e se procede a súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento TR353A)
DITAME 5/2026
|
Proxecto de Orde do ….de……….de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede a súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento TR353A) |
I. ANTECEDENTES
O día 23 de marzo de 2026 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega proxecto de Orde do ….de……….de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede a súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento TR353A).
Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos: “estes obradoiros duais de emprego concíbense como programas experienciais de formación e emprego que, promovidos por concellos, mancomunidades de concellos, están dirixidos a mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas de dezaoito ou máis anos de idade, a través da súa cuali&icación profesional en alternancia coa adquisición de experiencia laboral mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública ou interese social.
Ademais promóvese a inserción laboral das persoas participantes nos obradoiros, a través de contratos laborais durante un mínimo de 3 meses a xornada completa en empresas para ocupacións do ámbito das materias impartidas e no ámbito territorial de Galicia”.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para o exercicio 2025, publicada no DOG núm. 228, do 25 de novembro de 2025, e o ditame emitido polo Consello Galego de Relacións Laborais con data 22 de outubro de 2025 (ditame 19/2025), obsérvase que a Consellería non deu resposta ao Comité de Ditame pero que se tiveron en conta dúas consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial, en concreto, as referentes ao artigo 4 (duración, que foi aceptada) e o artigo 21 (Criterios e valoración dos proxectos, que foi aceptada parcialmente).
Do novo proxecto destácanse os seguintes aspectos, respecto da orde para o ano 2025:
Corenta e un artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposición derradeiras, ao igual que no proxecto de 2025.
As principais diferencias entre a Orde de 2025 e o Proxecto de Orde de 2026 radica basicamente nunha redución moi significativa nas partidas orzamentarias, o que revela que o proxecto constitúe unha convocatoria complementaria dirixidas ás entidades que non puideron concorrer á anterior. Non se trata dunha nova política pública, senón unha extensión parcial dunha convocatoria previa, da que é complementaria.
O proxecto de 2026 incorpora unha motivación adicional inexistentes na orde anterior:
“As solicitudes da convocatoria anterior non esgotaron o crédito debido a que algunhas entidades locais non presentaran as contas xerais ao Consello de Contas”.
Por iso, a nova Orde do 2026 non supón unha ruptura, senón que parece unha convocatoria complementaria ou de reforzo.
O artigo 3 que regula as “Beneficiarias da subvención: entidades promotoras” engade un apartado 6 que introduce un novo apartado inexistente na orde de 2025:
“6. Non poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas entidades locais que, ou ben como promotoras ou ben como asociadas, resultaran beneficiarias das axudas convocadas ao abeiro da convocatoria realizada pola Orde do 14 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento TR353A) publicada no Diario Oficial de Galicia nº 228, do 25 de novembro”.
En síntese, o proxecto de orde para 2026 non altera substancialmente o réxime xurídico dos obradoiros duais de emprego, senón que introduce axustes técnicos, actualizacións normativas e restricións de acceso, configurándose como convocatoria adicional destinada a ampliar a cobertura territorial das políticas activas de emprego en Galicia. É dicir, o proxecto de 2026 actúa como unha "segunda oportunidade" administrativa, mantendo as mesmas bases reguladoras pero limitando o acceso para evitar a duplicidade de axudas e asegurar que a execución orzamentaria das políticas activas de emprego sexa total no territorio galego.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO.
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede a súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento TR353A)” consta de: Exposición de motivos, corenta e un artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.
O día 10 de abril de 2026 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e seis consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.
Contén así mesmo, como Anexos, tres consideracións xerais e dúas consideracións específicas non unánimes manifestadas polas organizacións sindicais CIG, UGT- Galicia e SN de CCOO de Galicia (Anexo I) e cinco consideracións xerais e doce consideracións específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).
|
DITAME 5/2026
|
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede a súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento TR353A)”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 23 de marzo de 2026, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 10 de abril de 2026, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
Primeira. Letras k) e j).
Os artigos 21, 28 e 37 empregan, na súa numeración, as letras j) e k), impropias do alfabeto galego.
Na resposta remitida pola Secretaría Xeral de Emprego, respecto deste punto da consideración no ditame anterior, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que non teñen porque ser coincidentes en galego e castelán.
Segunda. Disposicións adicionais e derradeiras.
Tamén se observa que, a diferenza doutros proxectos normativos, as disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha de elas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
Primeira. Artigo 10.- Procedemento de selección e contratación do alumnado-traballador.
Este Comité reitera a necesidade de regular a posibilidade de que a entidade beneficiaria poda substituír ao alumnado seleccionado que cause baixa, no suposto de que a dita baixa suceda antes do inicio do proxecto.
Segunda. Artigo 10.- Procedemento de selección e contratación do alumnado-traballador.
