Ir o contido principal

Ditame 21/25

Enviado o Ven, 16/01/2026 - 11:27
Ditame sobre o Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2026

I. ANTECEDENTES

 

O día 10 de outubro de 2025 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2026 (código de procedemento TR802L).

 

Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

Segundo a exposición de motivos “as empresas de economía social teñen demostrado a súa capacidade de resistencia ás crises, de creación de emprego estable e de calidade, de vinculación co territorio e de mellora do benestar social, polo que resulta procedente facilitar a súa consolidación como un dos factores que pode permitir a existencia de estruturas permanentes de emprego de calidade.

 

A consolidación das entidades de economía social é crucial nestes tempos de crise con altos índices de inflación e de tipos de interese que dificultan a capacidade de financiación das empresas e, por tanto, da súa actividade económica. Faise necesario fortalecer a  economía social, mediante axudas que apoien a súa consolidación, con fórmulas amparadas polas excepcións do artigos 107, apartado 3, letras b) e c) do Tratado de Funcionamento da Unión Europea (TFUE), fórmulas que por unha banda tratan de facilitar o desenvolvemento e a consolidación da economía social nun contexto económico de alza de prezos xeneralizado, ao tempo que se garante o mantemento dun emprego de calidade”.

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para o exercicio 2025, publicada no DOG o día 11 de febreiro de 2025, e o ditame emitido polo Consello con data 23 de novembro de 2024 (ditame 19/24), obsérvase que se tivo en conta, parcialmente, a consideración formal manifestada polas organizacións sindicais e empresarial.

 

Con respecto á orde anterior, a diferenza fundamental desde o punto de vista legal reside na súa vixencia e a referencia a convocatorias anteriores.

 

Ambas convocatorias apóianse na Lei 6/2016, do 4 de maio, de economía social de Galicia, Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

 

 O proxecto de orde que está sendo sometido a ditame incorpora referencias adicionais como:

  • As modificacións nos Decretos orgánicos de 2024 (Decretos 42/2024, 49/2024 e 147/2024).
  • Engade mención á Lei 31/2025, do 9 de setembro, que actualiza a normativa sobre autoemprego e economía social, incorporando así as novas bases estatais sobre entidades prestadoras de servizos de interese económico xeral.

 

Na exposición de motivos, a redacción do proxecto de 2026 é máis extensa e actualizada:

  • Engadindo unha referencia contextual á crise inflacionaria e de tipos de interese alto e enmarca a política dentro do Plan Anual de Políticas de Emprego 2026, con financiación estatal específica.como xustificación económica da liña de axudas.
  • Actualízanse as referencias orgánicas da Consellería e da Dirección Xeral Competente.

 

No artigo 1, o proxecto de orde introduce énfase na transformación dixital e na eficiencia enerxética como eixos prioritarios.

 

No artigo 5, relativo a entidades beneficiarias e condicións para a obtención do incentivo, no seu apartado 1, o proxecto de orde de 2026 introduce unha nova excepción: cooperativas que acreditar ter sido inscritas 42 meses no Rexistro Central de Cooperativas do Ministerio de Trabajo y Economía Social e teñan cambiado de ámbito a Galicia.

 

No artigo 6 de conceptos subvencionables o proxecto de 2026:

  • Exclúe de forma expresa os gastos inferiores a 100 euros sen IVA.
  • Reitera a obriga de que as inversións se destinen a centros situados en Galicia.
  • Aclara que no “plan de protección de datos” só é subvencionable a elaboración, non o mantemento.
  • Reforza a esixencia de uso non sexista da lingua e imaxes en marketing e comunicación.
  • Especifica que non se consideran locais de negocio os domicilios particulares dos autónomos.

 

No artigo 7 a 9 referente á contía das axudas, definicións e a adecuación á normativa de axudas de Estado, o novo proxecto contempla a mesma porcentaxe (80%) e límites (máximo 30.000 euros por entidade).

