Ir o contido principal

Ditame 29/24

Enviado o Mér, 18/12/2024 - 13:22
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de axudas ás persoas traballadoras autónomas, cofinanciadas parcialmente pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede a súa convocatoria para o ano 2025
  1. ANTECEDENTES

 

O día 20 de novembro de 2024 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de axudas ás persoas traballadoras autónomas, cofinanciadas parcialmente pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede a súa convocatoria para o ano 2025. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

 

Este novo proxecto regula 5 programas de axudas que, no exercicio pasado, se recollían en ordes individuais e que son os seguintes:

 

  1. Programa I: Promoción do Emprego Autónomo das persoas traballadoras autónomas
  2. Programa II: Nova Oportunidade das persoas traballadoras
  3. Programa III: Bono das persoas traballadoras autónomas
  4. Programa IV: Bono Remuda das persoas traballadoras autónomas
  5. Programa V: Axudas a conciliación das persoas traballadoras autónomas

 

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto das ordes referidas no parágrafo anterior para o exercicio de 2024 (publicadas no DOG dos días 9 de xaneiro de 2024, 22 de xaneiro de 2024, 24 de xaneiro de 2024 e 6 de xuño de 2024 ) e os ditame emitidos polo Consello sobre os respectivos proxectos (ditames 45/2023, 52/2023, 46/2023, 8/2024 e 50/2023) obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

Do novo texto cómpre destacar as seguintes novidades:

 

Respecto ao orzamento asignado, no artigo 4 obsérvase que unha minoración de 250.00€ no Programa IV: Bono Remuda das persoas traballadoras autónomas. O resto de programas manteñen a mesma contía no crédito asignado para o exercicio anterior.

Polo que respecta ao programa IV: Bono Remuda das persoas traballadoras autónomas, cómpre destacar os seguintes aspectos:

Por unha banda, este novo proxecto recolle no seu artigo 50 a posibilidade de que sexan beneficiarias as persoas traballadoras autónomas que transmitan o negocio, e sexan identificadas como tal  na solicitude realizada pola persoa remudista, quedando vinculadas ambas persoas para a concesión da subvención, prevendo o artigo 51 que estas persoas perciban un importe de 6.000 ou 3.000 euros, segundo a liña de axudas na cal se encadre o negocio que transmiten (remuda rural  ou remuda xeral, respectivamete).

Tamén se observa que para optar ás axudas da liña I (bono remuda rural) o negocio debe estar situado nun concello de menos de 10.000 habitantes, cando a orde anterior establecía ese límite por debaixo dos 5.000 habitantes (artigo 51).

A intensidade da axuda para calquera das dúas liñas que compoñen este programa poderá incrementarse un 5% máis en determinados supostos que relaciona o artigo 51, engadindo este proxecto un novo caso: cando a persoa que adquire o negocio sexa desempregada de longa duración.

Por outra banda, a contía máxima subvencionable por remuda é a mesma que na orde anterior:  30.000 euros. Pero o novo proxecto contén unha excepción: nos casos en que o obxecto da remuda estea constituído por unha licenza de actividade que habilite para o desenvolvemento da mesma, a contía máxima subvencionable por remuda será de  10.000 euros.

 

Finalmente, advírtese outra novidade no Programa V: Axudas á conciliación das persoas traballadoras autónomas: o importe máximo de 7.500€ para subvencionar a transformación do contrato de substitución en indefinido (no Bono concilia I) ou a contratación indefinida (no Bono concilia II) pode incrementarse a 9.000€ cando a persoa contratada pertenza a determinados colectivos engadindo, o novo artigo 59, o das persoas menores de 30 anos.

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

 

II. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de axudas ás persoas traballadoras autónomas, cofinanciadas parcialmente pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede a súa convocatoria para o ano 2025” consta de: sesenta e catro artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

 

 

O día 29 de novembro de 2024 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén seis consideracións xerais e catorce específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial. Contén así mesmo, como anexos as seguintes consideracións non unánimes: dúas xerais e dúas específicas manifestadas polas organizacións sindicais (Anexo I) e 5 específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).

 

 

 

 

 

DITAME 29/2024

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de axudas ás persoas traballadoras autónomas, cofinanciadas parcialmente pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede a súa convocatoria para o ano 2025, con data de rexistro de entrada neste Consello o 20 de novembro de 2024, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 29 de novembro de 2024, acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Primeira.

Aínda que este Comité é favorable á simplificación que pode conlevar a unificación de normas que regulan axudas nun mesmo eido, a regulación conxunta destes 5 programas tradúcese nunha grande complexidade na súa tramitación que dificulta a xestión tendo en conta, ademais, o colectivo ao que se dirixen.

