Ir o contido principal

Ditame 28/25

Enviado o Ven, 16/01/2026 - 11:40
Proxecto de Orde do xx de xxxxx de 2026, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio 2026

I. ANTECEDENTES

 

O día 14 de outubro de 2025 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega o proxecto de Orde do xx de xxxxx de 2026, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio 2026 (códigos de procedemento TR807K e TR807L).

 

Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

Segundo a exposición de motivos esta orde financia “plans de formación de ámbito autonómico compostos por actividades formativas dirixidas á capacitación para o diálogo social e a negociación colectiva, promovidos polas organizacións sindicais ou asociacións empresariais representativas no devandito ámbito autonómico”.

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2025 (publicado no DOG núm. 59, do 26 de marzo de 2025) e o ditame emitido polo Consello con data 6 de novembro de 2024 (Ditame 26/2024), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

Con respecto ao texto da orde anterior, non se detectan modificacións reseñables máis aló da actualización da anualidade da convocatoria.

 

Respecto da orde anterior, as únicas modificacións deste proxecto normativo son as seguintes:

 

No artigo 2 respecto as liñas e actividades subvencionables, apartado 1.a) e 1.b) onde antes mencionaba “Paneis, foros e talleres de persoal experto” agora fala de “Paneis, foros e obradoiros de persoal experto”, substituíndo o termo “talleres” por “obradoiros”, palabra más usual en galego nun contexto formativo.

 

O artigo 6 referente ao financiamento mantense idéntico, cun crédito de 584.213,00 €.

No artigo 17 referente a criterios de valoración das solicitudes o apartado “2. Non se financiarán plans de formación que obteñan menos de 20 puntos na valoración global da solicitude” foi subtituído por “2. Non se financiarán plans de formación que obteñan menos de 15 puntos no apartado b) formulación xeral, deseño e contido”.

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

II. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde do xx de xxxxx de 2026, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio 2026 (códigos de procedemento TR807K e TR807L)” consta de: Exposición de motivos, vinte e nove artigos, unha disposición adicional única e tres  disposicións derradeiras.

 

O día 5 de novembro de 2025 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e once específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

 

Contén así mesmo, como anexo, dúas consideracións específicas de carácter non unánime manifestadas pola CEG.

 

 

 

DITAME 28/2025

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde do xx de xxxxx de 2026, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio 2026 (códigos de procedemento TR807K e TR807L), con data de rexistro de entrada neste Consello o 14 de outubro de 2025, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 5 de novembro de 2025, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Primeira.- Período de execución.

Este Comité considera que o período de execución debería ser plurianual, xa que unha vez notificada a concesión das subvencións hai un tempo reducido para a adecuada execución das accións ata o 31 de outubro.

 

Segunda.- Disposición finais e derradeiras.

 

Este Comité considera que as disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para anualidade 2025.

 

Obsérvase, ademais,  que as disposicións finais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais” antes de enunciar cada unha delas seguindo a estrutura empregada noutros Proxectos de ordes pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para a anualidade 2026.

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

 

Primeira.- Artigo 2. Liñas e actividades subvencionables.

O primeiro inciso do apartado 1 deste precepto recolle os plans de formación para cuxa realización  se conceden as axudas.

Este Comité considera que o termo destacado en cursiva se debería eliminar e facerse a referencia a “actividades ou iniciativas formativas”.

 

Segunda.- Artigo 2. Liñas e actividades subvencionables.

Tendo en consideración a Lei 4/2023, de 28 de febreiro, para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI, así como o seu Regulamento (Real Decreto 1026/2024, de 8 de outubro), este Comité propón a inclusión dunha nova área e formación prioritaria: “Medidas para a igualdade e non discriminación das persoas LGTBI”.

 

Terceira.- Artigo 2. Liñas e actividades subvencionables.

No apartado 5 que regula as modalidades das actividades formativas subvencionables indica que os cursos de formación poderán ser presenciais ou en teleformación.

