DITAME 11/2025
|
Ditame sobre a Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento TR332A) |
I. ANTECEDENTES
O día 25 de maio de 2026 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento TR332A).
Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos “O desemprego é un importante factor de vulnerabilidade das persoas, xa que un período continuado nesta situación pode dar lugar non só a exclusión do mercado laboral, senón que tamén pode supoñer un elevado risco de exclusión social das persoas pertencentes aos colectivos máis desfavorecidos.
Na actualidade resulta esencial a colaboración entre a consellería competente en materia de políticas activas de emprego, as corporacións locais e as entidades sen ánimo de lucro, co fin de mellorar a posta en marcha de accións e medidas para lograr unha maior empregabilidade das persoas en situación de desemprego”
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2025 (publicado no DOG núm. 136, do 17 de xullo de 2026) e o ditame emitido polo Consello con data 4 de xuño de 2026 (ditame 11/2025), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial, pero a Consellería non remitiu resposta ao ditame.
Deste proxecto normativo destácanse as seguintes novidades mais importantes:
A análise comparativa entre a ORDE publicada no DOG de 17.07.2025 e o proxecto de Orde de 2026 evidencia unha reforma parcial da arquitectura xurídica dos programas integrados de emprego, con modificacións de natureza material, organizativa, financeira e técnica. As alteracións introducidas polo proxecto de 2026 non teñen carácter meramente sistemático ou terminolóxico, senón que inciden directamente no réxime substantivo das subvencións, nos colectivos destinatarios, nos criterios de inserción e nas condicións de execución dos programas.
O artigo 1 referente a obxecto, no apartado 2, sinala que “. Enténdese por programas integrados de emprego con intermediación laboral aqueles programa que desenvolvan con carácter obrigatorio as seguintes accións”, engadindo no proxecto de 2026 “sendo adaptadas ás necesidades de cada persoa”.
O artigo 2 regula o financiamento establecendo un orzamento superior no 2026 respecto ao de 2025, existindo aumento en todas as partidas económicas.
Orde de 2025:
1. O financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoria farase con cargo aos créditos das aplicacións 14.03.322A.460.3 e 14.03.322A.481.3 (código de proxecto 2014 00583) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, polos importes de 1.000.000,00 e 1.567.000,00 euros, respectivamente, na anualidade de 2025 e 3.000.000,00 e 4.701.000,00 euros respectivamente, na anualidade de 2026, correspondentes a fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal.
Proxecto de 2026:
1. O financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoria farase con cargo aos créditos das aplicacións 14.03.322A.460.3 e 14.03.322A.481.3 (código de proxecto 2014 00583) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, polos importes de 1.100.000,00 e 1.650.000,00 euros respectivamente na anualidade de 2026 e 3.300.000,00 e 4.950.000,00 euros respectivamente, na anualidade de 2027, correspondentes a fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal.
Co obxectivo de incrementar a taxa de emprego feminino e a mellora da empregabilidade das mulleres, resérvanse especificamente 2.000.000,00 euros do total do importe convocado para o financiamento de programas integrados dirixidos exclusivamente a mulleres desempregadas co obxecto de que reciban atención específica para a súa incorporación ao mercado laboral.
Así mesmo, resérvanse especificamente 2.000.000,00 euros do total do importe convocado para o financiamento de programas integrados dirixidos exclusivamente a persoas desempregadas maiores de 52 anos co obxecto de que reciban atención específica para a súa reincorporación ao mercado laboral.
Tamén se reservará especificamente 1.000.000,00 euros do total do orzamento do concepto 481.3 para o financiamento de programas integrados dirixidos a persoas desempregadas en situación ou risco de exclusión social atendendo aos criterios do artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, podendo acceder a esta reserva unicamente as entidades rexistradas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (en adiante RUEPSS) da Consellería de Política Social e Igualdade, con carácter previo á publicación desta convocatoria.
O proxecto 2026 incorpora unha nova previsión inexistente en 2025: reserva de 1.000.000 € do concepto 481.3 para programas destinados a persoas en risco ou situación de exclusión social.
No artigo 3. Tipos e características dos programas integrados de Galicia
Créase un novo tipo de programa: Tipo D, de forma que no 2025 só existían tipos A, B e C e no proxecto de 2026 créase o tipo D:
“D) Programas integrados de emprego destinados a persoas desempregadas en situación ou risco de exclusión social atendendo aos criterios do artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, solicitados por entidades rexistradas no RUEPSS con carácter previo á publicación desta convocatoria.
Tamén se modifican os seguintes aspectos os seguintes:
- Supresión do arraigamento socioformativo:
Na orde do 2025 o apartado c) eran “Persoas migrantes cunha autorización de residencia temporal por arraigamento socioformativo”, mentres que no proxecto de 2026 é “Persoas migrantes”.
