Ir o contido principal

Ditame 14/2026

Enviado o Mér, 21/10/2026 - 08:31

Ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026

I. ANTECEDENTES

 

O día 4 de setembro de 2026 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito do Servizo de Programas de Cooperación da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento TR352B).

 

Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

Segundo a exposición de motivos, “na presente convocatoria recóllense de maneira única e exclusiva aquelas liñas de axuda que teñen por obxecto a dinamización do emprego no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da subvención para a contratación ou prórroga da contratación de axentes de emprego e unidades de apoio por parte das entidades sen ánimo de lucro de carácter social que, en execución das políticas activas de emprego, establezan accións específicas de conformidade cos seus estatutos, para a inserción das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social, persoas con especiais dificultades de inserción socio-laboral, como un programa autonómico”.

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para o exercicio 2025, publicada no DOG núm. 161, do 25 de agosto de 2025 e o ditame emitido polo Consello con data 23 de xuño de 2025 (ditame 15/25), obsérvase que a Consellería non respostou e non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas unanimemente polas organizacións sindicais e empresarial.

 

A estrutura normativa mantense substancialmente inalterada: ambos os textos conteñen 22 artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

 

Non obstante, o proxecto de 2026 introduce determinadas modificacións que, aínda que en boa parte son de actualización anual ou de técnica normativa, si producen efectos xurídicos ou procedementais diferenciados.

 

A Exposición de motivos introduce un parágrafo novo, que non figuraba no texto da Orde de 2025:

“O deseño e execución das políticas de emprego (...) deben rexerse polos principios de igualdade e non discriminación, asegurando que todas as persoas, independentemente do seu xénero, raza, relixión, idade, discapacidade e demais características, teñan as mesmas oportunidades ante o emprego”.

 

É unha nova fundamentación material da política pública, reforzando os principios de igualdade, inclusión e non discriminación.

Non obstante, ao estar situada na parte expositiva e non no articulado, a súa eficacia normativa directa é limitada, salvo que sexa empregada como criterio interpretativo das disposicións posteriores.

 

No artigo 6 referente á presentación de solicitudes, apartado 6.c) modifícase o apartado no senso de engadir a preposición “e” ao “ou”, quedando redactada como segue:

“c) O conxunto de todas as solicitudes de axudas efectuadas e/ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes”.

 

Ademais, no artigo 6 introdúcese un novo apartado, o 7, coa seguinte redacción:

“7. Forma parte da solicitude a memoria que se contén nesta e que fai constar os seguintes aspectos: descrición dos obxectivos perseguidos coa contratación, as accións e actividades que teña que desempeñar a persoa contratada como axente de emprego e as unidades de apoio administrativas, de ser o caso; así como, se é o caso, un breve resumo comprensivo dos obxectivos acadados polas persoas contratadas como axentes con cargo ás axudas do exercicio anterior, en relación coas iniciativas empresariais xeradas e coa inserción laboral das persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, como consecuencia da súa actuación”.

 

No artigo 7 referente á documentación complementaria:

  • Modifícase o apartado 1 en el inicio eliminando expresamente: “que deberá anexarse electronicamente, salvo nos casos recollidos no número 3 deste artigo, en que poderá identificar a entidade solicitante como información accesible, de xeito que a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais poderá acceder á dita documentación sen que sexa presentada pola entidade solicitante”.
  • Elimínase por completo o apartado 1.c) relativo á memoria que fundamenta a solicitude.
  • Tamén se modifica o apartado 2 in fine: “De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega”, eliminando “con anterioridade á formulación da proposta de resolución”.
  • Elimínase integramente o apartado 5: “No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia”. Desaparece así o réxime especial para documentos que superen o tamaño ou formato admitido.
  • E o apartado 6 pasa agora a ser o novo apartado 5 pero substitúe “un único requerimento” por “un requerimento”.

 

No artigo 9 que regula a comprobación de datos inclúese un novo apartado: “g) Comprobación de subvencións e axudas públicas concedidas”.

