Ir o contido principal

Ditame 25/24

Enviado o Mér, 18/12/2024 - 13:20
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE) e á súa convocatoria para o ano 2025.

I. ANTECEDENTES

 

O día  25  de outubro de 2024 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE), e procédese á súa convocatoria para o ano 2025. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

Segundo a exposición de motivos, mediante este proxecto búscase “fomentar a obtención de certificacións en RSE, a igualdade de xénero no ámbito laboral, a corresponsabilidade e a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas traballadoras en equilibrio coas necesidades organizativas da empresa, apoiando a elaboración e implantación de plans de igualdade, a adopción de medidas de flexibilización temporal ou espacial da xornada e do horario do traballo”.

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2024 (publicado no DOG o día 6 de febreiro de 2024) e o ditame emitido polo Consello con data 9 de novembro de 2023 (Ditame 37/2023), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

 

O orzamento total para estas axudas mantense, nesta convocatoria, en 1.400.000€, así como o importe de 150.000€ asignados á Liña II, subliña 1 das axudas. pero o artigo 4 minora en 50.000€ a dotación para a liña I incrementando, nesa contía, a prevista para a Liña II, subliña 2.

 

O artigo 5 mantén, como requisito para optar ás axudas da Liña I, non contar con máis de 49 persoas traballadoras. Pero elimina a excepción recollida na orde anterior e que permitía que os centros especiais de emprego sen ánimo de lucro superaran ese límite máximo.

 

 

 

 

II. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE), e procédese á súa convocatoria para o ano 2025” consta de: Exposición de motivos, corenta e catro artigos, unha disposición adicional e dúas disposicións finais.

 

 

O día 6 de novembro de 2024 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén dúas consideracións xerais e sete consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais CIG, UGT- Galicia , SN de CCOO, e pola CEG.

 

Contén, así mesmo, como anexos as consideracións non unánimes seguintes: dúas consideracións xerais e dúas específicas manifestadas polas organizacións sindicais CIG, UGT- Galicia e SN de CCOO (Anexo I) e catro consideracións específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).

 

 

 

 

 

DITAME 25/2024

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE), e procédese á súa convocatoria para o ano 2025, da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, con data de rexistro de entrada neste Consello o 28 de outubro de 2024, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 6 de novembro de 2024, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

 

Primeira

As organizacións sindicais e empresarial consideran que a norma para impulsar a RSE nas empresas galegas se reduce a unha única liña de actuación para a obtención das certificacións de normas ou estándares en materia de RSE e esquece todo o relativo á implantación desta e á consecución da cultura da responsabilidade social.

 

Aínda que existen outros programas da Consellería neste senso, considérase que esta orde debe subvencionar outras medidas máis aló da obtención de certificacións.

 

 

Segunda

Obsérvanse  o emprego das letras j e k na clasificación do artigo 41, impropias do alfabeto galego. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

 

Pola súa banda, figura unha disposición adicional que debería denominarse “disposición adicional única”. Ademais, chama a atención que as dúas disposicións finais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais” antes de enunciar cada unha delas seguindo a estrutura empregada, neste senso, no Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2025.

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

 

Primeira.- Artigo 5. Requisitos das empresas solicitantes. Liñas I, II e III.

O parágrafo cuarto do apartado 1 di que as empresas deberán contar como mínimo con dez persoas traballadoras e cun máximo de 49.

 

As organizacións sindicais do Comité consideran que non debería de haber un número mínimo de persoas traballadoras para poder facer a solicitude. No Real Decreto 901/2020 de 13 de outubro polo que se regulan os planes de igualdade e o seu rexistro, non se establece un mínimo de persoas traballadoras.

 

 

Segunda.- Artigo 7. Contía das axudas.

O apartado d) asigna a contía de 12.000€ pola contratación, como mínimo dun ano, dunha persoa experta en igualdade.

 

Para este Comité esta contía é claramente insuficiente para levar a cabo a contratación dunha persoa técnica por o período pretendido, polo que se considera necesario incrementar a contía fixada.

 

Terceira.- Artigo 9. Requisitos específicos das empresas beneficiarias.

Tendo en conta o novo marco regulador, este Comité non comparte o requisito de que o acordo de teletraballo deba formalizarse por un período mínimo de dous anos, por entender que se trata dun requisito excesivo e limitativo.

 

Proponse que se reduza esa esixencia para adaptarse ás necesidades das medidas de conciliación.

 

Cuarta.- Artigo 10. Requisitos do acordo de teletraballo.

No apartado 2 do artigo 10, di que o número de horas de dedicación ó teletraballo non poderá ser inferior ao 50% da xornada semanal ordinaria.

 

Este Comité entende que o citado apartado 2 do artigo 10 debería estar en concordancia co artigo 1, parágrafo 2 da Lei 10/2021, de 9 de xullo, de traballo a distancia que, no seu segundo parágrafo di literalmente: “Entenderase que é regular o traballo a distancia que se preste, nun periodo de referencia de tres meses, un mínimo do trinta por cento da xornada, ou a porcentaxe proporcional equivalente en función da duración do contrato de traballo”.

 

Quinta.- Artigo 29. Avaliación das solicitudes.

No apartado 2 do artigo 29, na última frase se di que “No caso das axudas das liñas I e II, poderá solicitarse o asesoramento dunha persoa experta da Unidade Administrativa de Igualdade da Secretaría xeral de Emprego e Relacións Laborais...”

 

Este Comité propón que se substitúan as palabras “poderá solicitarse o asesoramento dunha persoa...” por “deberá participar unha persoa...”.

 

Sexta.- Artigo 36. Documentación acreditativa.

