Ir o contido principal

Ditame 23/2026

Enviado o Lun, 26/10/2026 - 08:25
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás entidades colaboradoras da Rede Eusumo para realizar actividades de promoción e impulso do cooperativismo e a economía social, e se convocan para os anos 2027 e 2028.

 

I. ANTECEDENTES

 

O día 13 de outubro de 2026 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Traballo Autónoma e Economía Social da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega o proxecto de sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás entidades colaboradoras da Rede Eusumo para realizar actividades de promoción e impulso do cooperativismo e a economía social, e se convocan para os anos 2027 e 2028.

 

Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

Segundo establece a exposición de motivos do proxecto normativo, “As axudas establecidas nesta Orde forman parte da actividade de fomento da economía social despregada pola Xunta de Galicia e pretenden incentivar a realización de actividades de promoción e formación, por parte de entidades que se incorporaron á Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social. Deste modo promóvese a efectiva participación nesta rede das entidades adheridas”.

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio 2026 (publicado no DOG o día 3 de febreiro de 2026) e o ditame emitido polo Consello con data 30 de outubro de 2025 (Ditame 25/2025), obsérvase que non se tiveron en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

Con respecto á orde anterior, compre destacar as seguintes modificacións:

 

No artigo 9, relativo á contía das axudas, obsérvase un incremento dos límites de subvención para determinadas cantidades:

  • No apartado 2.a), a cantidade máxima de 3.500 euros por cada actividade formativa aumenta ata os 4.000 euros, así como o custo máximo por hora para a docencia, que se amplía de 60 a 75 euros por hora.

   Tamén se incrementan os gastos de material e papelería e fotocopias que serán elixibles ata o límite de 15 euros por cada alumno/a con asistencia acreditada, con respecto aos 12 euros da orde anterior.

  • No apartado 2.b), establécese un máximo de 3.500 euros por cada actividade divulgativa fronte aos 3.000 euros fixados na convocatoria anterior.
  • No apartado 2.c), o límite máximo de 60 euros por hora de atención e 3.600 euros por itinerario completado para actividades de asesoramento e acompañamento a grupos promotores ou a entidades de economía social, auméntase ata os 75 euros por hora de atención e 4.000 euros por itinerario completado.

 

Con respecto ao financiamento das axudas regulado no artigo 37, obsérvase un incremento da contía inicial, pasando de 690.000 a 790.000 euros.

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

 

II. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás entidades colaboradoras da Rede Eusumo para realizar actividades de promoción e impulso do cooperativismo e a economía social, e se convocan para os anos 2027 e 2028” consta de: Exposición de motivos, trinta e oito artigos, tres disposicións adicionais e dúas finais.

O día 22 de outubro de 2026 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e tres consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, como Anexo I, unha consideración específica manifestada polas organizacións sindicais CIG, UGT-Galicia, S.N. de CCOO de Galicia.

 

 

DITAME 23/2026

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás entidades colaboradoras da Rede Eusumo para realizar actividades de promoción e impulso do cooperativismo e a economía social, e se convocan para os anos 2026 e 2027, con data de rexistro de entrada neste Consello o 14 de outubro de 2026, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 22 de outubro de 2026, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

 

Nos artigos 19, 25 e 28 utilízanse na clasificación as letras “j” e “k”, impropias do alfabeto galego. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Primeira.- Artigo 19. Criterios obxectivos de concesión.

Entre os criterios de valoración non se inclúe o emprego da lingua galega na realización das actividades.

 

Este Comité Delegado entende que debería incluírse como criterio de valoración o emprego da lingua galega, para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

 

Segunda.- Artigo 25. Obrigas das entidades beneficiarias.

Segundo o disposto no apartado 1.d) deste artigo, a entidade beneficiaria debe Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto coa Administración pública da comunidade autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

 

Este Comité vén propoñendo que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “outra débeda”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia e considera, ao respecto, que procede recoller expresamente no texto da orde o sinalado na resposta remitida pola Consellería respecto ao ditame 19.23 (emitido sobre a Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de corta duración que se desenvolvan por parte das entidades beneficiarias, e se convoca para 2023-2024), na que se indica que tanto na fase de presentación de solicitudes como na de liquidación, de existir débedas pendentes procédese a efectuar requirimento de oficio á solicitante para que emenden a situación.

 

Terceira.- Artigo 27. Xustificación e pagamento.

Segundo o apartado 11 deste artigo, non poderá realizarse o pagamento da subvención mentres as entidades beneficiarias non figuren ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias -estatais e autonómicas- e da Seguridade Social, sexan debedoras en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teñan algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

 

Este Comité considera que a dita resolución de procedencia de reintegro debería ter carácter firme, do mesmo xeito que figura na Orde do 21 de maio de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras para promover a primeira experiencia profesional mediante contratos formativos para a mocidade ou no sector artesanal, e se procede á súa convocatoria par ao ano 2026.

 

ANEXO I

 

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG,  UGT-GALICIA, S.N. DE CC.OO. DE GALICIA

 

Artigo 19. Criterios obxectivos de adxudicación das subvencións.

En relación coa consideración específica unánime segunda, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

 

Con ocasión de anteriores proxectos normativos ditaminados por este Consello, nos que se introduciron cambios neste mesmo senso, a Administración explicou a substitución do criterio que outorgaba puntuación directa ao emprego do galego, pola avaliación do seu emprego unicamente no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

 

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea.

 

 

 

Número ditame
23