Ir o contido principal

Ditame 32/24

Enviado o Lun, 14/04/2025 - 12:57
Ditame proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas, destinadas ao financiamento do “Programa investigo”, de contratación de persoas mozas demandantes de emprego na realización de iniciativas de investigación e innovación, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2025

I. ANTECEDENTES

 

O día 5 de decembro de 2024 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección xeral de Emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas, destinadas ao financiamento do “Programa investigo”, de contratación de persoas mozas demandantes de emprego na realización de iniciativas de investigación e innovación,  no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia,  e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2025. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

Segundo a exposición de motivos, o proxecto ten como finalidade contratación de persoas mozas maiores de 16 e menores de 30 anos, investigadoras, tecnólogas, persoal técnico e outros perfís profesionais en I+D+i , en empresas que invistan en investigación e innovación e centros privados e I+D+i, sen ánimo de lucro e con persoalidade xurídica propia, que teñan definida, nos seus estatutos ou no  seu obxeto social ou normativa que os regule, a I+D+i como actividade principal.

 

 

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

 

Obsérvase unha redución de 4.357.893€ no orzamento asignado a estas axudas, respecto da orde convocada para o ano 2024 (artigo 3).

 

Redúcense, así mesmo, as entidades que poden ser beneficiarias das axudas; principalmente, segundo o artigo 4, elimínase a posibilidade de que accedan ás axudas as entidades públicas (como universidades ou centros públicos de investigación).

 

O artigo 5 establece que a modalidade contractual a utilizar será o contrato indefinido, excluíndo expresamente os contratos fixos-descontinuos. A anterior convocatoria permitía que os contrato se formalizaran na modalidade que mellor se axustara ás circunstancias concretas da iniciativa.

 

Este mesmo artigo limita o número máximo de contratos a 3 por entidade ou persoa empregadora, cando a orde anterior prevía un máximo de 6 ou 25 contratos, segundo quen fora a beneficiaria das axudas.

Pola súa banda, xa non se prevé no artigo 19 o pagamento anticipado do 100% que si recollía a convocatoria anterior.

 

En canto ás obrigas das entidades, que relaciona o artigo 21, engádase como novidade a de manter no cadro persoal á persoa traballadora obxecto de subvención durante, polo menos 36 meses, prevéndose a substitución da mesma en determinados supostos.

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

II. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas, destinadas ao financiamento do “Programa investigo”, de contratación de persoas mozas demandantes de emprego na realización de iniciativas de investigación e innovación,  no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia,  e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2025” consta de: Exposición de motivos, vinte e cinco artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.      

 

O día 20 de decembro de 2024 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén cinco consideracións xerais e seis específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

Así mesmo, como anexo, contén dúas consideracións específicas de carácter non unánime sobre manifestadas pola CEG.

 

 

 

 

 

 

 

 

DITAME 32/2024

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas, destinadas ao financiamento do “Programa investigo”, de contratación de persoas mozas demandantes de emprego na realización de iniciativas de investigación e innovación,  no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia,  e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2025, con data de rexistro de entrada neste Consello o 5 de decembro de 2024, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 20 de decembro de 2024, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
 

Primeira

Este Comité considera que, naquelas cuestións en que a CCAA de Galicia non estea habilitada  para ditar criterios propios respecto destas axudas, se estea ao recollido na Orde TES/ 1267/2021, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas, destinadas ao financiamento do "Programa investigo", de contratación de persoas novas demandantes de emprego na realización de iniciativas de investigación e innovación, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

 

Segunda.

Este Comité considera que cómpre aclarar por que se elimina ao ámbito do sector público destas axudas nesta nova convocatoria, cando a Orde TES/ 1267/2021 referenciada na consideración anterior si recolle a esas entidades como posibles beneficiarias.

 

Terceira.

Obsérvanse o emprego das letras j e k na clasificación dos artigos 12 e 21, impropias do alfabeto galego. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

 

Por outra banda, obsérvase que as disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais” antes de enunciar cada unha delas seguindo a estrutura empregada, neste senso, no Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2025.

 

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.

 

Finalmente, hai un erro de numeración no artigo 4, que recolle dous apartados 1, polo que procede corrixilo.

 

Cuarta.

