Ir o contido principal

Ditame 2/24

Enviado o Mar, 23/04/2024 - 16:49
Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para anualidade 2024.

I. ANTECEDENTES

 

O día 27 de febreiro de 2024 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que achega proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2024.

Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

Segundo a exposición de motivos “estas axudas están destinadas a reforzar a economía galega en termos de emprego e de actividade económica co obxecto de fomentar a economía social mediante fórmulas empresariais máis sustentables no tempo”.

 

Engade que “cómpre salientar que as empresas de economía social, polos principios e valores que as sustentan, poden constituír unha alternativa viable para aquelas empresas mercantís que non teñen remuda xeracional; para a unión de persoas autónomas que precisen dunha maior seguridade, fortaleza e solvencia que acadarán cunha destas fórmulas de economía social; así como para as persoas traballadoras que decidan asumir a titularidade da empresa para a que traballan a través dunha cooperativa ou sociedade laboral”.

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2023 (publicado no DOG o día 31 de maio de 2023) e o ditame emitido polo Consello con data 16 de marzo de 2023 (Ditame 4/2023), obsérvase que se tiveron en conta dúas das consideracións específicas manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

Respecto da orde para o exercicio anterior, non se observan cambios significativos.

 

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

 

 

 

 

 

II. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para anualidade 2024” consta de: Exposición de motivos, trinta e un artigos, dúas disposicións adicionais e dúas finais.

 

O día 15 de marzo de 2024 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e oito consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

 

Así mesmo contén, como anexo, unha consideración específica non unánime manifestada pola CEG.

 

 

 

 

DITAME 2/2024

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para anualidade 2024, da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Emprego e Igualdade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 27 de febreiro de 2024, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 15 de marzo de 2024, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAISQUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Primeira

Este Comité considera necesario que se acheguen os datos estatísticos de execución da resolución do exercicio anterior para a xusta valoración da norma.

En consecuencia, tal e como se ten formulado respecto doutros proxecto normativos, solicita que se faciliten as follas de datos estatísticos do exercicio anterior que deben acompañar a esta resolución cos seguintes datos:

-             Número de solicitudes presentadas

-             Número de persoas traballadoras afectadas por esas solicitudes.

-             Número de solicitudes resoltas favorablemente

-             Número de persoas traballadoras polas solicitudes resoltas favorablemente.

 

 

 

 

 

Segunda

Este Comité considera que, á vista dos últimos proxectos normativos remitidos para ditame, procede engadir neste proxecto un artigo sobre a canle de denuncias a disposición das persoas que teñan coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade.

Isto obsérvase, entre outros, no proxecto de Orde pola que se aproban as bases reguladoras para promover a primeira experiencia profesional das persoas mozas menores de 30 anos mediante contratos formativos, Talento 30, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, que é obxecto de informe nesta mesma xuntanza do Comité de ditames.

 

Terceira

Obsérvase o emprego das letras j e k na clasificación do artigo 8, impropias do alfabeto galego. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

 

Finalmente, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE),  e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.

 

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

 

Primeira.- Artigo 6. Conceptos subvencionables.

Este Comité considera que se deberían incluír, como gastos subvencionables, os derivados da elaboración de memorias de sostibilidade.

 

Segunda.- Artigo 6. Conceptos subvencionables.

O comité reitera a súa proposta de que se incorporen, como conceptos subvencionables, a adquisición de activos da empresa, a profesionalización e desenvolvemento estratéxico e os gastos correntes. Respecto destes últimos, cómpre ademais ter en conta que na exposición de motivos deste proxecto normativo inclúense os gastos correntes como elemento financiable con estas axudas.

 

Terceira.- Artigo 11. Documentación complementaria.

O apartado 1 deste artigo relaciona a documentación que deben achegar as persoas interesadas coa solicitude.

En liña coa resposta remitida pola Consellería, respecto da consideración xeral unánime primeira do ditame anterior, este Comité considera que a referencia neste punto debería facerse a persoas ou entidades interesadas.

 

Pola súa banda, a referencia á persoa solicitante que recolle o apartado 1.d) debería facerse á entidade solicitante, xa que unicamente as entidades poden ser solicitantes das axudas recollidas nesta orde.

 

Finalmente, debe corrixirse a referencia á entidade beneficiaria do apartado 1.g), xa que neste momento procedimental debe falarse de entidades solicitantes.

 

Cuarta.- Artigo 11. Documentación complementaria.

O apartado 1.d.1.a) fai referencia a unha “resolución xudicial con declaración de firmeza”.

Este Comité considera que a terminoloxía correcta a empregar é a de “resolución xudicial firme”.

 

Quinta.- Artigo 20. Pagamentos anticipados.

Este artigo prevé o pagamento de ata o 90 % do importe da subvención concedida para cada anualidade que se realizará de oficio tras a aceptación da subvención.

 

Este Comité valora positivamente o anticipo para as entidades de economía social e suxire que, na liña de continuar co apoio ao terceiro sector ó que fai referencia a Exposición de Motivos deste proxecto normativo, esa regulación dos anticipos que recolle este artigo sexa común a todas as persoas e entidades beneficiarias das ordes de axudas que tramita a Consellería de Emprego e Igualdade.

 

Sexta.- Artigo 21. Xustificación e pagamento.

O apartado 1.c deste artigo recolle, entre a documentación xustificativa dos gastos realizados, unha memoria explicativa das actuacións xunto con fotografías dos investimentos realizados, se é o caso.

 

Este Comité considera que se debería substituír a expresión “se é o caso” por “se fora posible”, xa que no suposto de que se estea subvencionando proxectos que levan tempo xa funcionando, pode ser difícil aportar fotografías de investimentos feitos hai tempo.

 

Sétima.- Artigo 21. Xustificación e pagamento.

Segundo o apartado 12, en ningún caso poderá realizarse o pagamento da subvención mentres a entidade beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e fronte a Seguridade Social, teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución declarativa de procedencia de reintegro.

 

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “algunha débeda pendente”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.

 

Oitava.- Artigo 28. Prazo de presentación de solicitudes.

O apartado 1 deste artigo o prazo de presentación de solicitudes finalizará o 16 de setembro de 2024, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

 

Tendo en conta a data na que este proxecto está a ser tramitado, así como a previsión da data de publicación no DOG, este Comité considera que estamos ante un prazo demasiado curto que debería ser ampliado.

 

En consecuencia, procedería tamén ampliar os prazos previstos nos artigos 29 e 30 relativos aos prazos de execución e de xustificación, respectivamente.

 

 

 

 

 

ANEXO

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA

 

Artigo 23. Obrigas das entidades beneficiarias.

O apartado h) deste artigo establece a obriga, para a entidade beneficiaria, de manter durante un mínimo de 2 anos o emprego xerado.

 

A CEG considera que, aos efectos do cumprimento da dita obriga e tendo en conta ademais que non se diferencia entre socios traballadores e persoas asalariadas, deben terse en conta determinadas excepcións como son os supostos de despedimento disciplinario procedente, dimisión, morte, xubilación ou incapacidade permanente, absoluta ou gran invalidez da persoa traballadora, ou a terminación dos contratos de duración determinada. En todo caso debería clarificarse mellor a redacción da obriga tendo en consideración que o seu incumprimento daría lugar ao reintegro total da subvención.

Número ditame
2