- Supresión da renda activa de inserción:
Na orde de 2025 a redacción do apartado h) era: “Persoas perceptoras de prestacións, subsidios por desemprego ou renda activa de inserción” mentres que no proxecto de 2026 é “Persoas perceptoras de prestacións, subsidios por desemprego”.
- Eliminación dun colectivo:
No proxecto de 2026 elimínase o apartado “l) Persoas inmigrantes” que aparecía recollido na orde de 2025.
Tamén se modifica o número de persoas atendidas: “O número de persoas a atender será de 100, coa excepción dos programas tipo D que atenderán a un número de 60 persoas. O obxectivo de inserción laboral deberá ser, polo menos, do 35 % das persoas demandantes de emprego atendidas durante o desenvolvemento do programa” que no proxecto de 2026 engade o mínimo de 60 persoas e o obxectivo de inserción laboral do 35%.
Redución dos requisitos de inserción laboral: Modifícase o apartado 4 que de forma que cando na orde do 2025 poñía:
- No caso de tratarse de contratos a xornada completa, 100 días de cotización en vida laboral agora esixe 90 días.
- No caso de contratos a tempo parcial, 70 días de cotización en vida laboral, agora esixe 60 días.
- No caso de que se combinen contratos a tempo completo e parcial e non se acade a duración dos dous apartados anteriores, 85 días de cotización en vida laboral, agora esixe 75.
E no apartado 5 non computará como inserción laboral f) Insercións que se produzan nos seguintes 30 días naturais á selección da persoa demandante (na orde de 2025) que no proxecto de 2026 pasa a ser de 15 días naturais, reducindo desa forma o período de exclusión de inserción inmediatas.
No artigo 12 que regula os criterios de valoración dos programas tamén hai novidades importantes xa que a baremación en concorrencia competitiva modifícase lixeiramente para adaptarse aos novos obxectivos laborais:
- Puntuación directa para o Tipo D: Os novos programas da tipoloxía D obteñen directamente 8 puntos no criterio de colectivos.
- Sectores estratéxicos (Art. 12.1.k): O proxecto de 2026 engade "a alimentación e o textil" á listaxe de sectores industriais declarados estratéxicos , non presentes na redacción de 2025.
- Cómputo da formación con nivel de inserción (Art. 12.1.l): O sistema de avaliación muda a súa unidade de medida. Mentres que en 2025 os puntos outorgábanse en función do número absoluto de horas (ex. entre 50 e 100 horas = 1,5 puntos) , en 2026 a métrica pasa a ser porcentual sobre o total da formación do catálogo do SEPE (ex. entre o 20% e o 30% = 1 punto).
O artigo 13 referente á contía das subvencións:
- O proxecto de 2026 eleva o límite máximo de financiamento por programa a 230.000 euros, o que supón un incremento fronte aos 220.000 euros estipulados na orde de 2025.
- E establécese un límite específico no proxecto de 2026 para os programas Tipo D, cuxa contía máxima será de 138.000 euros.
No artigo 14 sobre gastos imputables existe unha modificación substancial no límite admitido para a subcontratación da formación xa que mentres a orde de 2025 permitía subcontratar unicamente ata o 30% do custo final da actividade subvencionada, o proxecto de 2026 flexibiliza este límite, ampliándoo ata un máximo do 40% do custo final (apartado1. d.2)
No artigo 16 que regula a xustificación e pagamento prodúcese un cambio relevante na metodoloxía do anticipo da subvención xa que na Orde de 2025 o anticipo de oficio calculábase como o 65% do importe correspondente á segunda anualidade e no proxecto de 2026 o anticipo de oficio defínese como o 50% do importe total da subvención, con cargo á segunda anualidade antes do 31 de maio de 2027.
Conclusión xurídica xeral:
A comparación revela que o proxecto de orde 2026 introduce unha reforma material relevante da convocatoria de programas integrados de emprego mediante:
- creación dunha nova tipoloxía específica de exclusión social,
- flexibilización dos criterios de inserción laboral,
- reforzo do control financeiro e técnico,
- ampliación dos colectivos vulnerables,
- profesionalización organizativa das entidades beneficiarias,
- incorporación do principio de atención individualizada,
- mellora da sistemática normativa e da técnica lexislativa.
É dicir, o proxecto de Orde de 2026 consolida a seguridade xurídica da norma precedente pero denota unha clara ratio legis dirixida cara á maior flexibilidade e inclusión.
