I. ANTECEDENTES
O día 10 de setembro de 2025 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega Proxecto de Decreto ..../2025, polo que se regula o Marco Galego de Microcredenciais para o Traballo.
Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3.2.b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
A exposición de motivos recorda que:
“(...) cómpre establecer mecanismos formativos que sexan áxiles, flexibles e accesibles, capaces de proporcionar á cidadanía as ferramentas necesarias para manterse competitiva nunha contorna laboral en constante cambio. As microcredenciais emerxen como a resposta máis adecuada a este desafío ofrecendo unha formación específica e certificada que permite ás persoas adquirir competencias puntuais que complementen as súas habilidades preexistentes e lles permita adaptarse con rapidez ás esixencias do mercado.
As microcredenciais son un recurso estratéxico para que as empresas poidan contar cunha man de obra cualificada e adaptable, capaz de responder de maneira áxil ás cambiantes demandas do mercado. Por iso a participación do tecido empresarial resulta indispensable para asegurar que estas ferramentas formativas respondan con precisión ás competencias e habilidades demandadas no mercado laboral actual. Así, establécese un marco de colaboración onde as empresas, xunto a outros axentes, contribúen a definir e validar os coñecementos e destrezas específicos necesarios para o desenvolvemento económico e social de Galicia, asegurando que as microcredenciais sexan efectivas,
relevantes e aliñadas coas necesidades reais de capacitación.
Este decreto non só busca regular o desenvolvemento e a implementación de microcredenciais no sistema autonómico de formación para o traballo, senón que tamén pretende sentar as bases para unha transformación máis ampla e profunda do modelo formativo. Unha transformación, baseada na flexibilidade, a accesibilidade e a persoalización, que permita a cada persoa desenvolver plenamente o seu potencial, contribuíndo así ao progreso sostible e equitativo da nosa sociedade”.
Segundo o seu artigo 1, o obxecto deste decreto é a creación e regulación do Marco Galego de Microcredenciais para o Traballo (en diante, MGMT), que se establece como o conxunto de disposicións normativas, procedementos e ferramentas orientados á estruturación, desenvolvemento, xestión e certificación de formación e das microcredenciais que a acreditan, promovidas e executadas por entidades e organizacións, tanto públicas como privadas, pertencentes a calquera sector de actividade, incluíndo empresas, asociacións profesionais, agrupacións industriais e demais agrupacións sectoriais ou profesionais.
O proxecto normativo é unha novidade en Galicia.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de Decreto ..../2025, polo que se regula o Marco Galego de Microcredenciais para o Traballo” consta de: Exposición de motivos, cinco títulos, cincuenta e un artigos e dúas disposicións derradeiras.
O día 24 de setembro de 2025 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións xerais e dezanove consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.
Contén, así mesmo, como anexo as consideracións específicas non unánimes seguintes: tres manifestadas polas organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais (Anexo I).
|
DITAME 17/2025 |
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Decreto ..../2025, polo que se regula o Marco Galego de Microcredenciais para o Traballo, da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, con data de rexistro de entrada neste Consello o 10 de setembro de 2025 e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 24 de setembro de 2025, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira. Valoración xeral da norma.
Este Comité considera que este proxecto de decreto é unha norma pioneira en España que trata de regular un marco propio para as Microcredencias tendo en conta as necesidades das persoas traballadoras e do tecido produtivo a través da formación de curta duración formal e non formal.
Segunda.- Exposición de Motivos.
Este Comité observa que non figura, ao final da exposición de motivos, unha referencia na tramitación deste proxecto ao informe preceptivo solicitado a este Consello Galego de Relacións Laborais.
Terceira.- Exposición de Motivos.
Así mesmo, na páxina 3, no apartado que comeza coas “As microcredenciais son un recurso estratéxico para que as empresas poidan contar con man de obra cualificada capaz de responder de maneira áxil ás cambiantes demandas do mercado”, este Comité solicita que se engada que tamén van dirixidas a que as persoas traballadoras obteñan a adecuada cualificación que queiran e necesiten ter, ao mesmo nivel que o sector produtivo, de acordo coa Disposición Adicional Sexta do Decreto 438/2024, do 30 de abril, polo que se desenvolve a Carteira Común de Servizos do Sistema Nacional de Emprego e os servizos garantidos establecidos na Lei 3/2023, do 28 de febreiro, de emprego.