 

No artigo 9 no proxecto de orde actualízanse as referencias aos Regulamentos europeos (2023/2831, 1408/2013, 717/2024) e se explica de forma máis detallada o concepto de “única empresa” e control conxunto, reforzando a compatibilidade co dereito da competencia.

 

No texto do 2026 unifícanse os límites para axudas “de minimis” como para as compensacións SIEG, evitando ambigüidades.

 

Nas “axudas de minimis” o proxecto de 2026 actualiza os topes da UE 2023/2831 fixando 300.000 euros en tres (fronte a 200.000 euros do réxime anterior implícito en 2025).

 

Engádese referencia expresa á Lei 31/2025 e á Decisión 2012/21/UE, adaptando o réxime das empresas de inserción e dos centros especiais de emprego como entidades prestadoras de servizos de interese económico xeral (SIEG).

 

Mellórase a definición de empresa única conforme á doutrina do Tribunal de Xustiza da Unión Europea.

 

No artigo 10 que regula as solicitudes:

  • Mantense o procedemento electrónico obrigatorio.
  • A Orde de 2026 aclara expresamente que, se a emenda por presentación presencial se realiza fóra de prazo, a solicitude será inadmitida, conforme ao artigo 20.2.g) da Lei 9/2007.
  • Simplifícanse referencias a sistemas de identificación (Chave365, Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos).

 

Do exame comparado dos textos conclúese que o proxecto de Orde do Bono Consolida 2026:

  1. Non altera a natureza xurídica esencial da liña de subvencións, que continúa sendo de concorrencia non competitiva, dirixida á consolidación de entidades da economía social.
  2. Mellora a técnica normativa, mediante a actualización dos marcos de referencia estatais e comunitarios e unha redacción máis precisa e coherente cos principios da Lei 39/2015 e da Lei 9/2007.
  3. Axusta as condicións de acceso e control do gasto, incrementando a transparencia e a seguridade xurídica.
  4. Reforza o fundamento competencial e económico, o que dota a norma dun maior respaldo na motivación de interese público.

 

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

II. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2026 (código de procedemento TR802L)” consta de: Exposición de motivos, trinta e tres artigos, dúas disposicións adicionais e dúas finais.

 

O día 22 de outubro de 2025 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén cinco consideracións xerais e tres consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

 

Contén así mesmo, como Anexos, dúas consideracións específicas non unánimes manifestadas polas organizacións sindicais CIG, UGT- Galicia e SN de CCOO de Galicia (Anexo I) e unha específica manifestada pola CEG (Anexo II).

 

 

DITAME 21/2025

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2026 (código de procedemento TR802L), da Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, con data de rexistro de entrada neste Consello o 10 de outubro de 2025, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 22 de outubro de 2025, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

 

Primeira.- Canle de denuncias.

Este Comité considera que, á vista dos últimos proxectos normativos remitidos para ditame, procede engadir neste proxecto un artigo sobre a canle de denuncias a disposición das persoas que teñan coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade.

Segunda.- Finalidade do programa.

Ao longo do texto empréganse indistintamente os termos persoa e entidade interesada ou solicitante, cando o artigo 1 do proxecto normativo indica a finalidade deste programa é apoiar a consolidación das entidades de economía social, polo que todas as referencias deberían facerse a estas.

 

Terceira.- Uso das letras j) e k).

Obsérvase o emprego, na numeración  dos artigos 8 e 14, das letra j e k, impropias do alfabeto galego. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026.

 

Finalmente, as disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para anualidade 2025.

 

Cuarta.- Datos estatísticos.

Este Comité manifesta a necesidade de que se acheguen os datos estatísticos de execución da orde do exercicio anterior, aínda que sexan datos provisionais, xa que a súa ausencia imposibilita valorar aspectos como a distribución de créditos entre os dous programas que conforman esta norma.

 

Aínda que se agradece a remisión dos ditos datos xunto coa resposta ao ditame emitido por este Comité, a súa utilidade radica en seren recibidos xunto co proxecto a informar.