Xuridicamente, tradúcese nunha rebaixa dos umbrais de esixencia temporal para consolidar as insercións laborais, un aumento sostido do crédito orzamentario e do límite máximo por proxecto, unha ampliación do marco de subcontratación e a configuración dogmática dunha nova modalidade (Tipo D) para blindar a asistencia ao colectivo en risco de exclusión social severa.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia, e se convocan para o ano 2025” consta de: exposición de motivos, vinte artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.
O día 8 de xuño de 2026 reúnese este Comité e acorda emitir o seguinte ditame, que contén unha consideración xeral e trinta e tres e unha consideracións específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións empresarial e sindicais.
Contén así mesmo, como anexos, as consideracións específicas de carácter non unánime sobre a valoración da norma seguintes: dúas manifestadas polas organizacións sindicais CIG, UGT-Galicia e SN de CC.OO. de Galicia (anexo I) e oito manifestadas pola CEG (Anexo II).
|
DITAME 11/2026
|
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia, e se convocan para o ano 2025”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 21 de maio de 2025, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 4 de xuño de 2025, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓN XERAL
Na Exposición de Motivos, este Comité observa que falta incluír ao Consello Galego de Relacións Laborais nos órganos consultados para a elaboración desta norma.
No artigo 1 obsérvase o emprego das barras (alumno/a) que non é a solución máis axeitada para respectar a linguaxe inclusiva. Hai que ter en conta, ademais, que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios, polo que se propón a súa corrección.
As disposicións adicionais deberían encaixarse baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas, seguindo a estrutura empregada, neste senso, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para a anualidade 2024. Obsérvase o mesmo respecto das disposicións finais.
Ademais, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.
Tamén se observa que o longo do texto empréganse as letras j e k na clasificación nos artigos 3, 12, 15 e 19, impropias do alfabeto galego. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.
Finalmente, este Comité propón unha revisión lingüística e ortográfica de todo o texto, xa que se detectaron varios erros.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Primeira.- Artigo 1. Obxecto.
Este artigo establece que o custo subvencionado por formación, naquelas especialidades ou actividades formativas que carezan de módulos económicos específicos, non poderá exceder do tope máximo de 8 euros/alumno por hora de formación presencial ou 5 euros/alumno por hora de formación a distancia ou teleformación.
Este Comité de Ditames considera que o devandito importe debera ser actualizado tendo en conta que se mantén sen variación desde anteriores convocatorias.
Segunda.- Artigo 1. Obxecto e artigo 14. Gastos imputables.
No apartado 1.b.3) do artigo 1 referente á Formación tranversal obrigatoria disponse que: “Toda a formación do punto b.1), b.2) e b.3) poderá ser subcontratada e/ou desenvolvida por persoal propio da entidade, persoal contratado especificamente para a execución do programa ou por persoal traballador por conta propia contratado exclusivamente para impartir esta formación. O importe subcontratado non poderá superar o límite do 30% do custo final da actividade subvencionada”.
Pola súa banda, no artigo 14., apartado d.2) establécese que “Poderán ser obxecto de subcontratación unicamente as actividades de formación incluídas no artigo 1.2. b) e ata o límite do 40% do custo final da actividade subvencionada”.
Este Comité solicita que se corrixa esta incoherencia entre os dous artigos, de forma que o límite nos dous artigos sexa do 40% do custo final da actividade subvencionada.
Terceira.- Artigo 1. Obxecto.
No apartado 1.2.f) recóllese a prospección empresarial.
Este Comité propón a inclusión da seguinte acción a continuación como unha letra nova: Formación en competencias dixitais avanzadas, en xeral, e, en particular, para a busca activa de emprego. A progresiva incorporación de intelixencia artificial nos procesos de selección fai que as persoas participantes precisen coñecementos básicos e avanzados para a súa utilización. Así mesmo, isto contribuirá a reducir a fenda dixital, mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas e adaptar os programas integrados de emprego ás necesidades actuais do mercado laboral.
Cuarta.- Artigo 2. Financiamento.
O artigo 2 regula o financiamento establecendo un orzamento superior no 2026 respecto ao de 2025, existindo aumento en todas as partidas económicas.
Orde de 2025:
1. O financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoria farase con cargo aos créditos das aplicacións 14.03.322A.460.3 e 14.03.322A.481.3 (código de proxecto 2014 00583) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, polos importes de 1.000.000,00 e 1.567.000,00 euros, respectivamente, na anualidade de 2025 e 3.000.000,00 e 4.701.000,00 euros respectivamente, na anualidade de 2026, correspondentes a fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal.
Proxecto de 2026:
1. O financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoria farase con cargo aos créditos das aplicacións 14.03.322A.460.3 e 14.03.322A.481.3 (código de proxecto 2014 00583) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, polos importes de 1.100.000,00 e 1.650.000,00 euros respectivamente na anualidade de 2026 e 3.300.000,00 e 4.950.000,00 euros respectivamente, na anualidade de 2027, correspondentes a fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal.