Cuarta.- Revisión ortográfica.
Este Comité recomenda que, antes da súa publicación, o decreto sexa remitido aos servizos competentes en materia de normalización lingüística, tendo en conta os erros ortográficos que existen no texto, como por exemplo o que se recolle nos artigos 5 e 24, nos que se emprega o uso de “persoas aprendentes”, palabra que non existe no dicionario galego, sendo mais axeitado o uso doutras palabras, como “discentes”.
Quinta. Disposicións derradeiras.
En canto ás disposicións derradeiras, obsérvase que non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións derradeiras”, antes de enunciar cada unha dela.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira.- Artigo 1. Obxecto.
Na listaxe de organizacións recollidas no artigo 1, este Comité considera que debe incluírse de forma expresa ás organizacións empresarias e sindicais.
Segunda.- Artigo 2. Ámbito de aplicación.
Este Comité propón que no apartado 1, in fine, sexa incluída a seguinte puntualización “co fin de mellorar a súa empregabilidade e a súa aprendizaxe permanente”.
Terceira.- Artigo 3. Definicións.
No apartado 10 “empregabilidade: conxunto de capacidades e cualificacións transferibles”, Este Comité propón que a redacción sexa substituída por “conxunto de competencias”, de acordo coa normativa aplicable ao caso, xa que estamos diante da adquisición de competencias.
Cuarta.- Artigo 4. Fins do Marco Galego de Microcredenciais para o Traballo.
No apartado e) este Comité suxire que “necesidades locais” sexa substituído por “necesidades sectoriais e territoriais” para un mellor entendemento do artigo.
Quinta.- Artigo 5. Principios reitores do Marco Galego de Microcredenciais para o Traballo.
No apartado 1, in fine, despois de “garantindo a igualdade de xénero, este Comité considera que debería incluírse “ e das persoas LGTBIQ+”.
No apartado 2, b) Participación tamén debe incluírse entre elas a das “organizacións sindicais e empresariais”.
Sexta.- Artigo 6. Atribucións da consellería competente en materia de políticas activas de emprego.
No apartado d) este Comité recomenda que ao citar ás “organizacións sectoriais” se indique “organizacións sectoriais e territoriais”.
Sétima.- Artigo 7. Microcredencial para o traballo.
No apartado 3 cando se cita “A credencial asociada, emitida por un provedor autorizado”, este Comité solicita que se clarifique no texto o que se entende por provedor autorizado, para evitar confusións e malas interpretacións.
Oitava.- Artigo 9. Contidos esenciais da microcredencial para o traballo.
No apartado 1, g), cando se fala de “Modalidade de aprendizaxe ou de formación cursada, xa sexa presencial, semipresencial, en liña, asíncrona ou calquera outra recoñecida”, este Comité estima que debe aclararse o que se entende por “en liña”, para evitar erros ou confusións: se sería teleformación sincrónica ou doutro tipo.
Novena.- Artigo 13. Validez das microcredenciais para o traballo.
No apartado segundo, no que se recolle que “As microcredenciais expedidas dentro do MGMT terán validez en todo o territorio da Comunidade Autónoma e poderán ser recoñecidas fóra da devandita comunidade”, este Comité propón que a continuación se indique entre comas “no seu caso”, é dicir, só cando proceda porque pode ser innecesario recoñecer esa validez fóra da comunidade autónoma.
Así mesmo, este Comité amosa a súa preocupación pola validez da microcredencial fóra de Galicia, polo que aconsella que se clarifique como se vai facer ese recoñecemento, se será mediante convenios interadministrativos ou outras formas análogas.
O Comité agradecería que pola consellería se fagan os esforzos necesario para que estas titulacións teñan validez fora da Comunidade autónoma.
Décima.- Artigo 16. Duración.
Este artigo recolle expresamente un mínimo de 10 horas e un máximo de 100 horas, pero este Comité considera que debe clarificarse no texto a razón de establecer eses umbrais mínimo e máximo, sobre todo, tendo en conta, que algunhas desas microcredenciais terán que ter efectos fóra da comunidade autónoma e noutros territorios, que poden establecer mínimos e máximos de horas diferentes.
Undécima.- Artigo 24. Dereitos das persoas aprendentes.