 

En consecuencia, solicita que se faciliten as follas de datos estatísticos dos exercicio 2024 / 2025 que deben acompañar ao proxecto de orde cos seguintes datos:

 

-             Número de solicitudes presentadas

-             Número de persoas , desagregadas por sexos, afectadas por esas  solicitudes.

-             Número de solicitudes resoltas favorablemente

-             Número de persoas, desagregadas por sexos, afectadas polas solicitudes resoltas favorablemente.

 

Ademais, dada a transcendencia outorgada ás renuncias nesta convocatoria, este Comité considera que se debería engadir o dato do número de renuncias á folla estatística xunto ao número de accións para coñecer a efectividade real da execución desta orde.

 

Quinta.-

Entendendo que a economía social está chamada a xogar un importante papel en época de crise, este Comité considera que non hai correlación entre os recursos destinados a este sector a través de diversas ordes de axudas e os destinados a outros sectores e empresas, así como ás súas persoas traballadoras.

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Primeira.- Artigo 8. Definicións.

O apartado h define o que se entende, aos efectos desta orde, por “obtención de certificados de calidade”.

 

Este Comité considera que se debería eliminar o inciso final deste apartado, no que se sinala que non serán subvencionables nin os plans de igualdade nin os plans de responsabilidade social empresarial, xa que os ditos plans non son certificados de calidade polo que esta referencia non resulta procedente.

 

Segunda.- Artigo 21. Pagamentos anticipados.

Este artigo prevé o pagamento do 90 % do importe da subvención concedida para cada anualidade que se realizará de oficio tras a aceptación da subvención.

 

Este comité reitera a nosa valoración positiva do anticipo para as entidades de economía social e considera, por tanto, que esta regulación dos anticipos debera ser a norma habitual para todas as ordes de axudas que tramite a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

 

Terceira.- Artigo 24. Obrigas da entidades beneficiarias.

Segundo o apartado e), a entidade beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e fronte a Seguridade Social, teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución declarativa de procedencia de reintegro.

 

Este Comité vén propoñendo que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “outra débeda”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia e considera, ao respecto, que procede recoller expresamente no texto da orde o sinalado na resposta remitida pola Consellería respecto ao ditame 19.23 (emitido sobre a Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de corta duración que se desenvolvan por parte das entidades beneficiarias, e se convoca para 2023-2024), na que se indica que tanto na fase de presentación de solicitudes como na de liquidación, de existir débedas pendentes procédese a efectuar requirimento de oficio á solicitante para que emenden a situación.

 

ANEXO I

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA

 

Primeira.- Artigo 5. Entidades beneficiarias e condicións para a obtención do incentivo.

O apartado 1 deste precepto relaciona os requisitos que deben cumprir as entidades para poderen ser beneficiarias destas axudas, entre eles, o de estar ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social, tal e como recolle a letra f) do dito apartado.

 

As organizacións sindicais que fan parte deste Comité consideran que se deberían engadir as obrigas laborais dentro do disposto nese ítem.

 

E que este requisito debería ser incluído no artigo 24 respecto das obrigas das entidades beneficiarias.

 

Segunda.- Artigo 24. Obrigas da entidades beneficiarias.

O apartado h) establece, como obriga da entidade, polo menos durante un período de dous anos desde a data da resolución de concesión, unha forma xurídica de entre as elixibles para resultaren beneficiarias da subvención concedida, así como a actividade empresarial.

 

As organizacións sindicais consideran que se debería fixar, así mesmo, a obriga de manter o emprego na entidade durante o mesmo prazo.

 

ANEXO II

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA

 

Artigo 24. Obrigas da entidades beneficiarias.

O apartado f) establece a obriga de dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados.

 

A CEG considera que se debería fixar na Orde un prazo durante o cal se debe conservar a dita documentación, para maior coñecemento e seguridade xurídica das persoas beneficiarias.

Número ditame
21