Ir o contido principal

Ditame 29/04

Enviado o Mar, 12/12/2023 - 02:29
DICTAME SOBRE O PROXECTO DE DECRETO POLO QUE SE DETERMINA O CALENDARIO LABORAL PARA O ANO 2005 NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA.

I. ANTECEDENTES

O día 5 de xullo de 2004 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de decreto polo que se determina o calendario laboral para o ano 2005 na Comunidade Autónoma de Galicia e solicitando, ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o dictame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto do Decreto publicado no DOG o día 30 de xullo de 2003 e tendo en conta o dictame emitido polo Consello con data do 9 de xullo de 2003, obsérvase o seguinte:

- Na elaboración do proxecto parece que non se tiveron en conta as consideracións feitas polo comité ó proxecto de decreto de 2003.
- O novo proxecto normativo non contén cambios substanciais respecto ó dictaminado en 2003, agás o establecido na exposición de motivos sobre a substitución, por coincidir en domingo, das festas do 1 de maio e do 25 de decembro polas do 19 de marzo e do 17 de maio, respectivamente.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a tódolos membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de dictames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para dictame denominado “Decreto polo que se determina o calendario laboral para o ano 2004 na Comunidade Autónoma de Galicia” consta de: Exposición de motivos, tres artigos e unha disposición derradeira.

O día 7 de xullo de 2004 reúnese este Comité Delegado e acorda emiti-lo dictame que se referencia a continuación:

DICTAME 29/04

En relación coa solicitude de dictame sobre o proxecto de Decreto polo que se determina o calendario laboral para o ano 2005 na Comunidade Autónoma de Galicia, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 5 de xullo de 2004, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 7 de xullo de 2004, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións DE CARÁCTER NON UNÁNIME:

CONSIDERACIÓN XERAL DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA (CEG).
Sería aconsellable que a Xunta de Galicia utilice a facultade regulamentada no artigo 37 do estatuto dos Traballadores, respecto á posibilidade de trasladar ós lúns as festas que teñan lugar entre semana, excluindo as que o propio artigo 37 establece como non trasladables. A finalidade desta substitución é evita-la perda de horas laborais que se produce cada ano nas empresas como consecuencia das denominadas “pontes”.

CONSIDERACIÓNS XERAIS MANIFESTADAS POLA UGT-GALICIA, S.N. DE CCOO DE GALICIA E MAILA CIG.

Primeiro. As organizacións sindicais que conforman este Consello fan constar, como consideración de carácter xeral, a necesidade de que o Governo galego, a través da Comisión Mixta de Transferencias, inste ó Governo do Estado para levar a cabo as modificacións legais oportunas có fin de que a Comunidade Autónoma de Galicia dispoña dunha maior marxe de maniobra para poder fixa-las súas festas, respetando, en todo caso, os compromisos internacionais asumidos polo Estado nesta materia.

De facerse esta modificación legal que se suxire, sería plausible que, dada a preponderancia na regulamentación actual de festas de natureza relixiosa, a Comunidade Autónoma galega podería fixar máis festas de carácter cívico ou laico.

Segundo. Proponse a substitución do termo “Festa do Traballo” do día 1 de maio, por un termo máis acorde cos orixes da conmemoración, tal como “Día Internacional dos Traballadores”.

Terceiro. En concordancia có reflectido na Exposición de Motivos da norma, cando establece que a rixe o “criterio de manter unha certa estabilidade na determinación das festas laborais para conmemorar todo o que forma parte da nosa tradición, historia e cultura.”, suxírese que a denominación de certas festas se axeite a esa tradición, historia e cultura, mudando a súa designación, para achega-la máis preto da linguaxe actual da sociedade galega. A titulo de exemplo, o 6 de xaneiro sería o Día de Reis, e o 25 de decembro sería o Nadal.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME FEITA POLO S.N. DE CCOO DE GALICIA E MAILA CIG.

Primeira. Seguindo coa liña argumental de anos precedentes, estas duas organizacións sindicais avogan pola necesidade de institucionaliza-lo día 10 de marzo, como “Día da clase obreira galega”, en lembranza dos trascendentais sucesos acaecidos no Ferrol nesa data do ano 1972.

Segunda. Proponse a substitución da denominación da festa do 25 de xullo, tal como figura no proxecto de Decreto, de “Santiago Apóstolo. Día Nacional de Galicia” pola de “Día da Patria Galega”.

Número ditame
29