Co obxectivo de incrementar a taxa de emprego feminino e a mellora da empregabilidade das mulleres, resérvanse especificamente 2.000.000,00 euros do total do importe convocado para o financiamento de programas integrados dirixidos exclusivamente a mulleres desempregadas co obxecto de que reciban atención específica para a súa incorporación ao mercado laboral.
Así mesmo, resérvanse especificamente 2.000.000,00 euros do total do importe convocado para o financiamento de programas integrados dirixidos exclusivamente a persoas desempregadas maiores de 52 anos co obxecto de que reciban atención específica para a súa reincorporación ao mercado laboral.
Tamén se reservará especificamente 1.000.000,00 euros do total do orzamento do concepto 481.3 para o financiamento de programas integrados dirixidos a persoas desempregadas en situación ou risco de exclusión social atendendo aos criterios do artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, podendo acceder a esta reserva unicamente as entidades rexistradas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (en adiante RUEPSS) da Consellería de Política Social e Igualdade, con carácter previo á publicación desta convocatoria.
O proxecto 2026 incorpora unha nova previsión inexistente en 2025: reserva de 1.000.000 € do concepto 481.3 para programas destinados a persoas en risco ou situación de exclusión social.
Este Comité considera que se debería incrementar a dotación inicial prevista para o exercicio de 2026 permitindo deste xeito ampliar o número de proxectos a aprobar.
Quinta.- Artigo 3. Tipos e características dos programas integrados de Galicia.
No apartado 1 disponse expresamente que “Distínguense os tres seguintes tipos de Programas” cando logo se recollen catro tipos de programas coas letras A), B), C) e D), polo que este Comité solicita que se corrixa dito erro no texto do articulado de forma que se indique que se distinguen catro tipos de programas e non 3.
Sexta.- Artigo 3. Tipos e características dos programas integrados de Galicia.
No apartado 1.D) recóllense os “Programas integrados de emprego destinados a persoas desempregadas en situación ou risco de exclusión social atendendo aos criterios do artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, solicitados por entidades rexistradas no RUEPSS con carácter previo á publicación desta convocatoria”.
Este Comité considera que non deberían limitarse as subvencións desta orde ás entidades prestadoras de servicios socio comunitarios, dado que existen outros tipos de entidades que traballan con este colectivo de persoas en risco de exclusión social.
Sétima.- Artigo 3. Tipos e características dos programas integrados de Galicia.
Este Comité entende que non se debería impedir a participación simultánea noutras medidas activas de emprego, sempre que os horarios das mesmas sexan compatibles, xa que esta previsión limita as posibilidades de inserción das persoas participantes (apartado 2).
Oitava.- Artigo 3. Tipos e características dos programas integrados de Galicia.
No apartado 3 disponse que “Con carácter xeral, consideraranse persoas atendidas aquelas en que se acredite a súa participación en, cando menos, cinco sesións individuais (sesións de orientación, información, asesoramento e preparacións de entrevistas), e outras tres accións de distinta natureza, das previstas no programa. As sesións individuais deberán ser distribuídas regularmente ao longo do período de desenvolvemento das accións do programa e realizaranse, salvo xustificación de impedimento físico ou forza maior, de xeito presencial”
Este Comité solicita que se aclare se dentro das cinco sesións individuais poden entenderse incluídas as videoconferencias.
Novena.- Artigo 3. Tipos e características dos programas integrados de Galicia.
No apartado 4 indícase que “Tamén se considera inserción laboral cando inicien, durante este mesmo prazo de 12 meses ou dentro dos 3 meses inmediatamente posteriores, unha actividade por conta propia ou formando parte como persoas socias traballadoras ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral, que acade unha duración non inferior a seis meses”.
Este Comité considera que dentro desta apartado deberían incluírse as sociedades agrarias de transformación, de acordo coa Lei 6/2016, do 4 de maio, da economía social de Galicia.
Décima.- Artigo 4. Entidades beneficiarias.
Respecto da posibilidade de que as entidades con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro sexan beneficiarias destas axudas, este proxecto normativo engade o requisito de que inclúan nos seus estatutos como un dos seus fins ou obxecto social o acompañamento a persoas desempregadas ou a inserción no mercado laboral (apartado 1.b)
Este Comité considera que esta esixencia é moi restritiva e expulsa entidades que promoven a inserción de persoas desempregadas aínda que esa finalidade non figure expresamente non seus estatutos, polo que propón que se elimine.
Décima primeira.- Artigo 4. Entidades beneficiarias.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de que varias entidades sen ánimo de lucro poidan colaborar entre si e presentar un plan integrado conxuntamente, igual que fan os concellos coas súas agrupacións.
