Ir o contido principal

Ditame 2/2026

Enviado o Xov, 16/04/2026 - 11:21
Ditame 2/2026 sobre o Proxecto de Decreto polo que se crea a Mesa de Diálogo Social de Galicia e se establece a súa composición, organización e funcionamento.

DITAME 2/2026

 

 

Proxecto de Decreto polo que se crea a Mesa de Diálogo Social de Galicia e se establece a súa composición, organización e funcionamento.

 

 

I. ANTECEDENTES

 

O día 26 de xaneiro de 2026 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega Proxecto de Decreto polo que se crea a Mesa de Diálogo Social de Galicia e se establece a súa composición, organización e funcionamento.

 

Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3.2.b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

A Exposición de Motivos recorda que:

“(...) Unha característica destacada das sociedades máis modernas e avanzadas na actualidade é a institucionalización do diálogo social entre as distintas entidades territoriais e os axentes económicos e sociais representados polas organizacións empresariais e sindicais máis representativas. Segundo a Organización Internacional do Traballo (OIT) o diálogo social comprende todo tipo de negociacións e consultas entre os representantes dos gobernos, os empregadores e os traballadores sobre temas de interese común relativos ás políticas económicas e sociais.

 

(...) O diálogo cos axentes económicos e sociais representados polas organizacións sindicais e empresariais máis representativas, de acordo coa regulación emanada dos artigos 6 e 7 da Lei orgánica 11/1985, de 2 de agosto, de Liberdade Sindical, e a Disposición adicional sexta do Real Decreto Lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores, se converte nunha ferramenta imprescindible para o desenvolvemento do progreso económico e a cohesión social.

 

(...) Semella procedente neste contexto institucionalizar este diálogo a través dun mecanismo concreto de participación, como é a creación dun órgano que o canalice e que lle dea forma, facilitando a consecución do perseguido progreso económico e cohesión social, situando a concertación e o consenso como valores esenciais entre as partes, no marco do diálogo e da participación tripartita e paritaria entre as partes implicadas. Desta forma, o presente decreto ten por obxecto a creación da Mesa de Diálogo Social de Galicia como o órgano de participación institucional permanente nesta Comunidade Autónoma.”.

 

Segundo o seu artigo 1, este decreto ten por obxecto a creación, ao abeiro do disposto na Lei 17/2008, do 29 de decembro, de participación institucional das organizacións sindicais e empresariais intersectoriais máis representativas de Galicia, da Mesa de Diálogo Social de Galicia, así como a regulación das súas funcións, composición, organización e réxime de funcionamento.

 

O proxecto normativo é unha novidade en Galicia.

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

 

II. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de Decreto polo que se crea a Mesa de Diálogo Social de Galicia e se establece a súa composición, organización e funcionamentoconsta de: Exposición de motivos,  tres capítulos, quince artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

 

O día 6 de febreiro de 2026 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais.

 

Contén, así mesmo, como anexos as consideracións xerais únicas de carácter non unánime sobre a valoración da norma manifestadas pola CIG (Anexo I) e por UGT Galicia, CC.OO. Galicia e a CEG de forma conxunta no Anexo II.

 

 

 

 

DITAME 2/2026

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Decreto polo que se crea a Mesa de Diálogo Social de Galicia e se establece a súa composición, organización e funcionamento, da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, con data de rexistro de entrada neste Consello o 26 de xaneiro de 2026 e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 6 de febreiro de 2026, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Primeira. Revisión ortográfica.

Este Comité recomenda que, antes da súa publicación, o decreto sexa sometido a unha revisión exhaustiva polo que respecta á ortografía, tendo en conta os erros ortográficos que existen no texto.

*proposta da CEG

 

Segunda.- Revisión de linguaxe inclusiva.

Así mesmo, este Comité tamén propón que se faga unha revisión polo miúdo para adaptar o proxecto de decreto á linguaxe inclusiva normativa.

*proposta da CEG

 

Terceira.- Disposicións adicionais e derradeiras.

En canto ás disposicións adicionais e derradeiras, obsérvase que non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións derradeiras”, antes de enunciar cada unha dela.

 

Ademais, as disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para anualidade 2025.

*proposta do CGRL

 

 

 

 

ANEXO I

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA ORGANIZACIÓN SINDICAL CIG:

 

Única.- Consideracións da CIG á comisión de ditames do Consello Galego de Relacións Laborais en canto ao Proxecto de Decreto polo que se crea a Mesa de Diálogo Social de Galicia e se establece a súa composición, organización e funcionamento:

 

  1. O modelo do “dialogo social” está formulado en chaves que non son neutras nin tecnicamente obxectivas. Pola contra, responden a unha determinada opción ideolóxica que entende as relacións laborais desde a concertación e o consenso permanente, invisibilizando o conflito existente entre capital e traballo.

 

Este decreto consolida un modelo de gobernanza social que desactiva o conflito laboral e privilexia ao sindicalismo institucionalizado, en detrimento doutras expresións lexítimas da representación sindical.

