Ir o contido principal

Ditame 27/24

Enviado o Mér, 18/12/2024 - 13:21
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2025.

I. ANTECEDENTES

 

O día 28 de outubro de 2024 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito do Servizo de Orientación Laboral da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2025. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

Segundo a exposición de motivos: “este programa caracterízase pola adopción dun modelo de orientación aberta que, baseándose no traballo en rede do persoal orientador, procura unha maior implicación, compromiso e protagonismo da persoa demandante na configuración, execución e mellora do seu propio proceso de busca activa de emprego”.

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2024, publicado no DOG o día 18 de xaneiro de 2024 e o ditame emitido polo Consello con data 20 de novembro de 2023 (Ditame 43/2023), obsérvase que se tiveron en conta dúas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial sobre o fondo da norma.

 

 

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

 

En canto ao financiamento das axudas (artigo 1), obsérvase un incremento de 1.380.200€ euros no importe total dos créditos asignados.

 

Polo que respecta ás actividades do servizo de orientación  laboral, que regula o artigo 3, obsérvanse as modificacións introducidas pola aprobación do Real Decreto 438/2024, do 30 de abril, polo que se aproba a Carteira Común de Servizos do Sistema Nacional de Emprego e os servizos garantidos.

Destaca a ampliación da regulación sobre o asesoramento, dentro do novo subapartado B do apartado 1.

 

O artigo 4 incrementa de 28.000 a 31.000€ a contía máxima da subvención que se concederá por cada persoa técnica de orientación laboral contratada.

 

Ademais, engádese un novo apartado neste artigo que subvenciona gastos xerados polo desenvolvemento das actividades:

-gastos xerais, materiais e técnicos

-formación das persoas técnicas orientadoras

 

No caso das entidades sen ánimo de lucro beneficiarias, tamén se inclúen as axudas de custo necesarias para desenvolver as accións.

 

Por outra banda, en canto aos requisitos do persoal técnico de orientación do artigo 13, e respecto da baremación da formación complementaria relacionada coas tarefas do artigo 3, obsérvase a inclusión da formación en xénero e discapacidade no ámbito do emprego.

 

Dentro do artigo 15 (Seguimento, control e xustificación das accións), engádese a posibilidade de realizar comprobacións do desenvolvemento do servizo de orientación que implica o envío á entidades beneficiaria dun informe de calidade indicando as posibles deficiencias e recomendacións de mellora podendo realizarse un segundo control segundo a relevancia das ditas recomendacións.

 

Finalmente, o artigo 17 engade un novo suposto de perda do dereito ao cobramento pola falta de xustificación da prestación do servizo, nunha porcentaxe que varía segundo as citas atendidas con asistencia que non se xustifiquen do xeito indicado. Tamén se engade un novo suposto que suporá o reintegro da contía recibida pola non presentación de determinada documentación, nunha porcentaxe proporcional ao gasto non xustificado.

 

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

 

 

II. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2025” consta de: Exposición de motivos, dezasete artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

   

O 11 de novembro de 2024 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén tres consideracións xerais e trece consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

Así mesmo contén, como anexo, unha consideración específica de carácter non unánime manifestada polas organizacións sindicais CIG, SN de CC.OO. de Galicia e UGT-Galicia.

 

 

 

DITAME 27/2024

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2025, da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, con data de rexistro de entrada neste Consello o 28 de outubro de 2024, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 11 de novembro de 2024 acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA:

Primeira.

Este Comité considera que, á vista dos últimos proxectos normativos remitidos para ditame, procede engadir neste proxecto un artigo sobre a canle de denuncias a disposición das persoas que teñan coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade.

 

Segunda.

Sen prexuízo da modificación operada neste proxecto dando cabida á financiación dos gastos xerais, este Comité considera que se debería financiar a contratación do persoal de apoio que colabore nas funcións de orientación.

 

 

 

Terceira.

Obsérvase que nos artigos 16 e 17 utilízanse na clasificación as letras “j” e “k”, impropias do alfabeto galego. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

 

Por outra banda, obsérvase que as disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais” antes de enunciar cada unha delas seguindo a estrutura empregada, neste senso, no Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2025.

 

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.

 

Finalmente, as disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para anualidade 2025.

 

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

 

Primeira. – Artigo 3. Actividades do servizo de orientación laboral.

Segundo o apartado 3 deste artigo, as entidades que colaboren coa Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego levarán a cabo estas accións cos seus medios propios e nas instalacións habilitadas por cada entidade para o seu desenvolvemento.

 

Este Comité propón que, desde a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, se desenvolva tamén unha planificación de accións formativas dirixidas aos colectivos de orientadores laborais.

 

 

 

Segunda. – Artigo 4. Contía e modalidades da subvención, período subvencionable e compatibilidade das axudas.

Este Comité considera que se debería incrementar o financiamento dos gastos xerais ata un 15% do total da subvención aprobada.

 

Terceira. – Artigo 5. Presentación de solicitudes e prazo.

No segundo parágrafo do apartado 1, menciónanse as persoas interesadas que presentan a solicitude presencialmente, cando a referencia debería facerse ás entidades interesadas.

 

Na resposta a este ditame indícase que na denominación “persoas interesadas” caben tanto as persoas físicas como xurídicas e, ao respecto, este Comité recorda que unicamente as persoas xurídicas poden ser beneficiarias das axudas reguladas neste proxecto.

