Ir o contido principal

12/25

Enviado o Mér, 25/06/2025 - 11:51
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da colaboración con entidades locais e Organismos Intermedios sen ánimo de lucro, cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus, Plan de Garantía Xuvenil Plus (GJ+) 2021-2027 de traballo digno para as persoas mozas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025
  1. ANTECEDENTES

O día 23 de maio de 2025 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega o proxecto de Orde pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da colaboración con entidades locais e Organismos Intermedios sen ánimo de lucro, cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus, Plan de Garantía Xuvenil Plus (GJ+) 2021-2027 de traballo digno para as persoas mozas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais. 

Segundo a exposición de motivos, “esta convocatoria de subvencións pretende apoiar a integración das persoas mozas, inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, no mercado laboral e a través dun Programa de colaboración con  entidades locais e con Organismos Intermedios sen ánimo de lucro, dirixido a mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil.”

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2023 (publicado no DOG o día 27 de xaneiro de 2023) e o ditame emitido polo Consello con data 9 de decembro de 2022 (ditame 42/2022), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial sobre o fondo da norma.

 

Do contido deste proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

A primeira novidade radica nas entidades que poden ser beneficiarias destas axudas xa que, xunto aos organismos intermedios, este novo proxecto permite que se beneficien tamén as entidades locais (artigo 1), o que dá lugar a que se regulen 2 programas de axudas, cada un deles dirixido a un colectivo de posibles beneficiarias.

 

En canto ao orzamento, a contía asignada para estas axudas increméntase de 4.244.205 a 6.500.000€ (artigo 4), distribuíndose do seguinte xeito:

-3.000.000€ destinados ás entidades locais

-3.500.000€ destinados aos organismos intermedios

 

A diferenza da convocatoria anterior, esta prevé un procedemento de concesión de concorrencia competitiva e recolle, en consecuencia, os criterios a avaliar.

Así, o artigo 27 regula os aspectos que se valoran respecto das beneficiarias do programa I (concellos), tales como a porcentaxe de desemprego xuvenil, o feito de ter unha poboación superior a 50.000 habitantes ou que a entidade local resulte da fusión de concellos.

Pola súa banda, o artigo 37 establece os elementos a avaliar no programa II (o dirixido a organismos intermedios), que valora o carácter sectorial da entidade ou o ámbito territorial, entre outros aspectos.

 

Os artigos 27 e 37 tamén especifican o número de contratacións subvecionadas que poden obter as entidades interesadas segundo a puntuación que acaden.

 

Outra novidade recollida para ambos programas, respectivamente, nos artigos 28 e 38 é o feito de que as persoas mozas con contrato por tempo indefinido fixo descontinuo, inscritas como demandantes de emprego en calquera oficina de emprego de Galicia e inscritas como beneficiarias no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia tamén poderán ser contratadas con cargo ás axudas previstas nesta orde, sempre que a súa contratación resulte posible en función da duración do contrato subvencionado e do contrato fixo descontinuo que teñan subscrito.

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da colaboración con entidades locais e Organismos Intermedios sen ánimo de lucro, cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus, Plan de Garantía Xuvenil Plus (GJ+) 2021-2027 de traballo digno para as persoas mozas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025” consta de: Exposición de motivos, corenta e un artigos, unha disposición adicional e  dúas finais.

O día 13 de xuño de 2025 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e oito específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén, ademais, as consideracións non unánimes seguintes: dúas específicas manifestadas polas organizacións sindicais CIG, UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia (Anexo I) e unha específica manifestada pola CEG (Anexo II).

 

 

DITAME 12/2024

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da colaboración con entidades locais e Organismos Intermedios sen ánimo de lucro, cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus, Plan de Garantía Xuvenil Plus (GJ+) 2021-2027 de traballo digno para as persoas mozas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 13 de xuño de 2025, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

 

Primeira.

Segundo a exposición de motivos, o procedemento de concesión ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que a finalidade e o obxectivo último da Iniciativa de Emprego Xuvenil (IEX) e do Programa Operativo de Emprego Xuvenil (POEX), é a mellora da empregabilidade e a inserción laboral da mocidade non ocupada e non integrada nos sistemas de educación ou formación, mediante a creación de postos de traballo, polo que resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas.

Isto supón unha novidade respecto da orde anterior.

Chama a atención que tamén no Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2025-2027 e se procede á primeira convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva para o financiamento de accións formativas do Sistema de Formación Profesional dos graos A, B e C, para persoas traballadoras desempregadas, para o exercicio 2025 se observou a modificación do procedemento de concesión pasando, nese caso, de tramitarse mediante concorrencia competitiva a outorgarse as axudas mediante un procedemento sen concorrencia competitiva, proxecto informado no ditame 10.25

A vista disto, este Comité considera que procede xustificar os motivos desta modificación.

 

Segunda.

Obsérvase o emprego das letras j e k na clasificación dos artigos 10, 11, 18, 20, 25, 26, 35 e 36, impropias do alfabeto galego. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

 

Pola súa banda, a disposición adicional debería figurar como única e non como primeira, e as disposicións finais deberían encaixarse baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais” antes de enunciar cada unha dela, seguindo a estrutura empregada, neste senso, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede á súa convocatoria para a anualidade de 2024.

