Ir o contido principal

Ditame 2/25

Enviado o Lun, 14/04/2025 - 12:59
Ditame sobre o Proxecto de Decreto polo que se modifica o Decreto 70/2008, do 27 de marzo, sobre distribución de competencias entre os órganos da Administración autonómica galega para a imposición de sancións nas materias laborais, de prevención de riscos e por obstrución do labor inspector

I. ANTECEDENTES

O día 27 de xaneiro de 2025 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega o proxecto de Decreto polo que se modifica o Decreto 70/2008, do 27 de marzo, sobre distribución de competencias entre os órganos da Administración autonómica galega para a imposición de sancións nas materias laborais, de prevención de riscos e por obstrución do labor inspector. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

Segundo a exposición de motivos, “a disposición final primeira, apartado 2, da Lei 10/2021, do 9 de xullo, de traballo a distancia, modifica o artigo 40 do texto refundido da Lei de Infraccións e sancións da orde social, variando a contía das sancións previstas nel. Esta modificación afecta a distribución das competencias sancionadoras establecida no artigo 2 do Decreto 70/2008, do 27 de marzo, polo que se considera necesario modificar dito artigo para actualizar as contías e proceder a unha nova distribución das competencias entre os órganos da consellería competente en materia de traballo”.

 

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

 

 

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de Decreto polo que se modifica o Decreto 70/2008, do 27 de marzo, sobre distribución de competencias entre os órganos da Administración autonómica galega para a imposición de sancións nas materias laborais, de prevención de riscos e por obstrución do labor inspector” consta de: Exposición de motivos, un artigo, unha disposición adicional, unha transitoria e unha final.

 

 

 

 

 

O día 30 de xaneiro de 2025 reúnese este Comité e acorda emitir o seguinte ditame, que contén unha consideración xeral manifestada polas organizacións empresarial e sindicais.

 

 

 

DITAME 2/2025

 

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Decreto polo que se modifica o Decreto 70/2008, do 27 de marzo, sobre distribución de competencias entre os órganos da Administración autonómica galega para a imposición de sancións nas materias laborais, de prevención de riscos e por obstrución do labor inspector”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 27 de xaneiro de 2025, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 30 de xaneiro de 2025, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

 

Este Comité propón revisar o proxecto para corrixir os erros lingüísticos observados ao longo do texto. Por exemplo, os puntos do artigo recollido denomínanse “UNO” e “DOS”, no lugar de “UN” e “DOUS”.

 

Ademais, a disposición derradeira debería denominarse disposición final para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para anualidade 2025.

Número ditame
2