Ir o contido principal

Ditame 22/24

Enviado o Mér, 18/12/2024 - 13:17
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras en réxime de concorrencia competitiva das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e das axudas para a realización de actividades no ámbito de prevención de riscos laborais conforme a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2025

I. ANTECEDENTES

 

O día 18 de outubro de 2024 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras en réxime de concorrencia competitiva das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e das axudas para a realización de actividades no ámbito de prevención de riscos laborais conforme a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2025. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais. 

 

 

Segundo a exposición de motivos “correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia executar a Axenda 20 para o Emprego, que ten entre os seus fins a consolidación dunha cultura preventiva na sociedade galega, así como cumprir cos obxectivos da Estratexia Galega de Seguridade e Saúde no Traballo 2023-2027.

De acordo cos obxectivos da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027 (ESSTG27), priorizaranse as actuacións recollidas dentro dos obxectivos estratéxicos da mesma, especialmente no eido dos riscos laborais derivados dos novos escenarios no traballo e da nova realidade laboral, da promoción da saúde no traballo e a consecución do benestar laboral e do coñecemento especializado no ámbito da prevención de riscos laborais a través da sensibilización, asesoramento técnico e formación”.

 

Neste proxecto unifícanse os fondos propios e os fondos estatais destinados á realización de accións en materia de prevención de riscos laborais e que ata o de agora, se diversificaban en dúas ordes de axudas.

Así, á hora de analizar o texto deste proxecto normativo, deben terse en conta as dúas ordes publicadas para o exercicio de 2024 seguintes:

-Orde do 23 de outubro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a realización de actividades no ámbito de prevención de riscos laborais conforme a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia nos exercicios 2023 e 2024 (DOG do 31 de outubro de 2023)

-Orde do 29 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2024 (DOG do 29 de xaneiro de 2024).

 

En consecuencia, do texto sometido a ditame cómpre destacar os seguintes aspectos:

 

As axudas articúlanse en torno a dúas liñas, segundo o artigo 2:

 

1.Accións de formación e asesoramento en materia de prevención de riscos laborais tanto de carácter intersectorial (subliña I.1) como sectorial (subliña I.2)

 

2.Realización de actividades no ámbito da prevención de riscos laborais de carácter intersectorial (subliña II.1) ou sectorial (subliña II.2).

 

As actividades subvencionables recollidas no artigo 2 correspóndense coas recollidas nas dúas ordes de referencia, non detectando modificacións relevantes ao respecto.

 

Tampouco se observan modificacións respecto das entidades que poden ser beneficiarias das axudas, segundo o regulado no artigo 3.

 

Este artigo tamén recolle o crédito asignado a cada una liña de axuda que, á vista do financiamento previsto para as dúas ordes de referencia, non presenta tampouco cambios significativos, recollendo no seu conxunto unha contía e dsitribución nas diferentes subliñas bastante similar á da anterior convocatoria tendo en conta, que no caso da orde das axudas para a realización de actividades no ámbito de prevención de riscos laborais conforme a Lei 31/1995, estabamos ante unha convocatoria plurianual.

 

A contía global dos créditos asignados a estas axudas sería a seguinte: a liña I financiarase cun crédito de 1.655.103€ mentres que a liña II farao cun crédito de 634.716€.

 

As contías máximas que poden recibir as entidades beneficiarias de cada subliña fíxanse como se indica a seguir:

 

Para a Liña I (artigo 7) o importe máximo por entidade establécese en 460.000€ (subliña I.1) e en 30.000€ (subliña I.2). Pola súa banda, mantense o límite de 160€ polo número de horas impartidas para fixar o importe máximo de cada curso, contía que excepcionalmente se pode incrementar ata os 200€/hora nos mesmos supostos que prevía a Orde das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais.

 

En canto a Liña II (artigo 14), o importe máximo por entidade establécese en 175.000€ (subliña II.1) e en 21.000€ (subliña II.2). Pola súa banda, mantéñense os límites de 1.500€ por cada xornada de sensibilización e de 10.000 por cada estudo, así como o límite de un estudo subvencionable por entidade.

 

No que respecta aos criterios de valoración das solicitudes que recolle o artigo 24, común a ambas liñas de axuda, cómpre salientar o seguinte:

 

-Os 2 puntos con que se valora a paridade entre a porcentaxe de homes e mulleres no cadro de persoal outórgase cando a dita porcentaxe está entre 40% - 60% (incluído), cando ambas as ordes de referencia esixían un 50% de ambos sexos.

