Ir o contido principal

Ditame 5/25

Enviado o Mar, 06/05/2025 - 13:03
Ditame sobre o Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), e se procede á súa convocatoria para o ano 2025

I. ANTECEDENTES

O día 5 de marzo de 2025 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), e se procede á súa convocatoria para o ano 2025. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

Segundo a exposición de motivos, “O programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT) pretende dinamizar a vocación emprendedora da comunidade universitaria e aproveitar o potencial empresarial das persoas dedicadas á investigación e das persoas con amplos coñecementos das novas tecnoloxías, así como impulsar a transformación do coñecemento creado nas universidades e nos centros de investigación en proxectos xeradores de riqueza e de emprego”.

 

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da orde referenciada no parágrafo anterior (publicado no DOG o día 9 de abril de 2024) e o ditame emitido polo Consello con data 15 de marzo de 2024 (Ditame 1/2024), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

O novo proxecto non presenta modificacións respecto da orde publicada para o exercicio 2024.

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (EBT), e se procede á súa convocatoria para o ano 2025” consta de: Exposición de motivos, trinta artigos, dúas disposicións adicionais unha disposición final.

 

O día 19 de marzo de 2025 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións xerais e catro específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Así mesmo, contén como anexos, as consideracións non unánimes seguintes: dúas xerais e dúas específicas manifestadas polas organizacións sindicais CIG, UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia (Anexo I), e dúas específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).

 

 

 

DITAME 5/2025

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (EBT), e se procede á súa convocatoria para o ano 2025, con data de rexistro de entrada neste Consello o 5 de marzo de 2025, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 15 de marzo de 2024, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Primeira.

Este Comité considera que esta orde debería prever a posibilidade de que os postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade poidan requirir medidas de adaptación, polo que podería establecerse algún tipo de axuda para estes casos.

 

Segunda.

Este Comité considera necesario que se acheguen os datos estatísticos de execución da resolución do exercicio anterior para a xusta valoración da norma.

En consecuencia, tal e como se ten formulado respecto doutros proxecto normativos, solicita que se faciliten as follas de datos estatísticos do exercicio anterior que deben acompañar a esta resolución cos seguintes datos:

-             Número de solicitudes presentadas

-             Número de persoas traballadoras afectadas por esas solicitudes.

-             Número de solicitudes resoltas favorablemente

-             Número de persoas traballadoras polas solicitudes resoltas favorablemente.

 

Terceira.

Obsérvanse varias discrepancias respecto dos prazos recollidos en diferentes artigos que deben harmonizarse.

 

Así, o artigo 1.2 considera subvencionables as accións, gastos e pagamentos que se produzan e realicen entre o 1/10/2024 e o 30/09/2025, pero no artigo 9.2 considera incluídos aqueles gastos xustificados antes de que finalice o prazo de xustificación fixado na resolución ou, no seu caso, ata o 30 de novembro de 2025.

 

Segundo o primeiro parágrafo do artigo 24.3 o pagamento dos gastos debe terse realizado antes do 30 de novembro de 2025 mentres que no artigo 9 o prazo abrangue ata o 30 de novembro, de xeito que neste suposto pode entenderse incluído ese día.

 

Tamén no artigo 24.3, parágrafo segundo, fixa o prazo para emitir as facturas ata o 30 de novembro, o cal impediría pagar antes do 30 de novembro as emitidas nese último día de prazo, como semella esixir o parágrafo primeiro anteriormente referenciado.

 

Cuarta.

Obsérvase que no texto do proxecto normativo aínda persisten algunhas incorreccións en materia de xénero, como o uso ocasional das barras (vinculado/a ou os/as cónxuxes no artigo 5) polo que se propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe inclusiva. Hai que ter en conta, ademais, que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.

 

Obsérvase que nos artigos 5, 16 e 25 empréganse as letras j e k na clasificación, impropias do alfabeto galego. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

 

Pola súa banda, as disposicións adicionais deberían encaixarse baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha dela, seguindo a estrutura empregada, neste senso, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para a anualidade 2025. Formúlase o mesmo respecto das disposicións finais.

 

Finalmente, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no proxecto de orde referenciado no parágrafo anterior.

 

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

 

Primeira.- Artigo 8. Subvención á creación directa de emprego estable.

Chama a atención que as persoas trans non figuren entre os colectivos que relaciona o apartado 2 deste artigo e unicamente se prevexa, no apartado 4, un incremento do 25% da contía para o suposto de que a persoa incorporada pertenza ao dito colectivo.

 

Este Comité propón que se engada na relación de colectivos do apartado 2.

 

Segunda.- Artigo 9. Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.

Este Comité propón que se habilite a posibilidade de incluír os gastos de investimento en activo fixo entre os gastos subvencionables, en función do capítulo orzamentario que financie os gastos de investimento.

