Ir o contido principal

Ditame 54/23

Enviado o Mar, 23/04/2024 - 16:46
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e
subvencións para a realización de Programas de emprego para persoas mozas incluídas no
ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil (formación e aprendizaxe) no ámbito da
Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 e 2025, cofinanciada polo FSE no marco do programa FSE+Galicia 2021-2027.

I. ANTECEDENTES

 

O día 18 de decembro de 2023 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para a realización de Programas de emprego para persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil (formación e aprendizaxe) no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 e 2025, cofinanciada polo FSE no marco do programa FSE+Galicia 2021-2027. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

Segundo a Exposición de Motivos: “estes programas están dirixidos a mellorar a ocupabilidade das persoas de dezaoito ou máis anos incluídos no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da súa cualificación profesional en alternancia coa adquisición de experiencia laboral mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública ou interese social”.

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para o exercicio 2023, publicada no DOG o día 24 de abril de 2023 e o ditame emitido polo Consello con data 16 de marzo de 2023 (ditame 5/2023), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

 

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

 

O artigo 13, respecto da selección do persoal formador, engade a posibilidade de que as entidades promotoras propoñan a continuidade do persoal contratado anteriormente noutros proxectos por elas xestionados.

 

Minórase o orzamento asignado para o financiamento destas axudas en 62.499€, respecto da orde anterior (artigo 28).

 

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

II. CONTIDO.

 

O texto do anteproxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para a realización de Programas de emprego para persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil (formación e aprendizaxe) no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 e 2025, cofinanciada polo FSE no marco do programa FSE+Galicia 2021-2027” consta de: Exposición de motivos, corenta e tres artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

 

 

O día 26 de decembro de 2023 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e catorce consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

 

Contén así mesmo, como anexos, dúas consideracións específicas non unánimes manifestadas polas organizacións sindicais (Anexo I) e unha xeral non unánime manifestada pola CEG (Anexo II).

 

 

 

 

DITAME 54/2023

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o anteproxecto orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para a realización de Programas de emprego para persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil (formación e aprendizaxe) no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 e 2025, cofinanciada polo FSE no marco do programa FSE+Galicia 2021-2027, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 26 de decembro de 2023, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

 

 

 

 

 

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

 

Primeira.

No ámbito formal, este Comité observa algúns erros no uso da linguaxe en materia de xénero, por exemplo o emprego das barras no artigo 32 (alumnos/as), que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero.

 

Obsérvase que nos artigos 24, 31 e 40 utilízanse as letras j e k, impropias do alfabeto galego. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

 

En canto ás tres disposicións adicionais, chama a atención que non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas, seguindo a estrutura empregada, neste senso, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2024. Formúlase o mesmo respecto das disposicións finais.

 

Finalmente, este Comité considera que as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais,  para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE),  e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.

 

Segunda.

Este Comité considera necesario que se acheguen os datos estatísticos de execución da resolución do exercicio anterior para a xusta valoración da norma.

 

En consecuencia, tal e como se ten formulado respecto doutros proxecto normativos, solicita que se faciliten as follas de datos estatísticos do exercicio anterior que deben acompañar a esta resolución cos seguintes datos:

 

-             Número de solicitudes presentadas

-             Número de persoas mozas afectadas por esas solicitudes.

-             Número de solicitudes resoltas favorablemente

-             Número de persoas mozas afectadas polas solicitudes resoltas favorablemente.

 

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

 

Primeira. Artigo 5.- Ámbito normativo.

Á vista da resposta remitida pola Consellería respecto das consideracións relativas aos custos subvencionables contidas no ditame emitido sobre esta mesma orde para o exercicio de 2023,  este Comité considera que se debería engadir neste artigo unha referencia ao Real Decreto 818/2021, do 28 de setembro, polo que se regulan os programas comúns de activación para o emprego do Sistema Nacional de Emprego.

 

Segunda. Artigo 6.- Formación en alternancia nos proxectos.

No apartado 1 deste artigo establécese que: “A formación adecuarase, na medida do posible e en función do oficio ou posto de traballo que se vai desempeñar, aos contidos mínimos establecidos nos reais decretos que regulen os certificados de profesionalidade das correspondentes ocupacións”.

 

Este Comité insiste na súa proposta de que se substitúa o inciso “na medida do posible” por “cando non existan certificados de profesionalidade”, tendo en conta a resposta remitida pola Consellería respecto desta mesma consideración tanto no ditame da orde para o ano 2022 como para o ano 2023.

 

Terceira. Artigo 13.- Procedemento de selección do persoal formador, directivo e de apoio.

Este Comité propón engadir, tal e como acontece en outros proxectos normativos desta Consellería, a previsión de que no proceso de selección se utilizará unha linguaxe inclusiva, e se porá especial atención á eliminación dos estereotipos e posibles condutas discriminatorias por razón de xénero.

 

Cuarta. Artigo 24.- Criterios de valoración dos proxectos.

O artigo 24.1 recolle os criterios de valoración dos proxectos, entre os que se atopa a calidade do proxecto (apartado c).

 

Á vista da resposta remitida pola Consellería a esta mesma consideración sobre a orde para o exercicio de 2023, na que se indica que os criterios de calidade están recollidos na Orde TAS de 14/11/2001, este Comité considera que eses criterios deberían recollerse no texto da orde ou, subsidiariamente, engadir unha referencia á dita Orde neste artigo.

