Pasar al contenido principal

Ditame 24/2026

Enviado el Lun, 26/10/2026 - 08:26
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras en réxime de concorrencia competitiva das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e das axudas para a realización de actividades no ámbito de prevención de riscos laborais conforme a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2027

 

I. ANTECEDENTES

 

O día 14 de outubro de 2026 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras en réxime de concorrencia competitiva das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e das axudas para a realización de actividades no ámbito de prevención de riscos laborais conforme a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2027.

 

Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais. 

 

Segundo a exposición de motivos “correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia executar a Axenda 20 para o Emprego, que ten entre os seus fins a consolidación dunha cultura preventiva na sociedade galega, así como cumprir cos obxectivos da Estratexia Galega de Seguridade e Saúde no Traballo 2023-2027.

 

De acordo cos obxectivos da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027 (ESSTG27), priorizáranse as actuacións recollidas dentro dos obxectivos estratéxicos da mesma, especialmente no eido dos riscos laborais derivados dos novos escenarios no traballo e da nova realidade laboral, da promoción da saúde no traballo e a consecución do benestar laboral e do coñecemento especializado no ámbito da prevención de riscos laborais a través da sensibilización, asesoramento técnico e formación”.

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para o exercicio 2026, publicada no DOG o día 13 de xaneiro de 2026, e o ditame emitido polo Consello con data 5 de novembro de 2025 (ditame 23/25), obsérvase que se tiveron en conta algunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

Deste novo proxecto normativo cómpre destacar as seguintes cuestións:

 

Respecto da Liña II de axudas (artigo 3) na subliña II.1, obsérvase unha minoración no orzamento total que pasa de 372.189,60€ a 370.348,20. En canto á subliña II.2, o orzamento pasa dos 248.126,40€ que recollía a orde anterior a  246.898,80€ no novo proxecto.

 

Tamén cabe salientar, en relación co pagamento anticipado (artigo 28.3), a redución do importe máximo da subvención concedida, pasando do 100% ao 90% recollido na nova orde.

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

 

II. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras en réxime de concorrencia competitiva das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e das axudas para a realización de actividades no ámbito de prevención de riscos laborais conforme a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2027“ consta de: Exposición de motivos, corenta e dous artigos, dúas disposicións adicionais e tres disposicións derradeiras.

 

O día 22 de outubro de 2026 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e doce específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

 

Contén, así mesmo, as consideracións específicas non unánimes seguintes: unha manifestada polas organizacións sindicais CIG, UGT – Galicia e SN de CCOO de Galicia (ANEXO I), e tres manifestadas pola CEG (Anexo II).

 

 

DITAME 24/2026

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras en réxime de concorrencia competitiva das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e das axudas para a realización de actividades no ámbito de prevención de riscos laborais conforme a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2027, con data de rexistro de entrada neste Consello o 14 de outubro de 2026 e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 22 de outubro de 2026, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións

 

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Obsérvase que as disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais” antes de enunciar cada unha delas seguindo a estrutura empregada, neste senso, no Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2027.

 

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.

 

Ademais, as disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega tamén no antedito proxecto de orde.

 

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Primeira. Artigo 3. Entidades beneficiarias e o seu financiamento.

Este Comité propón que, tanto para a Liña 1 como para a 2, soamente poidan ser beneficiarias das axudas as organizacións empresariais e sindicais máis representativas na Comunidade Autónoma de Galicia.

 

Tamén se propón que se substitúa a referencia ás organizacións sindicais con representatividade pola de organizacións sindicais máis representativas.

 

Finalmente, debería substituírse a referencia ás asociacións empresariais galegas pola de asociacións máis representativas.

 

Segunda.-  Artigo 7. Importe máximo subvencionable.

Este Comité considera insuficiente o crédito asignado e solicita que se incrementen os recursos á orde para que poidan ser subvencionables máis actividades.

 

Terceira. Artigo 7. Importe máximo subvencionable.

O apartado 1.b) fixa o importe máximo por solicitude, na subliña I.2, en 30.000€. Este Comité considera que, tras varios exercicios mantendo a mesma contía máxima, procede a súa actualización e propón que se incremente a 40.000€.

 

Cuarta. Artigo 7. Importe máximo subvencionable.

O apartado 2 fixa a contía por actividade en 160 euros por cada hora impartida ou, excepcionalmente, en 200 euros por hora.

 

Este Comité propón que se revisen as ditas contías á alza, en función dos prezos de mercado e da especificidade dos cursos que se realicen.

