Ir o contido principal

Ditame 38/25

Enviado o Ven, 16/01/2026 - 12:01
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2026

I. ANTECEDENTES

 

O día 5 de decembro de 2025 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito do Servizo de Orientación Laboral da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2026 (código procedemento administrativo TR331A).

 

Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

Segundo a exposición de motivos: “Este programa caracterízase en Galicia pola adopción dun modelo de orientación aberta que, baseándose no traballo en rede do persoal orientador, procura unha maior implicación, compromiso e protagonismo da persoa demandante na configuración, execución e mellora do seu propio proceso de busca activa de emprego”.

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2025, publicado no DOG o día 23 de xaneiro de 2025 e o ditame emitido polo Consello con data 11 de novembro de 2024 (Ditame 27/2024), obsérvase que se tiveron en conta dúas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial sobre o fondo da norma.

 

As diferenzas entre a orde de 2025 e o proxecto de orde de 2026 concéntranse principalmente na actualización do exercicio de referencia.

 

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

 

En canto ao financiamento das axudas (artigo 1), obsérvase que se mantén o importe total dos créditos asignados, coa mesma distribución que no 2025. A diferenza reside na mera actualización do exercicio e da data de aprobación do instrumento financeiro que lles dá soporte.

 

No artigo 2 referente a Entidades beneficiarias e requisitos prodúcense dúas modificacións de carácter substancial:

  • No apartado 1.a) no 2025 recollíase “un promedio de paro rexistrado no ano 2024 superior a 350 persoas” mentres que no proxecto de orde de 2026 indícase “teñan unha medio de paro rexistrado no ano 2025 superior a 200 persoas”.
  • No apartado 1.c) no proxecto de orde de 2026 indícase “acreditar experiencia en accións de orientación laboral desenvoltas de acordo co previsto no artigo 3 destas bases reguladoras durante polo menos dous anos nos últimos 5” mentres que no ano 2025 dispoñía “acreditar experiencia en accións de orientación laboral desenvoltas de acordo co previsto no artigo 3 destas bases reguladoras durante polo menos dous anos”, sen facer referencia a un marco temporal máximo de adquisición. A limitación temporal de "nos últimos 5 anos"  introduce un principio de vixencia da experiencia, outorgando maior peso á traxectoria recente das solicitantes

 

En resumo, a principal modificación da convocatoria de 2026 reside na maior apertura ás entidades locais (ao reducir o limiar de paro) e no establecemento dun criterio de vixencia para a experiencia das entidades sen ánimo de lucro que solicitan a axuda por vez primeira.

 

O artigo 4 incrementa de 31.000 a 33.000€ a contía máxima da subvención que se concederá por cada persoa técnica de orientación laboral contratada a tempo completo durante un período de 12 meses, tomando como referencia os custos salariais e da Seguridade Social.

 

Ademais, engádese un segundo parágrafo no apartado 1 no que a contía sube a 32.000 euros en caso de determinadas entidades sen ánimo de lucro.

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

 

II. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2026 (código procedemento administrativo TR331A)” consta de: Exposición de motivos, dezasete artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

   

O 19 de decembro de 2025 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén dúas consideracións xerais e doce consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

Así mesmo contén, como anexo, unha consideración específica de carácter non unánime manifestada polas organizacións sindicais CIG, SN de CC.OO. de Galicia e UGT-Galicia.

 

 

 

DITAME 38/2025

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2026 (código procedemento administrativo TR331A), e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 19 de decembro de 2025 acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA:

Primeira.

Sen prexuízo da modificación operada neste proxecto dando cabida á financiación dos gastos xerais, este Comité considera que se debería financiar a contratación do persoal de apoio que colabore nas funcións de orientación.

 

Segunda.

Obsérvase que as disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais” antes de enunciar cada unha delas seguindo a estrutura empregada, neste senso, no Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2025.

 

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.

 

Finalmente, as disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para anualidade 2025.

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

 

Primeira. – Artigo 4. Contía e modalidades da subvención, período subvencionable e compatibilidade das axudas.

Este Comité considera que se debería incrementar o financiamento dos gastos xerais ata un 15% do total da subvención aprobada.

 

Segunda.- Artigo 4. Contía e modalidades da subvención, período subvencionable e compatibilidade das axudas.

No apartado 3 indícase que “En ambos os casos a citada contía máxima reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, no caso de que a prestación de servizos da actividade subvencionada se realice  a tempo parcial. Non se aplicará esta redución no importe destinado a cubrir o gasto do informe de auditoría nas entidades afectadas”.

 

Este Comité considera que debería revisarse a redacción anterior porque, por un lado, refírese a “ambos casos” cando son máis de dous casos e, por outro lado, porque parece que dito apartado está incorrectamente colocado nese artigo.

 

Terceira. – Artigo 5. Presentación de solicitudes e prazo.

No segundo parágrafo do apartado 1, menciónanse as persoas interesadas que presentan a solicitude presencialmente, cando a referencia debería facerse ás entidades interesadas.

 

Na resposta a este ditame indícase que na denominación “persoas interesadas” caben tanto as persoas físicas como xurídicas e, ao respecto, este Comité recorda que unicamente as persoas xurídicas poden ser beneficiarias das axudas reguladas neste proxecto.