No apartado 2 deste artigo establécese que terán preferencia para participar nestes proxectos o colectivo de persoas con especiais dificultades de inserción no mercado de traballo e relaciónanse a continuación unha serie de exemplos.
Este Comité considera que deberían sinalarse, no apartado 2, as limitacións e excepcións á preferencia prevista no artigo 11.
Terceira. Artigo 11.- Procedemento de selección e contratación do persoal formador, directivo e administrativo de apoio.
As organizacións empresarial e sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que a utilización da convocatoria pública soamente debería producirse no caso de que se utilice o sistema de oferta e non existisen persoas candidatas ou estas non resultaran idóneas, polo que se propón modificar a redacción do texto do xeito que segue: “o grupo de traballo utilizará a oferta de emprego tramitada pola oficina de emprego; no caso de que non existisen persoas candidatas ou estas non foran consideradas idóneas, realizaríase unha convocatoria pública”.
Cuarta. Artigo 21. Criterios de valoración dos proxectos.
Entre os criterios de valoración non se inclúe o emprego da lingua galega na elaboración e realización dos proxectos.
No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.
Este Comité Delegado entende que debería recuperarse a redacción do proxecto de 2013 para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.
Quinta. Artigo 21.- Criterios de valoración dos proxectos.
O apartado 1.c) prevé unha puntuación de ata 8 puntos en función da porcentaxe de cumprimento dos compromisos de inserción achegados coa solicitude.
Este Comité considera que se debería clarificar esta previsión, xa que se está a outorgar puntuación por incumprir compromisos de inserción.
Sexta. Artigo 23.- Resolución.
O apartado 1 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar a resolución será de catro meses a contar dende o remate do prazo de presentación de solicitudes.
Aínda que o que se fixa é un prazo máximo que non ten porque esgotarse, este Comité segue a considerar que estamos ante un prazo excesivo, polo que propón que sexa como máximo de tres meses, tal e como acontece na maioría das ordes tramitadas por esta Consellería.
CONSIDERACIÓNS XERAIS E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:
Consideracións xerais:
Primeira. Sectores estratéxicos.
Este Comité quere manifestar de forma unánime que estas subvencións deberían ir destinadas ás políticas activas de emprego entre as que están as medidas dirixidas á mellora da empregabilidade e redución do desemprego, mellorando as condicións do mercado de traballo, prestando especial atención aos colectivos con especiais di6icultades de inserción, no marco da Estratexia europea de emprego, do Programa nacional de reformas, do Sistema nacional de garantía xuvenil, do respectivo Plan anual para o fomento do emprego digno (PAFED).
Pero o que realmente se fai é utilizar estas subvencións para dotar aos concellos de persoal temporal para tarefas de prevención e extinción de incendios que deberían de ser de carácter estable e financiarse con outros recursos diferentes e por outras consellerías.
Segunda. Artigo 21. Criterios de valoración dos proxectos: Concello “emprendedor”.
As organizacións sindicais entenden que está totalmente fóra de lugar que sexa considerado criterio de valoración o feito de ter a condición de concello emprendedor, tal como recolle o apartado 1.k) do artigo 21, xa que non ten relación material ningunha cos obxectivos desta orde.
Terceira. Artigo 32. Subvención para incentivos á contratación.
Segundo o artigo 32, a axuda para incentivos á contratación subvencionará un importe fixo de 3.000 euros por cada persoa traballadora, correspondente ao contrato mínimo de tres meses a xornada completa.
Ademais, a entidade promotora poderá ter dereito a percibir un importe de 2.000 euros pola realización dunha diagnose xusti6icativa ao respecto das especialidades formativas a impartir no obradoiro vinculadas ás necesidades de cobertura de postos de traballo que por parte do tecido produtivo do ámbito territorial do obradoiro xusti6iquen esa necesidade.
As organizacións sindicais consideran que ese contrato debería ter unha duración mínima de nove meses, de maneira que as persoas traballadoras acumulen suficiente cotización co fin de ter dereito a percibir a prestación contributiva por desemprego.
Consideracións específicas:
Primeira. Exposición de motivos.
No parágrafo segundo da exposición de motivos vencéllase esta orde co eido do “Diálogo Social”. As organización sindicais que integran o Consello consideran que debería suprimirse esa referencia pola súa carencia de relación material co contido desta orde.
A mesma alegación realízase respecto á Disposición adicional terceira que recolle os criterios para cumprir os obxectivos do Servizo Público de Emprego de Galicia e que sinala expresamente “as directrices de emprego europeas e as que poidan emanar do diálogo social e institucional en Galicia”.
Segunda. Artigo 21.- Criterios de valoración dos proxectos.
As organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:
Con ocasión de anteriores proxectos normativos ditaminados por este Consello, nos que se introduciron cambios neste mesmo senso, a Administración explicou a substitución do criterio que outorgaba puntuación directa ao emprego do galego, pola avaliación do seu emprego unicamente no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.
É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea, polo que se considera que debe manterse a redacción deste precepto contida na orde precedente.
ANEXO II
CONSIDERACIÓNS XERAIS E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Consideracións xerais
Primeira. Destino das subvencións.
Sen prexuízo da reserva de crédito destinada á familia agraria, tendo en conta a importancia doutros sectores estratéxicos con implantación territorial, impacto no emprego e relevancia exportadora, sería conveniente destinar unha reserva de crédito adicional para proxectos vinculados a outros sectores estratéxicos. O obxectivo é apoiar a cualificación profesional, a transformación dixital, a trazabilidade e a sustentabilidade ambiental deste sectores, garantindo así a súa competitividade e capacidade de xeración de emprego de calidade no territorio galego.
Segunda.-
A CEG considera que debería habilitarse a posibilidade de que as organizacións empresariais concorresen a esta Orde, xa sexa como promotoras dunha actuación conxunta coas entidades locais ou de forma individual.
Isto xustificaríase en atención á natureza e obxectivos da citada orde, que busca a promoción do autoemprego, a formación empresarial e o incentivo da contratación no territorio local e contribuiría á finalidade da orde de mellorar a ocupabilidade das persoas obxecto do programa.
Terceira.-
É preciso que na convocatoria de axudas se incorpore a obriga por parte das entidades promotoras de garantir respecto das persoas con discapacidade, a provisión de axustes razoables, no acceso e desenvolvemento do programa, en función de necesidades individuais e aos diferentes apoios que poidan ser precisos, na realización do programa incluída tanto na formación e nas prácticas.
Para iso, é fundamental que se incorporen nas convocatorias do programa, as medidas de inclusión axeitadas á situación individual das persoas participantes, que garantan a igualdade de oportunidades e a non discriminación das persoas con discapacidade.
Cuarta.-
Considérase necesario que se incorpore algunha previsión de cara a facilitar a participación das persoas con discapacidade, que estableza previsións de cara a mellorar os medios de transporte para acudir aos programas, tanto en medios de transporte, horarios, rutas, e condicións de accesibilidade, así como posibles costes económicos que poida xerar para as persoas interesadas, e en particular, aquelas nas que a limitación de desprazamento sexa derivada da discapacidade.
De non abordar esta cuestión do transporte en xeral, e en particular para as persoas con discapacidade, haberá persoas con discapacidade que nin se formulen solicitar a participación neste tipo de obradoiros de emprego, e polo tanto non poderán optar a esta oportunidade laboral.
Quinta.-
Considérase que é preciso realizar un esforzo de cara a crear programas que se axusten ao perfil profesional das persoas con discapacidade e das necesidades específicas que presentan, inclusive á hora de elixir os obradoiros duais de emprego que se solicitan, sendo preciso realizar unha análise tanto en coordinación coas entidades sociais da discapacidade colaboradoras co servizo público de emprego na atención a colectivos específicos como cos servizos sociais municipais.
Consideracións específicas:
Primeira. Artigo 1. Obxecto e finalidade.
Este Comité propón engadir un apartado 5 no artigo 1 coa seguinte redacción:
“5. Terán a consideración de sectores estratéxicos, para os efectos desta orde, aqueles con especial relevancia económica e territorial no mercado de traballo galego, definidos en plans estratéxicos ou directores ou que se determinen motivadamente co obxecto de favorecer a súa cualificación e inserción laboral”.
Segunda. Artigo 3.2. Beneficiarias da subvención: entidades promotoras.
A CEG considera necesario flexibilizar o requisito de número mínimo de parados e para iso propón introducir unha excepción no requisito de “media de paro” cando o territorio acredite unha concentración significativa de empresas dun sector que xustifique a necesidade de formación e relevo xeracional, aínda que o municipio non reúna o umbral de desemprego.
Terceira. Artigo 3. Beneficiarias da subvención: entidades promotoras.
O texto actual delimita promotores a entes locais (concellos, mancomunidades). Sen prexuízo da posibilidade de recoñecer a outras entidades como promotores a CEG propón recoñecer tamén expresamente a figura de entidades colaboradoras (asociacións empresariais, etc.) que suscriban acordos coa entidade promotora para garantir a empregabilidade e prácticas en empresas, e que poidan constar na memoria.
Cuarta.- Artigo 5 (Formación e etapa en alternancia nos obradoiros duais de emprego) e Artigo 15 (Documentación complementaria).
Sería conveniente incorporar outras familias profesionais e determinadas especialidades dos sectores estratéxicos como especialidades elixibles incluíndoas de forma expresa, como especialidades formativas a financiar.
