Ir o contido principal

Ditame 31/25

Enviado o Ven, 16/01/2026 - 11:47
Ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego no medio rural, e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2026

I. ANTECEDENTES

 

O día 24 de outubro de 2025 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega o proxecto de orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego no medio rural, e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2026 (código do procedemento: TR351G).

 

Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

A exposición de motivos establece que “este programa trata de dar un enfoque global ás liñas de fomento do emprego público ou institucional, desde a dobre perspectiva de, por unha banda servir de ferramenta para a mellora da empregabilidade, a través da adquisición de experiencia profesional das persoas traballadoras desempregadas que participen neles, e por outra de apoiar ás entidades locais na prevención dos incendios forestais así como na dinamización e xeración de novas actividades no medio local e rural que axuden á súa preservación.”.

 

O obxectivo fundamental desta convocatoria, segundo a exposición de motivos, é “facilitar a mellora da empregabilidade da poboación desempregada a través da adquisición de experiencia profesional naquelas áreas rurais e con menos oportunidades laborais que perden veciñanza ano tras ano. Por esa razón, e ao abeiro dos principios de cooperación e colaboración administrativa en prevención e defensa contra incendios, incentívase a contratación por parte dos concellos que contan con menos de 50.000 habitantes (Padrón municipal de habitantes 2025. IGE)”.

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio anterior (publicado no DOG núm. 50 do día 13 de marzo de 2025) e o ditame emitido polo Consello con data 19 de febreiro de 2025 (Ditame 3/2025), obsérvase que se tivo en conta, parcialmente, unha consideración de carácter formal manifestada polas organizacións sindicais e empresarial, así como unha das consideracións sobre o fondo da norma.

 

Do novo proxecto normativo, pódense destacar os seguintes aspectos:

 

Para o ano 2026, introdúcese unha nova figura funcional: o/a coordinador/a APROL, como elemento de interlocución permanente entre concellos e o sistema público de xestión da biomasa, en relación co convenio Xunta–FEGAMP–SEAGA. Así, a exposición de motivos indica que “co fin de facilitar a execución dos plans de prevención e extinción de incendios dos concellos compleméntase a presente convocatoria de axudas cunha nova figura, a de coordinador/a APROL, encargada da interlocución permanente co persoal encargado de garantir o sistema público de xestión da biomasa segundo dispón o Convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Rural, a FEGAMP e SEAGA, en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais”.

 

Na exposición de motivos ademais se indica que “Compre destacar que os incendios forestais rexistrados en Galicia no verán e outono 2025 puxeron de manifesto a alta vulnerabilidade do territorio galego fronte a fenómenos que, ademais de ter un forte impacto ambiental, supoñen unha grave ameaza para a seguridade das persoas, a economía local e a sustentabilidade do medio rural. As consecuencias destes lumes non se limitaron á perda de superficie forestal, senón que afectaron directamente á biodiversidade, á actividade agroforestal e ao equilibrio socioeconómico de moitos concellos.

Para o ano 2026, e co fin de facilitar a execución dos plans de prevención e extinción de incendios dos concellos compleméntase a presente convocatoria de axudas cunha nova figura, a de coordinador/a APROL, encargada da interlocución permanente co persoal encargado de garantir o sistema público de xestión da biomasa segundo dispón o Convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Rural, a FEGAMP e SEAGA, en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais.

 

O financiamento previsto no artigo 2 experimenta un notable incremento, pasando de 14.308.298 a 20.000.0000 de euros.

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego no medio rural, e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2026” consta de: Exposición de motivos, vinte e dous artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

 

O día 6 de novembro de 2025 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e nove consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

Contén así mesmo, como anexo, dúas consideracións  xerais e dúas específicas de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

 

 

DITAME 31/2025

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego no medio rural, e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2026”, da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, con data de rexistro de entrada neste Consello o 24 de outubro de 2026, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 6 de novembro de 2025, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira.

Este Comité considera que esta orde debería prever a posibilidade de que os postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade poidan requirir medidas de adaptación, polo que podería establecerse algún tipo de axuda para estes casos.