Décima segunda.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.
En referencia ao apartado 1 do artigo 12, chama a atención o diferencial da puntuación entre colectivos, especialmente no grupo A con respecto ao B (3 puntos de diferencial).
Entendendo que todos os colectivos teñen dificultades de inserción laboral, propoñemos que se manteña o mesmo diferencial que en convocatorias anteriores en relación á puntuación, no suposto de que todas as persoas usuarias do programas pertenzan a colectivos salientados nun mesmo grupo.
Décima terceira.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.
O comité considera que no punto 1. A. a, no apartado que se refire ao grupo A, debería introducirse as persoas maiores de 52 anos.
Décima cuarta.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.
O comité considera que no compromiso de inserción incluído na letra c) deste artigo, debería incorporarse unha puntuación que valore a inserción de mulleres en profesións con infrarrepresentación feminina e outra que valore a inserción a través do emprendemento feminino.
Décima quinta.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.
En relación cos obxectivos comprometidos en materia de inserción laboral, criterio de valoración especificado no apartado 1.c) deste artigo, obsérvase que se veu reducindo o peso deste criterio na puntuación total nas últimas convocatorias.
Este Comité non está de acordo con esta redución, máxime se ten en conta que este proxecto normativo ten por obxecto o financiamento de programas dirixidos á mellora da ocupabilidade e á inserción laboral e considera ademais que o cumprimento dos obxectivos comprometidos en materia de inserción laboral no mercado de traballo das persoas demandantes para atender, debería ter un maior peso na puntuación global.
Décima sexta.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.
Dada a natureza dos programas e respecto do apartado 1.d) deste artigo, este Comité considera que non se debería valorar o cofinanciamento que fan as entidades solicitantes, xa que o que están a facer é unha colaboración co servizo público.
Décima oitava.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.
O apartado 1.f) establece que “A experiencia acreditada, nos últimos cinco anos, no desenvolvemento de programas integrados para o emprego subvencionados polo Servizo Público de Emprego de Galicia (código de procedemento TR332A): ata un máximo de 3 puntos positivos ou negativos. Puntuarase o resultado das visitas de seguimento realizadas e os resultados dos cuestionarios de avaliación das persoas demandantes que recollan a súa satisfacción co desenvolvemento do programa facilitadas polo Servizo Público de Emprego de Galicia, por cada un deste conceptos poderase obter ata 1,5 puntos se a valoración é positiva e ata -1,5 puntos se é negativa”.
Este Comité considera que a inclusión dun criterio negativo pode inducir a distorsións na puntuación total. Por outra parte, non se fan explícitos os criterios obxectivos que definirían unha posible “valoración negativa”. Xa que logo, este Comité entende que se debería suprimir a valoración negativa prevista no punto 1.f) deste artigo.
Décima novena.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.
En canto á valoración da experiencia acreditada, nos últimos cinco anos, no desenvolvemento de programas integrados para o emprego, este Comité considera que se debería concretar o xeito en que se obtén a puntuación establecendo algún baremo ata o máximo dos 3 puntos posibles (tanto positivos como negativos), tal e como se fai respecto doutros criterios recollidos neste artigo 12.
Vixésima.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.
O apartado 1.h) valora con ata 2 puntos a utilización de tecnoloxías emerxentes no programa “valorándose a implementación nos programas de novas tecnoloxías non consolidadas tales como o emprego dunha IA (máximo 0,5 puntos), a xestión de BigData (máximo 0,5 puntos), o uso de tecnoloxía 3D (máximo 0,5 puntos) ou actividades relacionadas coa robótica (máximo 0,5 puntos). En ningún caso será valorable o emprego de redes sociais, servizos de mensaxería ou arquivos compartidos. Este criterio aplícase a xestión do programa, non ao emprego destas tecnoloxías por parte dos participantes nin a impartición de formación relacionada con estas materias”.
Este Comité considera que se debería concretar se o feito a valorar é o emprego desas tecnoloxías emerxentes na xestión do programa ou na propia formación a realizar polas persoas usuarias do programa debendo terse en conta, neste último caso, que determinados colectivos especialmente vulnerables dispoñen de un menor acceso e coñecemento previo das ditas tecnoloxías.
Vixésima primeira.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.
No apartado l) dos Criterios de adecuación do plan formativo ao mercado laboral dispón no terceiro parágrafo que “Considéranse especialidades con nivel medio de inserción as relacionadas coas seguintes familias profesionais: fabricación mecánica; transporte e mantemento de vehículos; edificación e obra civil; instalación e mantemento; agraria; industria alimentaria; marítimo pesqueira”
Este Comité quere sinalar que a familia profesional marítimo pesqueira é considerada dentro das ocupacións de difícil cobertura no catálogo estatal, polo que debería reconsiderarse como de nivel alto de inserción.
