Ir o contido principal

Ditame 24/25

Enviado o Ven, 16/01/2026 - 11:32
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (programa Aprol-Economía Social) e se convocan para o ano 2026

I. ANTECEDENTES

 

O día 14 de outubro de 2025 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Traballo Autónomo Economía Social da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (programa Aprol-Economía Social) e se convocan para o ano 2026 (códigos de procedemento TR802G e TR802J).

 

Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

Segundo a exposición de motivos: “As empresas de economía social e, singularmente, as cooperativas, teñen demostrado a súa capacidade de resistencia ás crises, de creación de emprego estable e de calidade, de vinculación co territorio e de mellora do benestar social, polo que resulta procedente activar suficientemente as súas potencialidades de emprendemento e autoemprego (...).

 

As distintas subvencións establecidas nesta orde intégranse dentro das accións que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración pretende levar a cabo para conseguir un axeitado desenvolvemento en materia de economía social, no que respecta ao fomento do emprego e mellora da competitividade nas cooperativas e sociedades laborais, de xeito que redunde en beneficio e mellora do eido económico e socio-laboral da Comunidade Autónoma de Galicia.

 

(...) No tocante ás persoas mozas, esta orde aborda un tratamento singular da súa situación promovendo a creación e consolidación de cooperativas xuvenís (as constituídas maioritariamente por persoas socias traballadoras menores de 30 anos, ou 35 se se trata de persoas con discapacidade) a través de incrementos significativos das contías contidas nos programas que as afectan, ademais de prever incentivos específicos para a incorporación como persoas socias traballadoras ou de traballo a proba para persoas menores de 30 anos.

 

Igualmente, contémplanse incentivos adicionais para favorecer o emprego a outros colectivos como son o das mulleres, as persoas maiores de 45 anos, as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión, as emigrantes retornadas ou as persoas trans. Finalmente, recolle un tratamento diferenciado ao emprego xerado en concellos rurais, así como en entidades de nova creación constituídas inicialmente con catro ou máis persoas socias traballadoras.

 

Estas actividades de fomento compleméntanse con servizos de formación, asesoramento, acompañamento e titorización co que se pretende asegurar o bo fin dos proxectos emprendidos. Con esta finalidade, a Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, a través da Rede Eusumo, pon á disposición das persoas desempregadas e demais persoas emprendedoras os recursos necesarios para a posta en marcha dos proxectos, desde antes da súa constitución formal ata unha vez iniciada a actividade, servizo que se considera especialmente importante nas cooperativas de nova creación.”.

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para o exercicio 2025, publicada no DOG o día 5 de febreiro de 2025, e o ditame emitido polo Consello con data 29 de novembro de 2024 (ditame 28/2024), obsérvase que non se tivo resposta da Consellería.

 

Do novo proxecto normativo cómpre destaca o seguinte:

Ambas ordes comparten idéntico obxecto e fundamento xurídico: o establecemento das bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións destinadas ao fomento do emprendemento en economía social, mediante os programas TR802G (fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais) e TR802J (fomento do acceso á condición de persoa socia).

A orde de convocatoria 2026 mantén o mesmo esquema, mais introduce modificacións técnicas e de adaptación normativa derivadas de:

  • O preámbulo da orde 2026 é máis extenso, con referencias explícitas á Estratexia Galega de Economía Social Horizonte 2027 e á Rede Eusumo.
  • a actualización do marco competencial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración;
  • a incorporación de referencias á crise enerxética e ao contexto socioeconómico internacional;
  • e unha mellora sistemática e lingüística do articulado.
  • Mellora da coherencia entre artigos mediante remisións internas e actualización das referencias lexislativas da UE (por exemplo, Regulamento (UE) nº 2023/2831 fronte aos anteriores límites de minimis).

As dúas ordes seguen unha estrutura paralela (preámbulo, 40 artigos numerados, tres disposicións adicionais e dúas disposición derrogatorias), mais a nova orde amplía o desenvolvemento do Capítulo I e introduce clarificacións nas definicións e procedementos.

Mantense unha notable continuidade lexislativa e coherencia programática, o que confire estabilidade ao marco de fomento da economía social en Galicia.