 

-Increméntase de 2 a 3 puntos a valoración outorgada cando o confinanciamento da acción supera o 50%.

 

-Como novidade, o apartado h) prevé que se descontarán 2 puntos cando se tivera renunciado á subvención concedida nos exercicios 2023 ou 2024 así como cando a execución das obrigas derivadas desas subvencións concedidas sexa inferior ao 60%. Ambos supostos, na orde Orde das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais, tiñan como consecuencia sumar o puntos, pero non unha puntuación negativa.

 

Finalmente, o artigo 40 recolle os indicadores de produtividade e de resultados que serán tidos en conta e que son os seguintes:

-Accións de formación e información desenvoltas en materia de prevención de riscos laborais.

- Campañas e accións de sensibilización de prevención de riscos laborais.

- Actuacións de asesoramento realizadas en prevención de riscos laborais.

- Entidades beneficiadas en materia de prevención de riscos laborais.

 

Pola súa banda, a orde das axudas para a realización de actividades no ámbito de prevención de riscos laborais conforme a Lei 31/1995 recollía este outros indicadores:

-Indicador de produtividade -Nº de participantes que reciben actuacións destinadas á mellora da súa situación no ámbito laboral (Persoas).

 

-Indicador de resultado de participantes que melloraron a súa situación persoal ou laboral a través de medidas de fomento de prevención de riscos laborais, tras a súa participación (Persoas).

 

Á vista do novo texto sometido a informe e dos ditames emitidos, respectivamente, sobre as dúas ordes anteriores de referencia (ditame 31/2023 e ditame 33/2023), obsérvase que se tiveron en conta varias das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

 

 

II. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras en réxime de concorrencia competitiva das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e das axudas para a realización de actividades no ámbito de prevención de riscos laborais conforme a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2025consta de: Exposición de motivos, corenta artigos, dúas disposicións adicionais e tres finais.

 

 

O día 6 de novembro de 2024 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e dezasete específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

 

Contén, así mesmo, as consideracións específicas non unánimes seguintes: unha manifestada polas organizacións sindicais CIG, UGT – Galicia e SN de CCOO de Galicia (ANEXO I), catro manifestadas pola CEG (Anexo II) e outra manifestada por UGT - Galicia (ANEXO III).

 

 

 

 

DITAME 22/2024

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras en réxime de concorrencia competitiva das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e das axudas para a realización de actividades no ámbito de prevención de riscos laborais conforme a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2025, da Consellería de Emprego, Comercio e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 18 de outubro de 2024 e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 6 de novembro de 2024, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Obsérvase que as disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais” antes de enunciar cada unha delas seguindo a estrutura empregada, neste senso, no Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2025.

 

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.

 

Ademais, as disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para anualidade 2025.

 

 

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Primeira. Artigo 3. Entidades beneficiarias e o seu financiamento.

Este Comité propón que, tanto para a Liña 1 como para a 2, soamente poidan ser beneficiarias das axudas as organizacións empresariais e sindicais máis representativas na Comunidade Autónoma de Galicia.

 

Tamén se propón que se substitúa a referencia ás organizacións sindicais con representatividade pola de organizacións sindicais máis representativas.

 

Finalmente, debería substituírse a referencia ás asociacións empresariais galegas pola de asociacións máis representativas.

 

Segunda.- Artigo 4. Entidades non beneficiarias.

Entre as entidades que non poderán ser beficiarias, o apartado c) inclúe ás organizacións que se atopen integradas nunha entidade de ámbito federal ou confederal máis ampla, cando a federación ou confederación da que formen parte sexa tamén beneficiaria na mesma liña desta subvención.

 

Este Comité considera que a exclusión debería afectar unicamente ás organizacións que se atopen integradas nunha entidade de ámbito federal ou confederal máis ampla, cando a federación ou confederación da que formen parte sexa tamén beneficiaria na mesma subliña desta subvención.

 

Terceira. Artigo 7. Importe máximo subvencionable.

O apartado 1.b) fixa o importe máximo por solicitude, na subliña I.2, en 30.000€. Este Comité considera que, tras varios exercicios mantendo a mesma contía máxima, procede a súa actualización e propón que se incremente a 40.000€.

 

Cuarta. Artigo 7. Importe máximo subvencionable.

O apartado 2 fixa a contía por actividade en 160 euros por cada hora impartida ou, excepcionalmente, en 200 euros por hora.

 

Este Comité propón que se revisen as ditas contías á alza, en función dos prezos de mercado e da especificidade dos cursos que se realicen.

 

Quinta. Artigo 10. Requisitos de asistencia aos cursos.