 

Segunda.

Este Comité considera que se debería adecuar o título deste proxecto normativo ao seu obxecto, para que sexa facilmente indentificable.

 

Terceira.

Obsérvase o emprego da letra j na clasificación dos artigos 14, 19 e 21, que é impropia do alfabeto galego. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

 

Primeira.- Artigo 1. Obxecto e finalidade.

Este artigo establece que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, en coordinación coa Consellería do Medio Rural, poderá desenvolver accións formativas para as persoas traballadoras contratadas, en colaboración coas entidades que resulten beneficiarias destas axudas, para tarefas de limpeza e mantemento de vías e parcelas, e/ou tarefas de prevención de incendios.

 

Este Comité considera que non procede destinar fondos previstos para actuacións formativas de persoas desempregadas, á formación en materia de prevención de riscos laborais do posto de traballo que o artigo 19 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de PRL recolle como unha obriga da empresa.

 

Segunda.- Artigo 1. Obxecto e finalidade.

Segundo este artigo, as persoas contratadas realizarán tarefas relacionadas maioritariamente coa prevención de incendios nas faixas secundarias definidas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

 

Este Comité considera que procede clarificar as implicacións do termo “maioritariamente”, concretando que outras tarefas poderían realizar.

 

Terceira.- Artigo 5. Subvención: Contía.

No apartado 3 deste precepto establécese que, para os efectos destas subvencións, non se consideran custos salariais subvencionables o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1º c) do Estatuto dos Traballadores, nin os incentivos e complementos extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

 

Este comité considera que, dado que hai una parte do programa financiado con FSE, procedería incluír como subvencionable o importe da indemnización por finalización de servizo prestado segundo o artigo 40.1 c) do ET, sempre e cando o servizo estea vinculado ó dito programa segundo o criterio recollido na Orde TES/106/2024, de 8 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo Plus durante o período de programación 2021-2027.

 

O mesmo criterio aplicaríase nos casos de complementos de distancia e transporte.

 

Cuarta.- Artigo 14. Requisitos e criterios para a selección das persoas traballadoras.

O último parágrafo do apartado 6 deste precepto establece que se terá en conta o menor nivel de protección por desemprego das persoas posibles beneficiarias.

 

Este Comité considera que se debería engadir unha definición de “menor nivel de protección social”, tal e como se fai coas responsabilidades familiares.

 

Quinta.- Artigo 15. Contratación das persoas traballadoras.

Segundo o apartado 6, as contratacións que incumpran os requisitos esixidos neste artigo non se entenderán xustificadas e non poderán ser subvencionadas e, se é o caso, poderán dar lugar á perda do dereito ao cobramento e reintegro de conformidade co artigo 21.

 

Este Comité propón mellorar esa redacción no senso que se indica a continuación: “as contratacións que incumpran os requisitos esixidos neste artigo non se entenderán xustificadas, non poderán ser subvencionadas e poderán dar lugar á perda do dereito ao cobramento e, no seu caso, ao reintegro”.

 

Sexta.- Artigo 18. Xustificación e pagamento.

Segundo o disposto neste artigo, non podería realizarse o pagamento da subvención se a entidade beneficiaria non está ao corrente nos pagos relativos ás súas obrigas tributarias, de Seguridade Social, ten calquera débeda pendente coa administración ou se é debedora por resolución de procedencia de reintegro.

 

Este Comité vén propoñendo que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “outra débeda”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia e considera, ao respecto, que procede recoller expresamente esta posibilidade indicando que tanto na fase de presentación de solicitudes como na de liquidación, de existir débedas pendentes procédese a efectuar requirimento de oficio á solicitante para que emenden a situación, como no  sinalado na resposta remitida pola Consellería respecto ao ditame 19.23 (emitido sobre a Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de corta duración que se desenvolvan por parte das entidades beneficiarias, e se convoca para 2023-2024), na que se indica que tanto na fase de presentación de solicitudes como na de liquidación, de existir débedas pendentes procédese a efectuar requirimento de oficio á solicitante para que emenden a situación.

