Ir o contido principal

Ditame 13/24

Enviado o Mér, 18/12/2024 - 12:45
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2024-2026 e se procede á primeira convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva para o financiamento de accións formativas do Sistema de Formación Profesional dos graos A, B e C, e competencias clave, para persoas traballadoras ocupadas, para o exercicio 2024.

I. ANTECEDENTES

O día 20 de xuño de 2024 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2024-2026 e se procede á primeira convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva para o financiamento de accións formativas do Sistema de Formación Profesional dos graos A, B e C, e competencias clave, para persoas traballadoras ocupadas, para o exercicio 2024. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

Segundo a exposición de motivos “A Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da Formación Profesional, estableceu un novo marco normativo que ten por obxectivo a constitución e ordenación dun sistema único e integrado de formación profesional.

A súa finalidade é regular un réxime de formación e acompañamento que sexa capaz de responder con flexibilidade aos intereses, expectativas e aspiracións de cualificación profesional das persoas ao longo da súa vida e ás competencias demandadas polas novas necesidades produtivas e sectoriais, tanto para o aumento da produtividade como para a xeración de emprego”.

 

Engade que “tendo en conta que actualmente non existe oferta formativa dirixida prioritariamente ás persoas traballadoras ocupadas conducente á obtención dun certificado profesional, e polas características destas formacións e polo perfil do alumnado participante, enténdese que un sistema que permita solicitar as accións formativas cando exista demanda constatada para a súa impartición é o modo máis idóneo de poñer en marcha esta liña de subvencións”.

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio anterior (publicada no DOG o día 8 de febreiro de 2023) e o ditame emitido polo Consello con data 23 de novembro de 2020 (Ditame 31/2022), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

 

Do novo proxecto normativo pódense destacar os seguintes aspectos:

Respecto da orde que regulaba as axudas  para as accións formativas dirixidas a persoas traballadoras ocupadas no ano 2023, obsérvase que este novo proxecto recolle unha liña de axudas diferente á publicada para o exercicio de 2023, debido ao cambio na normativa reguladora do sistema de formación profesional.

Así, as solicitudes destas axudas pasan a tramitarse mediante un procedemento de concorrencia non competitiva, como indica o artigo 3.

Establece o artigo 4 que as accións formativas para as cales se pode solicitar financiamento mediante subvención serán as correspondentes a aquelas ofertas de formación profesional dos graos A, B e C e  competencias clave que en cada convocatoria se determinen, así como os módulos transversais que se impartan asociados a estas.

O prazo que o artigo 16 establece para notificar a resolución fíxase nun mes desde a presentación da solicitude.

O prazo mínimo para incorporar a información requirida ao sistema SIFO redúcese de 5 a 3 días, segundo o artigo 19.

Polo que respecta aos dereitos e deberes do alumnado, obsérvase que o artigo 22 relaciona expresamente as faltas de asistencia que se poderán entender como xustificadas aos efectos de non incumprir a obriga de asistencia.

Por outra banda, e como recolle o artigo 24, as modalidades de impartición da formación serán a presencial e a virtual, non recolléndose xa a modalidade mixta. Ademais, establécese a obrigatoriedade de que as accións formativas dirixidas a impartir competencias clave se desenvolvan, en todo caso, na modalidade presencial.

En canto ás persoas destinatarias da formación, o artigo 26 non recolle xa a posibilidade de que obteñan a condición de persoa alumna as persoas desempregadas en determinados supostos, como viña acontecendo en ordes anteriores.

No tocante ao réxime de anticipos, prevese no artigo 36 a posibilidade de solicitar un anticipo do 60% unha vez notificada a resolución de concesión e acreditado o inicio da actividade formativa.

 

Segundo o artigo 37, a xustificación da subvención debe realizarse no prazo dun mes desde o remate das accións formativas fixando o artigo 47, respecto da primeira convocatoria, a data límite do 15 de decembro de 2024.

O artigo 39 recolle os supostos de incumprimento das obrigas que dan lugar a un reintegro, total ou parcial, das axudas concedidas.

O crédito asignado para esta primeira convocatoria ascende a 4.000.000€, tal e como establece o artigo 42.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 30 de setembro de 2025 ou, no seu caso, ata o esgotamento do crédito, segundo o artigo 43.

O artigo 44 fixa os números máximo e mínimo de participantes nas accións formativas; así, no caso de impartición presencial das accións contarase cun máximo de 15 persoas e un mínimo d 10 e, no caso da modalidade virtual, cun máximo de 30 persoas e mínimo 15.

Tal e como establece o artigo 45, as entidades interesadas deberán presentar unha única solicitude que poderá incluír ata un máximo de tres accións formativas para as que solicita subvención. Ademais, unha mesma entidade de formación non poderá ser beneficiaria dunha subvención que supere o 25% do crédito orzamentario dispoñible calculado en base á aplicación orzamentaria que lle corresponda.

