En relación coa solicitude de dictame sobre o Proxecto de Orde da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas experimentais e complementarias cofinanciadas polo Fondo Social Europeo na Comunidade Autónoma de Galicia correspondentes ó ano 2003, remitido pola Dirección Xeral de Formación e Colocación, con rexistro de entrada en data do 31 de outubro de 2002, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3.2º da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 11 de novembro de 2002, acordou face-las seguintes consideracións e propostas de modificación, POR UNANIMIDADE e que se reproducen de seguido:
1.- Artigo 1º.2 Obxecto e ámbito de aplicación.
Este precepto establece que a convocatoria das subvencións previstas nesta Orde, agás as reguladas no artigo 2.I a), realizarase mediante réxime de concorrencia competitiva.
De conformidade co proposto por este Comité ó dictamina-la Orde que convoca a programación de cursos do Plan FIP, as organizacións sindicais CC.OO de Galicia, UGT Galicia e a CIG consideran que deberían tamén estar exceptuadas do réxime de concorrencia competitiva as organizacións empresariais ou sindicais, entre outros organismos, polo que este Comité PROPÓN a seguinte redacción ó art. 1º, apartado 2: A convocatoria das subvencións previstas nesta orde, agás as reguladas no artigo 2º.I a) e 2º.II a), realizarase mediante réxime de concorrencia competitiva.
2.- Artigo 6º.3 Contía das axudas e subvencións.
Este apartado 3 establece que o beneficiario poderá subcontratar, por unha soa vez, a realización das accións formativas financiadas con cargo a esta convocatoria.
Este Comité PROPÓN a eliminación do citado apartado posto que considera que non deben estar permitidas as subcontratacións.
3.- Artigo 7º.5 Obrigas.
Este precepto esixe ás entidades con ánimo de lucro a acreditación de que están ó día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
Este Comité considera que esa esixencia debe afectar a tódalas entidades, sen excepción, polo que PROPÓN eliminar ó principio do parágrafo cando se trate de entidades con ánimo de lucro, comezando o apartado 5 deste xeito: Acreditar, con independencia orzamentos.
4.- Artigo 9º. Pagamento e liquidación das subvencións.
Este precepto regula os anticipos e pagamentos parciais. Dado que esta Orde establece as bases reguladoras de subvencións para a programación de accións formativas experimentais e complementarias do Plan FIP, sería axeitado regula-los anticipos e os pagamentos parciais do mesmo xeito que se establece na Orde que regula aquel.
Polo exposto, este Comité PROPÓN dar a este artigo o contido en termos semellantes a como se regulamenta na Orde que establece a convocatoria pública para a programación de cursos do Plan FIP.
5.- Artigo 12º. Selección de alumnos.
Este precepto establece como norma xeral a selección dos alumnos a través de convocatoria pública, podendo, no caso de que as entidades así o manifesten na súa solicitude, realizarse tamén polo Servicio Público de Emprego entre os demandantes que figuren inscritos no mesmo.
Este Comité considera que, no caso de cursos dirixidos a desempregados, a regra xeral debe ser que a selección faraa o Servicio Público de Emprego e só no caso de que este non remita candidatos ou os enviados fosen insuficientes, poderá facerse a través de convocatoria pública, tal como establece o artigo 1º do Proxecto da Resolución que desenvolve a Orde reguladora dos cursos do Plan FIP.
En consecuencia, este Comité PROPÓN, en primeiro lugar, que sexa modificada neste senso a redacción dada ó artigo 12º, no seu apartado 1, primeiro parágrafo, que quedaría como segue: 1. Como norma xeral, agás que se trate de cursos dirixidos a desempregados, a selección dos alumnos participantes nas accións formativas realizaraa a entidade adxudicataria a través de convocatoria pública, que deberá publicarse, como mínimo, nun dos xornais de maior tiraxe da Comunidade Autónoma.
En segundo lugar, engadir un novo apartado 2, suprimíndose o apartado 3 do citado artigo, que quedaría como segue: 2. Nos cursos dirixidos a desempregados, agás que se trate de alumnos con discapacidade que poderá seleccionalos directamente a entidade, a preselección será realizada polo Servicio Público de Emprego de Galicia, na forma e cos requisitos que se establecen no artigo 1º da Resolución do --- de ---- de 2002, da Dirección Xeral de Formación e Colocación, pola que se desenvolve a Orde do --- de --- --- de 2002, pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ó exercicio de 2003.
6.- Artigo 17º.2 Instrucción do procedemento.
Neste apartado regúlase a Comisión de Valoración. Este Comité, en coherencia co reivindicado noutras ocasións polas organizacións sindicais que integran o Consello, considérase que, antes de dictarse a resolución dos expedientes para a concesión das axudas, debe solicitarse informe previo e preceptivo ós Comités provinciais de emprego e de seguimento da contratación ou ó Comité Autonómico de Emprego, segundo os casos.
Polo exposto, este Comité PROPÓN engadir un novo apartado 2 antes do apartado que regula a Comisión de Valoración, que quedaría como segue: 2. Previamente ó informe dos expedientes pola Comisión de Valoración, demandarase informe preceptivo dos Comités provinciais de emprego e de seguimento da contratación ou do Comité Autonómico de Emprego, segundo os casos.
7.- Artigo 18º. Resolución
Establece este artigo, no seu apartado 2, como tempo máximo de resolución dos expedientes o de nove meses. En concordancia co manifestado por este Comité Delegado noutros dictames precedentes, considérase oportuno acurtar ese prazo a 3 meses para conseguir así que os interesados na percepción das axudas non vexan dilatado no tempo a súa expectativa a percibir ou non as mesmas.
Prosegue este precepto dicindo que pasado ese prazo sen que recaese resolución expresa, esta entenderase desestimatoria.
Tamén na mesma liña que o manifestado en Dictames precedentes, enténdese que a Administración debe contestar sempre de xeito expreso ós administrados e, en todo caso, o silencio administrativo debe ser, como regra xeral, positivo, fundamentalmente cando están en xogo intereses económicos para os administrados.