En relación coa solicitude de dictame sobre o Anteproxecto de Decreto da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, polo que se determina o calendario laboral para o ano 2003 na Comunidade Autónoma de Galicia, remitido pola Dirección Xeral de Relacións Laborais, con rexistro de entrada neste Consello do 8 de xullo, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3.2º da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames na súa xuntanza do 17 de xullo dos correntes, SEN ACADAR ACORDO UNÁNIME, fixo as seguintes consideracións a este proxecto normativo de Decreto:
ANEXO I
CONSIDERACIÓN Ó BORRADOR DE DECRETO MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA (CEG)
A CEG manifesta a súa conformidade coa regulamentación establecida por este proxecto de Decreto remitido a dictame, polo que non fan ningunha consideración ó respecto.
ANEXO II
CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME MANIFESTADA POLA UGT-GALICIA, S.N. DE CCOO DE GALICIA E MAILA CIG
Primeiro. As organizacións sindicais que conforman este Consello fan constar, como consideración de carácter xeral, a necesidade de que o Goberno Galego, a través da Comisión Mixta de Transferencias, inste ó Goberno do Estado para levar a cabo as modificacións legais oportunas co fin de que a Comunidade Autónoma de Galicia dispoña dunha maior marxe de manobra para poder fixa-las súas festas, respectando, en todo caso, os compromisos internacionais asumidos polo Estado nesta materia.
De facerse esta modificación legal que se suxire, sería plausible que, dada a preponderancia na regulamentación actual de festas de natureza relixiosa, a Comunidade Autónoma Galega podería fixar máis festas de carácter cívico ou laico.
Segundo. Proponse a substitución do termo Festa do Traballo do día 1 de maio, por un termo máis acorde cos tempos que corren como é a de Día Internacional dos Traballadores.
Terceiro. En concordancia co reflectido na Exposición de Motivos da norma, cando establece que a rexe o criterio de manter unha certa estabilidade na determinación das festas laborais para conmemorar todo o que forma parte da nosa tradición, historia e cultura., suxírese que a denominación de certas festas se axeite a esa tradición, historia e cultura, mudando a súa designación, para achega-la máis preto da linguaxe actual da sociedade galega. A título de exemplo, o 6 de xaneiro sería o Día de Reis, e o 25 de decembro sería o Nadal.
ANEXO III
CONSIDERACIÓN DE CARÁCTER NON UNÁNIME FEITA POLO S.N. DE CCOO DE GALICIA E MAILA CIG.
Seguindo coa liña argumental de anos precedentes, estas dúas organizacións sindicais avogan pola necesidade de institucionaliza-lo día 10 de marzo, como Día da clase obreira galega, en lembranza dos transcendentais sucesos acaecidos no Ferrol nesa data do ano 1972.
ANEXO IV
CONSIDERACIÓN DE CARÁCTER NON UNÁNIME Ó PROXECTO DE DECRETO MANIFESTADA POLA CIG.
A Confederación Intersindical Galega (CIG) propón a substitución da denominación da festa do 25 de xullo, tal e como figura no Proxecto de Decreto, de Santiago Apóstolo. Día Nacional de Galicia pola de Día da Patria Galega.