No apartado e) referente a “posuír unha conta persoal de formación (...) con independencia da fonte de financiamento”, este Comité cree que tamén debe clarificarse no texto cales serán esas fontes de financiamento, se serán públicas e/ou privadas, que persoas as poden recibir e con que condicións, se se realizarán en horario laboral ou en horario fóra do traballo, etc.
Duodécima.- Artigo 29. Axentes de formación.
Este Comité propón que se inclúan aos axentes sociais entre os axentes de formación.
Décimo terceira.- Artigo 30. Entidades emisoras de microcredenciais para o traballo.
Este Comité propón que no apartado 1 no que se relaciona a listaxe de entidades emisoras de microcredencias se inclúa entre comas “entre outros” para que a listaxe non teña carácter taxativo e limitante.
Décimo cuarta.- Artigo 32. Persoas empregradoras.
No apartado 2, este Comité considera que debería incluírse a referencia á participación dos axentes sociais e a negociación colectiva.
Décimo quinta.- Artigo 33. Axentes sociais.
No apartado 2, este Comité propón que despois de “organizacións sindicais” se inclúan tamén “e organizacións empresariais”.
Décimo sexta.- Artigo 34.- Comisión Galega de Formación Profesional Continua.
Á luz da Disposición Adicional Sexta do Decreto 438/2024, do 30 de abril, polo que se desenvolve a Carteira Común de Servizos do Sistema Nacional de Emprego e os servizos garantidos establecidos na Lei 3/2023, do 28 de febreiro, de emprego, este artigo 34 parece estar valeiro de contido. Este Comité aconsella a súa revisión.
Ademais, este Comité considera que a elaboración de marcos normativos debería ser deseñada e acordada a través do diálogo social e isto debería incluírse no artigo.
Este Comité tamén propón que a información á Comisión deberá establecer unha periodicidade mínima, que por exemplo, pode ser anual.
E finalmente, este artigo debería incluír ao Consello Galego de Relacións Laborais como organismo que tamén pode participar na elaboración de marcos normativos.
Décimo sétima.- Artigo 40. Instrumentos de calidade interna: o pago técnico.
No apartado 3, b) cando se cita a documentación, este Comité propón eliminar o adxectivo “exhaustiva”, en aras de simplificar os procedementos administrativos.
Décimo oitava.- Artigo 45. Repositorio Activo de Microcredenciais para o Traballo.
No apartado 3,a) este Comité propón eliminar a referencia que se fai a “Cursos” porque o termo correcto actualmente debe ser so “microcredenciais”.
Ademais, este Comité recomenda revisar a redacción do apartado c) in fine, tendo en conta que parece incompleto.
Décimo novena.- Artigo 49. Dereitos financeiros de formación.
Este Comité considera que deben clarificarse no texto as fontes de financiamento: se poden proceder de subvencións, de empresas, de particulares, etc.
ANEXO I
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT -GALICIA E SN. DE CC.OO. DE GALICIA:
Primeira.- Exposición de Motivos.
A parte social solicita que na exposición de motivos se faga unha referencia a que estamos ante unha ferramenta de participación das organizacións sindicais a través da negociación colectiva, xa que de acordo coa Común de Servizos do Sistema Nacional de Emprego e os servizos garantidos establecidos na Lei 3/2023, do 28 de febreiro, de emprego “O desenvolvemento de microcredenciais no sistema de formación no traballo, deseñadas e acordadas polos representantes das empresas e as persoas traballadoras a través do diálogo social (...)”.
Segunda.- Artigo 10. Contidos complementarios da microcredencial para o traballo.
No primeiro apartado do artigo, as organizacións sindiciais propoñen que “a entidade emisora poderá incluír nas microcredenciais”, por “debería incluír nas microcredenciais”.
Terceira.- Artigo 26. Entidades xestoras de microcredenciais para o traballo.
No apartado 1 recóllese que “son entidades xestoras de microcredencias para o traballo as entidades e organizacións, tanto públicas como privadas, que operen en calquera sector de actividade dentro da Comunidade Autónoma d Galicia e deseñen, executen ou emitan microcredenciais (...)”, pero este Comité considera que debe indicarse que son as que “deseñen ou emitan”, eliminando a referencia a “que executen”, no obxectivo dunha maior claridade expositiva.