Ir o contido principal

Ditame 4/24

Enviado o Mar, 23/04/2024 - 16:51
Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de emprego con apoio, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.

I. ANTECEDENTES

 

O día 1 de marzo de 2024 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que achega proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de emprego con apoio, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

Segundo a Exposición de Motivos “as circunstancias excepcionais de crise económica, que está ocasionado graves consecuencias a nivel europeo polo incremento dos custos enerxético e encarecemento das materias primas agrícolas e minerais, leva á necesidade de adoptar medidas que contribuían a paliar os efectos desta crise tamén sobre o mercado do traballo na nosa Comunidade Autónoma. Neste senso, a Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade segue apostando  polo mantemento do emprego e da actividade económica das empresas, impulsando á contratación indefinida dos colectivos máis vulnerables”.

 

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da Orde para o exercicio 2023(publicada no DOG de 30.05.23) e o ditame emitido polo Consello con data 20 de marzo de 2023 (ditame 7/2023), obsérvase que non se tiveron en conta, total ou parcialmente, algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

 

O orzamento asignado a estas axudas diminúe en 50.000€ respecto do previsto na orde anterior (artigo 4).

 

Engádese novo contido necesario para o convenio de colaboración que regula o artigo 9, esixíndose como novidade incluír o número de persoas traballadoras con discapacidade que van recibir accións de emprego con apoio e relación dos preparadores laborais que lles van prestar apoio ás anteditas persoas.

 

 

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

 

II. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de emprego con apoio, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024” consta de: Exposición de motivos, vinte e sete artigos, dúas disposicións adicionais e dúas finais.

 

 

 

O día 20 de marzo de 2024 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións xerais e cinco específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

 

 

 

 

 

DITAME 4/2024

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de emprego con apoio, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, con data de rexistro de entrada neste Consello o 1 de marzo de 2024, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 20 de marzo de 2024, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

 

 

 

 

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

 

Primeira.

Este Comité propón engadir, no texto deste proxecto, un novo artigo que incorpore o contido no artigo 5 do Real Decreto 870/2007, do 2 de xullo, polo que se regula o programa de emprego con apoio como medida de fomento de emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo.

 

O dito artigo recolle os requisitos e duración dos proxectos de emprego con apoio, contido que se bota en falta nesta orde.

 

Segunda.

Este Comité considera necesario que se acheguen os datos estatísticos de execución da resolución do exercicio anterior para a xusta valoración da norma.

En consecuencia, tal e como se ten formulado respecto doutros proxecto normativos, solicita que se faciliten as follas de datos estatísticos do exercicio anterior que deben acompañar a esta resolución cos seguintes datos:

-             Número de solicitudes presentadas

-             Número de persoas traballadoras afectadas por esas solicitudes.

-             Número de solicitudes resoltas favorablemente

-             Número de persoas traballadoras polas solicitudes resoltas favorablemente.

 

Terceira.

Este Comité considera que, á vista dos últimos proxectos normativos remitidos para ditame, procede engadir neste proxecto un artigo sobre a canle de denuncias a disposición das persoas que teñan coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade.

Isto obsérvase, entre outros, no proxecto de Orde pola que se aproban as bases reguladoras para promover a primeira experiencia profesional das persoas mozas menores de 30 anos mediante contratos formativos, Talento 30, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.

 

Cuarta.

Obsérvase o emprego das letras j e k na clasificación do artigo 15, impropia do alfabeto galego. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

 

Pola súa banda, as disposicións finais deberían encaixarse baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha dela, seguindo a estrutura empregada, neste senso, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para a anualidade 2024. Obsérvase o mesmo respecto das disposicións finais.

 

Finalmente, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE),  e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.

 

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

 

Primeira.- Artigo 6. Requisitos específicos das persoas e entidades beneficiarias.

Este artigo establece que non poderán obter a condición de beneficiaria as persoas ou entidades que teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.

 

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a “outra débeda”, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.

 

O mesmo se observa respecto do previsto no artigo 24.

 

Segunda.- Artigo 8. Persoas destinatarias finais.

O apartado 1 deste artigo recolle os supostos nos que pode atoparse a persoa destinataria das axudas e inclúe, na letra b), ás persoas con discapacidade física ou sensorial cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65%.

 

Este Comité propón que se redefinan os supostos relacionados neste apartado para adecualos á normativa vixente. Así, por exemplo, a discapacidade auditiva é unha discapacidade sensorial que aparece noutra letra do artigo, separadamente.

 

Por outra banda, este Comité considera que o grao de discapacidade esixido neste artigo debería ser o mesmo en todos os supostos, o 33%, independentemente do tipo de discapacidade xa que estamos ante persoas que presentan especiais dificultades de inserción laboral.

 

 

 

Terceira.- Artigo 8. Persoas destinatarias finais.

Segundo o apartado 3 deste artigo, as persoas traballadoras deberán ser contratadas por unha empresa ou persoa empregadora do mercado ordinario de traballo para ser empregadas efectivamente na organización produtiva da empresa.

 

Este Comité considera que se debería ter en consideración a previsión de que a dita contratación debe facerse mediante contrato indefinido ou, subsidiariamente, cunha duración determinada mínima de 6 meses, de acordo co establecido no art. 5.2 do RD 872/2007, redactado polo apartado catro da disposición final cuarta do R.D. 818/2021, de 28 de setembro, polo que se regulan os programas comúns de activación para o emprego do Sistema Nacional de Emprego.

 

Cuarta.- Artigo 11. Contía dos incentivos.

O apartado 6 deste artigo prevé unha subvención, en concepto de custos de desprazamento para o suposto en que o preparador ou preparadora deba desprazarse a centros de traballo de concellos distintos ao do seu centro de traballo.

 

Este Comité considera que se debería ampliar o suposto para aqueles casos nos que resulte procedente incluír, como subvencionables, os custos de desprazamento entre centros de traballo situados no mesmo concello, por exemplo, en atención á extensión territorial do concello de que se trate, sempre que se xustifique axeitadamente.

 

Quinta.- Artigo 20. Resolución e recursos

Este artigo fixa o prazo para resolver e notificar en 3 meses.

 

Este Comité considera excesivo ese prazo e propón que se reduza, á vista dos prazos fixados en outras normas da Consellería como o proxecto de orde pola que se aproban as bases reguladoras para promover a primeira experiencia profesional das persoas mozas menores de 30 anos mediante contratos formativos, Talento 30, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024,  no que se establece un prazo máximo para a resolución da solicitude de 2 meses.

 

En todo caso, este Comité solicita que se especifique que se trata dun prazo máximo.

 

Número ditame
4