 

No resto do texto hai pequenas modificacións terminolóxicas e de anualidades que agora son 2026-2027, sen incidencia xurídica e normativa.

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

 

II. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento TR352B)” consta de: Exposición de motivos, 22 artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

 

O día 18 de setembro de 2026 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións xerais e catorce consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

Contén, así mesmo, como anexos as consideracións específicas non unánimes seguintes: catro manifestadas polas organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais (Anexo I) e cinco manifestadas pola CEG (Anexo II).

 

DITAME 15/2025

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento TR352B), e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 18 de setembro de 2026 acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

 

Primeira.

Con data desta xuntanza, 18 de setembro de 2026, este Comité ten coñecemento de que neste mesmo día publícase no Diario Oficial de Galicia núm. 178 a Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento TR352B) sen que a citada disposición tivera sido informada preceptivamente con carácter previo polo Consello Galego de Relacións Laborais, tal e como esixe a normativa aplicable.

 

En particular, cómpre lembrar que o artigo 3 da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais e o artigo 17 e Anexo da Resolución do 23 de outubro de 2008 pola que se dispón a publicación do regulamento interno de organización e funcionamento do Consello Galego de Relacións Laborais establecen a preceptiva intervención deste organismo nos termos previstos na súa normativa reguladora.

 

Para maior abondamento, este Comité deixa igualmente constancia de que a versión da Orde posteriormente publicada no Diario Oficial de Galicia non se corresponde coa versión V3 que foi remitida a este organismo para a emisión do correspondente ditame. Así mesmo, constátase que na plataforma de licitacións figura unha versión posterior e máis ampla do texto, na que se incorporan modificacións que non foron sometidas ao coñecemento e valoración deste Consello. En concreto, a versión finalmente publicada no DOG incorpora un artigo 2.5 e un artigo 5.7 que non figuraban na versión V3 remitida a este organismo para ditame, polo que se trata de previsións novas que non foron obxecto do preceptivo trámite de informe por parte do Consello Galego de Relacións Laborais.

 

Finalmente, este Comité quere deixar constancia expresa de que a Orde publicada no DOG recolle de forma expresa na Exposición de Motivos “En consecuencia, informado ao Consello Galego de Relacións Laborais”, intentado con esta fórmula substituír a referencia ao informe preceptivo que este organismo debe emitir e que a Consellería debe esperar antes de continuar coa tramitación da publicación da respectiva orde. Esta expresión non pode equipararse, nin desde o punto de vista formal nin material, á efectiva emisión do informe preceptivo por parte deste organismo, nin permite ter por cumprido o trámite legalmente establecido cando a publicación da disposición se produce sen que o correspondente ditame fose emitido.

 

En consecuencia, a publicación da Orde con carácter previo á emisión do preceptivo ditame, así como a incorporación na versión definitiva de previsións non incluídas no texto sometido ao coñecemento deste organismo, determinan que non se respectase o trámite de intervención preceptiva do Consello Galego de Relacións Laborais nos termos establecidos pola normativa aplicable.

 

Á vista do exposto, e sen prexuízo das consideracións que procedan respecto da tramitación seguida pola Administración, este Comité de Ditames procede a emitir o correspondente Ditame 14/2026, en cumprimento das funcións que legalmente ten atribuídas.

 

Segunda.

Este Comité considera que a xustificación que figura no parágrafo cuarto da exposición de motivos para exclusivizar a axuda deste programa ás entidades prestadoras de servizos sociais para a discapacidade e o risco de exclusión social (o marco de axuste económico) non garda relación cos obxectivos e finalidade da orde recollidos no artigo 1.

 

Entendemos que se debería recuperar o criterio de que poidan participar no programa todas as entidades sen ánimo de lucro e, en consecuencia, que se estableza un incremento na contía do orzamento para dar acollida a estas entidades, ao considerar que o incremento orzamentario segue a ser insuficiente.

