Ir o contido principal

Ditame 36/25

Enviado o Ven, 16/01/2026 - 11:57
Ditame sobre o proxecto de orde do XX de XXX de 2025 pola que se modifica parcialmente a Orde do 8 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2025-2027 e se procede á primeira convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva para o financiamento de accións formativas do Sistema de Formación Profesional dos graos A, B e C, para persoas traballadoras desempregadas, para os anos 2025-2026 e se procede a súa segunda convocatoria para os exercicios 2026 e 2027
  1. ANTECEDENTES

 

O día 4 de decembro de 2025 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega o proxecto de orde do XX de XXX de 2025 pola que se modifica parcialmente a Orde do 8 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2025-2027 e se procede á primeira convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva para o financiamento de accións formativas do Sistema de Formación Profesional dos graos A, B e C, para persoas traballadoras desempregadas, para os anos 2025-2026 e se procede a súa segunda convocatoria para os exercicios 2026 e 2027 (código de procedemento TR301K).

 

Segundo a exposición de motivos, “a Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da Formación Profesional, estableceu un novo marco normativo que ten por obxectivo a constitución e ordenación dun sistema único e integrado de formación profesional

(...)

A resolución das subvencións correspondentes á primeira convocatoria do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2025-2026, e a posterior execución das accións formativas concedidas, puxo de manifesto a mellora que para a xestión das actividades formativas suporía simplificar determinadas formalidades suxeitas a requisitos susceptibles de flexibilización.

O presente proxecto de orde ten por obxecto a segunda convocatoria de subvencións e, así mesmo, a modificación parcial da Orde do 8 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2025-2027 e se procede á primeira convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva para o financiamento de accións formativas do Sistema de Formación Profesional dos graos A, B e C, para persoas traballadoras desempregadas, para os anos 2025-2026, en aras dunha mellora na eficacia, transparencia e eficiencia administrativa.

Estas modificacións responden a razóns de interese público e boa administración dirixidas a asegurar o cumprimento dos principios de igualdade, obxectividade e transparencia.

A Orde do 8 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á primeira convocatoria para a concesión de subvencións para o financiamento de accións formativas do Sistema de Formación Profesional dos graos A, B e C, para persoas traballadoras desempregadas, para os anos 2025-2026 foi aprobada co obxecto de fomentar a mellora da empregabilidade coa adquisición e aumento de competencias profesionais e o impulso da actividade empresarial en Galicia”.

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2025 (publicado no DOG núm. 130 do día 9 de xullo de 2025) e o ditame emitido polo Consello con data 4 de xuño de 2025 (Ditame 10/2025), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

Do contido do novo proxecto poden destacarse as seguintes novidades:

 

Na exposición de motivos indícase entre outros puntos que:

  • Durante o proceso de xestión e control das subvencións correspondentes á primeira convocatoria comprobouse que determinadas entidades beneficiarias non cumpriron coas obrigas establecidas nas devanditas bases, o que vai motivar a incoación de procedementos de reintegro. O redactado do artigo 5.7 establece que se poderá exixir para ser beneficiaria da subvención unha serie de requisitos de boa execución “con relación á última convocatoria regulada por estas bases para a que rematou o prazo e execución”. Ao implementar este requisito analizouse que, tendo en conta o carácter plurianual das convocatorias, nunca se poderían aplicar estes requisitos, xa que as convocatorias abranguen un período superior ao ano natural. Esta circunstancia puxo de manifesto a conveniencia de modificar o período temporal de aplicación dos requisitos de acceso, co fin de reforzar o cumprimento das obrigas establecidas e garantir un uso eficaz e responsable dos recursos públicos.
  • No relativo ás accións formativas impartidas mediante aula virtual establecese unha asistencia do 75% das horas de duración en lugar do 100% para darlle a mesma equiparación que na modalidade presencial onde tamén se lle esixe o 75% de asistencia obrigatoria.

 

Modifícanse os seguintes artigos:

  1. Un.  Modificación do artigo 5.7  relativo aos requisitos das entidades beneficiarias.
  2. Dous. Modificación do artigo 19.5 relativo á ficha do alumnado.
  3. Tres. Modificación do artigo 19.6 relativo á sinatura dos partes manuais unicamente en caso de incidencia do sistema de fichaxe.
  4. Catro. Modificación do apartado 4 do artigo 20, relativo aos requisitos do persoal formador en modalidade virtual.
  5. Cinco. Modificación do apartado 2 do artigo 21, relativo a obrigatoriedade da comunicación da solicitude de subvencións para a mesma finalidade.
  6. Seis. Modificación do apartado 10a) do artigo 21, relativo a obrigatoriedade do uso do sistema de fichaxe mediante QR ou DNI-e en modalidade presencial.
  7. Sete. Modificación do artigo 21.10.d), relativo ao prazo de presentación da documentación.
  8. Oito. Modificación do apartado 21 do artigo 21, relativo aos cuestionarios a realizar polo alumnado.
  9. Nove. Modificación do apartado 24 do artigo 21, relativo aos requisitos das persoas alumnas.
  10. Dez. Modificación do apartado 3 do artigo 22 en relación ao dereito a percibir bolsas e axudas.
  11. Once. Modificación do apartado 6 do artigo 22,  relativo á reincorporación de alumnado no mesmo curso onde causara baixa.
  12. Doce. Modificación do apartado 8 do artigo 22,  relativo ao procedemento de expulsión dunha persoa alumna.
  13. Trece. Modificación do apartado 7 do artigo 30,  relativo a impartición dos módulos transversais.
  14. Catorce. Modificación do apartado 3 do artigo 33,  relativo ao requisito de asistencia ás titorías presenciais na modalidade virtual
  15. Quince. Modificación do artigo 36.1, relativo á solicitude de anticipos.
  16. Dezaseis. Modificación do artigo 39.2 II, relativo aos supostos de incumprimento parcial.

