Ir o contido principal

Ditame 7/2026

Enviado o Mar, 21/04/2026 - 13:05
Ditame 7/2026. Ditame sobre o proxecto de orde de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de corta duración que se desenvolvan por parte das entidades beneficiarias, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2026-2027 (código de procedemento TR302D).

DITAME 7/2026

 

 

Ditame sobre o proxecto de orde de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de corta duración que se desenvolvan por parte das entidades beneficiarias, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2026-2027 (código de procedemento TR302D).

 

 

I. ANTECEDENTES

 

O día 30 de marzo de 2026 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que achega o proxecto de Orde de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de corta duración que se desenvolvan por parte das entidades beneficiarias, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2026-2027 (código de procedemento TR302D).

 

Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

Segundo a exposición de motivos, “A Unión Europea está a impulsar o modelo de experiencias curtas de aprendizaxe a través das microcredenciais. Considera que poden ser un instrumento clave para facer realidade ese dereito á formación e á aprendizaxe permanente, tal e como xa se recolle na Axenda de Capacidades Europea para a competitividade sostible, a equidade social e a resiliencia (COM 2020 274), contribuíndo a un triplo obxectivo: a inclusión social, a adaptación ás novas esixencias dun mercado laboral en continuo cambio, e a mellora da competitividade da economía na Unión Europea”.

 

Engade a Exposición de motivos que “logo de transcorrer máis de tres anos desde a publicación da Recomendación do Consello de Europa do 16 xuño de 2022, a Comunidade Autónoma de Galicia considerou necesario dispor dun marco regulador a nivel autonómico, por entender moi relevante o desafío que temos nas sociedades actuais de actualizar e mellorar os coñecementos, capacidades e competencias da poboación e reducir a fenda entre a súa educación e formación formal e as necesidades dunha sociedade e un mercado de traballo en rápida evolución. Deste xeito, no Diario Oficial de Galicia nº 17 do 27 de xaneiro de 2026, publicouse o Decreto 1/2026, do 12 de xaneiro, polo que se regula o Marco galego de microcredenciais para o traballo.

 

Tal e como se recolle na exposición de motivos do dito decreto, as microcredenciais responden a formacións breves e focalizadas proporcionando unha solución áxil e flexible que permite unha adaptación rápida ás novas esixencias do mercado laboral, ofrecéndolle ás persoas traballadoras a posibilidade de manterse competitivas e preparadas para manter o seu emprego e mellorar a súa empregabilidade.

 

O desenvolvemento normativo do Decreto 1/2026, do 12 de xaneiro, polo que se regula o Marco galego de microcrendenciais para o traballo, vaise producir ao longo dos próximos meses e servirá para establecer, entre outros aspectos, os instrumentos de calidade, tanto interna como externa ao que deberán axustarse as microcredenciais reguladas polo dito decreto. En todo caso, esta cuarta edición dos Bonos talento empresa seguen a responder a un modelo de accións formativas de curta duración que se inspira, desde a primeira edición, nas orientacións establecidas pola Recomendación do Consello do 16 de xuño de 2022, en tanto que ata agora non había marco regulador algún, se ben en vindeiras edicións desta liña de axudas xa terán que axustarse aos requisitos que se contemplen no desenvolvemento regulamentario do Decreto 1/2026, do 12 de xaneiro.

 

Co coñecemento adquirido, xustifícase a pertinencia da presente convocatoria de axudas co obxectivo de asegurar que as persoas teñan as capacidades adecuadas mobilizando e incentivando ás empresas para adoptar accións para a mellora e a reciclaxe profesional das persoas en idade de traballar e dese modo resolver as necesidades de perfís capacitados por parte das empresas.

 

Nese sentido, tamén cómpre facer referencia ao aliñamento desta convocatoria coa Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, a cal aborda a través da I+D+i tres grandes retos da economía e a sociedade galega; para darlles resposta a eses retos, por unha banda, a estratexia orienta as capacidades e esforzos de investigación e innovación en Galicia cara a tres prioridades temáticas transversais, e pola outra reforza e impulsa o ecosistema galego de innovación a través de cinco obxectivos estratéxicos, arredor dos que articula os instrumentos e actuación a desenvolver, integrados nos correspondentes programas. Estes instrumentos poden dirixirse a prioridades e ámbitos de priorización concretos ou ser horizontais en relación aos retos e prioridades. No que se refire en concreto ao obxectivo estratéxico 4, este aposta polas persoas como activo principal, sendo a súa finalidade desenvolver o talento das persoas, capacitándoas nos ámbitos de prioridade de futuro. En consecuencia, a presente convocatoria enmárcase na RIS3 de Galicia 2021-2027, respondendo aos tres retos e ás tres prioridades e ao obxectivo estratéxico 4, integrándose polo tanto no programa Persoas e talento da RIS3 e no programa Talento do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027.