Finalmente, as disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE),  e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 5. Definicións.

Este artigo inclúe aos clusters dentro dos organismos intermedios pero non recolle unha definición específica deste tipo de entidade, considerando este Comité que procede engadila.

 

Esta mesma consideración foi formulada no ditame anterior, sendo aceptada pola Consellería segundo a resposta remitida a este Comité e recolléndose na orde finalmente publicada.

 

Segunda.- Artigo 34. Entidades beneficiarias e requisitos.

Dentro dos organismos intermedios que poden ser beneficiarios das axudas, o ítem primeiro do apartado 1 inclúe ás asociacións empresariais sectoriais ou intersectoriais, e de carácter tecnolóxico.

 

Este Comité entende que se debe mellorar a redacción no senso que se especifica a seguir: “asociacións empresariais sectoriais ou intersectoriais, incluídas as de carácter tecnolóxico”.

 

Esta mesma consideración foi formulada no ditame anterior, sendo aceptada pola Consellería segundo a resposta remitida a este Comité e recolléndose na orde finalmente publicada.

 

Terceira.- Artigo 7. Contía das axudas.

Segundo o apartado 4 deste precepto non se consideran custos salariais subvencionables o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1.c) do Estatuto dos traballadores.

 

Chama a atención que, no parágrafo seguinte, establécese que, para calcular o custo subvencionable, se terá en conta soamente o tempo efectivo dedicado á actuación subvencionada, baseándose no previsto na Orde TES/106/2024 pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o  período de programación 2021-2027, norma que pola contra si recolle como subvencionables os custos anteriormente referidos.

 

Así, este Comité considera que os devanditos custos deben ser obxecto de subvención nos termos previstos na Orde TES/106/2024.

 

Cuarta.- Artigo 7. Contía das axudas.

Á vista do réxime de incompatibilidades previsto neste orde así como noutras ordes de axudas á contratación, e das discrepancias que se aprecian entre elas, este Comité considera que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración debería definir o criterio que emprega para determinar a compatibilidade e incompatibilidade das diferentes axudas que outorga e que comparten unha mesma finalidade: incentivar a creación de emprego.

 

Quinta.- Artigo 18. Obrigas das entidades beneficiarias.

O apartado e) deste artigo esixe aos beneficiarios aboar ás persoas contratadas os salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexan acordes á súa categoría profesional e titulación, e asumir a diferenza entre a cantidade subvencionada e os custos salariais e de Seguridade Social totais, no seu caso.

 

Este Comité considera que se debería especificar que se debe aboar os salarios segundo o convenio colectivo de aplicación.

 

Sexta.-Artigo 25. Documentación complementaria para o Programa I.

Na declaración responsable que forma parte da solicitude farase constar que se está ao día  no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

 

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar esa débeda, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.

 

Obsérvase o mesmo respecto do previsto nos artigos 18 e 35.

 

Sétima.- Artigo 28. Requisitos e criterios para a selección das persoas traballadoras.

Segundo o último parágrafo do apartado 2 deste artigo, será a entidade beneficiaria da subvención a responsable de comprobar que no momento de inicio da relación laboral a persoa seleccionada sexa maior de dezaoito anos, estea desempregada, inscrita como tal e que conste como beneficiaria no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, o cal poderá consultar na súa oficina de emprego e no propio Sistema nacional de garantía xuvenil.

 

Este Comité considera que non compete á entidade beneficiaria comprobar eses datos.

 

Formúlase o mesmo sobre o artigo 38, respecto do programa II.

 

Oitava.- Artigo 37. Criterios de avaliación e puntuación.

O apartado B) establece o número de contratacións para as que poderán recibir subvención os organismos intermedios segundo a puntuación acadada.

 

Este Comité considera que se debería especificar que se trata dun máximo de contratacións, tal e como se indica no artigo 27 respecto do programa I.

 

                                                                     ANEXO I

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIME MANIFESTADAS POLA CIG, UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA.

Primeira.- Artigo 1. Obxecto e finalidade.

Segundo o apartado 1 deste precepto, a través desta orde financiaranse accións de fomento do emprego para a contratación durante 9 meses de persoas mozas.

 

As organizacións sindicais consideran que a duración do contrato obxecto de subvención debería de ser de 12 meses.

 

Neste senso, procedería modificar así mesmo o previsto nos artigos que recollen este aspecto, como son o 6, 18, 22 , 29, etc.

 

Segunda.- Artigo 7. Contía das axudas.

Respecto das contías previstas neste artigo, as organizacións sindicais que integran este Comité consideran que o conxunto dos incentivos non deberían superar, en ningún caso, unha contía equivalente ao custo da Seguridade Social xerado pola persoa contratada.

 

ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME MANIFESTADA POLA CEG

 

Artigo 7. Contía das axudas.

Este artigo fixa o período máximo subvencionable en 9 meses.

 

A CEG considera que o dito período debería ampliarse aos 12 meses para os supostos en que a duración dos contratos subvencionados se estenda ata esa duración.

 

Número ditame
12