Ir o contido principal

Ditame 30/24

Enviado o Lun, 14/04/2025 - 12:54
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Plan Galicia Emprega de incentivos á contratación na empresa ordinaria, e se procede a súa convocatoria para o ano 2025
  1. ANTECEDENTES

 

O día 5 de decembro de 2024 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Plan Galicia Emprega de incentivos á contratación na empresa ordinaria, e se procede a súa convocatoria para o ano 2025. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais. 

 

 

Segundo a exposición de motivos, “As circunstancias excepcionais resultantes da Pandemia provocada polo coronavirus COVID -19, agraváronse Polos importantes efectos económicos derivados da invasión de Ucraína por parte de Rusia, que está ocasionado graves consecuencias dende o punto de vista económico a nivel europeo, producíndose un gran incremento dos custos enerxéticos, xunto co encarecemento das materias primas agrícolas e minerais, o que leva a necesidade de adoptar medidas que contribuían a paliar os efectos desta crise tamén sobre o mercado do traballo na nosa Comunidade Autónoma. Neste senso a Consellería de de Emprego, Comercio e Emigración, segue apostando  polo mantemento do emprego e da actividade económica das empresas, impulsando á contratación indefinida dos  colectivos máis vulnerables”.

 

 

 

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

 

En primeiro lugar, obsérvase a eliminación da liña de incentivos ás accións formativas no centro de traballo, sendo agora subvencionable unicamente a contratación (artigo 1).

 

En canto ao orzamento global asignado a estas axudas, increméntase a contía en 2.200.000€ respecto do previsto para o exercicio de 2024 (artigo 4).

 

Pola súa banda, á vista do artigo 24, minórase a contía prevista para a contratación indefinida inicial de persoas paradas de longa duración, persoa de 52 ou máis anos e persoa emigrante retornada ou estranxeira, pasando de 9.000 a 6.000€. Cando a persoa contratada é unha muller, a contía viuse reducida de 10.000 a 6.000€ e, no caso, de persoa con discapacidade ou en risco de exclusión social, a minoración prodúcese de 14.000 a 10.000€.

Tamén se engade un novo colectivo: as mulleres contratadas en ocupacións masculinizadas, prevendo unha contía de axuda de 10.000€.

Así, a contía máxima posible a subvencionar por cada persoa contratada con carácter indefinido é de 14.500€, 1.000€ menos que no exercicio anterior.

 

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

 

 

II. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Plan Galicia Emprega de incentivos á  contratación na empresa ordinaria, e se procede a súa convocatoria para o ano 2025” consta de: Exposición de motivos, vinte e sete artigos, tres disposicións adicionais e  dúas finais.

 

 

O día 20 de decembro de 2024 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións xerais e seis específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén, ademais, as consideracións non unánimes seguintes: unha xeral e nove específicas manifestadas polas organizacións sindicais CIG, UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia (Anexo I) e nove específicas manifestadas pola CEG.

 

 

 

DITAME 30/2024

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Plan Galicia Emprega de incentivos á contratación na empresa ordinaria, e se procede a súa convocatoria para o ano 2025, con data de rexistro de entrada neste Consello o 5 de decembro de 2024, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 20 de decembro de 2024, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

 

Primeira.

Este Comité propón que se recollan de xeito explícito axudas específicas para subvencionar os custos totais das persoas intérpretes da linguaxe de signos.

 

Segunda.

Tanto na exposición de motivos como no artigo 1, establécese como unha das finalidades desta orde seguir paliando os prexuízos derivados dos efectos da pandemia provocada pola COVID-19 sobre o mercado de traballo, que se viron agravados pola invasión de Ucraína por parte de Rusia.

 

Este Comité considera que se debería actualizar o contexto socio-económico que xustifica a necesidade destas axudas.

 

Terceira.

Este Comité considera que se debe aclarar o motivo de que a convocatoria desta orde para o ano 2024 non fora debidamente remitida ao Consello Galego de Relacións Laborais para ser informada no seo do Comité delegado polo Pleno para a emisión de ditames.