Finalmente, en canto aos prazos de execución das accións, o artigo 46 sinala que deberán comezar no prazo máximo dun mes a contar dende a data de notificación da resolución de concesión, fixando como data límite para o remate das accións o 30 de novembro de 2024.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2024-2026 e se procede á primeira convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva para o financiamento de accións formativas do Sistema de Formación Profesional dos graos A, B e C, e competencias clave, para persoas traballadoras ocupadas, para o exercicio 2024” consta de: Exposición de motivos, corenta e oito artigos, cinco disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

 

O día 3 de xullo de 2024 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e nove consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

Contén así mesmo, en anexos, as consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime seguintes: unha xeral e unha específica manifestada polas Organizacións Sindicais (anexo I),  unha xeral e sete específicas manifestadas pola CEG (anexo II) e catro específicas manifestadas por UGT – Galicia e SN de CCOO de Galicia (Anexo III).

 

DITAME 13/2024

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2024-2026 e se procede á primeira convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva para o financiamento de accións formativas do Sistema de Formación Profesional dos graos A, B e C, e competencias clave, para persoas traballadoras ocupadas, para o exercicio 2024, da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, con data de rexistro de entrada neste Consello o 20 de xuño de 2024, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 3 de xullo de 2024, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

 

Primeira.

Este Comité considera que a formación para o emprego é un eixo vertebrador no desenvolvemento da vida económica, industrial e social e un instrumento esencial para garantir a formación ao longo da vida, a mellora da empregabilidade das persoas desempregadas, a necesaria adaptación dos traballadores e traballadoras e das empresas á unha sociedade baseada no coñecemento e o mantemento da capacidade profesional das persoas traballadoras, especialmente nos supostos de cambios e mutacións dos procesos produtivos.

 

Son as empresas, as persoas traballadoras e as súas respectivas organizacións representativas, as que mellor coñecen a evolución do tecido produtivo e das propias necesidades deste.

Cómpre destacar o papel que o mercado laboral desenvolve como demandante de competencias, especialidades e aptitudes profesionais, sendo as necesidades presentes e futuras do tecido produtivo o elemento dinamizador e orientador dunha correcta política formativa no eido profesional.

 

Este Comité postula a necesidade de afondar nun modelo de formación para o emprego que asegure as liñas programáticas seguintes:

 

• Incrementar a cualificación da poboación activa, xestionar as transicións

• Ofrecer novas oportunidades a persoas sen emprego así como actualizar e desenvolver as competencias das persoas traballadoras ocupadas, co fin de evitar a obsolescencia das súas competencias e preparalas para os cambios no mercado de traballo e a utilización das novas tecnoloxías e, deste modo, favorecer a mellora da competitividade das empresas e o mantemento e o crecemento do emprego e da súa calidade.

• Mellorar a calidade da formación para o emprego sobre a base da determinación das prioridades de formación e en función das necesidades detectadas, así como  o establecemento de fórmulas de avaliación do sistema.

• Apostar por unha formación para o emprego que apoie ás PEMES e ás persoas traballadoras con mais dificultades de acceso ó emprego.

• Garantir o carácter finalista dos fondos de formación; é dicir, que a formación para o emprego conte cun financiamento suficiente, con incorporación dos remanentes e reanualización dos fondos non realizados.

• Garantir que non existan períodos temporais sen convocatorias de plans de formación.

• Regular a participación dos axentes sociais na gobernanza do sistema: na detección de necesidades, na planificación e no seguimento e avaliación da formación para o emprego.

 

Segunda

Este comité observa que no artigo 19 empréganse as letras j e k na clasificación, impropias do alfabeto galego. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

 

Obsérvase que as cinco disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha dela, seguindo a estrutura empregada, neste senso, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2024. Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.

 

Por outra banda, proponse levar a cabo unha revisión da redacción do proxecto para correxir erros gramaticais como, por exemplo, “haber adquirido” no artigo 32.10.

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Primeira.-Exposición de motivos.

A primeira referencia que recolle a exposición de motivos, no seu parágrafo oitavo, ao Real Decreto 659/2023, do 18 de xullo, debería reproducir o título completo da norma, isto é, Real Decreto 659/2023, do 18 de xullo, polo que se desenvolve a ordenación do Sistema de Formación Profesional.

 

Segunda.- Artigo 5. Entidades beneficiarias.

Este proxecto normativo non indica, expresamente, que as entidades locais poidan obter a consideración de entidade beneficiaria.

Este Comité propón que se aclare se as ditas entidades poden ser beneficiarias das axudas e, en caso afirmativo, se recolla expresamente que para isto é requisito que teñan remitido as contas xerais de cada exercicio ao Consello de Contas, tal e como se establecía na orde anterior.