 

Cuarta.- Artigo 12. Criterios de valoración das solicitudes.

O apartado 1 deste artigo establece o número mínimo de citas de servizos de orientación por cada posto de orientación subvencionado.

 

Este Comité considera que debe aclararse que esas cifras mínimas requiridas se refiren ao cómputo global de accións grupais e individuais, xa que a redacción deste apartado pode dar lugar a entender que existe, tamén un mínimo de accións grupais requiridas.

 

Quinta.- Artigo 12. Criterios de valoración das solicitudes.

Este artigo, no seu apartado 3.A.c), inclúe como criterio de valoración a redución no financiamento das accións subvencionadas por achegas económicas da entidade.

 

Na medida en que as entidades beneficiarias son colaboradoras do SPE e, ademais, estamos ante políticas públicas de emprego, non semella procedente establecer como criterio avaliable o cofinanciamento, polo que este Comité propón suprimilo.

 

Sexta.- Artigo 12. Criterios de valoración das solicitudes.

Entre os criterios de valoración non se inclúe o emprego da lingua galega na elaboración e realización dos proxectos.

 

No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios. 

 

Este Comité entende que debería recuperarse a redacción da orde de 2013 (DOG de 19 de abril de 2013) para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

 

Sétima.- Artigo 13. Requisitos e selección do persoal técnico de orientación.

Este Comité considera que, aínda que se valore como unha competencia transversal, deberían valorarse especificamente os coñecementos e experiencia das persoas que presten o servizo en xestión de redes sociais, acceso e xestión de páxinas web e a súa información, formación no ámbito das TIC (antes valorado con ata 2 puntos), máis tendo en consideración a importancia que polas circunstancias actuais cobra a capacidade para asesorar ás persoas usuarias sobre acceso a plataformas web para formación ou busca de emprego e xestións de trámites de xeito telemático (citas, solicitude de prestacións…) entre outras. Así, proponse elevar a puntuación outorgada a, polo menos, 1 punto.

 

Oitava.- Artigo 14. Pagamento da subvención

No apartado 1.c), ítem 1º, establécese que deben presentarse os contratos de traballo do persoal subvencionado e comunicación dos mesmos a través de Contrat@.

 

Este Comité considera que se debería especificar que esta obriga non procede no caso dos contratos obren xa en poder da Administración e propón que, cando se trate de persoas con contrato indefinido que xa viñeron prestando eses mesmos servizos, soamente se esixa indicar o expediente en que obra xa esa información.

 

Novena.- Artigo 15. Seguimento, control e xustificación das accións.

Dentro dos criterios cuxa avaliación pode proceder, en determinados supostos, o apartado 2 deste artigo sinala a actualización no último ano do perfil profesional das persoas usuarias atendidas no período en polo menos  o 95% das citas de perfil profesional rexistradas con asistencia, debendo ser estas maiores a 0.

 

Este Comité considera que esa porcentaxe do 95% é demasiado elevada e que debería rebaixarse, tendo en conta que non se observa unha variación relevante nos perfís dun exercicio a outro.

 

Décima.- Artigo 15. Seguimento, control e xustificación das accións.

Tamén dentro dos criterios cuxa avaliación pode proceder, o apartado 2 deste artigo sinala a realización do perfil competencial de polo menos  o 30% das persoas atendidas desde xullo de 2024.

 

Respecto disto, o Comité propón que se habilite a posibilidade de coñecer, dentro do aplicativo EMI, o número de perfiles competenciais xa xestionados, opción que actualmente non está dipoñible.

 

Décima primeira.- Artigo 15. Seguimento, control e xustificación das accións.

Dentro do apartado 2, cómpre destacar outro criterio máis que, no seu caso, procedería avaliar: o número total de itinerarios abertos e atendidos debe ser mínimo dun 10% do total de persoas atendidas con asistencia nese período.

 

Este Comité considera que esa porcentaxe mínima do 10% debe aplicarse sobre o número mínimo de persoas que debe atenderse para, deste xeito, non penalizar a aqueles servizos de orientación que máis persoas atendan.

 

Décima segunda.- Artigo 16. Obrigas das entidades beneficiarias.

O apartado b) deste artigo esixe aboar ás persoas contratadas os salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexan acordes á súa categoría profesional e titulación.

 

Este Comité considera que debería engadirse a obriga de cumprir a normativa laboral.

 

Décima terceira- Artigo 17. Perda do dereito ao cobro e reintegro.

Segundo o apartado 1.h) deste artigo, o retraso no inicio das tarefas de orientación por causas non imputables á administración comportará o reintegro ou desconto da parte proporcional dos gasto subvencionado.

 

Hai que ter en conta que o devandito retraso pode deberse, ademais, a causas que non sexan imputables á entidade beneficiaria, polo que este Comité considera que debería articularse a posibilidade de solicitar unha autorización para ampliar os prazos das obrigas que poden xerar atraso cando este se debe a causas de forza maior para que non dean lugar a reintegro.

 

 

 

 

 

 

ANEXO

 

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA

 

Artigo 12. Criterios de valoración das solicitudes.

En relación coa consideración específica unánime sexta, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

 

Con ocasión de anteriores proxectos normativos ditaminados por este Consello, nos que se introduciron cambios neste mesmo senso, a Administración explicou a substitución do criterio que outorgaba puntuación directa ao emprego do galego, pola avaliación do seu emprego unicamente no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

 

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea.

Número ditame
27