I. ANTECEDENTES
O día 29 de setembro de 2025 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega Anteproxecto de Lei de cooperativas de Galicia.
Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3.2.b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
A exposición de motivos recorda que:
“A Comunidade Autónoma de Galicia asumiu a competencia exclusiva en materia de cooperativas en virtude da transferencia feita pola Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma Galega, ampliando a recollida no artigo 28.7 do Estatuto de Autonomía de Galicia.
No exercicio da devandita competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia sobre as cooperativas, o lexislador galego aprobou a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, recoñecendo a necesidade de ofrecer un leito adecuado e propio ao espírito emprendedor e solidario
dos galegos manifestado en forma de cooperativa, consolidándose como unha alternativa sólida que combina viabilidade económica cun profundo compromiso social.
O devandito texto legal, que estableceu o modelo e o armazón estrutural básico dos que lle seguiron, tivo completa vixencia durante 27 anos, período no cal as cooperativas galegas experimentaron un importante impulso e crecemento, afianzando un modelo cooperativo propio cuxa maioría de idade e cuxa capacidade de xestión autónoma requiriu de varias modificacións e actualización do texto de 1998.
A análise da realidade das cooperativas galegas evidencia o peso desta forma empresarial de organización e ordenación dos recursos, así como da súa destacada importancia na estrutura socioeconómica de Galicia e da súa implantación ao longo do territorio.
A necesidade de dotar ao sector dun novo texto legal vén motivada, dunha parte, pola necesidade de adaptarse aos avances do dereito societario, que sufriu profundas reformas nas máis de dúas décadas de vixencia da mencionada Lei e, doutra parte, pola propia experiencia adquirida polas sociedades cooperativas no mencionado prazo de tempo, que fai necesaria a procura de respostas ás esixencias dun mercado cada vez máis complexo e competitivo, co fin de que as cooperativas non se vexan competitivamente prexudicadas por outras formas societarias.
Desde esta óptica, a presente lei pretende eliminar os obstáculos existentes para o adecuado desenvolvemento das cooperativas na Comunidade Autónoma de Galicia, co obxectivo de favorecer o seu desenvolvemento e competitividade no mercado, e de dotalas dunha regulación coherente e o máis completa posible.
Pártese tamén do recoñecemento do carácter empresarial das sociedades cooperativas no ámbito mercantil, procedendo por tanto o aproveitamento do desenvolvemento lexislativo e xurisprudencial que as beneficia, evitando contradicións normativas en supostos semellantes en prexuízo da forma
societaria cooperativa derivada da duplicidade de lexislacións.
Esta lei axústase aos principios de boa regulación contidos no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico de Galicia. As medidas previstas nela responden á satisfacción de necesidades de interese xeral coa debida proporcionalidade, eficacia e eficiencia. Inclúense na norma os obxectivos perseguidos a través dela e a súa xustificación, tal como exixe o principio de transparencia”.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de Anteproxecto de Lei de cooperativas de Galicia” consta de: Exposición de motivos, 148 artigos, estruturados en seis títulos, seis disposicións adicionais, unha transitoria, unha derrogatoria e tres disposicións derradeiras.
|
DITAME 18/2025 |
En relación coa solicitude de ditame sobre o Anteproxecto de Lei de cooperativas de Galicia da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, con data de rexistro de entrada neste Consello o 29 de setembro de 2025 e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 16 de outubro de 2025, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira. Valoración xeral da norma.
Este Comité considera que na Exposición de Motivos debería incluírse unha mención más detallada dos cambios que incorpora esta anteproxecto de lei e que xustificarían a necesidade da súa realización.
Segunda.- Exposición de Motivos.
Este Comité observa que falta incluír ao Consello Galego de Relacións Laborais nos órganos consultados para a elaboración desta norma.
Terceira.- Exposición de Motivos.
Así mesmo, na páxina 4 de 122 o parágrafo “A lei contémplase con sete disposicións adicionais, unha disposición derrogatoria, que derroga expresamente a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas, e tres disposicións adicionais” debe ser revisado xa que a Lei complétase con seis disposicións adicionais, unha disposición transitoria, unha disposición derrogatoria, que derroga expresamente a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas e tres disposicións derradeiras.
Hai dous erros que deben ser corrixidos: as disposicións adicionais son seis e non sete.
E debe engadirse aquí a disposición transitoria que se omitiu.
Cuarta.- Revisión ortográfica.
Este Comité recomenda que todo o texto sexa sometido a unha revisión ortográfica completa.
Quinta.- Inclusión de políticas de igualdade.
Esta Comité suxire que se inclúan as políticas de igualdade nas cooperativas, regulándoo de forma expresa no texto da norma.
Quinta. Disposicións adicionais e derradeiras.
Este Comité observa que as disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais” antes de enunciar cada unha delas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais. Así, obsérvase que non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha dela.
Respecto ás disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para anualidade 2025.
Sexta.- Artigo 45.2. Composición do consello reitor.
Este Comité propón a modificación do apartado 2 para incluír a expresión “como mínimo” de forma que quede redactado da seguinte maneira:
“2. Nas cooperativas con menos de 50 persoas traballadoras, os estatutos poderán prever a reserva, como mínimo, dunha vogalía do consello reitor para unha delas (...)”.
Sétima.- Artigo 74. Fondo de educación, formación e información.
Este Comité propón que se inclúa unha nova letra l) entre as actividades numeradas en dito artigo, co seguinte texto:
“l) Para a prevención de riscos laborais”.
Oitava.- Artigo 118. Persoal traballador asalariado.
No apartado 1.c) indícase que non se computará nesta porcentaxe “O persoal traballador con contratos de traballo en prácticas e para a formación”, denominación incorrecta á luz da normativa laboral, polo que este Comité propón a súa substitución por “contrato de formación en alternancia ou contrato formativo para a obtención da práctica profesional”.
Novena.- Artigo 142. Composición.
No apartado 1 recóllese a composición do Consello Galego de Cooperativas incluíndo ás entidades representativas das cooperativas e, ademais, por representantes da Xunta de Galicia, dos concellos e das universidades da Comunidade Autónoma, formando un órgano colexiado. Ante a variedade da composición do Consello Galego de Cooperativas, este Comité propón que se inclúan tamén nel ás “organizacións empresariais e organizacións sindicais máis representativas a nivel autonómico”.