 

Segunda.

Obsérvase que, respecto dos programas II, IV e V, a orde non regula a distribución orzamentaria do importe correspondente ás axudas. Si o fai no que respecta aos programas I e III, pero prevendo para cada un diferentes porcentaxes de distribución entre as provincias.

 

Este Comité considera que se debería recoller esta previsión nunha disposición común aos cinco programas.

 

Terceira.

O artigo 31 prevé, para o programa I, a procedencia de reintegro do 5% da axuda concedida en caso de incumprir a obriga de comunicar a solicitude doutras axudas, no caso de que estas sexan compatibles.

Para o mesmo suposto, respecto do programa V, o artigo 64 prevé un reintegro do 10%.

No resto de programas non se prevé reintegro algún para ese suposto.

Este Comité considera que procede harmonizar esta regulación para que sexa común aos 5 programas.

 

 

 

Cuarta.

O artigo establece que non se poderá realizar o pagamento da subvención mentres a persoa beneficiaria non estea o día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

 

Este Comité vén propoñendo que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “outra débeda”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia e considera, ao respecto, que procede recoller expresamente no texto da orde o sinalado na resposta remitida pola Consellería respecto ao ditame 19.23 (emitido sobre a Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de corta duración que se desenvolvan por parte das entidades beneficiarias, e se convoca para 2023-2024), na que se indica que tanto na fase de presentación de solicitudes como na de liquidación, de existir débedas pendentes procédese a efectuar requirimento de oficio á solicitante para que emenden a situación.

 

O mesmo se observa respecto dos artigos 29, 37, 46, 54 e 62 da orde.

 

Quinta.

Como este Comité ten insistido en diversas ocasións, é necesario recibir, xunto coa solicitude de ditame, os anexos para poder valorar en toda a súa dimensión aspectos de importancia.

 

Sexta.

Obsérvase que nos artigos 8, 28, 30, 36, 45, 52, 53, 55, 61 e 63 utilízanse na clasificación as letras “j” e “k”, impropias do alfabeto galego. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

 

Por outra banda, obsérvase que as disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais” antes de enunciar cada unha delas seguindo a estrutura empregada, neste senso, no Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2025.

 

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.

 

Ademais, as disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para anualidade 2025.

 

Proponse a corrección do emprego do masculino xenérico no artigo 5 (“emigrante retornado”) e non empregar as barras (excluído/a no artigo 8), xa que non son a solución máis axeitada para respectar a linguaxe inclusiva.

 

Tamén procede corrixir o erro de numeración detectado no artigo 35, onde se se inclúe un apartado 1 que é único.

 

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, DE CARÁCTER UNÁNIME, DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

 

Primeira.- Artigo 17. Resolución e recursos.

Neste artigo faise referencia á persoa beneficiaria. A dita referencia debe facerse ás persoas e entidades beneficiarias, xa que algúns dos programas se dirixen a ambas.  

                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                           

Segunda.- Artigo 17. Resolución e recursos.

O apartado 6 deste precepto fixa en tres meses o prazo para resolver as solicitudes e notificar a resolución dos programas regulados nesta orde.

 

Este Comité considera que este prazo é excesivo pola natureza destas axudas e ao tratarse, ademais, dun procedemento sen concorrencia competitiva, polo que propón que se reduza sensiblemente.

 

Terceira.- Artigo 21. Incompatibilidades e concorrencia.

O apartado 2 deste artigo prevé a incompatibilidade destas axudas con outras que poidan outorgar as administracións públicas polos mesmos conceptos e gastos.

 

Este Comité propón que sexan compatibles ata o límite do 100% do gasto subvencionable.

 

Cuarta.- Artigo 25. Persoas beneficiarias e requisitos.

Segundo o apartado 1 deste artigo, serán beneficiarias aquelas persoas que causen alta definitiva no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, entre o 30 de setembro de 2024 e o 30 de setembro de 2025.

 

Este Comité considera que, para vindeiras convocatorias, se debería prever sempre o mesmo período, fixando que terían cabida as altas comprendidas entre o 1 de outubro e o 30 de setembro do ano seguinte.

 

Quinta.- Artigo 26. Liñas de axuda e contía da subvención.

As contías recollidas neste precepto levan sen actualizarse nos últimos sete anos, polo que este Comité considera que procede levar a cabo unha actualización das mesmas.

