I. ANTECEDENTES
O día 3 de setembro de 2025 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas do Sistema de Formación Profesional dos graos A, B ou C, competencia deste departamento, ou de formación no traballo do Catálogo de Especialidades Formativas do Servicio Público de Emprego Estatal correspondentes aos exercicios 2024 e 2025 (código de procedemento TR301V).
Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
A exposición de motivos recorda que “A Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de Formación Profesional para o emprego no ámbito laboral, contempla a planificación e o financiamento do sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, a programación e execución das accións formativas, o control, o seguimento e o réxime sancionador, así como o sistema de información, a avaliación, a calidade e a gobernanza do sistema”.
Segundo o seu artigo 1, o obxecto desta orde é regular o réxime da concesión directa de subvencións por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en concepto de bolsas e axudas para as persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas do Sistema de Formación Profesional dos graos A, B ou C, ou de especialidades formativas do Catálogo de Especialidades Formativas do Servicio Público de Emprego Estatal, financiadas pola dita consellería (código do procedemento TR301V). Non se inclúe no ámbito de aplicación da orde a formación impartida nos programas integrados de emprego, nos obradoiros de emprego, nas accións formativas financiadas con fondos procedentes do Mecanismo para a Recuperación e Resiliencia ou con fondos provenientes da Unión Europea.
Por medio da orde convócanse as subvencións referidas ás accións formativas que se inicien no período comprendido entre o 1 de novembro de 2025, día da entrada en vigor da orde remitida e o 31 de outubro de 2026 (ambos inclusive).
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio anterior, publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG), número 230, do día 28 de novembro de 2024 e o ditame emitido polo Consello con data 23 de setembro de 2024 (Ditame 17/2024), obsérvase que só se tivo en conta unha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
O novo proxecto normativo presenta as seguintes modificacións respecto da orde anterior:
Se mantén o crédito total destinado a estas axudas, segundo prevé o artigo 2.
O artigo 3 esixe ás persoas beneficiarias das bolsas e axudas estar inscritas como desempregadas no Servizo Público de Emprego de Galicia na data de inicio da acción formativa. Na orde anterior, ese requisito debía cumprirse na data de validación da acta de selección do alumnado polas oficinas de emprego.
Engádese un artigo 27 no que se listan os anexos da orde.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas do Sistema de Formación Profesional dos graos A, B ou C, competencia deste departamento, ou de formación no traballo do Catálogo de Especialidades Formativas do Servicio Público de Emprego Estatal correspondentes aos exercicios 202 e 2026 (código do procedemento TR301V)” consta de: Exposición de motivos, vinte e sete artigos, dúas disposicións adicionais, unha transitoria e dúas finais.
O día 11 de setembro de 2025 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e trece consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.
|
DITAME 16/2025 |
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas do Sistema de Formación Profesional dos graos A, B ou C, competencia deste departamento, ou de formación no traballo do Catálogo de Especialidades Formativas do Servicio Público de Emprego Estatal correspondentes aos exercicios 2025 e 2026, da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, con data de rexistro de entrada neste Consello o 3 de setembro de 2025 e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 11 de setembro de 2025, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira.
Tendo en conta a natureza das axudas e a situación das persoas beneficiarias, este Comité considera que a pesar da contestación da Consellería indicando que ese departamento avanzou durante o último ano na automatización das tarefas administrativas propias do proceso de tramitación das solicitudes, segue sendo necesaria a axilización do procedemento para que se realice coa maior celeridade posible.
Segunda.
No texto do proxecto de orde sometido a ditame figura no artigo 14 o establecemento dunha obriga de colaboración para as entidades, centros e empresas que reciban fondos públicos para o desenvolvemento das accións de formación.
Este Comité entende que se está a esixir a asunción dunha responsabilidade que excede das funcións das entidades e que, ademais, non se vería compensada. Por isto, propón que se elimine ese artigo 14 ou, subsidiariamente, se estableza esa colaboración como voluntaria e compensada de forma remunerada e, en todo caso, se suprima o seu apartado 3, tal e como establece o artigo 23.1 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, onde se establece que “as entidades beneficiarias colaborarán na xestión destas bolsas e axudas nos termos que establezan as convocatorias”.
Terceira.
En canto ás disposicións adicionais, obsérvase que non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha dela, seguindo a estrutura empregada, neste senso, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2025-2026. Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira.- Artigo 2. Financiamento.
Se mantén o crédito total destinado a estas axudas, segundo prevé o artigo 2. Este Comité considera que debe incrementarse o crédito asignado a esta convocatoria.
Segunda.- Artigo 3. Persoas beneficiarias.
O artigo 3, apartado 2, parágrafos 2 e 3 indican que tamén poderán obter a condición de beneficiarias as persoas traballadoras que, tendo a condición laboral de ocupadas no momento de validación da acta de selección polas oficinas de emprego naqueles procedementos e supostos en que estea permitida a participación de persoas traballadoras ocupadas, adquiran a condición de persoas traballadoras desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego durante o período de desenvolvemento da acción formativa. Neste caso, só terán dereito a percibir as axudas que lles poidan corresponder desde o primeiro día do mes seguinte a aquel en que adquiran a condición de persoa desempregada.