Segundo o apartado 2 deste artigo: “En casos excepcionais, debidamente motivados poderá autorizarse pola Secretaria Xeral de Emprego e Relacións Laborais a realizacións de estas accións cun menor número de asistentes, en todo caso, non menor a oito.

 

Este Comité entende que en vez de unha autorización debería ser suficiente unha comunicación trasladada á Secretaria Xeral de Emprego e Relacións Laborais pola entidade beneficiaria.

 

Tamén entende que o apartado 3 do artigo 10, debería ser eliminado.

Sexta. Artigo 11. Gastos subvencionables e período de imputación.

En relación co importe máximo subvencionable dos gastos recollidos na letra f) do apartado 3 deste artigo, este Comité propón que a porcentaxe do 10% sexa aumentada ata un 15%.

 

Sétima.Artigo 11. Subcontratación.

Segundo o apartado 5 deste artigo, non se poderán imputar gastos de persoal propio no caso de que as accións sexan subcontratadas en máis dun 50%.

 

Este Comité considera oportuno incrementar esa porcentaxe, xa que con esta flexibilización permitiríase imputar máis gasto especialmente na convocatoria para o exercicio de 2024 onde, como xa se indicou na consideración xeral segunda, a execución das axudas semella máis complicada para as posibles beneficiarias.

 

Oitava. Artigo 13. Documentación complementaria.

O Comité considera que as referencias feitas á agrupacións, tanto no apartado 1.a) deste artigo como no 16.1.a), deben facerse ás “entidades”.

 

Ademais, o artigo 16.1a) contén unha referencia errónea ao artigo 4.7 que, en realidade, debe facerse ao artigo 3.7.

 

Novena. Artigo 13. Documentación complementaria.

Establece o apartado 1.c) 3º deste artigo, referido á teleformación e formación a través de aula virtual, que previamente á realización da actividade formativa, o alumnado achegará declaración sobre que dispón de medios técnicos suficientes para a súa realización, propios ou facilitados pola entidade, para participar adecuadamente na acción formativa.

 

Este requisito non ten moito sentido para as actividades virtuais, xa que o propio rexistro na plataforma que se empregue dá conta de que a persoa que se conecta conta cos medios técnicos necesarios. Proponse, por tanto, a supresión deste requisito.

 

Décima. Artigo 14.- Importe máximo subvencionable.

O apartado 2.b) deste precepto fixa o importe máximo subvencionable por estudo en 10.000.

Este Comité que se trata dunha contía escasa para desenvolver un estudo con todos os requisitos necesarios, polo que se propón que se incremente esa contía ata os 15.000€.

 

Décima primeira. Artigo 24. Criterios de valoración.

Este Comité non comparte que se puntúe a capacidade de cofinanciamento por parte da entidade fronte á súa representatividade social, número de persoas destinatarias da acción, achega innovadora, transferibilidade da acción e calquera outro dos restantes criterios que se sinalan neste artigo.

 

Ademais, neste proxecto obsérvase un incremento da puntuación outorgada a este criterio respecto da orde que regulaba esta axudas no exercicio anterior.

 

Polo tanto, proponse a eliminación como criterio de valoración do apartado g) deste artigo.

 

Décima segunda. Artigo 26. Resolución e recursos.

O apartado 3 deste artigo prevé a posibilidade de pagamentos anticipados que poderán ser ata do 80% cando o importe da subvención non supere os 18.000 euros e dun 10% adicional sobre o importe que exceda os 18.000 euros en caso contrario.

 

Este Comité reitera a súa proposta de que o anticipo sexa, en todo caso, do 80% independentemente da contía da subvención concedida. Na resposta achegada pola Subdirección Xeral de Relacións Laborais indícase que a modificación proposta require autorización do Consello da Xunta, o que conlevaría atrasos nos prazos de tramitación previstos, pero afirmando que non se descarta adoptar o dito criterio en vindeiras convocatorias. Ante esta resposta, este Comité insiste na necesidade de valorar un incremento nas porcentaxes de anticipo e facelo coa antelación suficiente, non postergando durante outra anualidade a dita valoración.

 

Décima terceira. Artigo 26. Resolución e recursos.

No seu apartado 4, este artigo fixa un prazo máximo para resolver e notificar a resolución de cinco meses.

Este Comité entende que se trata dun prazo moi amplo polo que debería fixarse nun máximo de 3 meses.

 

Décima cuarta. Artigo 28. Prazo de finalización e de xustificación das accións.