 

  1. O decreto é innecesario. Existen en Galiza órganos tripartitos legalmente constituídos que exercen funcións análogas. A creación da Mesa de Diálogo Social non responde as carencias do sistema existente, senón que introduce unha duplicidade institucional innecesaria, xeradora de confusión nas súas competencias e da ineficiencia administrativa.

 

  1. Invádense as competencias do Consello Galego de Relacións Laborais e do Consello Económico e Social de Galiza. O artigo 4.e) do proxecto atribúe á Mesa de Diálogo Social funcións como coñecemento previo de disposicións normativas da Administración autonómica, a realización de estudos e informes en materias económicas e sociais, seguimento e avaliación de acordos con incidencia laboral ou a creación de mesas sectoriais e intersectoriais.

 

Estas funcións coinciden coas atribuídas por lei ao Consello Galego de Relacións Laborais e ao Consello Económico e Social de Galicia, o que supón unha redundancia funcional e unha invasión das súas competencias, baleirando de contido os órganos creados por lei no Parlamento de Galiza, o que resulta xuridicamente inadmisible.

 

  1. Vulnera o principio de xerarquía normativa e non ten habilitación legal. Altera de facto o sistema de órganos previsto nas leis vixentes, sen que se proceda á súa modificación formal, ao asumir funcións de funcións de consulta, seguimento e participación institucional.

 

Ao pretender desprazar o papel de órganos legais mediante unha norma regulamentaria vulnera o principio de seguridade xurídica, introducindo un novo órgano sen clarificar a relación de competencias cos organismos xa existentes.

 

Aínda que o proxecto de decreto se presenta como un regulamento executivo da Lei 17/2008, do 29 de decembro, de participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia, este encadramento é moi discutíbel. Así, o artigo 4.1 da Lei estabelece o contido da participación institucional (non “diálogo social”) consonte ás previsións da “normativa reguladora ou de creación de cada entidade pública u organismo autónomo”.

Baixo estas premisas tan restrinxidas, é moi cuestionábel que exista habilitación legal para crear mediante decreto un “órgano institucional permanente de encontro ao máximo nivel”, que é como o artigo 2.1 do proxecto define a Mesa de Diálogo Social.

 

  1. A Mesa ten unha dependencia excesiva da Administración. Isto parécenos incompatíbel cunha participación institucional equilibrada. No proxecto de decreto recóllese que a Presidencia honorífica será exercida pola Presidencia da Xunta, a Presidencia e Vicepresidencia estarán ocupadas por altos cargos da Consellería de Emprego ademais da adscrición directa do organismo á mesma consellería.

 

Este deseño outorga á Xunta o control da convocatoria, da orde do día, do funcionamento interno e dos medios materiais, convertendo o chamado “diálogo social” nun instrumento de validación política das decisións do Goberno, e non nun espazo autónomo de participación social.

 

As funcións que se arroga a Xunta non son as dun primus inter pares, senón as dun superior. Isto parécenos que vai en contra da tradición igualitaria e democrática da participación institucional en Galiza.

 

  1. Marxina e deslexitima os verdadeiros órganos de representación institucional.  Os órganos actualmente existentes quedan relegados a un papel secundario, trasladando o centro da participación institucional a unha mesa controlada polo executivo.

Por todo o exposto, solicitamos:

  1. A retirada do proxecto de decreto por innecesario, regresivo e xuridicamente cuestionable.
  2. O reforzo dos órganos tripartitos creados por lei como espazos centrais de participación institucional en Galiza, fronte á creación de órganos paralelos por vía regulamentaria.

 

 

 

 

 

 

ANEXO II

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAL UGT GALICIA E CC.OO. DE GALICIA E POLA CEG:

 

 

Única. Consideración xeral:

 

O diálogo social é un piar esencial do modelo social europeo, tal e como recoñece o artigo 151 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea, en conexión coa Carta Social Europea e coa Carta Comunitaria dos Dereitos Sociais Fundamentais dos Traballadores. Este marco, reforzado polo Pilar Europeo de Dereitos Sociais proclamado en 2017, afirma o papel central dos interlocutores sociais na mellora das condicións de vida e de traballo, na promoción do emprego de calidade e na loita contra a exclusión social.

 

A participación efectiva das organizacións sindicais e empresariais no deseño e na aplicación das políticas sociais, económicas e de emprego é unha garantía democrática e un instrumento clave para avanzar nos dereitos e promover un crecemento xusto, sostible e inclusivo.

 

Desde as organizacións UGT Galicia, S.N.CCOO de Galicia e CEG valoramos positivamente este proxecto de Decreto xa que dá resposta á reivindicación de institucionalizar o diálogo social como factor de progreso económico, de cohesión social e de mellora das condicións de vida das persoas traballadoras así como das condicións nas que desenvolven a súa actividade as empresas, entendidas en sentido amplo, nun entorno socioeconómico en continua transformación.

 

Abogamos porque a creación deste órgano estable de diálogo social en Galicia constitúa un avance relevante mediante a garantía da súa natureza real de espazo de concertación, negociación e participación efectiva das organizacións sindicais e empresariais máis representativas e a Administración xeral da Comunidade Autónoma, evitando configuracións que poidan derivar nun órgano meramente consultivo ou subordinado á iniciativa exclusiva da Administración.

 

Número ditame
2