Vixésima segunda.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.
O apartado 1.l) valora con ata 5 puntos a formación en especialidades con nivel alto ou medio de inserción, segundo os últimos datos recollidos polo Servizo do Observatorio de Prospectiva do Mercado Laboral da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, relacionando a continuación que especialidades terán tal consideración.
Este Comité considera que soamente se están a especificar especialidades formativas deixando de lado a formación deseñada ad hoc nos programas de formación.
Vixésima terceira.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.
Entre os criterios de valoración non se inclúe o emprego da lingua galega na realización das actividades.
Este comité delegado entende que debería incluírse como criterio de valoración o emprego da lingua galega, para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciación do emprego do galego.
Vixésima cuarta.- Artigo 14. Gastos imputables.
No apartado 1.a) limítase o número máximo de persoas (persoal propio da entidade e contratado especificamente para o programa) que se poderá imputar economicamente con carácter xeral a 5, e o número máximo de persoas contratadas por conta propia como formadoras que se poderán imputar economicamente a 10.
Este Comité considera que a contratación como persoal formador debería incluír tanto a modalidade de contratación por conta propia como contratación por conta allea. Isto evitaría ter que recorrer á subcontratación para a impartición da formación, xa que penaliza ás entidades que contan con recursos propios para a execución dos programas.
Así, proponse permitir imputar un total de 15 persoas, sen fixar un máximo por cada modalidade de contratación.
Vixésima quinta.- Artigo 14. Gastos imputables.
O artigo 14.1.a), parágrafo 2, establece que a contía máxima da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será, para efectos salariais, a equivalente á necesaria para sufragar os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social, sen superar os 35.000 euros por persoa traballadora para unha dedicación laboral do 100% ao programa a xornada completa e correspondente a 14 pagas.
O comité considera insuficiente o importe da contía máxima subvencionable e solicita que sexa revisada adecuándose, como mínimo, ó IPC. De non ser o caso deberíase permitir que todo custo salarial recoñecido por convenio ou pacto por grupo profesional da entidade beneficiaria puidese formar parte do cofinanciamento esixido á entidade beneficiaria.
Vixésima sexta.- Artigo 14. Gastos imputables.
Dentro dos gastos xerais considéranse imputables os gastos de arrendamento, pero exclúese o leasing.
Este Comité non comparte a dita exclusión e pide que se xustifique, xa que o leasing, como o seu propio nome indica, é un arrendamento e non unha adquisición que, ademais, permite a imputación do gasto efectivamente dedicado a cada acción.
Vixésima sétima.- Artigo 15. Inicio e período de execución.
No apartado 1, parágrafo segundo establécese o seguinte: “Prazo de execución: abranguerá 12 meses contados desde a data de inicio establecida no anexo á resolución. Esta data tamén determinará o período computable para os efectos do cálculo das persoas demandantes atendidas no programa integrado para o emprego. No caso da inserción, non se computarán insercións durante os primeiros 30 días naturais da incorporación da persoa demandante ao programa (data da ficha de alta)”.
Pola súa banda, o artigo 3.5.f) sinala o seguinte: “Non se computarán como inserción laboral: f) Insercións que se produzan nos seguintes 15 días naturais á selección da persoa demandante”.
Este Comité solicita que se harmonizen ambos os dous artigos.
Vixésima oitava.- Artigo 16. Xustificación e pagamento.
No artigo 16 que regula a xustificación e pagamento prodúcese un cambio relevante na metodoloxía do anticipo da subvención xa que na Orde de 2025 o anticipo de oficio calculábase como o 65% do importe correspondente á segunda anualidade e no proxecto de 2026 o anticipo de oficio defínese como o 50% do importe total da subvención, con cargo á segunda anualidade antes do 31 de maio de 2027.
Así, no apartado 2 deste artigo prevé o aboamento de oficio, en concepto de anticipo, do 50% do importe total da subvención con cargo á segunda anualidade antes do 31 de maio de 2027.
Este Comité considera, primeiramente, que esa porcentaxe debería ser máis elevada, en liña co previsto noutras subvencións desta Consellería e nesta mesma Orde no 2025.
Por outra banda, non ten sentido falar de anticipo e ao mesmo tempo establecer como data límite para o pago de dito anticipo o 31 de maio de 2027, xa que as entidades estarían a financiar os programas de Emprego cos custes que isto conleva. Así, debería establecerse un anticipo con cargo ó orzamento do 2026 no momento en que se concede o programa e un segundo anticipo con cargo ó orzamento do 2027 no momento de iniciar o ano 2026.
Vixésima novena.- Artigo 16. Xustificación e pagamento.