 

 

Cuarta. – Artigo 12. Criterios de valoración das solicitudes.

Este artigo, no seu apartado 3.A.c), inclúe como criterio de valoración a redución no financiamento das accións subvencionadas por achegas económicas por parte da entidade: ata 15 puntos.

 

Na medida en que as entidades beneficiarias son colaboradoras do SPE e, ademais, estamos ante políticas públicas de emprego, non semella procedente establecer como criterio avaliable o cofinanciamento, polo que este Comité propón suprimilo.

 

Quinta.- Artigo 12. Criterios de valoración das solicitudes.

Entre os criterios de valoración non se inclúe o emprego da lingua galega na elaboración e realización dos proxectos.

 

No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios. 

 

Este Comité entende que debería recuperarse a redacción da orde de 2013 (DOG de 19 de abril de 2013) para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

 

 

Sexta.- Artigo 13. Requisitos e selección do persoal técnico de orientación.

Este Comité considera que, aínda que se valore como unha competencia transversal, deberían valorarse especificamente os coñecementos e experiencia das persoas que presten o servizo en xestión de redes sociais, acceso e xestión de páxinas web e a súa información, formación no ámbito das TIC (antes valorado con ata 2 puntos), máis tendo en consideración a importancia que polas circunstancias actuais cobra a capacidade para asesorar ás persoas usuarias sobre acceso a plataformas web para formación ou busca de emprego e xestións de trámites de xeito telemático (citas, solicitude de prestacións…) entre outras. Así, proponse elevar a puntuación outorgada a, polo menos, 1 punto.

 

Sétima.- Artigo 13. Requisitos e selección do persoal técnico de orientación.

Este Comité considera que debe revisarse e corrixirse no cadro deste artigo a puntuación da discapacidade.

 

Oitava.- Artigo 14. Pagamento da subvención.

No apartado 1.c), ítem 1º, establécese que deben presentarse os contratos de traballo ou toma de posesión do persoal subvencionado, indicando a súa vinculación co procedemento TR331A. Adicionalmente nos casos de contratos de traballo debe achegarse a comunicación a través de Contrat@ .

Este Comité considera que se debería especificar que esta obriga non procede no caso dos contratos obren xa en poder da Administración e propón que, cando se trate de persoas con contrato indefinido que xa viñeron prestando eses mesmos servizos, soamente se esixa indicar o expediente en que obra xa esa información.

 

Novena.- Artigo 15. Seguimento, control e xustificación das accións.

Dentro dos criterios cuxa avaliación pode proceder, en determinados supostos, o apartado 2 deste artigo sinala a actualización no último ano do perfil profesional das persoas usuarias atendidas no período en polo menos  o 90% das citas de perfil profesional rexistradas con asistencia, debendo ser maiores a 0.

 

Este Comité considera que esa porcentaxe do 90% é demasiado elevada e que debería rebaixarse, tendo en conta que non se observa unha variación relevante nos perfís dun exercicio a outro.

 

Décima.- Artigo 15. Seguimento, control e xustificación das accións.

Tamén dentro dos criterios cuxa avaliación pode proceder, o apartado 2 deste artigo sinala a realización do perfil competencial de polo menos o 70% das persoas atendidas.

 

Respecto disto, o Comité propón que se habilite a posibilidade de coñecer, dentro do aplicativo EMI, o número de perfiles competenciais xa xestionados, opción que actualmente non está dipoñible.

 

Décimo primeira.- Artigo 15. Seguimento, control e xustificación das accións.

Dentro do apartado 2, cómpre destacar outros criterios máis que, no seu caso, procedería avaliar:

“b) Realización do perfil competencial de polo menos o 70% das persoas atendidas.

c) O 70% dos itinerarios personalizados abertos sen un PACE sen finalizar, deben ter unha cita futura rexistrada, debendo ser maior a 0.

d) O 70% dos IPIs desenvoltos durante máis de 6 meses, tiveron polo menos unha cita de seguimento rexistrada”

 

Este Comité considera que esa porcentaxe mínima do 70% debe aplicarse sobre o número mínimo de persoas que debe atenderse para, deste xeito, non penalizar a aqueles servizos de orientación que máis persoas atendan.

 

Ademais, este Comité recomenda encarecidamente flexibilizar esa porcentaxe do 70%, xa que a propia dinámica da axenda impide en ocasión fixar unha cita, pola propia aplicación. Esa porcentaxe do 70% considérase demasiado alta.

 

Décimo segunda.- Artigo 16. Obrigas das entidades beneficiarias.

O apartado b) deste artigo esixe aboar ás persoas contratadas cos salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexan acordes á súa categoría profesional e titulación.

 

Este Comité considera que debería engadirse a obriga de cumprir a normativa laboral.

 

ANEXO

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA

 

Artigo 12. Criterios de valoración das solicitudes.

En relación coa consideración específica unánime sexta, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

 

Con ocasión de anteriores proxectos normativos ditaminados por este Consello, nos que se introduciron cambios neste mesmo senso, a Administración explicou a substitución do criterio que outorgaba puntuación directa ao emprego do galego, pola avaliación do seu emprego unicamente no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

 

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea.

Número ditame
38