Este Comité estima que estas persoas deberían ter dereito ás axudas que lles poidan corresponder desde o día que en xeren o dereito a dita axuda, é dicir, desde o día en que adquiran a condición de persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego.
Terceira.- Artigo 5. Bolsas de asistencia para persoas con discapacidade e membros integrantes de familias numerosas ou familias monoparentais.
O artigo 5, apartado 4 establece que no caso de que dúas persoas conviventes pertencentes a unha mesma unidade familiar participen na mesma acción formativa, só se abonará a axuda por familia numerosa a unha delas.
Este Comité opina que este parágrafo debe ser modificado no senso de que se abonen as axudas a cada un das dúas persoas conviventes pertencentes a unha mesma unidade familiar, tendo en conta que se trata dun dereito que se xera independentemente.
Cuarta.- Artigo 7. Axudas de transporte.
Os apartados a) e b) do apartado 1 deste artigo fixan en 1,5€ a axuda de transporte público tanto urbano como interurbano.
Este Comité, tendo en conta o sistema de transporte público galego e a dispersión poboacional no territorio, considera necesario que a contía destinada a sufragar o transporte interurbano sexa superior á prevista para o transporte urbano.
Ao respecto, este Comité quere sinalar que, independentemente dos esforzos realizados pola Consellería trasladando ao Ministerio competente a necesidade de incrementar dita contía, se debe seguer solicitando a suba a nivel estatal.
Ademais, este Comité quere engadir que existen fórmulas para complementar a devandita contía, aparte do establecido na normativa estatal.
Quinta.- Artigo 7. Axudas de transporte.
Este Comité considera que debe actualizarse a contía da axuda ao transporte en vehículo propio recollida no apartado 2 e, en consecuencia, procedería incrementar tamén a contía máxima diaria fixada neste apartado.
Ao respecto, este Comité quere sinalar que, independentemente dos esforzos realizados pola Consellería trasladando ao Ministerio competente a necesidade de incrementar dita contía, se debe seguer solicitando a suba a nivel estatal. Ademais, este Comité engade que existen fórmulas para complementar a devandita contía, aparte do establecido na normativa estatal.
Sexta.- Artigo 9. Axudas á conciliación.
O artigo 9, apartado 1 establece que as persoas traballadoras desempregadas que asistan ás accións de formación de referencia e que teñan que conciliar a súa participación co coidado de fillos/as menores e/ou persoas acollidas menores de doce anos ou de familiares dependentes ata o segundo grao, terán dereito a unha contía igual ao 75% do IPREM diario por día de asistencia, acumulable, de ser o caso, ao resto de bolsas e axudas que poidan corresponderlle.
Este Comité considera que o dereito debe ser a unha contía igual ao 100% do IPREM diario por día de asistencia, acumulable, de ser o caso, ao resto de bolsas e axudas que poidan corresponderlle.
Sétima.- Artigo 10. Cálculo das rendas.
No último parágrafo do apartado 2 establécese que a variación de rendas non se considerará circunstancia sobrevida para os efectos de xerar dereito á percepción destas axudas.
Este Comité considera que se debería articular un mecanismo, que inclúa unha reserva de crédito, para dar así cobertura a situacións de emerxencia social sobrevidas que poidan xurdir.
Oitava.- Artigo 14. Obriga de colaboración.
Este Comité propón que, de acordo coa consideración xeral segunda, se suprima o apartado 3 da redacción desta orde.
Novena.- Artigo 16. Declaración responsable que forma parte da solicitude.
Se se ten en conta a natureza e finalidade destas axudas, este Comité considera que non é axeitada a remisión recollida no apartado 1.f) deste proxecto normativo, tal e como establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia que, no seu artigo 10.2, obriga a cumprir os requisitos establecidos “salvo que, pola propia natureza da subvención, se exceptúe pola súa normativa reguladora”.
Décima.- Artigo 19. Prazo de presentación das solicitudes.
Este precepto fixa o prazo de presentación de solicitudes nun mes, prevendo que a presentación fóra de prazo conleve a súa inadmisión.
Este Comité considera que debería ampliarse o prazo establecido.
Undécima.- Artigo 22. Órganos competentes para a ordenación e instrución do procedemento de concesión. Prazo de resolución e de notificación.
No apartado 3 deste artigo disponse que o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder de seis meses.
Este Comité considera excesivo fixar un prazo de seis meses, xa que non debería de ser superior a un mes para que esta convocatoria sexa de utilidade, dada a incapacidade de financiamento das persoas que están sen recursos. Este Comité propón un prazo máis asumible que en vez de un mes sexa de tres meses.
Dúo décima.- Artigo 23. Documentación probatoria.
O artigo 23 recolle “renda familiar” pero este Comité propón que se teña en conta a renda prorrateada individualmente.
Décimo terceira.- Artigo 25. Pagamento das bolsas e axudas.
Este Comité considera que o primeiro pagamento debería ter lugar no mes seguinte ao da comunicación da resolución da concesión, en atención á especial natureza destas axudas.