I. ANTECEDENTES
O día 5 de outubro de 2026 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega o proxecto de Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás organizacións sindicais para o ano 2027.
Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos, este proxecto de orde ten como finalidade “facilitar ás organizacións sindicais o exercicio das funcións e facultades a que se refire a referida Lei, en concreto a realización das funcións propias das organizacións sindicais e a promoción do funcionamento dos seus gabinetes técnicos así como o apoio aos plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais”.
As subvencións reguladas na referida orde son de dous tipos:
- Programa I: Axuda para o desenvolvemento das actividades ordinarias das organizacións sindicais durante o ano 2027.
- Programa II: Axudas para a creación e/ou funcionamento de gabinetes técnicos das organizacións sindicais e para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2026 (publicado no DOG núm. 17, do 27 de xaneiro de 2026) e o ditame emitido polo Consello con data 30 de outubro de 2025 (Ditame 26/2025), obsérvase que non se tiveron en conta as consideracións manifestadas no antedito ditame.
O novo proxecto normativo non inclúe novidades salientables respecto da orde do ano anterior.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO.
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás organizacións sindicais para 2027” consta de: Exposición de motivos, vinte e oito artigos, unha disposición adicional e tres disposicións derradeiras.
O día 16 de outubro de 2026 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e unha consideración específica de carácter unánime sobre a valoración da norma.
Contén así mesmo, como Anexos, catro consideracións xerais e catro consideracións específicas non unánimes manifestadas polas organizacións sindicais CIG, UGT- Galicia e SN de CCOO de Galicia (Anexo I) e unha consideración xeral non unánime manifestada pola Confederación de empresarios de Galicia (Anexo II).
DITAME 17/2026 |
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás organizacións sindicais para 2027, remitido pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, con data de rexistro de entrada neste Consello o 5 de outubro de 2026, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza que tivo lugar o día 16 de outubro de 2026, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
Este Comité recomenda que todo o texto sexa sometido a unha revisión ortográfica completa, corrixindo castelanismos léxicos e sintácticos, optimizando a sintáctica evitando o xerundio e mellorando a precisión léxica.
Obsérvase que no artigo 20 utilízase na clasificación a letra “j”, impropia do alfabeto galego. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.
Este Comité observa que as disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais” antes de enunciar cada unha delas, aínda que sexa única.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.
Respecto ás disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede a súa convocatoria para o ano 2027.
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Artigo 25. Reintegro
No apartado 2.d) establécese que o incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas incompatibles dará lugar ao reintegro parcial do 10% da axuda concedida, o cal parece colisionar co disposto no artigo 21 relativo á compatibilidade das axudas.
Este Comité considera necesario aclarar esta posible incongruencia entre a redacción de ambos preceptos.
ANEXO I
CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA e S.N. de CC.OO. DE GALICIA.
Consideracións xerais:
Primeira.
Obsérvase que o orzamento previsto para estas axudas mantense conxelado en 1.099.800 de euros desde hai oito exercicios e, ademais, trátase dun importe inferior ao orzamentado no ano 2011. Este Comité considera que procede incrementar a contía asignada a estas axudas.
Segunda.
En relación coa consideración xeral que expresa a CEG no Anexo II deste ditame, as organizacións sindicais consideran que a súa base argumental está certamente desenfocada e, ademais, lembran a existencia de múltiples partidas orzamentarias que se entregan en exclusiva ás organizacións empresariais, que suman un montante moi superior ao previsto nesta orde para as organizacións sindicais.
Terceira.
As organizacións sindicais solicitan que as expresións “organizacións sindicais con representación no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia” e “organizacións sindicais intersectoriais” que aparecen recollidas no texto do proxecto normativo, sexan substituídas por “organizacións sindicais intersectoriais máis representativas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia”.
Cuarta.
Sería recomendable introducir, debido a posibilidade de realizar cursos e xornadas na modalidade de teleformación ou aula virtual, os requisitos de asistencia a dita formación, a posibilidade de subvencionar os custos necesarios para a impartición en liña do curso ou xornada e a documentación a aportar nas citadas modalidades; ao igual que se fixo no proxecto de ORDE pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais nos seus artigos 10, 11 e 18.
Consideracións específicas:
Primeira.- Artigo 9. Entidades beneficiarias e actividades subvencionables.
As organizacións sindicais consideran que no primeiro parágrafo deste artigo debería figurar unha referencia á Lei orgánica 11/1985 de liberdade sindical.
Segunda.- Artigo 20. Xustificación da subvención.
Na letra i) do apartado 5 deste artigo, recóllese no seu último punto que “deberán constar datas e lugares de realización así coma o contido das ditas actividades”.
