Ir o contido principal

Ditame 30/25

Enviado o Ven, 16/01/2026 - 11:46
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen, para o período 2026-2029, as bases reguladoras polas que se rexerán as accións formativas do Plan de formación para o emprego (persoas traballadoras ocupadas) e se procede á primeira convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva para o exercicio 2026-2027

I. ANTECEDENTES

O día 24 de outubro de 2025 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen, para o período 2026-2029, as bases reguladoras polas que se rexerán as accións formativas do Plan de formación para o emprego (persoas traballadoras ocupadas) e se procede á primeira convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva para o exercicio 2026-2027 (código de procedemento de procedemento TR302A).

Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos “A presente orde, pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento TR302A para o período 2026-2029, ten por obxecto concretar os criterios que rexerán a concesión de axudas para impartir accións formativas do Plan de formación para o emprego dirixido prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas.

(...) Este procedemento de concorrencia non competitiva ten como obxectivo o financiamento de actividades formativas que non requiren dunha valoración comparativa con outras propostas, polo que as resolucións de concesión ditaranse en orde de presentación das solicitudes, unha vez verificado o cumprimento dos requisitos exixidos, e até o esgotamento do orzamento dispoñible en cada convocatoria”.

 

Engade que “A primeira convocatoria tramítase ao abeiro do disposto no artigo 25 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia e no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expediente de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001, polo que a concesión das subvencións queda sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución”.

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio anterior (publicada no DOG núm. 167, do 30 de agosto de 2024) e o ditame emitido polo Consello con data 3 de xullo de 2024 (Ditame 13/2024), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

Do novo proxecto normativo pódense destacar os seguintes aspectos:

As diferenzas substanciais radican no obxecto, no marco normativo básico estatal e nos exercicios orzamentarios que cobren as bases reguladoras. Non se atopan diferenzas no réxime de concesión (concorrencia non competitiva) nin na entidade autorizada para o desenvolvemento normativo.

O obxecto da axuda en 2024 era “Financiar accións formativas do Sistema de formación profesional dos graos A, B e C, e competencias clave” e no proxecto de orde é “Financiar accións formativas do Plan de formación para o emprego (dirixido prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas)”.

O marco normativo en 2024 ven configurada pola LO 3/2022, do 31 de marzo, basicamente mentres que no proxecto de orde se cita expresamente a Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Mantense o réxime de concesión de concorrencia non competitiva.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen, para o período 2026-2029, as bases reguladoras polas que se rexerán as accións formativas do Plan de formación para o emprego (persoas traballadoras ocupadas) e se procede á primeira convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva para o exercicio 2026-2027 (código de procedemento de procedemento TR302A)” consta de: Exposición de motivos, corenta e seis artigos, cinco disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

 

O día 6 de novembro de 2025 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e dúas consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

Contén así mesmo, en anexos, as consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime seguintes: unha xeral e seis específicas manifestada polas Organizacións Sindicais (anexo I) e  tres específicas manifestadas pola CEG (anexo II).

 

 

DITAME 30/2025

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen, para o período 2026-2029, as bases reguladoras polas que se rexerán as accións formativas do Plan de formación para o emprego (persoas traballadoras ocupadas) e se procede á primeira convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva para o exercicio 2026-2027 (código de procedemento de procedemento TR302A), data de rexistro de entrada neste Consello o 24 de outubro de 2025, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 6 de novembro de 2025, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

 

Primeira. Versión final do borrador de orde.

Este Comité tivo coñecemento de que o proxecto de orde remitido referente ás bases reguladoras polas que se rexerán as accións formativas do Plan de formación para o emprego (persoas traballadoras ocupadas) e se procede á primeira convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva para o exercicio 2026-2027 (código de procedemento de procedemento TR302A) non é a última versión de dito proxecto, xa que con posterioridade a solicitude de ditame a este Comité, esa Consellería de Emprego, Comercio e Emigración remitiu un novo proxecto ao Comité de Seguridade e Saúde.

 

Polo exposto, este Comité solicita expresamente a esa Consellería que sexan remitidas as versións finais de todos os proxectos de orde sobre os que se solicita ditame, co gallo de poder realizar as observacións e suxerencias oportunas á versión final.

