I. ANTECEDENTES
O día 31 de outubro de 2025 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida e a formación de persoas asalariadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento TR349F).
Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos “co obxectivo de favorecer a creación de novos empregos estables, a inserción laboral de persoas en desemprego e contribuír ao desenvolvemento e ao crecemento das pequenas unidades produtivas, deséñase un programa específico para apoiar e incidir naquelas persoas traballadoras autónomas e persoas profesionais que, con potencialidade para crear emprego, non adoptan tal decisión polo risco ou carga que pode supoñer a contratación das súas primeiras persoas traballadoras e o cambio de dimensión do seu negocio, e que ten unha especial relevancia nesta comunidade autónoma”.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2025 (publicado no DOG núm. 11, do 17 de xaneiro de 2025) e o ditame emitido polo Consello con data 20 de decembro de 2024 (Ditame 31/2024), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas no antedito ditame, ademais de que a Consellería non contestou ao Comité.
Do novo texto cómpre destacar as seguintes novidades:
No artigo 9.1.c) inclúese a maiores na documentación a TA2 a baixa das persoas traballadoras por despido procedente.
A orde non modifica o deseño do programa, pero actualiza para o exercicio 2026:
- Prazos
- exercicio orzamentario
- período estatístico para reparto territorial
- causas admitidas para TA2 de baixa (engádese despido disciplinario procedente)
Obsérvase, no artigo 26, a contía dos incentivos segue igual: Primeira persoa traballadora indefinida desempregada: 7.500€. A contía será de 9.000€ cando a persoa desempregada se encadre nalgún dos seguintes colectivos, non acumulables e segunda e terceira persoa traballadora indefinida: 9.000€. A contía será de 11.000€ cando a persoa desempregada se encadre nalgún dos seguintes colectivos, non acumulables
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “orde pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida e a formación de persoas asalariadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento TR349F)” consta de: Exposición de motivos, trinta e catro artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.
O día 13 de novembro de 2025 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e dúas consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.
Contén así mesmo, como anexos, as consideracións non unánimes seguintes: unha xeral e catro específicas manifestadas por CIG, UGT- Galicia e SN de CCOO (Anexo I) e dúas específicas manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo II).
|
DITAME 32/2025
|
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida e a formación de persoas asalariadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento TR349F), con data de rexistro de entrada neste Consello o 31 de outubro de 2025, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 13 de novembro de 2025, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Única.
Obsérvanse o emprego das letras j e k na clasificación dos artigos 9 e 10, impropias do alfabeto galego. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.
Por outra banda, obsérvase que as disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais” antes de enunciar cada unha delas seguindo a estrutura empregada, neste senso, no Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2025.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.
Ademais, as disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para anualidade 2025.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, DE CARÁCTER UNÁNIME, DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:
Primeira.- Artigo 5. Definicións.
A pesar do título deste artigo, obsérvase que nel se entremezclan definicións con temas procedimentais que non encaixan, polo tanto, dentro deste artigo.
Segunda.- Artigo 6. Persoas beneficiarias.
Tanto neste artigo como no artigo 20, faise referencia a que as persoas estean ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e que non teñan pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma tanto como obriga da persoa beneficiaria, como para obter a condición de persoa beneficiaria.
ANEXO I
CONSIDERACIÓN XERAL E ESPECÍFICAS NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA:
CONSIDERACIÓN XERAL
As organizacións sindicais consideran que é necesario redefinir as políticas activas de fomento do emprego, que se veñen mantendo con escasos cambios ano tras ano, sen que os seus resultados teñan actuado perceptiblemente de xeito positivo na situación das persoas desempregadas. A enorme dimensión dos recursos públicos transferidos ás empresas privadas ten producido escasos resultados en cantidade e en calidade do emprego, como demostran as estatísticas oficiais.
Xa que logo, eses recursos públicos deberían reorientarse, dende o noso punto de vista, arredor dos seguintes eixes:
1) As medidas de apoio económico á contratación deberían estar destinadas en exclusiva a aqueles colectivos específicos máis vulnerables que se determinen (entre os que debe terse en conta o da mocidade), coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida persoal, laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.
2) Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito sectorial e establecemento de mecanismos de control por parte da representación legal do persoal nas empresas.
3) Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego, dirixidas á atención das persoas desempregadas.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS:
Primeira.- Artigo 1. Obxecto e finalidade.
As organizacións sindicais cuestionan a utilización do bono de formación recollido no apartado 2.b) como instrumento para mellorar a formación das persoas traballadoras contratadas ao abeiro desta orde, xa que non garante a calidade da dita formación nin o acceso en igualdade a ela.
Formúlase a mesma consideración para todos os artigos que desenvolven este programa no capítulos II e III.
Segunda.- Artigo 7. Incompatibilidades e concorrencia.
O apartado 2 deste artigo dispón que os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 80% do custo salarial de dúas anualidades correspondente ao contrato que se subvenciona.
As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que o conxunto dos incentivos non deberían superar, en ningún caso, unha contía equivalente ao custo da Seguridade Social xerado pola persoa contratada, en coherencia co manifestado noutros ditames.
Terceira.- Artigo 28. Obrigas das persoas beneficiarias.
O apartados 1 e 2 deste artigo obrigan á persoa beneficiaria a manter no seu cadro de persoal á persoa traballadora contratada por un tempo mínimo de 36 meses.
As organizacións sindicais consideran que, ao establecerse un prazo tan curto, pódese propiciar que se perverta o obxectivo desta orde, xa que se da o paradoxo de que a indemnización por despedimento pode resultar sensiblemente inferior á subvención percibida pola contratación indefinida, polo que se debería incrementar ata cinco anos o referido período.
Cuarta.- Artigo 28. Obrigas das persoas beneficiarias.
As organizacións sindicais consideran que se debería recuperar a obriga de que, no suposto da segunda e terceira contratación indefinida subvencionada, obrigaba a manter o número de persoas traballadoras fixas do seu cadro de persoal. En coherencia co sinalado na consideración inmediatamente anterior, proponse o prazo da devandita obriga sexa de 5 anos.
ANEXO II
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.
Primeira. – Artigo 28. Obrigas das persoas beneficiarias.
A CEG considera excesiva a obriga de manter no cadro de persoal á persoa traballadora obxecto de subvención durante un período mínimo de trinta e seis meses, que recolle o apartado 1 deste artigo, e propón recuperar a previsión recollida en convocatorias anteriores que fixaba este período mínimo en 24 meses.
Segunda.- Artigo 29. Reintegros nos bonos de contratación.
No apartado 1.a) deste artigo estipula que cando as substitucións se realicen transcorrido o prazo establecido no artigo 28.1, entenderase que se produce un incumprimento parcial. Neste caso, a contía que se reintegrará será a correspondente aos meses nos que o posto estivese vacante.
A CEG propón que se modifique a redacción para que o sistema de cálculo prevexa a devolución exclusivamente pola parte do mes na que o posto estivo vacante, de xeito que se faga referencia aos días nos que o posto estivo vacante e non aos meses.