Tal e como se recolle no apartado 3, “a subvención concedida está dividida en anualidades, tal e como se recolle no anexo á resolución correspondente. E cada un destes importes debe xustificarse obrigatoriamente na anualidade que ten asignada. No caso de non xustificarse na anualidade asignada, o importe que quede sen xustificar, suporá a perda do dereito ao seu cobramento”.
Este Comité considera que os importes asignados a cada anualidade deben ser consistentes co tempo de execución de cada unha delas.
Á vista das últimas convocatorias, obsérvase que se conceden os proxectos no último trimestre do ano e asígnase unha cantidade de gasto moi superior ao gasto que as entidades poden facer.
Este Comité considera que eses importes deberían poder sumarse ao gasto do ano seguinte. Hai que ter en conta que os gastos en formación, por exemplo, nos tres primeiros meses de execución sempre serán menores, ao centrarse nese tempo na selección das persoas participantes e prospección.
Trixésima.- Artigo 18. Seguimento das accións.
Este Comité considera que, no apartado 1 deste artigo, debería incluírse o que figuraba nas ordes de exercicios anteriores, que prevía a elaboración dun informe pola persoa responsable da visita que sería asinado por esta e pola persoa responsable da entidade, sen que isto implicase a conformidade desta última.
Trixésima primeira.- Artigo 19. Obrigas das entidades beneficiarias. Reintegro da subvención
No apartado 1.j) recóllese a seguinte obriga: “j) Cumprir co establecido no artigo 82 da Lei 4/2023, de 28 de febreiro, para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI”.
Este Comité considera que dito apartado debe ser redactado dunha forma mais clara engadindo a seguinte redacción: “non cometer, incitar ou promover LGTBI fobia, en cuxo caso non se tería dereito á subvención”.
Trixésima segunda.- Artigo 19. Obrigas das entidades beneficiarias. Reintegro da subvención
No apartado 3.a) disponse o seguinte: De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, os criterios de gradación do desconto ante posibles incumprimentos, que resultarán de aplicación para determinar a cantidade que finalmente deba percibir a entidade beneficiaria ou, de ser o caso, o importe que se deba reintegrar, serán os seguintes:
a) Non acadar a porcentaxe de inserción a que se comprometeu: desconto ou reintegro variable resultante dos cálculos realizados sobre a base da porcentaxe de inserción real”.
Este Comité considera dita redacción como insegura desde o punto de vista xurídico, polo que solicita que se aclare o que se entende por “variable”.
Trixésima terceira.- Artigo 19. Obrigas das entidades beneficiarias. Reintegro de subvención.
En relación ao artigo 19.1.f) este Comité solicita que dende a administración se motiven ou referencien normativamente como se elixe ese tipo de pólizas, as coberturas e as condicións esixidas nas pólizas de seguro e no seguro de responsabilidade civil tanto nos cursos de formación técnica como nas prácticas profesionais non laborais ou calquera outra actividade que se leve a cabo coas persoas demandantes dentro do PIE.
ANEXO I
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA e SN DE CCOO DE GALICIA.
Primeira.- Exposición de motivos.
No parágrafo segundo da exposición de motivos deste proxecto normativo vencéllase esta orde co eido do “Diálogo Social” entre o Goberno galego e os axentes económicos e sociais de Galicia.
As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que debería rectificarse este aspecto pola súa carencia de relación material co contido dunha orde que, substancialmente, e agás cativos retoques, vén sendo reprodución doutras anteriores.
Segunda.- Artigo 12. Criterios de valoración dos programas.
En relación coa consideración específica unánime décima quinta, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:
Con ocasión de anteriores proxectos normativos ditaminados por este Consello, nos que se introduciron cambios neste mesmo senso, a Administración explicou a substitución do criterio que outorgaba puntuación directa ao emprego do galego, pola avaliación do seu emprego unicamente no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.
É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea.
ANEXO II
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Primeira.- Artigo 1. Obxecto.
O apartado 2.b.3) deste artigo establece que a modalidade teleformación poderá supoñer, como máximo, un 40% da formación total enmarcada no Catálogo de Especialidades do Servizo Público de Emprego Estatal impartida no eido de cada programa.
Convén ampliar o límite ó 50%, de maneira que permita unha convivencia equilibrada entre a formación presencial/aula virtual e a teleformación, favorecendo unha maior flexibilidade na execución dos itinerarios formativos.
Deste xeito, melloraríase a participación de persoas con dificultades de desprazamento, cargas familiares, responsabilidades de coidados ou residencia en zonas con menor disponibilidade de oferta presencial, reforzando así a conciliación, a accesibilidade e a adaptación da formación ás necesidades reais das persoas participantes.
Segunda.- Artigo 14. Gastos imputables.