  • Réxime Xurídico: Consérvase o réxime de concorrencia non competitiva para a concesión das axudas.
  • Programas Estruturais: Persisten os dous piares do programa: o Programa I (TR802G), de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais (orientado á entidade) , e o Programa II (TR802J), de fomento do acceso á condición de persoa socia (orientado á persoa).
  • Colectivos Prioritarios: Mantense o tratamento diferenciado e os incentivos adicionais para colectivos como mulleres, mozas e mozos, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión, emigrantes retornadas e persoas trans, así como o apoio ao emprego xerado en concellos rurais e entidades de nova creación con máis de catro socios.

A principal diferenza e a novidade máis salientable na Orde de 2026 obsérvase na esfera procedemental, en particular no que atinxe á presentación de solicitudes:

Así, refórzase a Tramitación Electrónica para o Programa I: A Orde de 2026 introduce unha regra de subsanación máis estrita que supón unha remisión máis contundente á vía electrónica, especialmente para o Programa I:

  • Orde 2026 (Programa I): No caso de que unha solicitude para o Programa I (TR802G) sexa presentada de xeito presencial (fóra dos supostos de non obriga), requirirase á persoa interesada para a súa subsanación mediante presentación electrónica.
  • Consecuencia da Subsanación: A data de presentación que se considerará é a data na que se realice a subsanación (a presentación electrónica).
  • Risco de Inadmisión: Se a subsanación (a presentación electrónica) se realiza unha vez transcorrido o prazo indicado na convocatoria, a solicitude será desestimada por presentarse fóra de prazo.

Esta regra, aínda que orientada á eficacia administrativa, constitúe unha novidade xurídico-procedemental que eleva o rigor da tramitación electrónica para as entidades que solicitan a axuda do Programa I.

O Capítulo II incorpora definicións máis precisas, especialmente en materia de “empresa única”, “persoa trans” e “concello rural”.

No artigo 5 de definicións engádese unha especificación sobre cooperativas xuvenís e entidades de nova creación, mellorando a claridade do artigo.

No artigo 7 de subvencións baixo condicións de minimis, o apartado 2 sinala que a axuda total concedida a unha única empresa non excederá de 50.000 euros durante calquera período de tres anos, mentres que na orde anterior esta cantidade era de 20.000 euros. Actualízase a cantidade conforme ao Regulamento (UE) 2023/2831 e 1408/2013.

 

Reforzo da Dotación de Crédito

A eficacia do réxime de concorrencia non competitiva, onde a concesión se resolve por orde de presentación ata o esgotamento dos fondos, vese constantemente ameazada pola insuficiencia de crédito.

  • Proposta de Mellora: Para garantir a estabilidade e a capacidade de planificación dos proxectos de economía social, a Consellería debería garantir, na medida do posible e segundo a dispoñibilidade orzamentaria, a dotación inicial de crédito suficiente, ou ben articular mecanismos de redistribución automática e áxil de fondos (Disposición Adicional Primeira) para reducir o risco de peche anticipado da convocatoria.

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (programa Aprol-Economía Social) e se convocan para o ano 2026 (códigos de procedemento TR802G e TR802J)” consta de: Exposición de motivos, corenta artigos, tres disposicións adicionais e dúas finais.

 

 

O día 30 de outubro de 2025 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e cinco consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

 

Contén así mesmo, como anexos, unha consideración específica da norma de carácter non unánime manifestada polas organizacións sindicais que integran o Consello (Anexo I), unha consideración específica manifestada polas organizacións sindicais CIG e UGT-Galicia e a CEG (Anexo II) e unha consideración específica manifestada pola CEG (Anexo III).

 

 

DITAME 24/2025

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (programa Aprol-Economía Social) e se convocan para o ano 2026 (códigos de procedemento TR802G e TR802J), con data de rexistro de entrada neste Consello o 14 de outubro de 2025, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 30 de outubro de 2025, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

 

Primeira.

Este Comité considera que, á vista dos últimos proxectos normativos remitidos para ditame, procede engadir neste proxecto un artigo sobre a canle de denuncias a disposición das persoas que teñan coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade.