Quinta. Artigo 5. Formación e etapa en alternancia nos obradoiros duais de emprego.
O artigo 5 establece que “preferentemente, a actividade laboral práctica deberá supoñer o 65% de la j¡xornada”.
A CEG propón prever xa na norma a flexibilidade para oficios que requiran maior contido teórico/técnico e definir un mecanismo para xustificar un reparto distinto con aprobación previa.
En relación con iso propón modificar o primeiro parágrafo do apartado 1, quedando redactado así:
“Durante o desenvolvemento do obradoiro dual de emprego, o alumnado-traballador recibirá formación profesional para o emprego, segundo o plan formativo incluído na memoria esixida no artigo 15.2.d) desta orde, alternándoa coa práctica profesional. Preferentemente, a actividade laboral práctica deberá supoñer o 65 % da xornada laboral, sen prexuízo da normativa aplicable ás especialidades de formación impartidas.
Nas especialidades de carácter tecnolóxico ou certificador que así o xustifiquen documentalmente, a proporción poderá modificarse previo informe favorable da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego.”
Sexta. Artigo 10.- Procedemento de selección e contratación do alumnado-traballador.
No segundo parágrafo do artigo 10.5, indícase que “as persoas con discapacidade sempre que poidan realizar os traballos”. Consideramos necesario que se incorpore a garantía do dereito á adaptación do posto de traballo e/ou dos axustes razoables.
Así a proposta podería ir na liña de incorporar unha referencia a: (…)“ as persoas con discapacidade sempre que poidan realizar os traballos, sen prexuízo dos axustes razoables e/ou adaptación do posto que resulte necesario”
Considérase que non debe quedar á discrecionalidade do Concello valorar que non é posible realizar o traballo, no caso das persoas con discapacidade, porque a devandita discrecionalidade podería estar sustentada no factor de exclusión do capacitismo.
Por outra banda sinalar que aínda que neste artigo se establecen os criterios de preferencia para a selección das persoas traballadoras sería preciso baremar con puntuacións maiores a aquelas persoas con discapacidade que presentan maiores dificultades de inserción.
Sétima. Artigo 10.- Procedemento de selección e contratación do alumnado-traballador.
A CEG propón introducir unha ponderación positiva para proxectos que inclúan medidas activas de igualdade e conciliación: medidas específicas de inserción para mulleres, medidas de conciliación e formación en liderazgo e xestión técnica para mulleres.
Oitava.- Artigo 12. Obxecto e duración.
No artigo 12 regúlanse o obxecto e duración dos incentivos á contratación e a CEG propón que os incentivos á contratación consideren a duración do contrato e que se estableza un incentivo adicional para contratacións que incorporen cláusulas de formación continua na empresa.
Novena. Artigo 15. Documentación complementaria.
Respecto á memoria do proxecto, a CEG propón engadir h) ao apartado 2, quedando así redactado:
“h) Diagnóstico sectorial xustificativo, cando o proxecto estea vinculado a un núcleo produtivo sectorial estratéxico ou a sectores recoñecidos nesta orde. Este diagnóstico incluirá identificación de empresas, necesidades de perfís profesionais, previsións de contratación e propostas de colaboración público-privada”.
Décima. Artigo 21. Criterios de valoración dos proxectos.
O Artigo 21 do proxecto de orde, establece os criterios de valoración que terá en consideración a Comisión Central de Valoración. Considérase preciso incorporar entre os criterios de valoración o seguinte:
- Establecemento de medidas de inclusión axeitadas á situación individual das persoas participantes, que garantan a igualdade de oportunidades e a non discriminación das persoas con discapacidade, no marco dos programas.
- Proxectos con convenio de colaboración con empresas que garantan prácticas reais.
- Proxectos que presenten compromiso de contratación por empresas, con especial atención á contratos estables e á contratación de mulleres.
- Aumentar a puntuación por “diagnose xustificativa” que xa existe (no proxecto se contémplase un pago/importe de 2.000 € por diagnose) e ponderala favorablemente se incorpora unha análise con entrevistas a empresas.
Undécima. Artigo 21. Criterios de valoración dos proxectos.
A CEG propón engadir un novo apartado coa seguinte redacción:
“Terán puntuación adicional os proxectos que:
– Presenten convenios de colaboración con empresas (ata 3 puntos).
– Inclúan compromisos de contratación acreditados por empresas do sector (ata 2 puntos).
– Incorporen módulos de economía circular, sostibilidade e trazabilidade no itinerario formativo (1 punto).”
Décimo segunda. Artigo 25. Financiamento da subvención.
A CEG propón ampliar os contidos do seguimento engadindo a desagregación por sectores produtivos.