 

Terceira.- Artigo 16. Resolución.

O apartado 7 deste artigo, no seu parágrafo final, reproduce o mesmo contido que o xa recollido no apartado 2 do mesmo artigo, polo que procede suprimir o referido parágrafo.

 

Cuarta.- Artigo 21. Obrigas das entidades beneficiarias.

Este artigo, no seu apartado 9.a), esixe na modalidade presencial e na parte presencial da modalidade virtual, realizar o control de asistencia mediante o uso dun sistema de identificación seguro e unívoco baseado en código QR e/ou DNI-e.

 

Este Comité propón que se permita establecer, de maneira complementaria, o control de asistencia mediante sinatura, como acontecía en ordes anteriores, no caso de que algunha ou algunhas das persoas asistentes non dispoñan dos medios que require o control previsto no proxecto normativo.

 

Quinta. – Artigo 22. Dereitos e deberes do alumnado.

A redacción do apartado 5.c) no primeiro parágrafo do ítem I, está incompleto, polo que procede revisar a redacción.

 

Sexta.- Artigo 30. Módulos formativos transversais.

O apartado 3 deste artigo fai referencia ao número de horas de formación percibida, cando o correcto sería referise ao número de horas de formación recibida.

 

Sétima.- Artigo 31. Seguimento e control das accións formativas.

Segundo o apartado 3, nas sesións formativas impartidas mediante aula virtual poderán realizarse visionados e cruces de datos que permitan comprobar a exactitude e correspondencia entre os datos do rexistro de actividade que, para cada persoa alumna, consten no campus virtual e a información mecanizada polas entidades beneficiarias na aplicación informática COBIPE.

Engade que, de existir discrepancias entre ambas fontes de datos, consideraranse correctos a efectos do cómputo de horas de presenza do alumnado, os que teñan a súa orixe na información proporcionada polo campus virtual.

 

Este Comité propón que se prevexa que, en caso de discrepancia, se presumirán correctos os datos que teñan a súa orixe na información proporcionada polo campus virtual, permitindo en todo caso achegar acreditación do contrario.

 

Oitava.- Artigo 32. Formación en empresa

Segundo o apartado 6, a formación en empresa deberá desenvolverse en centros de traballo previa subscrición dun acordo entre a empresa e a entidade de formación. Este Comité considera que dentro do contido dese acordo debería especificarse a xornada que se vai a realizar pola persoa alumna e que, así mesmo, debería preverse a emisión dun certificado da formación realizada na empresa.

 

 

Novena.- Artigo 43. Solicitudes e prazos de presentación da primeira convocatoria.

Segundo este artigo, o prazo de presentación de solicitudes, a contar dende o día da entrada en vigor da orde, estará aberto ata o día 30 de setembro de 2025 ou, de ser o caso, ata que se esgote o crédito orzamentario dispoñible.

 

Pola súa banda, o artigo 46 fixa a data límite para o remate das accións formativas da primeira convocatoria será o 30 de novembro de 2024 e o artigo 47 sinala como data límite para a presentación da xustificación final do 15 de decembro de 2024.

 

Este Comité considera que se debe aclarar a fixación destes prazos xa que pode inducir a erro.

 

 

 

 

 

ANEXO I

 

 

CONSIDERACIÓNS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E S.N. DE CCOO DE GALICIA:

 

Consideración xeral

 

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que o actual modelo de formación para o emprego non garante a calidade da formación nin a súa viabilidade e continuidade para satisfacer as demandas do tecido produtivo, a mellora da competitividade e de cualificación ao longo da vida das persoas traballadoras.

 

Na actualidade non existe un sistema  que facilite a participación dos axentes sociais no xerme da formación, no establecemento dos obxectivos de cualificación das persoas e, aínda menos, na distribución dos recursos que se xeran coa aportación de empresas e persoas traballadoras, ao que se debe engadir o descoñecemento na execución e aplicación de fondos e, no seu caso, o remanente da última convocatoria.

 

 

Consideración específica:

 

Artigo 26. Persoas destinatarias da formación e definición de persoa alumna

Segundo o apartado 3.e), poderán solicitar participar nas accións formativas persoal ao servizo das Administracións Públicas ata o límite dun 10% do total de participantes certificados na xustificación do expediente.

 

Este Comité considera que se debería eliminar esa previsión, posto que existen accións formativas dirixidas especificamente a ese persoal e o orzamento para estas accións formativas é insuficiente.

 

 

 

 

ANEXO II

 

 

CONSIDERACIÓNS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

 

Consideración xeral:

Este Comité considera que os trámites previstos na orde conlevan unha excesiva carga burocrática para os centros de formación polo que sería necesario simplificar eses trámites.

 

 

Consideracións específicas:

 

Primeira.- Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación.