 

Cuarta.

Obsérvanse o emprego das letras j e k na clasificación dos artigos 6 e 10, impropias do alfabeto galego. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

 

Por outra banda, obsérvase que as disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais” antes de enunciar cada unha delas seguindo a estrutura empregada, neste senso, no Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2025.

 

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.

 

Ademais, as disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para anualidade 2025.

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

 

Primeira.- Artigo 6. Entidades beneficiarias.

O apartado 3.e) deste precepto establece que non poderán obter a condición de beneficiaria as persoas ou entidades que teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.

 

Este Comité vén propoñendo que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “outra débeda”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia e considera, ao respecto, que procede recoller expresamente no texto da orde o sinalado na resposta remitida pola Consellería respecto ao ditame 19.23 (emitido sobre a Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de corta duración que se desenvolvan por parte das entidades beneficiarias, e se convoca para 2023-2024), na que se indica que tanto na fase de presentación de solicitudes como na de liquidación, de existir débedas pendentes procédese a efectuar requirimento de oficio á solicitante para que emenden a situación.

 

O mesmo obsérvase respecto do previsto no artigo 26.1.a).

 

Segunda.- Artigo 6. Persoas e entidades beneficiarias.

Ao longo do texto fálase indistintamente de “persoas interesadas”, “persoas beneficiarias”, “persoas ou entidades interesadas” ou “entidades beneficiarias”.

 

Este Comité propón que se homoxeneice a redacción e se empregue “persoas e entidades beneficiarias” como se fai no título do artigo 20.

 

Terceira.- Artigo 8. Solicitudes: lugar, forma e prazo de presentación.

O apartado 4 deste artigo establece que o prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará aos sete días naturais contados dende o día da súa publicación.

Pola súa banda, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida e a formación de persoas asalariadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025, o prazo recollido comeza aos oito día naturais dende a publicación.

Este Comité considera que deberían harmonizarse os prazos das ordes tramitadas por esta Consellería para evitar confusións.

 

Cuarta.- Artigo 15. Resolución e recursos

Este artigo fixa o prazo para resolver e notificar en 3 meses.

 

Este Comité considera excesivo ese prazo e propón que se reduza.

Quinta.- Artigo 25. Exclusións.

O apartado b) exclúe dos beneficios regulados neste proxecto aos contratos realizados con algúns familiares.

 

Este Comité considera que se debería revisar este apartado en relación ao previsto na Lei 20/2007 do Estatuto do traballo autónomo.

 

Sexta.- Artigo 26. Obrigas das persoas e entidades beneficiarias.

Este Comité propón que se engada, entre as obrigas recollidas neste artigo, a de que dispoñer de plan de igualdade nos supostos nos que a lei o esixe.

 

 

 

ANEXO I

 

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA

 

CONSIDERACIÓN XERAL:

 

As organizacións sindicais consideran que é necesario redefinir as políticas activas de fomento do emprego, que se veñen mantendo con escasos cambios ano tras ano, sen que os seus resultados teñan actuado perceptiblemente de xeito positivo na situación das persoas desempregadas. A enorme dimensión dos recursos públicos transferidos ás empresas privadas, mediante subvencións directas e bonificacións das cotas da Seguridade Social, ten producido escasos resultados en cantidade e, sobre todo, en calidade do emprego, como demostran as estatísticas oficiais, ademais de mermar os recursos orzamentarios e os ingresos do sistema público da Seguridade Social.

 

Xa que logo, esas políticas deberían reorientarse, dende o noso punto de vista, arredor dos seguintes eixes:

               1) As medidas de apoio económico á contratación deberían estar destinadas en exclusiva a aqueles colectivos específicos máis vulnerables que se determinen (entre os que debe terse en conta o da mocidade), coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida persoal, laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.

               2) Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito sectorial e establecemento de mecanismos de control por parte da representación legal do persoal nas empresas.