 

Terceira.

Este Comité observa que, no artigo 6, empréganse as letras j e k na clasificación, impropias do alfabeto galego. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

En canto ás disposicións adicionais, obsérvase que non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha dela, seguindo a estrutura empregada, neste senso, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2024. Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.

Finalmente, as disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.

Cuarta.

Este Comité considera que, á vista dos últimos proxectos normativos remitidos para ditame, procede engadir neste proxecto un artigo sobre a canle de denuncias a disposición das persoas que teñan coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade.

 

Isto obsérvase, entre outros, no proxecto de Orde pola que se aproban as bases reguladoras para promover a primeira experiencia profesional das persoas mozas menores de 30 anos mediante contratos formativos, Talento 30, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

 

Primeira.- Artigo 4. Funcións das persoas contratadas como axentes de emprego e/ou unidades de apoio.

Este Comité considera que debería incluírse neste artigo unha definición do que se entende por colectivo en risco de exclusión social.

 

Segunda. –Artigo 5. Subvención: contía.

Este Comité considera necesario incrementar a subvención ata o 3,5% do IPREM para os axentes de emprego e ata o 3% do IPREM no caso das unidades de apoio.

 

En consecuencia, debe incrementarse así mesmo o importe global do orzamento previsto no artigo 2.

 

Terceira. –  Artigo 5. Subvención: contía.

Segundo o apartado 6 deste artigo, non se considera custo salarial subvencionable o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1º.c) do Estatuto das persoas traballadoras.

 

Este Comité considera que debería incluírse entre os conceptos subvencionables a devandita indemnización, tal e como recolle a Orde TES/106/2024 e o Regulamento (UE) 2021/1060.

 

Cuarta.- Artigo 6. Presentación de solicitudes.

Segundo o disposto no apartado 6.a) deste artigo, forma parte da solicitude a declaración responsable na que se debe facer constar que a entidade beneficiaria, está ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

 

Este Comité vén propoñendo que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “outra débeda”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia e considera, ao respecto, que procede recoller expresamente no texto da orde o sinalado na resposta remitida pola Consellería respecto ao ditame 19.23 (emitido sobre a Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de corta duración que se desenvolvan por parte das entidades beneficiarias, e se convoca para 2023-2024), na que se indica que tanto na fase de presentación de solicitudes como na de liquidación, de existir débedas pendentes procédese a efectuar requirimento de oficio á solicitante para que emenden a situación.

 

Quinta.- Artigo 7. Documentación complementaria.

Este Comité solicita que se valore a posibilidade de establecer neste caso excepcións da obriga de presentación electrónica engadir un apartado de excepcións técnicas, por exemplo, coa seguinte redacción:«Quedarán exentos da obriga de presentación por medios electrónicos aqueles documentos, informes ou proxectos que, pola súa configuración técnica, requiran extensións de ficheiro non soportadas polos estándares de interoperabilidade da Administración, ou cuxo tamaño e complexidade fagan necesaria a súa achega en soporte físico analóxico ou dixital de xeito presencial para garantir a súa integridade e correcta valoración.»

 

Sexta.- Artigo 11. Procedemento e criterios de valoración.

Neste artigo recóllense os criterios a valorar outorgándose, segundo os casos, ata 5, ata 10 ou ata 15 puntos.

 

Este Comité considera que debería concretarse o sistema de atribución de puntos, distribuíndoos como se fai nas letras b) e c) do apartado 4, para unha maior obxectivación dos criterios.

 

Sétima. - Artigo 11. Procedemento e criterios de valoración.

Este Comité considera que debería recuperarse a posibilidade de sumar un punto adicional cando os proxectos impliquen, no seu deseño e execución, outros organismos ou entidades do contorno, ou ben actores sociais presentes no territorio, xa que implica a participación dos axentes que realmente coñecen a realidade dun territorio.

 

Oitava. - Artigo 11. Procedemento e criterios de valoración.