 

Este Comité solicita que se aclare se a impartición dun curso a través dunha aula virtual sincrónica sería considerada como un curso de formación presencial.

 

Cuarta.- Artigo 5. Entidades beneficiarias.

No apartado 4 in fine este Comité propón que se engade “en cadansúa liña” sempre que sexa beneficiaria, como por exemplo se fai no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras en réxime de concorrencia competitiva das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e das axudas para a realización de actividades no ámbito de prevención de riscos laborais conforme a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2026 (códigos de procedemento TR852A e TR852B).

 

Quinta.- Artigo 6. Financiamento.

Este Comité considera que é necesario incrementar o orzamento para poder desenvolver máis actividades ao amparo desta orde.

 

Sexta.- Artigo 9. Gastos subvencionables e período de imputación.

O apartado 1 deste precepto fixa, como límite máximo para a execución das accións formativas, o 30 de outubro de 2026.

 

Este Comité considera que se debería recuperar a previsión contida na orde para o exercicio de 2023, que fixaba o prazo dun ano desde a notificación da resolución de concesión da axuda.

 

Así mesmo, e en consecuencia, proponse que se recupere o prazo de tres meses desde a finalización do período de execución para presentar a documentación xustificativa que o actual artigo 21 fixa no 16 de novembro de 2026.

 

Sétima.- Artigo 9. Gastos subvencionables e período de imputación.

Respecto do apartado 4.b, este Comité propón que o límite da suma do custos indirectos se fixe no 15% do custo total da actividade, xa que o actual límite do 10% é demasiado baixo.

 

Oitava.- Artigos 9 e 21.

No primeiro artigo indícase que as accións formativas deberán rematar o 30 de outubro, mentres que no outro artigo sinala como data de remate o 31 de outubro.

 

Este Comité considera que deben unificarse as datas en favor do 31 de outubro, xa que aínda no caso de que resultara ser sábado ou domingo, as aulas virtuais e a teleformación están activas.

 

Novena.- Artigo 13. Documentación complementaria

No apartado 5 que recolle os documentos que deberán achegar as beneficiarias adicionalmente, este Comité propón que en concordancia con outras ordes, se manteñan as alíneas c), d) e l) pero non a) e b), para o caso de entidades asociadas que se comprometan a executar unha parte da acción, como, por exemplo, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras en réxime de concorrencia competitiva das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e das axudas para a realización de actividades no ámbito de prevención de riscos laborais conforme a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2026 (códigos de procedemento TR852A e TR852B).

 

Décima.- Artigo 17. Criterios de valoración das solicitudes.

O apartado 1.a) valora con ata 70 puntos a representatividade das organizacións solicitantes das axudas.

 

Este Comité propón que se incremente a dita puntuación ata 80 puntos.

 

Undécima.- Artigo 18. Resolución e recursos.

Este Comité solicita aclaración sobre a situación que se produciría cando as actividades comecen antes da resolución de adxudicación das subvencións.

ANEXO

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

 

Primeira. - Artigo 13. Documentación complementaria.

Segundo o apartado 1.a) deste precepto, as organizacións empresariais ou fundacións ou outras entidades constituídas por estas deben achegar un certificado onde conste o número de empresas cos que conta.

 

A CEG considera que para as axudas reguladas na liña I, debería admitirse a posibilidade de acreditar a representatividade en función do criterio de participación institucional.

 

Segunda. - Artigo 17. Criterios de valoración das solicitudes.

A representatividade das asociacións empresariais acreditarase mediante certificado emitido polo representante legal, onde se indique o número de empresas cos que contan con respecto á totalidade de empresas das entidades concorrentes, segundo dispón o apartado 1.a) 2º deste artigo.

 

Na mesma liña que a consideración anterior, a CEG propón que se permita acreditar a representatividade en función do criterio de participación institucional, tal e como se fai noutras ordes como, por exemplo, o proxecto de proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á creación e/ou funcionamento de Gabinetes Técnicos en materia de Igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial para o ano 2026.

 

 

Número ditame
28