 

Sétima.- Artigo 19. Obrigas das entidades beneficiarias.

Entre as obrigas que recolle este artigo, o apartado b) sinala a de asignar a unha ou varias persoas pertencentes á entidade local, a función de  coordinación e/ou de titorización das persoas contratadas.

 

Este Comité considera que se debería aclarar se debe haber unha persoa para asumir a función de coordinación e outra para asumir a función de titorización ou, se pola contra, unha mesma persoa pode asumir ambas funcións.

 

Oitava.- Artigo 19. Obrigas das entidades beneficiarias.

O apartado j) deste artigo obriga ás entidades beneficiarias a realizar un informe global no que se describan tanto os puntos fortes como as carencias das persoas demandantes de emprego sen titulación que se incorporen ao mercado de traballo a través do programa aquí regulado nesta orde.

 

Este Comité considera que non debería esixirse o dito informe, xa que non é indicativo da situación global de mercado laboral e, ademais, o Servizo Público de Emprego de Galicia xa ten entre as súas funcións a de desenvolver medidas de mellora da empregabilidade das persoas demandantes de emprego.

 

Novena.- Artigo 20. Seguimento.

No apartado 3.b) deste artigo establécese a obriga das entidades beneficiarias de “conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.”

 

Este Comité considera que o precepto debería ser máis concreto para aportar seguridade xurídica. Neste sentido, sería preciso especificar o tempo durante o cal se deben conservar os documentos.

ANEXO

 

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA.

Consideración xeral:

 

Primeira.-

A exposición de motivos deste proxecto prima aos concellos adheridos ao Protocolo xeral de actuación entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias para fomentar a implantación e fixación de empresas en Galicia mediante a creación da iniciativa “Concellos Doing Business Galicia- Concellos emprendedores” asinado con data 10 de outubro de 2017 (Disposición Adicional 11ª da Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia).

 

As organizacións sindicais consideran este tratamento privilexiado fóra de lugar ao non gardar relación algunha coa finalidade deste proxecto de orde que, segundo o seu artigo 1, é a de financiar “accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades locais rurais a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas para a realización de tarefas relacionadas maioritariamente coa prevención de incendios nas faixas secundarias definidas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, como son a planificación preventiva, a valorización forestal, a silvicultura, a limpeza de montes, a xestión da biomasa, co obxecto de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral”.

 

Segunda.- Sectores estratéxicos.

As organizacións sindicais manifestan que estas subvencións deberían ir destinadas ás subvencións para o fomento do emprego no medio rural. Pero o que realmente se fai é utilizar estas subvencións para dotar aos concellos de persoal temporal para tarefas de prevención e extinción de incendios que deberían de ser de carácter estable e financiarse con outros recursos diferentes e por outras consellerías.

 

Consideracións específicas:

 

Primeira.- Artigo  5. Subvención: contía

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que o conxunto dos incentivos non deberían superar, en ningún caso, unha contía equivalente ao custo da Seguridade Social xerado pola persoa contratada, en coherencia co manifestado noutros ditames.

Segunda.- Artigo 12. Procedemento de concesión.

O apartado 4.g) recolle que poderán recibir subvención por ata dúas contratacións os concellos incluídos na iniciativa galega dos concellos emprendedores no momento da solicitude da axuda (anteriormente denominados concellos Doing Business Galicia-Concellos Emprendedores), e que non se encadren en ningunha das alíneas anteriores, mais un contrato adicional para labores de coordinación sempre que se atopen adheridos ao Convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Rural (SEAGA), e a FEGAMP, en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais. Número máximo de contratos: tres, cando na convocatoria de 2024 ese número limitábase a unha contratación.

En relación ao disposto na consideración xeral deste Anexo, as organizacións sindicais propoñen que se recupere o previsto na convocatoria para o 2024  e se limite novamente a unha as contratacións subvencionables nestes supostos.

 

Número ditame
31