               3) Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego, dirixidas á atención das persoas desempregadas.

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS:

 

Primeira.- Artigo 1. Obxecto e finalidade.

Dentro da liña de incentivos á contratación, o apartado 1.c) deste artigo prevé os incentivos ao incremento de duración actual dos contratos fixos-descontinuos a un mínimo de 9 meses.

 

As organizacións sindicais consideran que debería ser obxecto de axuda o incremento da duración deses contratos ata os 9 meses, posto que unha vez acaden unha duración de 11 meses estaríase ante outra modalidade contractual.

 

En coherencia, formúlase a mesma consideración respecto do desenvolvemento que deste incentivo fai a orde nos artigo 23.2c) e 24.1.c).

 

Segunda.- Artigo 6. Persoas e entidades beneficiarias.

As organizacións sindicais consideran que debería esixirse ás entidades solicitantes das axudas contar cun mínimo de cinco persoas traballadoras na data da presentación da solicitude, así como presentar unha taxa mínima de estabilidade do 75% e que este requisito se esixa respecto dos seis meses anteriores ao da solicitude.

 

Terceira.- Artigo 6. Persoas e entidades beneficiarias.

O apartado 3 prevé os supostos que impiden a unha entidade ser beneficiaria das axudas aquí recollidas.

 

As organizacións sindicais consideran que, igualmente, debería preverse que non obterán a condición de beneficiaria as entidades que teñan sido sancionadas por falta grave ou moi grave ao amparo da Lei de Infraccións e Sancións na Orde Social así como aquelas que teñan sido condenadas mediante sentenza firme por vulnerar dereitos fundamentais, especialmente o dereito de igualdade e non discriminación.

 

Cuarta.- Artigo 7. Incompatibilidades e concorrencia.

Segundo o apartado 2.c), os beneficios establecidos á contratación non poderán, illadamente ou en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 80 % do custo salarial de dúas anualidades correspondente ao contrato que se subvenciona, no caso das contratacións indefinidas.

 

As organizacións sindicais consideran que a dita porcentaxe debería  limitarse ao 60%.

 

Quinta.- Artigo 24. Contía dos incentivos.

Sen prexuízo do sinalado na consideración xeral deste Anexo I, enténdese que o custo máximo subvencionable debería ser o custo da Seguridade Social orixinado pola persoa contratada, para que a contratación non resulte de balde para as empresas.

 

Sexta.- Artigo 26. Obrigas das persoas e entidades beneficiarias.

As organizacións sindicais propoñen que se engada, entre as obrigas a cumprir polas entidades beneficiarias, que a contratación indefinida inicial que leven a cabo supoña un incremento neto do cadro do persoal.

 

Sétima .- Artigo 26. Obrigas das persoas e entidades beneficiarias.

O apartado 1 deste precepto obriga ás empresas beneficiarias a manter no seu cadro de persoal a persoa traballadora contratada polo período mínimo de 36 meses.

 

As organizacións sindicais consideran que a dita obriga debería fixarse nun mínimo de cinco anos para evitar que se perverta o obxectivo desta orde, que declara a pretensión de avanzar na estabilidade contractual das persoas traballadoras.

 

Oitava.- Artigo 26. Obrigas das persoas e entidades beneficiarias.

O segundo parágrafo do apartado 3 establece que “no suposto de extinción da relación laboral dalgunha persoa traballadora pola que se concedeu a subvención a empresa está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación”.

 

As organizacións sindicais consideran que esta posibilidade soamente debería proceder no suposto de que a extinción da relación laboral se produza por causa non imputable  á entidade beneficiaria.

 

 

Novena .- Artigo 26. Obrigas das persoas e entidades beneficiarias.

As organizacións sindicais consideran que se debería recuperar a obriga das entidades beneficiarias de manter, en cómputo anual, o número de persoas traballadoras fixas do seu cadro de persoal, durante polo menos 2 anos, que se contarán desde a data de realización das novas contratacións.