 

A Consellería, respecto desta mesma consideración no ditame 45/23, respostou que as contías viñan fixadas no Real Decreto 818/2021, polo que se regulan os programas comúns de activación para o emprego do Sistema Nacional de Emprego.

 

Porén, a dita norma fixa a contía máxima da subvención en 7.500€, superior aos 7.000€ que fixa como contía máxima posible este artigo.

 

Sexta.- Artigo 31. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro.

O apartado 4 deste precepto recolle que procederá o reintegro total da axuda concedida para a liña I do programa I, no suposto de non cumprir a obriga establecida no artigo 30.e) de mantemento de alta no RETA ou mutualidade durante un período de doce ou vinte e catro meses, segundo os casos.

 

Este Comité propón engadir no antedito apartado 4 “salvo que existan causas alleas, imprevisibles e debidamente xustificadas aos beneficiarios”, tal e como prevé o artigo 38 respecto do programa II.

 

Sétima.- Artigo 31. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro.

O apartado 5 deste precepto recolle os supostos no que procede o reintegro total da axuda polo incumprimento das obrigas recollidas na aliña f) do artigo 30.

 

Este Comité considera que ese reintegro debería ser proporcional ao tempo que reste para o cumprimento desas obrigas, e propón que este apartado se integre no apartado que regula os supostos de reintegro parcial.

 

Oitava.- Artigo 31. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro.

Segundo o apartado 9, “procederá ao reintegro do 5% da axuda concedida no caso do incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas, no caso de que estas fosen compatibles”.

 

Este Comité considera que esa sanción é desproporcionada, polo que propón que se rebaixe a porcentaxe de reintegro recollida.

 

Novena.- Artigo 36. Comprobación de datos.

Entre os datos que este artigo sinala que se deben comprobar aos efectos de tramitar o procedemento, o apartado 1.b) inclúe o NIF da entidade solicitante, cando debería referirse ao NIF da persoa autónoma solicitante, destinatarias das axudas deste programa II segundo o artigo 32.

 

Décima.- Artigo 42. Persoas beneficiarias e requisitos.

O título deste artigo debería ser “persoas e entidades beneficiarias e requisitos” xa que, como indica o propio artigo, as axudas do programa III diríxense tanto a persoas autónomas como a sociedades.  O mesmo se observa respecto do título do artigo 47 (Obrigas das persoas beneficiarias).

 

 

 

Décima primeira. – Artigo 42. Persoas beneficiarias e requisitos.

O apartado 1.a) deste artigo exixe ás persoas traballadoras autónomas unha serie de requisitos para poder ser beneficiarias das axudas desta orde, entre eles, o de ter unha antigüidade superior a 42 meses ininterrompidos na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional.

 

Este Comité segue a considerar que o dito prazo é excesivo, polo que propón que se reduza en atención á tipoloxía da axuda que se regula e ás persoas destinatarias dela, co obxecto de dotar de maior alcance esta medida e que con independencia de que, administrativamente, se adscriba á Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade de Galicia.

 

Décima segunda. – Artigo 43. Liñas de axuda e contía sa subvención.

Segundo este artigo, esta axuda permite subvencionar investimentos como a reforma do local do negocio.

 

Porén, no artigo 5.6 defínese esa reforma como obras de sinxela técnica e escasa entidade construtiva e económica que consisten normalmente en simples reparacións, decoracións ou ornatos que non modifican a estrutura construtiva do local.

 

Este Comité considera que debería haber concordancia entre o título do concepto e  o contido da definición, xa que neste caso estase a falar de reformas de instalacións mentres que na definición se fai referencia a obras de escasa entidade ou á decoración, polo que se propón que a definición recolla a posibilidade expresa de obras de máis calado propias dunha reforma.

 

Décima terceira. – Artigo 50. Persoas beneficiarias e requisitos.

O título deste artigo debería ser “persoas e entidades beneficiarias e requisitos” xa que, como indica o propio artigo, as axudas do programa IV diríxense tanto a persoas autónomas como a sociedades.  O mesmo se observa respecto do título do artigo 55 (Obrigas das persoas beneficiarias).

 

Así mesmo, debe corrixirse a referencia contida no apartado 3.2 do artigo 51, que alude unicamente á persoa beneficiaria en vez de á persoa ou entidade beneficiaria.

 

Décima cuarta.- Artigo 50. Persoas beneficiarias e requisitos.

O apartado 1.d) recolle o requisito de que a transmisión se materialice mediante contrato de traspaso ou venda do negocio ou actividade, elevado a escritura pública.

Porén, nese mesmo parágrafo indícase que abondará cun acordo de transmisión asinado entre as partes implicadas, para os efectos de concesión das axudas.