 

Así mesmo, considérase que debería establecerse un umbral de calidade mínimo ou, en calquera caso, que limiten a selección de propostas cunha valoración “baixa”.

 

Quinta. Artigo 24.- Criterios de valoración dos proxectos.

Este Comité entende que está totalmente fóra de lugar que sexa considerado criterio de valoración  o feito de que os consellos teñan a condición de concello emprendedor, tal como recolle o apartado 1.h) deste artigo, xa que non ten relación material ningunha cos obxectivos desta orde.

 

Sexta. Artigo 24.- Criterios de valoración dos proxectos.

Entre os criterios de valoración non se inclúe o emprego da lingua galega na elaboración e realización dos proxectos.

 

No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios. 

 

Este Comité Delegado entende que debería recuperarse a redacción do proxecto citado anteriormente, para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

 

Sétima. Artigo 24.- Criterios de valoración dos proxectos.

Segundo o apartado 3 deste artigo o número máximo de alumnado dos programas que se concedan con cargo á presente orde será de 16.

 

Este Comité considera que se debería prever a posibilidade de incrementar ese tope máximo e, en consecuencia, modificar o recollido no artigo 32.4 para calcular o importe da subvención.

 

Oitava. Artigo 24.- Criterios de valoración dos proxectos.

Este Comité reitera a necesidade de recuperar como criterio de valoración a participación dos axentes económicos e sociais con presenza no territorio na elaboración do contido e posterior desenvolvemento do proxecto, ante a ausencia de resposta a esta mesma consideración no ditame emitido sobre a orde para o ano 2023.

 

Novena. Artigo 26.- Resolución.

O apartado 1 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses a contar dende o remate do prazo de presentación de solicitudes.

Aínda que o que se fixa é un prazo máximo que non ten porque esgotarse, este Comité segue a  considerar que estamos ante un prazo excesivo, polo que propón que sexa como máximo de tres meses, o mesmo prazo que xa recollen outras ordes que desenvolve a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e que resultan de tan complexa tramitación como esta.

 

Décima. Artigo 30.- Gastos a subvencionar.

Este Comité considera que o módulo de financiamento previsto neste artigo é insuficiente e que deberían cubrirse os custos salariais inherentes, tal e como se indica nas consideracións específicas décima primeira, décima segunda e décima terceira.

 

Décima primeira. Artigo 31.- Subvención para custos de formación profesional para o emprego.

Segundo o apartado 2.a) deste precepto, en ningún caso poderán financiarse con cargo á subvención concedida as indemnizacións por morte ou de acción social previstas nos convenios colectivos das entidades promotoras.

Este Comité considera que deberías preverse, como concepto subvencionable, as pólizas de seguro que cubren as anteditas continxencias.

 

 

 

 

Décima segunda. Artigo 31.- Subvención para custos de formación profesional para o emprego.

O apartado 2.a) exclúe expresamente, como gasto subvencionable, o importe da retribución correspondente ao período das vacacións anuais non disfrutado durante a duración do proxecto formativo.

 

Tamén neste caso o Comité considera que debería eliminarse esa exclusión, xa que ese pagamento forma parte da retribución do persoal docente, independentemente da natureza dos fondos.

 

Décima terceira. Artigo 33.- Subvención para custos salariais do alumnado-traballador.

Neste artigo establécese se subvenciona o 100% do SMI anualmente establecido, incluíndo a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias.

 

Este Comité considera que debería incrementarse a porcentaxe subvencionada dos custos salariais do alumnado-traballador, dado que as entidades promotoras dos programas xa deben completar a contía dos salarios en virtude, no seu caso, dos  convenios colectivos de aplicación.

 

Décima cuarta. Artigo 43.- Loita contra a fraude.

A maiores do regulado neste artigo este Comité considera que, á vista dos últimos proxectos normativos remitidos para ditame e que prevén, como entidades beneficiarias das axudas neles reguladas, os Concellos e outras entidades locais, este Comité considera que procede engadir neste proxecto un artigo sobre a canle de denuncias a disposición das persoas que teñan coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade.

Isto obsérvase, entre outros, no proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para 2024 para o fomento do emprego no medio rural (Aprol rural).

 

ANEXO I

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

 

Primeira. Exposición de motivos.

No parágrafo segundo da exposición de motivos do proxecto normativo vencéllase esta orde co eido do “diálogo social”. As organizacións sindicais que integran o Consello consideran que debería suprimirse esta referencia pola súa carencia de relación material co contido desta orde.

 

Segunda. Artigo 24.- Criterios de valoración dos proxectos.

En relación coa consideración específica unánime sexta, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

 

Con ocasión de anteriores proxectos normativos ditaminados por este Consello, nos que se introduciron cambios neste mesmo senso, a Administración explicou a substitución do criterio que outorgaba puntuación directa ao emprego do galego, pola avaliación do seu emprego unicamente no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

 

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde  non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea.

 

 

ANEXO II

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CEG:

 

 

A CEG considera que se debería proceder a unha modificación do proxecto, tanto no seu título como no articulado, para dar cabida ás entidades sen ánimo de lucro como posibles beneficiarias das axudas aquí recollidas, coa fin de que poidan proporcionar a experiencia e práctica necesarias ás persoas desempregadas para facilitar a súa inserción laboral e non centrar o programa exclusivamente en entidades locais.

Número ditame
54