 

Quinta. Artigo 10. Requisitos de asistencia aos cursos.

Segundo o apartado 2 deste artigo: “En casos excepcionais, debidamente motivados poderá autorizarse pola Secretaria Xeral de Emprego e Relacións Laborais a realizacións de estas accións cun menor número de asistentes, en todo caso, non menor a oito.

 

Este Comité entende que en vez de unha autorización debería ser suficiente unha comunicación trasladada á Secretaria Xeral de Emprego e Relacións Laborais pola entidade beneficiaria, tendo en conta que en moitas ocasións non se pode achegar con carácter previo ao inicio do curso a comunicación requirida porque só ao inicio do curso compróbase que non se conta con alumnado suficiente.

Sexta. Artigo 11. Gastos subvencionables e período de imputación.

En relación co importe máximo subvencionable dos gastos recollidos na letra f) do apartado 3 deste artigo, este Comité propón que a porcentaxe do 10% sexa aumentada ata un 15%.

 

Sétima.- Artigo 14. Importe máximo subvencionable.

Este Comité considera insuficiente o importe de 1.500 euros asignado para zornadas de sensibilización e solicita que se incremente.

 

Oitava. Artigo 14.- Importe máximo subvencionable.

O apartado 2.b) deste precepto fixa o importe máximo subvencionable por estudo en 10.000.

Este Comité que se trata dunha contía escasa para desenvolver un estudo con todos os requisitos necesarios, polo que se propón que se incremente esa contía ata os 15.000€.

 

Novena.- Artigo 15.- Accións non subvencionables.

No apartado 1 disponse que “As xornadas, foros, congresos, seminarios ou evento similar que conten cun número de participantes menor a 15”.

 

Este Comité propón que se harmonice esta redacción co artigo 8.1, referente tamén a accións non subvencionables, no que se indica que “Os cursos que conten cun número de participantes menor a 8”, e co artigo 10.2 (requisitos de asistencia).

 

Décima. Artigo 26. Criterios de valoración.

Este Comité non comparte que se puntúe a capacidade de cofinanciamento por parte da entidade fronte á súa representatividade social, número de persoas destinatarias da acción, achega innovadora, transferibilidade da acción e calquera outro dos restantes criterios que se sinalan neste artigo.

 

Polo tanto, proponse a eliminación como criterio de valoración do apartado g) deste artigo.

 

Décimo primeira. Artigo 28. Resolución e recursos.

No seu apartado 4, este artigo fixa un prazo máximo para resolver e notificar a resolución de cinco meses.

Este Comité entende que se trata dun prazo moi amplo polo que debería fixarse nun máximo de 3 meses.

 

Décimo segunda. Artigo 30. Prazo de finalización e de xustificación das accións.

Este artigo fixa o prazo de xustificación ata o 11 de novembro. Porén, este Comité considera que ese prazo é insuficiente e considera que debe estenderse o prazo de xustificación, polo menos, ata o 15 novembro.

 

 

 

 

ANEXO I

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA.

 

Artigo 7.- Importe máximo subvencionable.

Respecto do apartado 1.b), as organizacións sindicais que fan parte deste Comité consideran que, nas solicitudes realizadas á bolsa sindical, as entidades sindicais intersectoriais con representación sectorial mais representativas de Galicia, poderán realizar ata un máximo de tres solicitudes de planes sectoriais por unha contía máxima de 30.000 euros por cada plan.

 

 

 

ANEXO II

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

 

Primeira.- Artigo 3. Entidades beneficiarias e o seu financiamento. Subliñas I.2 e II.2

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que nestes artigos debería terse en conta ás organizacións empresariais galegas intersectoriais.

 

Segunda. – Artigo 14. Importe máximo subvencionable.

O apartado 2.b) establece que se subvencionará un único estudo por entidade.

A CEG propón eliminar a limitación do número de estudos por entidade.

 

Terceira. – Artigo 26. Criterios de avaliación.

O apartado 1.c) deste precepto establece a prioridade de determinadas materias nos cursos, xornadas ou estudos, ás que se lles outorgará unha maior puntuación.

A CEG considera que se recollen unha serie de temáticas preferentes que, limitan en exceso e contradín, no caso dos estudos, a mención que se recolle no artigo 16 apartado d) respecto ao contido innovador. Sería necesario introducir unha mención a outras temáticas innovadoras con afectación en PRL,  con 2 puntos, para incentivar a innovación neste ámbito.

Con este motivo propoñemos dar coherencia ao baremo aplicando criterios homoxéneos nos incrementos das porcentaxes de execución.

 

 

 

Número ditame
24