 

Á vista da resposta remitida pola Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais á consideración recollida no ditame 8.24, sobre este aspecto, este Comité considera que se debería corrixir o texto da orde para indicar que o acordo de transmisión asinado entre as partes implicadas abondará aos efectos de solicitude das axudas.

 

 

 

 

ANEXO I

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA:

 

Consideracións xerais.

 

Primeira.

Ao longo da orde obsérvase a obriga de manter a alta no RETA, ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou mutualidade, durante un tempo mínimo que varía o segundo o programa de que se trate. Por exemplo, para o programa I esíxense 12 ou 24 meses segundo o caso e para o programa V, 36 meses.

 

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que procede harmonizar esta obriga para os diferentes programas.

 

Segunda.

Ao longo do texto do proxecto normativo faise referencia á Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego.

 

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que se debería concretar en que consiste esa Rede que semella ser un instrumento laboral pero que non tivo un desenvolvemento normativo ou, de dispor del, a norma que o contén non foi obxecto de ditame por este Comité.

 

 

Consideracións específicas:

 

Primeira.- Artigo 55. Obrigas das persoas beneficiarias.

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que se deberían engadir a obriga de non simultanear a actividade a desenvolver con outra por conta allea no mesmo período.

 

Segunda.- Artigo 57. Finalidade do programa.

As organizacións sindicais que integran este Comité non comparten a inclusión do bono autónomo para o servizo de coidado de menores, maiores e persoas con discapacidade ou dependencia neste proxecto normativo, xa que o consideran un elemento discriminatorio ao concederse sen esixir máis requisito que o de ser unha persoa autónoma, cando xa existe un bono coidado de menores para o conxunto da poboación cuns criterios e requisitos que non se aplican neste caso. Proponse, polo tanto, que se suprima do texto da orde.

 

 

ANEXO II

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

 

 

Primeira.-Artigo 50. Persoas beneficiarias e requisitos.

O apartado 1.a) recolle o requisito de que o negocio obxecto de remuda debe ter un mínimo de antigüidade de 5 anos.

 

A CEG considera excesivo ese prazo e considera que debería rebaixarse a 3 anos.

 

Segunda.- Artigo 50. Persoas beneficiarias e requisitos.

Segundo o apartado 1.b) require, para que a remuda poida ser subvencionable, que se trate da mesma actividade do negocio que se remuda e se desenvolva no mesmo local, se a actividade require a existencia do mesmo.

 

A CEG considera que debería subvencionarse tamén o traspaso da actividade (fondo de comercio e clientela) sen traspaso do local.

 

Terceira.-Artigo 52. Documentación complementaria para o programa IV.

O apartado 1.b) esixe presentar un Plan de negocio segundo o modelo do Anexo IV.4, acompañado dun informe de calquera das asociacións de persoas profesionais autónomas máis representativas en Galicia.

 

A CEG considera que, ademais, debería permitirse que efectúen ese informe as asociacións empresariais, xa que non se entende que non estean contempladas sendo o fomento da creación de empresas un dos seus fins para o cal contan con persoal especializado e experiencia, independentemente  da fórmula xurídica e do réxime de cotización da persoa beneficiaria.

 

Cuarta.-Artigo 55. Obrigas das persoas beneficiarias.

O apartado 1.b) deste artigo esixe manter a alta no RETA durante os 3 anos posteriores á data da escritura do contrato de remuda, prevendo o artigo 56.4.h) o reintegro proporcional da axuda en caso de incumprimento desta obriga.

 

A CEG considera ese prazo de tres anos excesivo e propón que se reduza a un ano ou, subsidiaremente, se recupere o prazo de 2 anos que se recollía a convocatoria anterior para o ano 2020.

 

Quinta.-Artigo 63. Obrigas das persoas beneficiarias.

Este artigo recolle, no seu apartado a), a obriga para as persoas beneficiarias de manter no seu cadro de persoal á persoa traballadora contratada indefinida por un período mínimo de 3 anos, excepto no caso de baixa voluntaria ou falecemento, casos en que a beneficiaria pode optar por realizar unha substitución.

 

A CEG considera, primeiramente, que se debería reducir o período fixado para a dita obriga a 2 anos, tal e como se observa noutras ordes da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

 

En segundo lugar considera que deberían exceptuarse, ademais dos supostos recollidos, outros non imputables á entidade como poden ser os supostos de incapacidade permanente total ou absoluta, grande invalidez, os casos de  xubilación ou os despedimentos disciplinarios que non foran declarados improcedentes.

Número ditame
29