Este artigo fixa o prazo de xustificación ata o 11 de novembro. Porén, este Comité considera que ese prazo é insuficiente e considera que debe estenderse o prazo de xustificación, polo menos, ata o 15 novembro.

 

Décima quinta. Artigo 33. Obrigas das entidades beneficiarias.

O apartado 10 deste precepto esixe á entidade beneficiaria estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e sociais e non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

 

Este Comité vén propoñendo que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “outra débeda”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia e considera, ao respecto, que procede recoller expresamente no texto da orde o sinalado na resposta remitida pola Consellería respecto ao ditame 19.23 (emitido sobre a Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de corta duración que se desenvolvan por parte das entidades beneficiarias, e se convoca para 2023-2024), na que se indica que tanto na fase de presentación de solicitudes como na de liquidación, de existir débedas pendentes procédese a efectuar requirimento de oficio á solicitante para que emenden a situación.

 

Décima sexta. Artigo 36. Gradación dos incumprimentos.

Segundo o apartado 1.a) deste artigo, procederá non realizar o pagamento ou o posterior reintegro da totalidade da axuda concedida en caso de incumprimento das obrigas ou compromisos regulados por esta orde e os aceptados pola beneficiaria.

 

Este Comité entende que esa previsión debería acotarse e concretar os supostos de incumprimento que dan lugar a que non se realice o pago ou que proceda un reintegro total, sobre todo en conta que este mesmo artigo, no seu apartado 2.b) recolle, nun senso amplio, que “calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial”.

 

Décima sétima. ANEXOS

Este Comité observa que, tanto o Anexo I como II, conteñen referencias erróneas ao Anexo II (que deberían facerse ao Anexo III) e ao Anexo III (que deberían ser feitas ao Anexo IV), polo que se propón unha revisión neste senso.

 

 

ANEXO I

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA.

 

Artigo 7.- Importe máximo subvencionable.

Respecto do apartado 1.b), as organizacións sindicais que fan parte deste Comité consideran que, nas solicitudes realizadas á bolsa sindical, as entidades sindicais intersectoriais con representación sectorial mais representativas de Galicia, poderán realizar ata un máximo de tres solicitudes de planes sectoriais por unha contía máxima de 30.000 euros por cada plan.

 

 

 

ANEXO II

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

 

Primeira.- Artigo 2.

Na liña 1 Liña I (TR852A): Accións de formación e asesoramento en materia de prevención de riscos laborais de carácter intersectorial e sectorial sinálase que as actividades de asesoramento e asistencia técnica son entendidas como aquelas que estean dirixidas ao estudo e resolución de problemas derivados da aplicación práctica e material das actuacións preventivas así como o asesoramento en materia de prevención de riscos laborais, a través de servizos de asesoramento e asistencia técnica de carácter gratuíto e libre acceso, abertos a persoas traballadoras.

 

Non se inclúe na súa redacción a  empresas e persoas utónomas. Sen embargo no Anexo de “Xustificación de actividades de gabinetes técnicos” mantense o asesoramento a empresas. Por este motivo debera modificarse a redacción integrando na mesma tanto a empresas como a persoas autónomas.

 

Segunda. – Artigo 3. Entidades beneficiarias e o seu financiamento. Subliñas I.2 e II.2

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que nestes artigos debería terse en conta ás organizacións de empresarios galegas intersectoriais.

 

Terceira. – Artigo 14. Importe máximo subvencionable.

O apartado 2.b) establece que se subvencionará un único estudo por entidade.

A CEG propón eliminar a limitación do número de estudos por entidade.

 

Cuarta. – Artigo 24. Criterios de avaliación.

O apartado 1.c) deste precepto establece a prioridade de determinadas materias nos cursos, xornadas ou estudos, ás que se lles outorgará unha maior puntuación.

A CEG considera que se recollen unha serie de temáticas preferentes que, limitan en exceso e contradín, no caso dos estudos, a mención que se recolle no artigo 16 apartado d) respecto ao contido innovador. Sería necesario introducir unha mención a outras temáticas innovadoras con afectación en PRL,  con 2 puntos, para incentivar a innovación neste ámbito.

Con este motivo propoñemos dar coherencia ao baremo aplicando criterios homoxéneos nos incrementos das porcentaxes de execución.

 

 

ANEXO III

 

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POR UGT – GALICIA

 

Artigo 7. Importe máximo subvencionable.

No apartado 3 deste artigo, faise referencia aos cursos sectoriais referidos a traballos de movemento de terras.

UGT – Galicia considera que non debería figurar, en ningún caso, como acción formativa subvencionable.

 

 

Número ditame
22