O apartado 4.f) establece que “valorarase (...)A eficacia na xestión e execución dos proxectos daquelas entidades que participaron en convocatorias anteriores: 5 puntos, puntuando negativamente unha mala xestión por parte da entidade, para o que se terán en conta as incidencias na verificación de axudas anteriores producidas por causas imputables á entidade”.

 

Este Comité considera que a inclusión dun criterio negativo pode inducir a distorsións na puntuación total.

 

Por outra parte, deben facerse explícitos os criterios obxectivos que definirían unha posible “mala xestión”, debendo clarificarse que situacións darían lugar a unha puntuación negativa.

 

Xa que logo, este Comité entende que se debería suprimir esa valoración negativa.

 

Novena.- Artigo 11. Procedemento e criterios de valoración.

Este Comité Delegado entende que debería cumprirse coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de Subvencións de Galicia que, no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

 

Décima.- Artigo 13. Resolución.

Este Comité considera que o prazo fixado neste artigo para resolver e notificar debería reducirse de 3 a 2 meses, para evitar interrupcións nos servizos e mellorar a planificación das entidades.

 

Décima primeira.- Artigo 18. Avaliación das actividades levadas a cabo polas persoas axentes de emprego e Artigo 20. Xustificación e pagamento.

Respecto á documentación xustificativa, este Comité propón crear un formulario único de memoria de resultados para avaliar insercións, proxectos apoiados e impacto territorial.

 

Ademais, considérase que procede establecer indicadores comúns de rendemento para todas as entidades beneficiarias e integrar Xatemprego co sistema Emprego Galicia para facilitar a xestión das ofertas de emprego.

 

Décimo segunda.- Artigo 21. Obrigas das entidades beneficiarias.

Este Comité considera que se debería incluír a esixencia de que se cumpra a normativa laboral e o convenio colectivo aplicable.

 

Décimo terceira.- Artigo 22. Perda do dereito ao cobramento e reintegro.

No apartado c), in fine, debería corrixirse un erro de forma, de maneira que, onde se indica «procederá a perda total do dereito ao cobramento da subvención», debería dicir «procederá a perda total ou parcial do dereito ao cobramento da subvención».

 

Esta corrección resulta necesaria tendo en conta que o citado apartado regula diferentes porcentaxes de atraso ás que se vincula, respectivamente, a perda do dereito ao cobramento de determinadas porcentaxes do gasto subvencionado, polo que a consecuencia prevista pode ser tanto a perda total como parcial do dereito ao cobramento da subvención.

 

Décimo cuarta.- Anexos.

Este Comité considera que se deberían unificar os anexos nun único formulario PDF editable e intelixente, co fin de reducir erros e facilitar a tramitación.

 

ANEXO I

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT -GALICIA E SN. DE CC.OO. DE GALICIA:

 

Primeira. -Artigo 5. Subvención: contía.

Respecto das contías previstas neste artigo, as organizacións sindicais que integran este Comité consideran que o conxunto dos incentivos non deberían superar, en ningún caso, unha contía equivalente ao custo da Seguridade Social xerado pola persoa contratada.

 

Segunda. Artigo 11.-Procedemento e criterios de valoración.

En relación coa consideración específica unánime sétima, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

 

A Administración explica a substitución do criterio que outorgaba ata 5 puntos ao emprego do galego pola súa avaliación, unicamente, no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

 

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i á que alude o devandito escrito da Comisión Europea, polo que consideramos que debe puntuarse directamente o criterio de utilización da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos.

 

Terceira. Artigo 11.-Procedemento e criterios de valoración.

No apartado 4.b) outórganse ata 10 puntos aos proxectos que acrediten un maior nivel de inserción laboral, establecéndose que, no caso de contratación temporal, a puntuación será de 5 puntos.

 

As organizacións sindicais consideran que debería recuperarse a previsión contida na regulación anterior, na que unicamente se valoraba a contratación indefinida, por entender que esta modalidade contractual garante un maior grao de estabilidade no emprego.