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

II. CONTIDO.

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde do XX de XXX de 2025 pola que se modifica parcialmente a Orde do 8 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2025-2027 e se procede á primeira convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva para o financiamento de accións formativas do Sistema de Formación Profesional dos graos A, B e C, para persoas traballadoras desempregadas, para os anos 2025-2026 e se procede a súa segunda convocatoria para os exercicios 2026 e 2027 (código de procedemento TR301K)” consta de: dezasete artigos, unha disposición transitoria e dúas disposicións finais.

 

O día 11 de decembro de 2025 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén tres consideracións xerais e catro consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a empresarial.

 

Contén así mesmo, como anexo, unha consideración específica manifestada pola CEG.

 

 

 

DITAME 36/2025

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde do XX de XXX de 2025 pola que se modifica parcialmente a Orde do 8 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2025-2027 e se procede á primeira convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva para o financiamento de accións formativas do Sistema de Formación Profesional dos graos A, B e C, para persoas traballadoras desempregadas, para os anos 2025-2026 e se procede a súa segunda convocatoria para os exercicios 2026 e 2027 (código de procedemento TR301K)”, da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, con data de rexistro de entrada neste Consello o 4 de decembro de 2025, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 11 de decembro de 2025, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

 

Primeira. Referencia ao ditame 10/2025.

O Comité de forma unánime remítese ás consideracións non admitidas pola Consellería e que foron manifestadas de forma expresa no ditame 10/2025, emitido polo Consello con data 4 de xuño de 2025, realizando os oportunos axustes de data.

 

Segunda. Ditame do CGRL.

Na proposta de orde enviada pola Consellería falta incluír na Exposición de Motivos que o proxecto foi ditaminado polo Comité de Ditames do Consello Galego de Relacións Laborais.

 

Terceira.  Axilizar trámites.

Así mesmo, o Comité quere incidir de forma unánime na necesidade de axilizar o trámite de validación polas oficinas de emprego.

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

 

Primeira.- Artigo 5. Entidades solicitantes.

O esgotamento do crédito non se comunicou ata 15 días despois de producirse, provocando que as entidades seguisen tramitando solicitudes que non poderían presentarse.

 

Este Comité propón incidir na necesidade de que se comunique de forma inmediata o esgotamento do crédito e que se publique e actualice de forma continua o crédito dispoñible en SIFO.

 

Segunda.- Artigo 15. Determinación da subvención

Segundo o apartado 2 do artigo 15 do capítulo 2 (segunda convocatoria) limítanse a dúas as accións formativas simultáneas dunha mesma especialidade, para un censo concreto e por provincia o que provoca a problemática en entidades que teñen varios centros en diferentes comarcas na mesma provincia.

 

Polo anterior, este Comité propón eliminar “por provincia”.

 

Terceira.- Artigo 21. Obrigas das entidades beneficiarias.

O apartado 21 do artigo 21 da orde do 8 de xullo de 2025, modificado agora, relativo aos cuestionarios a realizar polo alumnado dispón que:

“Realizar dous cuestionarios de valoración do curso a cubrir por parte do alumnado durante o primeiro cuarto da acción formativa, para a detección de posibles desviacións ou incidencias no desenvolvemento do curso, e ao remate desta.

Aos efectos da realización do cuestionario final, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración remitirá unha enquisa electrónica de avaliación de calidade a cubrir polas alumnas e alumnos participantes.

A Administración poderá facilitar ao alumnado no momento que considere oportuno, e especialmente se se detectasen incidencias na impartición da formación, formularios dirixidos a coñecer a súa opinión en relación co desenvolvemento da acción formativa”.

 

O Comité solicita que se realice unha nova redacción deste apartado 21 para que se comprenda de forma sinxela que os cuestionarios a cubrir polo alumnado son 2 cuestionarios.

 

Cuarta.- Artigo 39. Incumprimento de obrigas e reintegro.

O artigo 39.2.II da proposta de orde pola que se modifica a orde do 8 de xullo de 2025, relativo aos supostos de incumprimento parcial, sinala expresamente: “Suprímese o apartado d) do artigo 39.2 II”.

 

Este Comité solicita que se aclare pola Consellería a redacción, entendendo que se debería manter o redactado vixente no que respecta ao incumpriento parcial.

 

ANEXO

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CEG.

 

 

Artigo 21. Obrigas das entidades beneficiarias.

O apartado 10.a) do artigo 21 da orde do 8 de xullo de 2025, modificado agora, establece que, “a) Na modalidade presencial e na parte presencial da modalidade virtual, o control de asistencia realizarase mediante o uso dun sistema de identificación seguro e unívoco baseado en código QR e/ou DNI-e, que identifique ás persoas participantes e, subsidiariamente, por fallo do sistema ou imposibilidade acreditada de utilizar os medios de control citados reportada ao equipo de soporte de COBIPE no momento en que esta se produza, mediante o uso de partes de asistencia asinados. Estes partes deberán ser mecanizados pola entidade beneficiaria en Cobipe no mesmo día no que aconteza a incidencia”.

 

A obriga de reportar incidencias e mecanizar partes de asistencia en COBIPE o mesmo día non é posible cumprila en horarios onde non hai persoal de xestión autorizado para esa tarefa, polo que a CEG propón adaptar os requisitos aos horarios dos centros.

 

Número ditame
36