Considérase que esta redacción adoece de indefinición, é imprecisa, confusa e mesmo podería resultar redundante, polo que se propón a súa supresión.
Terceira.- Artigo 20. Xustificación da subvención.
Na última frase do item 3º da letra j do apartado 5 deste artigo establécese que “no caso de plans de formación deberán achegarse os controis de asistencia de cada alumna ou alumno ás actividades formativas”.
Proponse a supresión da dita frase posto que pode colisionar co dereito fundamental de liberdade sindical, protexido constitucionalmente, por canto ningunha persoa pode ser obrigada a expresar a súa afiliación a un sindicato determinado.
Cuarta.- Artigo 22. Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 2 deste artigo disponse que cando se trate de axudas destinadas ao funcionamento de gabinetes técnicos das organizacións sindicais, achegaranse antes do 10 de febreiro de 2028 os xustificantes correspondentes ás cotizacións da Seguridade Social (RLC e RNT, Sistema de liquidación directa Proxecto Creta) onde figuren os traballadores e traballadoras con adscrición ao gabinete durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro do 2027 ou desde a data da súa creación, se esta fose posterior, ata o 31 de decembro do 2027.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran excesiva esta esixencia de achega documental, cando xa no artigo 11 se require, especificamente para este suposto, a achega de copia dos contratos de traballo do persoal adscrito ao gabinete de que se trate (ademais da documentación que recolle o artigo 19).
ANEXO II
CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.
A Confederación de Empresarios de Galicia continúa a reiterar o seu total desacordo coa falta de equilibrio e ponderación de intereses que representa o proxecto de Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2027, tal e como viñamos poñendo de manifesto en convocatorias anteriores.
O proxecto normativo que se somete a ditame proporciona unha cobertura xurídica para o outorgamento de subvencións ás centrais sindicais con representación na Comunidade Autónoma de Galicia, para o desenvolvemento das súas actividades ordinarias durante o ano 2027, para a creación e/ou funcionamento dos seus gabinetes técnicos e para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais.
Ao non ofrecer, no marco desta regulación ou noutra “ad hoc”, a posibilidade de concorrer á convocatoria por parte das asociacións empresariais en equilibrio coas organizacións sindicais, estanse a conculcar os principios de igualdade e paridade que deben observarse na sempre delicada composición de intereses que representan as relacións laborais.
A Confederación de Empresarios de Galicia, como asociacións empresarial máis representativa en Galicia, representa os intereses económicos e sociais dos seus asociados, de conformidade co establecido no artigo 7 da Constitución Española: “Os sindicatos de traballadores e as asociacións empresariais contribúen á defensa e promoción dos intereses económicos e sociais que lles son propios”.
As asociacións empresariais desenvolven actividades nas que o interese público está claramente presente e que deben ser apoiadas e fomentadas igualmente pola Administración Laboral.
Neste sentido, tanto o carácter como a función que ás asociacións empresariais lles encomenda o artigo 7 da Constitución, leva a consideralas como asociacións de relevancia constitucional que cumpren unha función de importancia de acordo coa propia Constitución e como pilares dentro do Estado social e democrático de Dereito.
Que no texto da Constitución se incluíra o dereito de asociación empresarial ao lado do dereito dos sindicatos de traballadores á defensa dos seus respectivos intereses, é un correlato lóxico de trasladar ao noso ordenamento os Convenios 87 e 98 da OIT, que se refiren indistintamente a ambos tipos de organizacións sindicais e empresariais. Así mesmo a Carta Social Europea do Consejo de Europa de 1961, no seu art. 5, define o Dereito Sindical como a liberdade dos traballadores e empregadores para constituír organizacións locais, nacionais ou internacionais para a protección dos seus intereses económicos e sociais, establecendo o compromiso de que a lexislación nacional non menoscabe esa liberdade nin se aplique de maneira que poda menoscabala.
O Decreto 106/1994 non impide o establecemento dun réxime de axudas que contemple tamén ás organizacións empresariais, por canto o seu ámbito é suficientemente amplo e permite establecer calquera outro tipo de axudas ou subvencións que a Consellería competente teña po convinte nas materias que menciona, entre as que figura a materia laboral.
É incuestionable o papel fundamental que cumpren as organizacións sindicais, pero exactamente no mesmo nivel é necesario situar ás organizacións empresariais. Deste modo, se as organizacións sindicais e empresariais cumpren unha función fundamental no noso sistema ata o punto de estar recollida a súa existencia no Título Preliminar da Constitución Española como garantes da defensa e promoción dos intereses económicos e sociais de persoas traballadoras e empresas, resulta totalmente inxustificado que existan subvencións específicas unicamente para unha das dúas partes.