Ir o contido principal

Ditame 18/2026

Enviado o Xov, 22/10/2026 - 09:48
Ditame sobre o Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á creación e/ou funcionamento de Gabinetes Técnicos en materia de Igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial para o ano 2027.

 

I. ANTECEDENTES

 

O día 5 de outubro de 2026 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á creación e/ou funcionamento de Gabinetes Técnicos en materia de Igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial para o ano 2027.

 

Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais. 

 

Segundo a exposición de motivos, esta orde “En cumprimento do disposto na Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical, e co fin de facilitar ás asociacións empresariais e ás organizacións sindicais intersectoriais o exercicio das funcións e facultades a que se refire a dita lei, en concreto a promoción do funcionamento dos seus gabinetes técnicos, establécense axudas para o ano 2027 referentes á creación e/ou funcionamento de gabinetes técnicos en materia de Igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial”.

 

O novo proxecto normativo non presenta modificacións salientables respecto da orde do ano anterior.

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2026 (publicado no DOG núm. 15 do 23 de xaneiro de 2026) e o ditame emitido polo Consello con data 7 de novembro de 2025 (Ditame 27/2025), obsérvase que non se tiveron en conta as consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

 

II. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á creación e/ou funcionamento de Gabinetes Técnicos en materia de Igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial para o ano 2027” consta de: Exposición de motivos, trinta e tres artigos, dúas disposicións adicionais e tres derradeiras.

 

O día 16 de outubro de 2026 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e cinco específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

 

Contén, así mesmo, como anexo unha consideración manifestada pola CIG.

 

 

 

DITAME 18/2026

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de proxecto de Orde Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á creación e/ou funcionamento de Gabinetes Técnicos en materia de Igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial para o ano 2027, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 16 de outubro de 2026, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS

 

Primeira.

Este Comité considera que se deberían incrementar as contías das axudas destinadas á creación e/ou funcionamento do gabinetes técnicos, xa que as actuais levan conxeladas desde a súa creación e resultan insuficientes para o seu mantemento.

 

Segunda.

Este Comité observa que as disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais” antes de enunciar cada unha delas, aínda que sexa única.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.

 

Respecto ás disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede a súa convocatoria para o ano 2027.

 

Terceira.

Este Comité entende que se deberían renumerar os artigos 4, 5 e 6, que regulan respectivamente as entidades beneficiarias, o financiamento e as entidades non beneficiarias, para que a estrutura da norma sexa ordenada.

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Primeira.- Artigo 2. Actividades subvencionables.

Este Comité considera que se deberían recuperar, como subvencionables, as actividades de formación, xa que resulta necesario desenvolvelas simultaneamente coas actividades de información e difusión.

 

Segunda.- Artigo 8. Requisitos dos gabinetes técnicos en materia de igualdade laboral.

Este artigo recolle no seu último parágrafo que os gabinetes cuxa creación tivese lugar en convocatorias anteriores terán que manter a súa actividade durante todo o ano natural.

 

Este Comité considera que este parágrafo debería eliminarse xa que impón unha obriga retroactiva.

 

Subsidiariamente, proponse que sexa esixible unicamente a partir dun prazo desde a publicación da nova convocatoria no DOG e que sexa flexible a súa interpretación.

 

Sen prexuízo do antes sinalado, tamén debería clarificarse que implica esta obriga nos supostos de baixas (voluntarias e outras situacións) das persoas contratadas.

 

Terceira.- Artigo 23. Xustificación da subvención.

O comité solicita que en vindeiras convocatorias da orde sexan incrementados os anticipos previstos neste artigo e se prevexa un anticipo do 100 % da subvención concedida, tal e como se fai noutros proxectos que se informaron por este Comité, como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras en réxime de concorrencia competitiva das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e das axudas para a realización de actividades no ámbito de prevención de riscos laborais conforme a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2027.

 

Cuarta.- Artigo 24. Documentación requirida para a xustificación do pagamento.

No apartado 2, letra i), III, gastos de persoal, o comité solicita que se especifiquen de xeito diferenciado os documentos a presentar para os diferentes supostos: formación específica ou acreditación de experiencia.

 

Quinta.- Artigo 5. Financiamento

Este Comité considera que procede incrementar a contía asignada a estas axudas.

 

 

ANEXO

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA ORGANIZACIÓN SINDICAL CIG

 

Primeira.- Artigo 9. Gastos subvencionables e período de imputación.

O apartado 3.b) deste artigo permite imputar os gastos derivados da subcontratación.

 

A CIG considera que estes gastos deberían limitarse, unicamente, a actividades específicas e concretas dos gabinetes.

Número ditame
18