Este Comité reitera a necesidade de que se acheguen, xunto co borrador de orde, os datos estatísticos de execución da orde do exercicio anterior, aínda que sexan datos provisionais, xa que a súa ausencia imposibilita valorar aspectos como a distribución de créditos entre os dous programas que conforman esta norma.

 

En consecuencia, solicita que se faciliten as follas de datos estatísticos do exercicio 2024 que deben acompañar ao proxecto de orde cos seguintes datos:

 

-             Número de solicitudes presentadas

-             Número de persoas traballadoras, desagregadas por sexos, afectadas por esas        solicitudes.

-             Número de solicitudes resoltas favorablemente

-             Número de persoas traballadoras, desagregadas por sexos, afectadas polas solicitudes resoltas favorablemente.

 

Quinta.

Este Comité considera que se debe aclarar o motivo de que a convocatoria desta orde para o ano 2024 non fora debidamente remitida ao Consello Galego de Relacións Laborais para ser informada no seo do Comité delegado polo Pleno para a emisión de ditames.

 

 

 

 

 

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

 

Primeira. –Exposición de motivos.

Obsérvase que a exposición de motivos recolle, en dous parágrafos diferentes, o mesmo contido relativo á normativa reguladora da tramitación anticipada de expedientes de gasto ao abeiro da cal se tramita esta orde, polo que procede eliminar un deses parágrafos.

 

Segunda. –Artigo 2. Actividades de ocupacións obxecto das axudas.

Este Comité considera que debería recollerse a posibilidade de contratar, como persoal de apoio, ata un 10% do total de postos de traballo ofertados, tal e como prevé o artigo 2 da Orde TES/ 1267/2021.

 

Terceira. – Artigo 4. Entidades beneficiarias da subvención.

Segundo o apartado 1.e) non poderán obter a condición de entidades beneficiarias destas axudas, as entidades consideradas empresa en crise.

 

Este Comité entende que esta exclusión non debería afectar a aquelas empresas declaradas en concurso cando neste adquirira a eficacia un convenio, xa que o artigo 10.2 da Lei de Subvencións de Galicia permite a estas entidades ser beneficiarias de subvencións este extremo debería constar expresamente nesta orde.

 

Cuarta. – Artigo 5. Destino das subvencións públicas, contías e financiamento.

Este Comité considera que se deberían incluír axudas ao desprazamento cando a persoa contratada teña a súa residencia nunha provincia diferente de onde vai desempeñar o seu posto de traballo, tal e como fai a Orde TES/ 1267/2021, que prevé un importe de 1.000 euros por ano.

 

Quinta. – Artigo 5. Destino das subvencións públicas, contías e financiamento.

Segundo o apartado 4 deste artigo, as subvencións reguladas nesta orde serán incompatibles con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entidade.

 

Esta previsión resulta incoherente co artigo 22.d, que establece o reintegro do 10% da axuda en caso de incumprir a obriga de comunicar ao órgano concedente da mesma a solicitude doutras axudas para  a mesma finalidade.

Pola súa banda, a Orde TES/ 1267/2021 prevé a compatibilidade das axudas nela reguladas con outras para a mesma finalidade.

Así, este Comité considera que se debería regular no mesmo senso nesta orde.

 

Sexta. – Artigo 8. Prazo de presentación de solicitudes.

Este artigo fixa o prazo para presentar as solicitudes nun mes desde a publicación da orde.

 

Este Comité considera que sería máis axeitado ampliar o dito prazo a 30 días hábiles.

ANEXO

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CEG:

 

Primeira.- Artigo 21. Obrigas das entidades beneficiarias.

A CEG considera excesiva a obriga de manter no cadro de persoal á persoa traballadora obxecto de subvención durante un período mínimo de trinta e seis meses, que recolle o apartado 3 deste artigo, e propón rebaixar este período mínimo a 24 meses.

 

Segunda.- Artigo 22. Perda do dereito ao cobramento, reintegros, réxime sancionador e devolución voluntaria da subvención.

A CEG considera que, dentro das excepcións que recolle este artigo á regra xeral de reintegrar a axuda en caso de incumprir a obriga de mantemento do emprego polo período mínimo de 36 meses, debe engadirse tamén os supostos de incapacidade total, incapacidade permanente ou grande invalidez.

 

Número ditame
32