 

Segunda.

Obsérvase que nos artigos 5, 11, 26 e 27 utilízanse na clasificación as letras “j” e “k”, impropias do alfabeto galego. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

 

Por outra banda, obsérvase que as disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais” antes de enunciar cada unha delas seguindo a estrutura empregada, neste senso, no Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2025.

 

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.

 

Finalmente, as disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para anualidade 2025.

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

 

Primeira.-  Artigo 5. Definicións.

Nas letras k) e l) recóllense aspectos procedimentais que non encaixan neste artigo, onde unicamente se deberían recoller definicións, o cal debería ter sido modificado nesta convocatoria, tal e como se prevía na resposta remitida pola Consellería respecto desta mesma consideración no ditame 44/22, emitido sobre esta orde para o exercicio de 2023.

 

Segunda.- Artigo 17. Xustificación e pagamento.

O apartado 8 deste precepto recolle a modalidade de pagamento único pola totalidade.

 

Este Comité considera que debería preverse un réxime de anticipos, igual que se fai respecto doutros tipos de axudas, xa que se trata de fomentar o emprendemento en economía social, xa que a norma vai máis alá das dinámicas establecidas polas persoas que están en cada momento.

 

Terceira.- Artigo 19. Obrigas das persoas e entidades beneficiarias.

No apartado c) deste artigo establécese como obriga das beneficiarias “estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención”.

 

Este Comité vén propoñendo que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “outra débeda”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia e considera, ao respecto, que procede recoller expresamente no texto da orde o sinalado na resposta remitida pola Consellería respecto ao ditame 19.23 (emitido sobre a Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de corta duración que se desenvolvan por parte das entidades beneficiarias, e se convoca para 2023-2024), na que se indica que tanto na fase de presentación de solicitudes como na de liquidación, de existir débedas pendentes procédese a efectuar requirimento de oficio á solicitante para que emenden a situación.

 

Cuarta.- Artigo 20. Reintegro e perda do dereito ao cobramento da subvención.

Este Comité propón levar a cabo unha revisión deste artigo  xa que a numeración e estrutura empregados no mesmo pode resultar confuso.

 

Quinta.- Artigo 24. Entidades beneficiarias e condicións para a obtención do incentivo.

Segundo o apartado 3 deste artigo admitirase, aos efectos de acollerse ás axudas desta orde, a incorporación en condición de persoa fixa descontinua, sempre que a ocupación acade como mínimo o 50 % da xornada de traballo anual establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, as 868 horas.

 

Este Comité considera que debe aclararse o criterio empregado para fixar o mínimo necesario de horas anuais, a falta de convenio colectivo aplicable, en 868.

 

 

ANEXO I

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER NON UNÁNIME MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

 

Artigo 28. Obrigas das entidades beneficiarias.

 

Os apartados 1 e 3 deste artigo, así como o apartado 1 do artigo 34, obrigan ás entidades beneficiarias a manter determinadas condicións por un período mínimo de tres ou dous anos, segundo o caso.

 

As organizacións sindicais consideran que estas condicións deberíanse manter durante un período mínimo de cinco anos, para ser coherente coas mesmas consideracións feitas a outras liñas de axuda da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

 

 

ANEXO II

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER NON UNÁNIME MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG E UGT-GALICIA E A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

 

Artigo 25. Contía dos incentivos.

 

Este artigo prevé un incremento do 25% na contía da subvención en determinados supostos, entre eles, no caso de que a persoa incorporada teña a condición de trans.

 

A CIG , UGT-Galicia e a CEG consideran que debería ampliarse este suposto de xeito que opere ese incremento cando a persoa incorporada pertenza ao colectivo LGTBI+.

 

 

ANEXO III

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER NON UNÁNIME MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

 

Artigo 28. Obrigas das persoas e entidades beneficiarias.

 

Este artigo recolle no seu apartado 1 a obriga de manter o incremento do emprego fixo e do número de persoas socias traballaoras ou de traballo indefinidas polo menos durante un período de tres anos. A CEG considera que se debería reducir a devandita obriga a 2 anos.

 

 

Número ditame
24