 

Por outra banda, desde unha perspectiva técnico-xurídica, cómpre revisar a referencia á «contratación temporal», na medida en que a reforma laboral operada polo Real decreto lei 32/2021, do 28 de decembro, modificou substancialmente o réxime da contratación de duración determinada. O artigo 15 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores establece actualmente que o contrato de traballo se presume concertado por tempo indefinido e limita os contratos de duración determinada aos supostos de circunstancias da produción ou de substitución de persoa traballadora.

 

En consecuencia, considérase procedente substituír a referencia xenérica á «contratación temporal» por unha formulación acorde coa normativa laboral vixente e, de ser o caso, referida especificamente aos contratos para a mellora da ocupabilidade e a inserción laboral vinculados aos programas de activación para o emprego, cando estes resulten aplicables. A disposición final segunda do Real decreto lei 32/2021 contempla expresamente este tipo de contratos no marco dos programas de activación para o emprego.

 

Así mesmo, debería valorarse a recuperación da previsión que outorgaba a máxima puntuación exclusivamente á contratación indefinida, co obxecto de que os criterios de valoración resulten coherentes co principio de estabilidade no emprego que informa o actual modelo de contratación laboral.

 

Cuarta. -Artigo 14. Selección e contratación de axentes de emprego e de unidades de apoio.

Este artigo permite, á entidade beneficiaria, empregar o procedemento de selección que consideren máis axeitado. Á vista disto, as organizacións sindicais que integran este Comité consideran, tal e como se vén formulando respecto doutras ordes, que a única modalidade debería ser a de selección a través do Servizo Público de Emprego.

 

ANEXO II

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

 

 

Primeira.- Artigo 5. Subvención: contía.

A CEG considera que se debería habilitar unha partida específica para financiar os gastos de desprazamento dos e das axentes de emprego derivados do exercicio das funcións que lles asigna esta orde.

 

Segunda.- Artigo 11. Procedemento e criterios de valoración.

O apartado 4.a) valora, con ata 15 puntos, as solicitudes de axudas concedidas no exercicio 2025 para a prórroga da contratación.

 

A CEG entende que se debería reducir o peso deste criterio, que representa o 30 % da puntuación total, e valorar os proxectos máis pola súa eficacia e resultados que pola súa continuidade.

Pola contra, proponse reforzar o peso da inserción laboral efectiva e demostrable de persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión.

 

Terceira.- Artigo 11. Procedemento e criterios de valoración.

A CEG propón introducir criterios que premien a innovación social, a colaboración con empresas e a coordinación institucional, así como incorporar un criterio específico de igualdade de xénero e accións positivas neste ámbito.

 

Cuarta.- Artigo 11. Procedemento e criterios de valoración.

O apartado 4.f) deste artigo, prevé unha puntuación negativa en caso de mala xestión por parte da entidade para o que se terán en conta as incidencias na verificación  de axudas anteriores.

 

A CEG considera que se debería especificar as convocatorias anteriores que poderán ser obxecto de análise a estes efectos.

 

Quinta.- Artigo 11. Procedemento e criterios de valoración.

No apartado 4.b) inclúese, como criterio de valoración, o nivel de inserción laboral mediante a contratación indefinida outorgando, a continuación, diferentes puntuacións segundo a contratación sexa indefinida ou temporal e dando, polo tanto, cabida a esta última. En consecuencia, a CEG considera que, en coherencia, debe adaptarse a redacción indicada facendo referencia, tamén, á contratación temporal na primeira oración deste apartado do artigo 11.

 

Por outra parte, considérase que podería establecer un criterio de desempate máis adecuado que o da entrada da solicitude na sede: Terán preferencia as solicitudes de entidades que integren a un maior número de contratacións e/ou prórrogas de profesionais. Outra posibilidade sería: O maior número de persoas con discapacidade e/ou en situación ou risco de exclusión social.

Número ditame
14