 

Segunda.

Este Comité considera que a formación para o emprego é un eixo vertebrador no desenvolvemento da vida económica, industrial e social e un instrumento esencial para garantir a formación ao longo da vida, a mellora da empregabilidade das persoas desempregadas, a necesaria adaptación dos traballadores e traballadoras e das empresas á unha sociedade baseada no coñecemento e o mantemento da capacidade profesional das persoas traballadoras, especialmente nos supostos de cambios e mutacións dos procesos produtivos.

 

Son as empresas, as persoas traballadoras e as súas respectivas organizacións representativas, as que mellor coñecen a evolución do tecido produtivo e das propias necesidades deste.

Cómpre destacar o papel que o mercado laboral desenvolve como demandante de competencias, especialidades e aptitudes profesionais, sendo as necesidades presentes e futuras do tecido produtivo o elemento dinamizador e orientador dunha correcta política formativa no eido profesional.

 

Este Comité postula a necesidade de afondar nun modelo de formación para o emprego que asegure as liñas programáticas seguintes:

• Incrementar a cualificación da poboación activa, xestionar as transicións

• Ofrecer novas oportunidades a persoas sen emprego así como actualizar e desenvolver as competencias das persoas traballadoras ocupadas, co fin de evitar a obsolescencia das súas competencias e preparalas para os cambios no mercado de traballo e a utilización das novas tecnoloxías e, deste modo, favorecer a mellora da competitividade das empresas e o mantemento e o crecemento do emprego e da súa calidade.

• Mellorar a calidade da formación para o emprego sobre a base da determinación das prioridades de formación e en función das necesidades detectadas, así como  o establecemento de fórmulas de avaliación do sistema.

• Apostar por unha formación para o emprego que apoie ás PEMES e ás persoas traballadoras con mais dificultades de acceso ó emprego.

• Garantir o carácter finalista dos fondos de formación; é dicir, que a formación para o emprego conte cun financiamento suficiente, con incorporación dos remanentes e reanualización dos fondos non realizados.

• Garantir que non existan períodos temporais sen convocatorias de plans de formación.

• Regular a participación dos axentes sociais na gobernanza do sistema: na detección de necesidades, na planificación e no seguimento e avaliación da formación para o emprego.

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Primeira.- Artigo 31. Seguimento e control das accións formativas.

Segundo o apartado 3, nas sesións formativas impartidas mediante aula virtual poderán realizarse visionados e cruces de datos que permitan comprobar a exactitude e correspondencia entre os datos do rexistro de actividade que, para cada persoa alumna, consten no campus virtual e a información mecanizada polas entidades beneficiarias na aplicación informática COBIPE.

Engade que, de existir discrepancias entre ambas fontes de datos, consideraranse correctos a efectos do cómputo de horas de presenza do alumnado, os que teñan a súa orixe na información proporcionada polo campus virtual.

 

Este Comité propón que se prevexa que, en caso de discrepancia, se presumirán correctos os datos que teñan a súa orixe na información proporcionada polo campus virtual, permitindo en todo caso achegar acreditación do contrario.

 

Segunda.- Consulta do crédito existente.

Este Comité propón que as entidades solicitantes poidan visualizar o crédito existente segundo as subvencións xa concedidas con anterioridade á súa solicitude, co gallo de comprobar se aínda existe partida suficiente.

 

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E S.N. DE CCOO DE GALICIA:

 

Consideración xeral

 

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que o actual modelo de formación para o emprego non garante a calidade da formación nin a súa viabilidade e continuidade para satisfacer as demandas do tecido produtivo, a mellora da competitividade e de cualificación ao longo da vida das persoas traballadoras.

 

Na actualidade non existe un sistema  que facilite a participación dos axentes sociais no xerme da formación, no establecemento dos obxectivos de cualificación das persoas e, aínda menos, na distribución dos recursos que se xeran coa aportación de empresas e persoas traballadoras, ao que se debe engadir o descoñecemento na execución e aplicación de fondos e, no seu caso, o remanente da última convocatoria.

 

Consideración específica:

 

Primeira.- Artigo 4. Accións formativas subvencionables.