 

Terceira.- Artigo 14. Solicitudes: forma, lugar e prazo de presentación.

Segundo o apartado 4 deste artigo, o prazo xeral para a presentación das solicitudes comezará aos sete días naturais contados dende o día da súa publicación.

 

Este Comité observa que no outro proxecto normativo sometido a ditame na xuntanza de hoxe (orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para a anualidade 2025), o prazo para a presentación de solicitudes comeza o oitavo día hábil posterior ao día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, considerando que sería procedente unificar os criterios de comezo do prazo de presentación de solicitudes das diferentes ordes da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

 

Cuarta.- Artigo 24. Xustificación e pago.

Segundo o apartado 4 deste precepto, as persoas beneficiarias deben presentar a documentación xustificativa para o pagamento no prazo sinalado na resolución de concesión ou, de ser o caso, ata o 30 de novembro de 2023.

 

Este Comité propón que se permita solicitar, xustificadamente, unha prórroga de carácter extraordinario, para o caso en que non sexa posible para a persoa beneficiaria a presentación da documentación no prazo anteriormente establecido.

 

 

 

 

 

 

ANEXO I

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA.

Consideracións Xerais:

Primeira.

As organizacións sindicais que integramos o Consello Galego de Relacións Laborais, na medida en que as axudas previstas no artigo 7.a) deste proxecto normativo poden ser utilizadas para a contratación estable de terceiras persoas, reiteramos a necesidade de redefinir as políticas activas de fomento do emprego, que se veñen mantendo con escasos cambios ano tras ano, sen que os seus resultados teñan actuado perceptiblemente de xeito positivo na situación das persoas desempregadas. A enorme dimensión dos recursos públicos transferidos ás empresas privadas, mediante subvencións directas e bonificacións das cotas da Seguridade Social, ten producido escasos resultados en cantidade e, sobre todo, en calidade do emprego, como demostran as estatísticas oficiais, ademais de mermar os recursos orzamentarios e os ingresos do sistema público da Seguridade Social.

Xa que logo, esas políticas deberían reorientarse, dende o noso punto de vista, arredor dos seguintes eixes:

 

               1) As medidas de apoio económico á contratación deberían estar destinadas en exclusiva a aqueles colectivos específicos máis vulnerables que se determinen (entre os que debe terse en conta o da mocidade), coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida persoal, laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.

               2) Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito sectorial e establecemento de mecanismos de control por parte da representación legal do persoal nas empresas.

               3) Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego, dirixidas á atención das persoas desempregadas.

 

Segunda.

O proxecto normativo establece, nos seus artigos 7.a) e 8, unha subvención á creación directa de emprego estable en IEBT.

 

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais, CIG, UGT- Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia, manifestan que hai que ter en conta o obxectivo do programa de apoio ás iniciativas de base tecnolóxica, que non é outro que promover a cultura emprendedora relacionando a investigación e a tecnoloxía coa creación de emprego, favorecendo e impulsando a creación de empresas de carácter innovador na Comunidade Autónoma de Galicia xeradoras de empregos cualificados.

 

Dito isto, consideran que non se debería subvencionar a creación de postos de traballo estables ao abeiro deste programa, ao que si poden vincularse o resto das axudas establecidas no artigo 7 do proxecto normativo (subvención para a conciliación das persoas promotoras, axuda para o inicio e posta en marcha da actividade e apoio á función xerencial).

 

Consideracións específicas:

Primeira.- Artigo 25. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.

Este artigo establece no seu apartado 1.a) a obriga de realizar a actividade que fundamente a concesión de axuda ou subvención durante un tempo mínimo de tres anos.

 

Igualmente, no seu apartado 2 obrígase ás empresas a manter os postos de traballo creados e que serviron de cálculo para as distintas modalidades de axuda pola creación de empregos estables durante un período mínimo de 36 meses.

 

As organizacións sindicais, sen prexuízo do manifestado na consideración xeral primeira, consideran que o tempo mínimo debe ser de cinco anos.

 

Segunda.- Artigo 37. Subvención á creación directa de emprego estable.

A organizacións que integran este Comité consideran que debe constar, en vez do establecido no citado apartado, que o conxunto dos incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social orixinado pola persoa contratada.

 

 

 

 

ANEXO II

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira. -Artigo 8. Subvención á creación directa de emprego estable.

O apartado 6 prevé un incremento da contía do 25% cando a IEBT estea constituída baixo a forma xurídica de cooperativa ou sociedade  laboral.

 

A CEG considera que se debería engadir a mesma previsión para o suposto das sociedades agrarias de transformación.

 

Segunda. - Artigo 9. Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.

A CEG considera que entre os gastos subvencionables deberían incluírse os gastos financeiros, xa que a financiación externa é un mecanismo de apoio básico para os proxectos desta natureza.

 

Número ditame
5