I. ANTECEDENTES
O día 23 de outubro de 2024 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos esta orde financia “plans de formación de ámbito autonómico compostos por actividades formativas dirixidas á capacitación para o diálogo social e a negociación colectiva, promovidos polas organizacións sindicais ou asociacións empresariais representativas no devandito ámbito autonómico”.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2024 (publicado no DOG o día 30 de xaneiro de 2024) e o ditame emitido polo Consello con data 6 de novembro de 2023 (Ditame 35/2023), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideración manifestadas polo Comité.
Respecto da orde anterior, as únicas modificacións deste proxecto normativo obsérvanse no artigo 17:
Por unha banda, modifícase a distribución dos 5 puntos que, como máximo, se outorgan polo alcance do plan e capacidade técnica da entidade solicitante tendo en conta o número de actividades formativas e de persoas participantes previstas:
A orde anterior non valoraba os supostos nos que a entidade tiña previsto realizar menos de 5 actividades.
Este proxecto valora os ditos supostos con 1 punto se non alcanza ás 100 persoas participantes e con 2 puntos cando si alcanza esas 100 persoas participantes.
Incrementa de 2 a 3 puntos a valoración concedida ás entidades que teñan previsto realizar 5 actividades e alcanzar ata 100 persoas participantes.
A puntuación máxima (5) segue reservada ás entidades que teñan previsto realizar máis de 5 actividades que alcancen a máis de 100 persoas, pero introduce a novidade de avaliar con 4 puntos ás entidades que prevexan realizar máis de 5 actividades sen alcanzar as 100 persoas participantes.
Por outra banda, respecto do criterio que valora a incorporación no plan formativo de actividades correspondentes ás áreas de formación que o artigo 2 da orde considera prioritarias, a nova orde reduce do 80 ao 75% as áreas que se deben incluir para obter puntuación.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025” consta de: Exposición de motivos, vinte e nove artigos, unha disposición adicional e tres finais.
O día 6 de novembro de 2024 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e catro específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.
Contén, como anexo, dúas consideracións específicas de carácter non unánime manifestadas pola CEG.
|
DITAME 26/2024
|
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, con data de rexistro de entrada neste Consello o 23 de outubro de 2024, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 6 de novembro de 2024, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Este Comité considera que as disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para anualidade 2025.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Primeira.- Artigo 2. Liñas e actividades subvencionables.
O primeiro inciso do apartado 1 deste precepto recolle os plans de formación para cuxa realización se conceden as axudas.
Este Comité considera que o termo destacado en cursiva se debería eliminar e facerse a referencia a “actividades ou iniciativas formativas”.
Segunda.- Artigo 9. Gastos subvencionables e período de imputación.
O apartado 1 deste precepto fixa, como límite máximo para a execución das accións formativas, o 31 de outubro de 2025.
Este Comité considera que se debería recuperar a previsión contida na orde para o exercicio de 2023, que fixaba o prazo dun ano desde a notificación da resolución de concesión da axuda.
Así mesmo, e en consecuencia, proponse que se recupere o prazo de tres meses desde a finalización do período de execución para presentar a documentación xustificativa que o actual artigo 21 fixa no 15 de novembro de 2025.
Terceira.- Artigo 9. Gastos subvencionables e período de imputación.
Respecto do apartado 4.b, este Comité propón que o límite da suma do custos indirectos se fixe no 15% do custo total da actividade, xa que o actual límite do 10% é demasiado baixo.
Cuarta.- Artigo 17. Criterios de valoración das solicitudes.
O apartado 1.a) valora con ata 70 puntos a representatividade das organizacións solicitantes das axudas.
Este Comité propón que se incremente a dita puntuación ata 80 puntos.
ANEXO
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Primeira. - Artigo 13. Documentación complementaria.
Segundo o apartado 1.b) deste precepto, as organizacións empresariais ou fundacións ou outras entidades constituídas por estas deben achegar un certificado onde conste o número de empresas cos que conta.
A CEG considera que para as axudas reguladas na liña I, debería admitirse a posibilidade de acreditar a representatividade en función do criterio de participación institucional.
Segunda. - Artigo 17. Criterios de valoración das solicitudes.
A representatividade das asociacións empresariais acreditarase mediante certificado emitido polo representante legal, onde se indique o número de empresas cos que contan con respecto á totalidade de empresas das entidades concorrentes, segundo dispón o apartado 1.a) 2º deste artigo.
Na mesma liña que a consideración anterior, a CEG propón que se permita acreditar a representatividade en función do criterio de participación institucional.