Este Comité considera que a elaboración da oferta formativa debería ser competencia das organizacións sindicais e empresarial, xa que son fieis coñecedoras das necesidades reais de cualificación.

 

Segunda.- Artigo 5. Entidades beneficiarias.

Este artigo prevé que poidan ser beneficiarias das axudas as entidades e centros de formación que cumpran determinados requisitos sen requirirse, como acontecía en ordes anteriores, que as entidades beneficiarias sexan titulares de centros ou entidades de formación, o que posibilita que se beneficien desta subvención entidades que recorran á subcontratación total da actividade.

 

Este Comité considera que se debe esixir que as entidades beneficiarias sexan titulares de centros para evitar a subcontratación total da actividade e garantir a calidade na formación.

 

Terceira.- Artigo 5. Entidades beneficiarias.

Este Comité propón recuperar o requisito que esixía a orde anterior polo que aquelas entidades que contaran con máis de 50 persoas traballadoras e estiveran, polo tanto, obrigadas a ter un plan de igualdade, acrediten que efectivamente dispoñen del ou, en determinados supostos, están a negocialo.

 

Cuarta.-Artigo 27. Persoas destinatarias da formación e definición de persoa alumna

Segundo o apartado 3.e), poderán solicitar participar nas accións formativas persoal ao servizo das Administracións Públicas ata o límite dun 10% do total de participantes na xustificación do expediente.

 

Este Comité considera que se debería eliminar esa previsión, posto que existen accións formativas dirixidas especificamente a ese persoal e o orzamento para estas accións formativas é insuficiente.

 

Quinta.- Artigo 28. Selección do alumnado.

Segundo o apartado 1, a selección do alumnado participante nas accións formativas será realizada pola entidade beneficiaria.

 

Este Comité propón que se recupere a previsión da norma anterior, segundo a cal esta selección se facía entre as persoas traballadoras que soliciten a súa participación en cada acción formativa.

 

Sexta.- Artigo 42. Máximo e mínimo de participantes nas accións formativas.

O apartado 1 do artigo 42 establece que “Nunha solicitude de subvención que inclúa varias accións formativas, unha mesma persoa non poderá figurar como comprometida a participar en varias delas”.

 

Este Comité considera que debe modificarse a redacción do artigo, de forma que unha mesma persoa si poida figurar como comprometida a participar en varias delas, sempre que o inicio e o final das accións formativas sexan en distintas datas.

 

ANEXO II

 

CONSIDERACIÓNS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

 

Consideracións específicas:

 

Primeira.- Artigo 24. Accións formativas.

O apartado 5 do artigo 24 establece que “As accións formativas poderán impartirse en xornadas de mañá, tarde ou mañá e tarde, non estando permitida a súa realización en horario nocturno, nin en domingo ou día festivo. Enténdese como horario nocturno o período de tempo comprendido entre as 22.00 e as 8.00 horas. Con carácter excepcional e logo de solicitude da beneficiaria debidamente xustificada mediante memoria explicativa, a subdirección xeral de Formación para o Emprego poderá autorizar a realización de accións formativas que total ou parcialmente se impartan dentro do horario nocturno”.

 

A CEG propón que o horario nocturno sexa o período de tempo comprendido entre as 23.00 e as 8.00 horas.

 

Segunda.- Artigo 25. Modalidades de impartición.

O apartado 3 do artigo 25 dispón que “Non sen poderá impartir mediante aula virtual un número de horas  superior ás correspondentes ao 50% da duración da formación correspondente aos contidos específicos que estea previsto impartir na acción formativa”.

 

A CEG considera que non debería existir límite puidendo ser do 100% da duración, polo que propón modificar a redacción deste apartado.

 

Terceira.- Artigo 42. Máximo e mínimo de participantes nas accións formativas.

O apartado 1 do artigo 42 establece que “o número mínimo de persoas traballadoras ocupadas por acción formativa solicitada para as que as entidades deberán contar cun compromiso de participación previo á presentación da solicitude de subvención será do 30% dos participantes programados (...)”.

 

A CEG considera que o número mínimo debe referirse a persoas traballadoras, estean ocupadas ou estean desempregadas, sen que se limite, polo tanto, so ás persoas traballadoras ocupadas.

 

Número ditame
30