No proxecto de Orde non existe unha priorización das especialidades (accións formativas curtas), alleas aos certificados de profesionalidade. O espírito da formación de ocupados foi sempre que os traballadores puidesen perfeccionar aquilo que consideraban útil para o seu traballo.

Sen desmerecer a formación encamiñada á obtención de certificados de profesionalidade sería necesario incorporar no ámbito da Orde outras accións formativas alleas aos certificados de profesionalidade (incluido outro anexo coa priorización das especialidades).

Segunda.- Artigo 8. Documentación complementaria.

Na solicitude debe incluírse xa a relación de alumnado. Este Comité considera que debería eliminarse esta obriga. Non semella correcta a esixencia de identificar polo menos a 10 persoas interesadas na acción formativa no momento da solicitude. O normal é captar unha vez que se teñan os fondos para facer publicidade. Supón unha maior burocracia, xa que en moitos casos as manifestacións de interese poden non ser reais.

 

Terceira.- Artigo 21. Obrigas das entidades beneficiarias.

Segundo o apartado 21 deste artigo, esixe ás entidades beneficiarias realizar cando menos unha sesión de orientación profesional para favorecer a xeración de itinerarios formativos e profesionais das persoas destinatarias da formación.

 

Esta sesión supón unha importante carga administrativa e esixe dispoñer de persoal cualificado para levala a cabo, polo que este Comité considera que debería incluírse dentro dos gastos subvencionables.

 

Cuarta.- Artigo 24. Modalidade de impartición.

O apartado 6 deste artigo establece que non se computarán como asistidas aquelas sesións nas que o alumnado non teña acesa a cámara web.

O artigo 31.3 reitera isto mesmo ao esixir que todas as persoas participantes dispoñan de cámara que deberá estar acesa e en uso durante todo o tempo de duración das sesións formativas.

A CEG considera que esta previsión non está a ter en conta a posibilidade de que se produzan incidencias técnicas non imputables á persoa alumna e que non deberían considerarse como un incumprimento das súas obrigas, por isto deberían incorporarse como supostos de excepción á devandita obriga.

Quinta.- Artigo 26. Persoas destinatarias da formación e definición de persoa alumna.

A CEG propón que se recupere a previsión contida en ordes anteriores que reservaba un cupo de participación para persoas desempregadas de ata o 30% do número de persoas participantes programadas.

Sexta.- Artigo 30. Módulos formativos transversais.

O apartado 2 deste artigo establece a posibilidade de que se unha persoa alumna non pode asistir a algunha sesión presencial do curso básico de prevención de riscos laborais, a dita sesión poida impartirse nunha segunda ocasión, con anterioridade á data de remate da acción formativa.

A CEG propón que os custos asociados á realización desa sesión teñan a consideración de custo subvencionable.

Sétima.- Artigo 32. Formación en empresa.

Segundo o apartado 4 deste artigo, a formación en empresa ou organismo equiparado terá sempre natureza formativa e non laboral, sen prexuízo daquelas normas do ámbito laboral que lle sexan de aplicación.

A CEG considera que se debería especificar a normativa laboral concreta que resultaría de aplicación durante a formación, para dotar a esta previsión dunha maior seguridade xurídica.

 

ANEXO III

 

 

CONSIDERACIÓNS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E S.N. DE CCOO DE GALICIA:

 

 

 

Primeira.- Artigo 4. Convocatorias.

Este Comité considera que a elaboración da oferta formativa debería ser competencia das organizacións sindicais e empresarial, xa que son fieis coñecedoras das necesidades reais de cualificación.

 

Segunda.- Artigo 5. Entidades beneficiarias.

Este artigo prevé que poidan ser beneficiarias das axudas as entidades e centros de formación que cumpran determinados requisitos sen requirirse, como acontecía en ordes anteriores, que as entidades beneficiarias sexan titulares de centros ou entidades de formación, o que posibilita que se beneficien desta subvención entidades que recorran á subcontratación total da actividade.

 

Este Comité considera que se debe esixir que as entidades beneficiarias sexan titulares de centros para evitar a subcontratación total da actividade e garantir a calidade na formación.

 

Terceira.- Artigo 5. Entidades beneficiarias.

Este Comité propón recuperar o requisito que esixía a orde anterior polo que aquelas entidades que contaran con máis de 50 persoas traballadoras e estiveran, polo tanto, obrigadas a ter un plan de igualdade, acrediten que efectivamente dispoñen del ou, en determinados supostos, están a negocialo.

 

Cuarta.- Artigo 27. Selección do alumnado.

Segundo o apartado 1, a selección do alumnado participante nas accións formativas será realizada pola entidade beneficiaria.

 

Este Comité propón que se recupere a previsión da norma anterior, segundo a cal esta selección se facía entre as persoas traballadoras que soliciten a súa participación en cada acción formativa.

Número ditame
13