 

Trátase de deseñar medidas que axuden ás empresas a xestionar o talento persoal e organizativo e para xerar vantaxes competitivas. Un aspecto básico do talento refírese aos coñecementos do persoal das empresas, de aí a importancia da formación para garantir a preparación adecuada e a transmisión interna do coñecemento, optimizar o desempeño individual e global, mellorar a competitividade da empresa e garantir o desenvolvemento profesional dos empregados e empregadas.

 

Con este obxectivo, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración pon ao dispor das empresas os bonos talento empresa como un instrumento para mellorar a xestión do talento financiando accións de capacitación que atendan ás necesidades do seu negocio e acompañen o desenvolvemento profesional dos seus empregados e empregadas”.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2025 (publicado no DOG núm. 132, do día 11 de xullo de 2025) e o ditame emitido polo Consello con data 31 de marzo de 2025 (ditame 6/2025), obsérvase que se tiveron en conta, parcial, ou totalmente, algunhas das manifestacións de fondo e formais das organizacións sindicais e empresarial.

O contido permanece substancialmente idéntico, xa que ambas ordes establecen as bases reguladoras dos Bonos Talento Empresa, regulando a formación non formal mediante proxectos formativos de curta duración e coa finalidade de mellorar a capacidade das empresas e desenvolvemento profesional do persoal. Non se modifica o obxecto nin o réxime xurídico.

 

A novidade máis salientable respecto da orde anterior recóllese no artigo 5 referente ao financiamento. Na Orde anterior o total era de 2.000.000 euros divididos na anualidade 2025 en 600.000 euros e na anualidade 2026 en 1.400.000 euros.

No proxecto de orde o total é de 2.200.000 euros divididos na anualidade 2026 en 200.000 euros e na anualidade 2027 en 2.000.00 euros.

 

Tamén existe algo novedoso no artigo 16 referente ao prazo de presentación de solicitudes. Agora o prazo de presentación de solicitudes comezará o sétimo día hábil posterior ao día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e será de 2 meses, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito, mentres que na Orde de 2025 o prazo de presentación de solicitudes, que en ningún caso será inferior a un mes, comezará o quinto día hábil posterior ao día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 15 de setembro de 2025, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

 

 

CONCLUSIÓN XURÍDICA

 

A nova orde 2026 non modifica o modelo da política pública, pero introduce axustes importantes de carácter operativo. Os cambios estruturais principais son

 

1️ Incremento do crédito

 

de 2.000.000 € → 2.200.000 €

 

2️ Redistribución orzamentaria

 

anualidades 2026-2027

 

3️ Novo prazo de solicitude

 

2 meses en vez de data fixa

 

4️ Referencia ao marco galego de microcredenciais.

 

 

 

CONCLUSIÓN TÉCNICA:

Trátase dunha actualización evolutiva da orde anterior, cun reforzo do control administrativo e unha adaptación ao novo contexto normativo da formación profesional continua.

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

 

II. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de corta duración que se desenvolvan por parte das entidades beneficiarias, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2026-2027 (código de procedemento TR302D)” consta de: Exposición de motivos, trinta e catro artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

 

O día 17 de abril de 2025 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais de carácter unánime e cinco consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de empresarios de Galicia.

 

Así mesmo contén, como anexos, as consideracións de carácter non unánimes seguintes: unha xeral e dúas específicas manifestadas polas organizacións sindicais (ANEXO I) e dúas específicas manifestadas pola CEG (ANEXO II).

 

 

 

 

 

DITAME 7/2026

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o Proxecto de Orde de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de corta duración que se desenvolvan por parte das entidades beneficiarias, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2026-2027 (código de procedemento TR302D), e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 17 de abril de 2026, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

 

Primeira.- Procedemento administrativo.

A pesares do esforzo da Consellería en alixerar a carga administrativa, este Comité considera que os requisitos formais e as obrigas de xestión que impón esta orde seguen sendo excesivos, tendo en conta o tecido produtivo ao que se dirixen estas axudas e que inclúe microempresas e persoas traballadoras autónomas, cuxa capacidade de xestión se pode ver superada pola complexidade dos trámites esixidos, polo que non procede esixir os mesmos requerimentos a todas as posibles beneficiarias.

 

Por iso, debería preverse unha xestión máis sinxela e simplificada.

 

Segunda. Observacións formais.

