I. ANTECEDENTES
O día 28 de febreiro de 2024 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Promoción do Emprego e Igualade, que achega proxecto de orde pola que se aproban as bases reguladoras para promover a primeira experiencia profesional das persoas mozas menores de 30 anos mediante contratos formativos, Talento 30, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.
Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos, “os incentivos para promover a práctica profesional e a formación en competencias brandas para persoas mozas menores de 30 anos responden á necesidade de proporcionar aos nosos mozos e mozas unha práctica profesional no posto de traballo que lles permita ou ben mellorar as súas cualificacións profesionais, ou ben adquirir a experiencia profesional necesaria para asegurar unha carreira profesional cunha evolución progresiva e ascendente dentro do mercado laboral galego. Adicionalmente, o Programa Talento 30 quere dotar aos mozos e mozas galegas con competencias cruciais para desenvolverse adecuadamente na contorna laboral e para asegurar o seu progreso profesional: as competencias brandas”.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio anterior (publicado no DOG o día 24 de agosto de 2023) e o ditame emitido polo Consello con data 30 de xuño de 2023 (Ditame 24/2023), obsérvase que se tiveron en conta varias das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Do novo proxecto normativo destacan os seguintes aspectos, respecto do previsto na orde anterior:
En canto ao orzamento global, obsérvase unha nova minoración do importe máximo destinado a estas axudas, neste caso de 3.374.085€ respecto do crédito previsto para a convocatoria de 2023, fixándose o importe para este exercicio en 4.191.915€ (artigo 4).
En canto aos requisitos que o artigo 7 esixe ás persoas mozas para poderen ser persoas destinatarias das axudas, engádese neste proxecto o de non ter unha experiencia profesional superior a un ano (365 días) no mesmo grupo de cotización no que van ser contratadas.
O incentivo á formación recollido no artigo 10 presenta algunhas modificacións: por unha banda, redúcese de 60 a 50 horas a duración mínima do programa formativo en competencias brandas. Así mesmo, redúcese a contía do incentivo: de 2.000 a 1.700€ para formación presencial e de 1.000 a 850€ para teleformación.
O artigo 25 elimina a previsión do pagamento anticipado da contía correspondente aos programas de formación en competencias brandas, cando a orde anterior prevía un anticipo do 100%.
Engádese un novo artigo 32, que fai referencia á canle de denuncias a través da cal poñer en coñecemento da Xunta de Galicia feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade.
II. CONTIDO.
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “orde pola que se aproban as bases reguladoras para promover a primeira experiencia profesional das persoas mozas menores de 30 anos mediante contratos formativos, Talento 30, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024” consta de: Exposición de motivos, trinta e dous artigos, unha disposición adicional e dúas disposicións finais.
O día 15 de marzo de 2024 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e catro consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.
Así mesmo contén, como anexos, as consideracións específicas non unánimes seguintes: tres manifestadas polas organizacións sindicais CIG, UGT- Galicia e SN de CCOO de Galicia (Anexo I) e dúas manifestadas pola CEG (Anexo II).
|
DITAME 3/2024
|
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se aproban as bases reguladoras para promover a primeira experiencia profesional das persoas mozas menores de 30 anos mediante contratos formativos, Talento 30, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 15 de marzo de 2024, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira.
Este Comité considera necesario que se acheguen os datos estatísticos completos de execución da resolución do exercicio anterior para a xusta valoración da norma.
En consecuencia, tal e como se ten formulado respecto doutros proxecto normativos, solicita que se inclúan nas follas de datos estatísticos do exercicio anterior os seguintes datos:
- Número de persoas mozas desempregadas afectadas por esas solicitudes.
- Número de persoas mozas desempregadas ás que afectan as solicitudes resoltas favorablemente.
Segunda.
Obsérvase que ao longo do texto emprégase a letra j na clasificación dos artigos 13 e 28, impropia do alfabeto galego. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.
Pola súa banda, as disposicións finais deberían encaixarse baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha dela, seguindo a estrutura empregada, neste senso, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para a anualidade 2024.
Finalmente, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.
Terceira.
O comité quere resaltar a importancia de que este programa se centre nos proxectos educativos, na formación, e na oferta dunha experiencia práctica real para facilitar a inserción das persoas desempregadas ao mercado laboral. Deste modo tamén pode contribuír, aínda que sexa indirectamente, á estabilidade no emprego mediante a mellora da cualificación e da empregabilidade das persoas contratadas
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
Primeira. Artigo 5. Definicións.
En coherencia co contido no ditame sobre o Proxecto de orde pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de incentivos á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023, este Comité propón que se incorpore, entre as modalidades de contratación que permite a norma, o contrato indefinido.
Segunda. Artigo 7. Persoas destinatarias finais.
Entre os requisitos que deben cumprir as persoas mozas para poderen ser destinatarias finais destas axudas, o apartado 1.b) deste artigo esixe que estean desempregadas indicando que terán preferencia as persoas paradas de longa duración.
Este Comité considera que se debería eliminar ese último inciso, xa que se trata dun aspecto que non ten máis recorrido ao longo do texto da norma ou, subsidiariamente, solicita que se especifique como se concreta esa preferencia.
Terceira. Artigo 24. Actividades formativas en competencias brandas: programa de formación.
O comité propón engadir que as entidades formativas estean acreditadas ou inscritas conforme a normativa vixente na comunidade autónoma.
Cuarta. Artigo 25. Documentación complementaria.
O apartado 5 deste precepto establece que non se poderá realizar o pagamento mentres a beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas e da Seguridade Social, sexa debedor/a en virtude de resolución declarativa firme da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “algunha outra débeda”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.
Obsérvase o mesmo respecto do previsto no artigo 28.a).
ANEXO I
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA .
Primeira. Artigo 8. Gastos subvenbcionables.
A apartado 3 deste artigo refírese as relacións laborais iniciadas con anterioridade á data de solicitude da axuda.
As organizacións sindicais consideran que a orde debería primar a contratación de persoas desempregadas e non as relacións laborais xa iniciadas.
Segunda. Artigo 10. Contía das axudas.
O apartado 5 deste artigo establece que o importe da subvención en ningún caso pode ser de tal contía que supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade solicitante.
As organizacións sindicais propoñen que non poda ser de tal contía que supere o custo da Seguridade Social.
Terceira. Artigo 11. Presentación de solicitudes e prazos.
As organizacións sindicais consideran que se debería limitar o número de solicitudes a unha por cada persoa empregadora ou empresa beneficiaria.
ANEXO II
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Primeira.- Artigo 9. Exclusións.
O apartado a) deste proxecto normativo, inclúe dentro das exclusións dos beneficios desta orde, entre outras, as contratacións de persoas traballadoras para prestaren servizos noutras empresas mediante contratos de posta á disposición.
A CEG considera que a orde debería prever o carácter subvencionable deste tipo de contratacións.
Segunda.- Artigo 30. Perda do dereito ao cobramento e reintegro.
O apartado 2.h) deste artigo prevé o reintegro total da axuda no caso de incumprirse a obriga de manter o emprego por un período mínimo de 2 anos, con algunhas excepcións.
Este Comité considera que deberían exceptuarse tamén os supostos de incapacidade permanente, incapacidade absoluta e grande invalidez, así como os supostos de despido disciplinario procedente.