, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

 

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Primeira.- Período de execución.

Este Comité considera que o período de execución debería ser plurianual, xa que unha vez notificada a concesión das subvencións hai un tempo reducido para a adecuada execución das accións ata o 31 de outubro.

 

Segunda.- Disposición finais e derradeiras.

 

Este Comité considera que as disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2027

 

Obsérvase, ademais, que as disposicións finais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais” antes de enunciar cada unha delas seguindo a estrutura empregada noutros Proxectos de ordes pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para a anualidade 2026.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

 

Primeira.- Artigo 2. Liñas e actividades subvencionables.

O primeiro inciso do apartado 1 deste precepto recolle os plans de formación para cuxa realización se conceden as axudas.

Este Comité considera que o termo destacado en cursiva se debería eliminar e facerse a referencia a “actividades ou iniciativas formativas”.

 

Segunda.- Artigo 6. Financiamento.

Este Comité considera que é necesario incrementar o orzamento para poder desenvolver máis actividades ao amparo desta orde, así como o importe dos módulos.

 

Terceira.- Artigo 9. Gastos subvencionables e período de imputación.

O apartado 1 deste precepto fixa, como límite máximo para a execución das accións formativas, o 31 de outubro de 2027.

 

Este Comité considera que se debería recuperar a previsión contida na orde para o exercicio de 2023, que fixaba o prazo dun ano desde a notificación da resolución de concesión da axuda.

 

Así mesmo, e en consecuencia, proponse que se recupere o prazo de tres meses desde a finalización do período de execución para presentar a documentación xustificativa que o actual artigo 21 fixa no 12 de novembro de 2027.

 

Cuarta.- Artigo 9. Gastos subvencionables e período de imputación.

Respecto do apartado 4.b, este Comité propón que o límite da suma do custos indirectos se fixe no 15% do custo total da actividade, xa que o actual límite do 10% é demasiado baixo.

 

Quinta.- Artigo 17. Criterios de valoración das solicitudes.

O apartado 1.a) valora con ata 70 puntos a representatividade das organizacións solicitantes das axudas.

 

Este Comité propón que se incremente a dita puntuación ata 80 puntos.

 

Sexta.- Artigo 18. Resolución e recursos.

Este Comité solicita aclaración sobre a situación que se produciría cando as actividades comecen antes da resolución de adxudicación das subvencións.

ANEXO

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

 

Primeira. - Artigo 13. Documentación complementaria.

Segundo o apartado 1.a) deste precepto, as organizacións empresariais ou fundacións ou outras entidades constituídas por estas deben achegar un certificado onde conste o número de empresas cos que conta.

 

A CEG considera que para as axudas reguladas na liña I, debería admitirse a posibilidade de acreditar a representatividade en función do criterio de participación institucional.

 

Segunda. - Artigo 17. Criterios de valoración das solicitudes.

A representatividade das asociacións empresariais acreditarase mediante certificado emitido polo representante legal, onde se indique o número de empresas cos que contan con respecto á totalidade de empresas das entidades concorrentes, segundo dispón o apartado 1.a) 2º deste artigo.

 

Na mesma liña que a consideración anterior, a CEG propón que se permita acreditar a representatividade en función do criterio de participación institucional, tal e como se fai noutras ordes como, por exemplo, o a orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á creación e/ou funcionamento de Gabinetes Técnicos en materia de Igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial.

 

 

 

Número ditame
20