 

 

 

 

 

 

ANEXO II

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

 

 

Primeira.- Artigo 1. Obxecto e finalidade.

A CEG considera que debería existir a posibilidade  de contratar a persoas que se atopen en situación de mellora de emprego cunha xornada inferior a un terzo, co obxectivo de mellorar as súas circunstancias laborais a través dun emprego de maior xornada.

 

Segunda.- Artigo 23. Accións subvencionables.

Este artigo esixe que a contratación se faga a tempo completo para poder ser subvencionada, excepto no caso de contratar a persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. A CEG considera que tamén deberían ser obxecto de subvención os contratos celebrados a tempo parcial, sempre que sexa igual ou se supere o 50% da xornada, agás nos supostos de contratar a persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, neste caso cabería subvencionar a contratación por xornada inferior ao 50%.

 

Terceira.- Artigo 23. Accións subvencionables

Segundo este precepto e o disposto no artigo 24, son subvencionables as contratacións das persoas con discapacidade desempregadas inscritas, segundo esixe o artigo 5, no Servizo Público de Emprego como demandantes de emprego non ocupadas.

 

A CEG propón que se recolla dunha maneira explícita a posibilidade de que sexan destinatarias das axudas aquelas persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social que teñan un contrato de traballo a tempo parcial inferior ao 50% da xornada

 

Cuarta.- Artigo 24. Contía dos incentivos.

 A CEG considera que as contías das axudas deberían modularse en atención do custo salarial que ten para a empresa a contratación da persoa traballadora.

 

Quinta.- Artigo 24. Contía dos incentivos

Este artigo recolle unha serie de contías que prevé incrementar, nun 15%, cando a persoa contratada pertenza a determinados colectivos.

 

A CEG propón engadir, ademais, aos seguintes colectivos con especiais dificultades de inserción:

 

-             Persoas que teñan recoñecido un grao de discapacidade maior do 45%

-             Persoas que teñan acreditada mobilidade reducida

-             Persoas que teñan acreditada a necesidade de axuda de terceira persoa

-             Persoas que se atopen en situación de cronicidade (con patoloxías crónicas)

 

Sexta.- Artigo 25. Exclusións.

A CEG propón a  revisión das exclusións contempladas neste artigo, para que no caso de persoas con discapacidade non sexan aplicables as ditas exclusións tales como as dos apartados 2 e 3.

 

Sétima.- Artigo 25. Exclusións.

O apartado 2 deste artigo exceptúa das exclusións destas axudas o suposto de que a persoa contratada sexa un fillo ou filla menor de 30 anos da persoa traballadora autónoma.

 

A CEG considera que se debería subvencionar tamén a contratación no caso de que o fillo ou filla sexa maior de 30 anos, teña especiais dificultades de inserción laboral e pertenza a algún dos seguintes colectivos:

-Persoas con enfermidade mental ou persoas con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 por cento.

-Persoas con discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 por cento e inferior ao 65 por cento, sempre que causen alta por primeira vez no sistema da Seguridade social.

-Persoas con discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 por cento.

 

Oitava.- Artigo 26. Obrigas das persoas e entidades beneficiarias.

Segundo o apartado 1, no suposto de extinción da relación laboral dalgunha persoa traballadora pola que se concedeu a subvención, a entidade beneficiaria está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación indefinida inicial realizada cunha persoa que cumpra os requisitos.

 

A CEG considera que a cobertura desa vacante debería ser algo potestativo para a empresa e non unha obriga, de xeito que poida optar por devolver a parte proporcional da axuda que corresponda se decide non proceder coa substitución.

 

Novena.- Artigo 26. Obrigas das persoas e entidades beneficiarias.

A CEG considera excesiva a obriga de manter no cadro de persoal á persoa traballadora obxecto de subvención durante un período mínimo de trinta e seis meses, que recolle o apartado 3 deste artigo, e propón recuperar a previsión recollida na orde para o exercicio de 2023 que fixaba este período mínimo en 24 meses.

 

Número ditame
30