Ir o contido principal

Ditame 24/24

Enviado o Mér, 18/12/2024 - 13:19
Ditame sobre o Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á creación e/ou funcionamento de Gabinetes Técnicos en materia de Igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2025.

I. ANTECEDENTES

 

O día 18 de outubro de 2024 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á creación e/ou funcionamento de Gabinetes Técnicos en materia de Igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2025.

 

Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

Segundo a exposición de motivos, esta orde “establece as axudas para o ano 2025 referentes a creación e/ou funcionamento de gabinetes técnicos en materia de Igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial, en cumprimento do disposto na Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical, e co fin de facilitar ás asociacións empresariais e ás organizacións sindicais intersectoriais o exercicio das funcións e facultades a que se refire a referida lei, en concreto a promoción do funcionamento dos seus gabinetes técnicos”.

 

 

Con respecto ao texto da orde anterior, detéctase unicamente unha modificación:

 

En canto aos criterios de valoración das solicitudes recollidos no artigo 19, na orde anterior o apartado 3 outorgaba os 2 puntos previstos para os supostos de composición equilibrada de mulleres e homes no gabinete, cando a porcentaxe de mulleres era igual ou superior ao 50%.

No novo proxecto, acádase esa puntuación máxima entre o 40 e o 60%.

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2024 (publicado no DOG o día 5 de febreiro de 2024) e o ditame emitido polo Consello con data 9 de novembro de 2023 (Ditame 36/2023), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

 

 

II. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á creación e/ou funcionamento de Gabinetes Técnicos en materia de Igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2025” consta de: Exposición de motivos, trinta e tres artigos, dúas disposicións adicionais e tres finais.

 

O día 6 de novembro de 2024 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e seis específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

 

Contén así mesmo, como anexos, as consideracións específicas de carácter non unánime seguintes: unha manifestada pola CEG (ANEXO I) e dúas consideracións manifestadas pola CIG (ANEXO II).

 

 

 

 

DITAME 24/2024

 

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á creación e/ou funcionamento de Gabinetes Técnicos en materia de Igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2025, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 6 de novembro de 2024, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

 

 

 

 

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS

 

Primeira.

Este Comité considera que se deberían incrementar as contías das axudas destinadas á creación e/ou funcionamento do gabinetes técnicos, xa que as actuais resultan insuficientes para o seu mantemento.

 

Segunda.

Obsérvase que as disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais” antes de enunciar cada unha delas seguindo a estrutura empregada, neste senso, no Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2025.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.

Ademais, as disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para anualidade 2025.

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Primeira.- Artigo 2. Actividades subvencionables.

Este Comité considera que se deberían recuperar, como subvencionables, as actividades de formación, xa que resulta necesario desenvolvelas simultaneamente coas actividades de información e difusión.

 

Segunda.- Artigo 8. Requisitos dos gabinetes técnicos en materia de igualdade laboral

Este artigo recolle no seu último parágrafo que os gabinetes cuxa creación tivese lugar en convocatorias anteriores terán que manter a súa actividade durante todo o ano natural.

 

Este Comité considera que este parágrafo debería eliminarse xa que impón unha obriga retroactiva.

 

Subsidiariamente, proponse que sexa esixible unicamente a partir dun prazo desde a publicación da nova convocatoria no DOGA e que sexa flexible a súa interpretación.

 

Sen prexuízo do antes sinalado, tamén debería clarificarse que implica esta obriga nos supostos de baixas (voluntarias e outras situacións) das persoas contratadas.

 

Terceira.- Artigo 24. Documentación requirida para a xustificación do pagamento.

No apartado 2, letra i), III, gastos de persoal, o comité solicita que se especifiquen de xeito diferenciado os documentos a presentar para os diferentes supostos: formación específica ou acreditación de experiencia.

 

Cuarta.- Artigo 23. Xustificación da subvención.

O comité solicita que en vindeiras convocatorias da orde sexan incrementados os anticipos previstos neste artigo e se prevexa un anticipo do 90%, tal e como se fai noutros proxectos que se están a informar por este Comité, como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2025.

 

Quinta.- Artigo 24. Documentación requirida para a xustificación do pagamento.

Este artigo esixe presentar o contrato de traballo do persoal adscrito á actividade do Gabinete.

 

Este Comité considera que se debería especificar que esta obriga non procede no caso dos contratos obren xa en poder da Administración e propón que, cando se trate de persoas con contrato indefinido que xa viñeron prestando eses mesmos servizos, soamente se esixa indicar o expediente en que obra xa esa información.

 

Sexta.- Artigo 29. Gradación dos incumprimentos.

Este artigo determina o reintegro da totalidade da axuda concedida nos casos que relaciona.

 

O comité considera excesiva esta penalización para os casos descritos.

 

Por outra banda, considera que a letra b) do apartado 1, debería ter unha redacción máis clara por existir unha sucesión de remisións a varios artigos. A citada letra b) remite ao artigo 26 que a súa vez remite aos artigos 11 e 45 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

 

 

 

 

 

 

ANEXO I

 

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CEG

 

Artigo 8. Requisitos dos gabinetes técnicos en materia de igualdade laboral

A CEG considera que neste artigo, que regula os requisitos dos gabinetes técnicos en materia de igualdade, sería convinte unificar criterios  tendo en consideración os establecidos na Orde pola que se regula a duración da formación e experiencia esixida para axentes de igualdade e créase o seu rexistro (aínda en proxecto).

 

 

ANEXO II

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA ORGANIZACIÓN SINDICAL CIG

 

 

Primeira.- Artigo 4. Entidades beneficiarias.

A CIG propón que se estableza, neste precepto, que para poder ser beneficiarias da presente subvención, as entidades terán que contar, na actualidade, cun plan de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes rexistrado e en vigor, segundo o establecido nos artigos 45 e 46 da L.O. 3/2007.

 

Segunda.- Artigo 9. Gastos subvencionables e período de imputación.

O apartado 3.b) deste artigo permite imputar os gastos derivados da subcontratación.

 

A CIG considera que estes gastos deberían limitarse, unicamente, a actividades específicas e concretas dos gabinetes.

 

Número ditame
24