No artigo 14 sobre gastos imputables existe unha modificación substancial no límite admitido para a subcontratación da formación xa que mentres a orde de 2025 permitía subcontratar unicamente ata o 30% do custo final da actividade subvencionada, o proxecto de 2026 flexibiliza este límite, ampliándoo ata un máximo do 40% do custo final (apartado1. d.2).
Tendo en conta que as entidades beneficiarias son, entidades sen ánimo de lucro que necesitan subcontratar as actuacións formativas para poder levalas a cabo, a CEG propón aumentar a porcentaxe de subcontratación ao 50%, tal como se fixo nos últimos anos, coa excepción da convocatoria anterior na que se aplicou o límite do 30%. Este incremento é necesario debido a que a maioría das persoas destinatarias da actividade desexan recibir formación especializada, que as entidades na maioría dos casos non teñen certificada. É importante sinalar que a formación solicitada polos usuarios adoita ser altamente técnica e require instalacións e recursos que as entidades non posúen.
Terceira.- Artigo 3. Tipos e características dos programas integrados de Galicia.
O apartado 4 deste artigo establece que se entenderá por inserción laboral, aos efectos desta orde, o feito de que as persoas inicien durante un prazo dos 12 meses de execución do programa ou dentro dos tres meses seguintes unha actividade por conta propia ou formando parte dunha cooperativa ou sociedade laboral, que acade unha duración non inferior a seis meses.
No caso da contratación por conta allea ese prazo limítase aos 12 meses de execución do programa, polo que este Comité propón que tamén se inclúan estes supostos cando acontezan nos tres meses inmediatamente posteriores, independentemente da natureza xurídica da actividade que vaian a realizar.
Cuarta.- Artigo 3. Tipos e características dos programas de emprego de Galicia.
O apartado 5.b) establece que non computará como inserción laboral a contratación das persoas participantes nos programas da propia entidade beneficiaria da subvención ou por parte das entidades que concorresen á convocatoria agrupadas coa beneficiaria.
Tendo en consideración os fins de inserción laboral perseguidos pola Orde, debería ser indiferente que a entidade contratante sexa unha distinta ou a mesma que teña levado a cabo o programa de emprego e que contrate laboralmente a unha das persoas atendidas.
Por este motivo, a CEG considera que debería eliminarse esta exclusión ou, subsidiariamente, establecer algún límite cuantitativo, ao ter en conta ademais que, de acordo co artigo 4, as entidades beneficiarias deben reunir a condición de ser entidades con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro.
Quinta.- Artigo 3. Tipos e características dos programas de emprego de Galicia.
O apartado 5.d) exclúe como inserción laboral os contratos de interese social subvencionados a través de programas de cooperación con entidades locais ou entidades sen ánimo de lucro nin os contratos para a formación en alternancia cando se subvencionen os custos laborais a través dun programa mixto de formación e emprego (p.ex: obradoiros de emprego).
Esta exclusión impide recoñecer vías de inserción real e sostida, especialmente relevantes para colectivos vulnerables e para territorios rurais ou con escasa implantación empresarial, onde estas fórmulas son a principal porta de acceso ao emprego. Tamén penaliza a capacidade de inserción das propias entidades sociais.
Sexta.- Artigo 14. Gastos imputables.
O apartado c) deste artigo establece o dereito das persoas que participen no programa integrado de emprego a percibir unha bolsa de 10 euros por día de asistencia (presencial ou telemática) ás accións do programa.
A CEG considera que dita obriga debería substituírse pola previsión de que o dito importe sexa abonado directamente pola Consellería ou, no seu defecto, sexa abonado integramente como anticipo ás entidades executoras para non agravar as súas finanzas.
Sétima.- Artigo 18. Seguimento das accións.
Segundo o apartado 2 deste precepto: “transcorridos nove meses desde a finalización do prazo previsto para a execución dos programas comprobarase a correspondencia da inserción laboral co acreditado na liquidación da subvención En caso contrario, exixirase a devolución proporcional da subvención indebidamente percibida de acordo co previsto no artigo seguinte”.
Esta obriga coloca á entidade executante do programa integrado de emprego nunha situación de total inseguridade ao non recoller ningún tipo de salvidade respecto a posibles terminacións da relación laboral por causas totalmente alleas á entidade, sobre todo cando a duración das insercións solicitadas se incrementan tanto como se pretende no artigo 3, mencionado xa na consideración específica primeira deste anexo.
Polo exposto, a CEG considera que se debería introducir algunha salvidade que recolla esa circunstancia. Así, debería preverse o suposto das persoas formadas e insertadas que causen baixa de xeito voluntario por motivos alleos e non imputables á entidade contratante, de xeito que non se teñan en conta para os efectos deste apartado.