O apartado 4 deste precepto sinala os casos en que non se poderá realizar o pagamento da subvención, entre eles, o suposto en que a empresa beneficiaria non estea ao corrente nos pagos relativos ás súas obrigas tributarias, de Seguridade Social ou ten calquera débeda pendente coa administración.

 

Este Comité vén propoñendo que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “outra débeda”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia e considera, ao respecto, que procede recoller expresamente no texto da orde o sinalado na resposta remitida pola Consellería respecto ao ditame 19.23 (emitido sobre a Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de corta duración que se desenvolvan por parte das entidades beneficiarias, e se convoca para 2023-2024), na que se indica que tanto na fase de presentación de solicitudes como na de liquidación, de existir débedas pendentes procédese a efectuar requirimento de oficio á solicitante para que emenden a situación.

Por outro lado, a resolución de procedencia de reintegro debería ter carácter firme, do mesmo xeito que figura noutras ordes.

 

Segundo o mesmo apartado, tampouco poderá realizarse o pagamento cando a empresa beneficiaria sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro.

 

Este Comité propón que se especifique que debe tratarse dunha resolución declarativa firme e, polo tanto, non recorrible.

 

Sétima.- Artigo 44. Axudas baixo condicións de mínimis.

Neste artigo establécense os sectores aos que non poderán concedérselles estas axudas e inclúense, na letra e), as axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación e, na letra f), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

 

Este Comité considera incorrecta a inclusión destas axudas neste apartado, dado que non constitúen un sector, como se ten recollido noutras ordes da Consellería.

 

 

 

 

 

 

 

ANEXO I

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, SN. DE CC.OO. E UGT-GALICIA DE GALICIA:

 

Consideracións xerais:

 

Primeira.

Dada a importancia da consecución da igualdade entre homes e mulleres no mercado laboral, as organizacións sindicais que integran este Comité consideran que o feito de incluír as medidas orientadas á dita consecución nunha orde de RSE, non as sitúa no lugar que lles corresponde e quedan diluídas nunha orde de RSE. Polo tanto, deberían ser obxecto dunha orde propia xa que todos os indicadores económicos e sociais reflicten a necesidade de redobrar os esforzos para superar as desigualdades.

 

Segunda.

As organizacións sindicais que integran este Comité queren resaltar o feito de que o teletraballo, en si mesmo, non constitúe unha medida de conciliación da vida laboral, familiar e persoal. Dado que a finalidade deste proxecto normativo é subvencionar ese tipo de medidas, isto debe ser tido en conta tanto respecto das solicitudes de axudas como do procedemento, para asegurar que se empregue a técnica do teletraballo acorde ao espírito da norma.

 

 

Consideracións específicas:

Primeira.- Artigo 3. Liñas das axudas.

Segundo o artigo 1, forma parte do obxecto desta orde adoptar medidas de corresponsabilidade e de conciliación da vida familiar, persoal e laboral.

 

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran necesario distinguir entre os conceptos de corresponsabilidade e conciliación e, en consecuencia, establecer unha liña de axuda específica para incentivar a corresponsabilidade.

 

Segunda.- Artigo 5. Requisitos das empresas solicitantes. Liñas I, II e III.

O parágrafo noveno do apartado 1 esixe ás entidades solicitantes unha taxa de estabilidade de, polo menos, o 50%.

 

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que a dita porcentaxe debería incrementarse ata o 70%,  en concordancia co solicitado en ditames relativos a outras liñas de axuda.

 

 

ANEXO II

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

 

Primeira.- Artigo 3. Liñas de axudas.

A CEG suxire incluír como subvencionable unha subliña II.4, incentivos para a implantación de Plans de Retribución Flexible que inclúan medidas encamiñadas a facilitar a conciliación e que recollan como  actividades subvencionables os seguintes conceptos:

 

1. Os custos da elaboración dunha diagnose da empresa e dos servicios que se poidan incluír no Plan de retribución flexible.

2. Os custos derivados da elaboración, comunicación e implementación do Plan de retribución flexible.

 

Segunda.- Artigo 3. Liñas de axudas.

A CEG considera necesario incluír dentro de la subliña III, subvencións para a adquisición de elementos tecnolóxicos que posibiliten o teletraballo, a adquisición de mobiliario ergonómico para a adecuación do posto de traballo na casa, tales como mesa, cadeira ou iluminación.

 

Terceira.- Artigo 5. Requisitos das empresas solicitantes. Liñas I, II e III.

A CEG considera que debería habilitarse a posibilidade de que poidan  ser beneficiarias das axudas correspondentes a estas liñas, as agrupacións de diferentes empresas que pertenzan a un mesmo sector ou sectores afíns e, igualmente, que estas agrupacións de empresas poidan estar representadas por asociacións empresariais galegas sectoriais constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, de 1 de abril, sobre a regulación do dereito de asociación sindical, con representatividade no ámbito da CCAA de Galicia así como polas fundacións sectoriais paritarias nacidas da negociación colectiva ou de acordos sectoriais, con sede e actividade en Galicia, tendo en conta o elemento pedagóxico que suporía o feito de que as organizacións puideran ser beneficiarias destas axudas.

 

Cuarta.- Artigo 5. Requisitos das empresas solicitantes. Liñas I, II e III.

O apartado 1 di que as empresas deberán contar como mínimo con 10 persoas traballadoras e cun máximo de 49.

 

A CEG considera que, respecto das liñas II e III, debería rebaixarse o mínimo de persoas traballadoras para poder facer a solicitude de 10 a 6 tendo en conta, ademais, que está previsto que poidan acceder á Certificación Galega de Igualdade empresas con mínimo de 6 persoas traballadoras.

Número ditame
25