Este Comité observa que neste proxecto normativo utilízanse as letras j e k no artigo 26, impropias do alfabeto galego. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

 

Pola súa banda, as disposicións adicionais deberían encaixarse baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha dela, seguindo a estrutura empregada, neste senso, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para a anualidade 2025. Formúlase o mesmo respecto das disposicións finais.

 

Terceira.- Datos estatísticos.

Este Comité considera necesario que se acheguen os datos estatísticos de execución da resolución do exercicio anterior para a xusta valoración da norma.

En consecuencia, tal e como se ten formulado respecto doutros proxecto normativos, solicita que se faciliten as follas de datos estatísticos do exercicio anterior que deben acompañar a esta resolución cos seguintes datos:

-              Número de solicitudes presentadas

-              Número de persoas traballadoras afectadas por esas solicitudes.

-              Número de solicitudes resoltas favorablemente

-              Número de persoas traballadoras polas solicitudes resoltas favorablemente.

 

 

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

 

Primeira.- Artigo 5. Financiamento.

Segundo este artigo, as accións formativas subvencionables que se inicien e rematen entre a data de inicio do prazo de presentación de solicitudes da presente convocatoria e ata o 31 de outubro de 2026 incluído, serán financiables con cargo ao orzamento da anualidade 2026; as accións formativas que se  inicien e rematen entre o 1 de novembro de 2026 e o 30 de setembro de 2027 incluído, serán  financiables con cargo ao orzamento da anualidade 2027.

 

Este Comité considera que se deberían evitar os períodos de lagoa entre a convocatoria anterior e a correspondente á primeira anualidade desta convocatoria. O mesmo se observa respecto do previsto no artigo 12.

 

Segunda.- Artigo 8. Actuacións subvencionables.

O apartado 5 deste artigo permite impartir as accións formativas mediante aula virtual. Ao respecto, este Comité considera que se deberían especificar no texto da orde as obrigas que a Lei Orgánica 3/2018 de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais impón ás entidades que desenvolven as accións.

 

Terceira.- Artigo 16. Prazo de presentación de solicitudes.

Segundo o apartado 1 o prazo de presentación de solicitudes comezará o sétimo día hábil posterior ao día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e será de 2 meses, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

 

Este Comité estima que o prazo de presentación de solicitudes crea confusión, polo debería modificarse indicando que debe comezar ao día seguinte da publicación da Orde, como é costume e uso habitual en todas as Ordes da Consellería.

 

Cuarta.- Artigo 26. Obrigas das entidades beneficiarias.

O apartado 2.e) esixe ás entidades beneficiarias cumprir coas medidas de visibilidade, transparencia e comunicación establecidas no Regulamento (UE) 2021/1060.

 

Este Comité considera que se debería clarificar a súa non aplicación ás actuacións que se desenvolvan antes da resolución, polo que sería convinte recoller esta situación de xeito expreso na Orde, para maior seguridade xurídica.

 

Quinta.- Artigo 27. Pago.

O apartado 1 deste artigo prevé un anticipo de ata o 60% da subvención concedida.

Este Comité estima que se debería incrementar a porcentaxe prevista, á vista doutas ordes desta Consellería, como a Orde do 23 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia “Bono consolida economía social” e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2026 (código de procedemento TR802L), que no seu artigo 21 regula os Pagamentos anticipados e prevé o pagamento do 90 % do importe da subvención concedida para cada anualidade que se realizará de oficio tras a aceptación da subvención (DOG núm. 19, do 29 de xaneiro de 2024).

 

Polo tanto, este Comité considera que esta regulación dos anticipos do 90% do importe da subvención debera ser a norma habitual para todas as ordes de axudas que tramite a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

 

 

 

 

ANEXO I

 

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT – GALICIA E SN. DE CC.OO. DE GALICIA:

 

Consideración xeral:

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran, como xa teñen manifestado noutras ordes reguladores de accións formativas, que as axudas que teñen por obxecto subvencionar actuacións formativas non deberían desagregarse en diferentes ordes.

 

Consideracións específicas:

 

Primeira.- Artigo 8. Actuacións subvencionables.

Segundo o apartado 4 deste artigo, cada unha das accións formativas poderá ter unha duración mínima de 16 horas e máxima de 100.

 

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran escasa a duración mínima esixida, tendo en conta os ámbitos de formación que se sinalan como prioritarios, como as competencias dixitais, polo que debería aumentarse esa duración mínima.

 

Segunda.- Artigo 11. Criterios para a determinación da contía da subvención.

O apartado 2 fixa a contía máxima da subvención por entidade solicitante en 25.000 euros engadindo que, en todo caso, a intensidade máxima da axuda solicitada está limitada ao 70%, 60% ou 50% do gasto subvencionable, en función do tipo de entidade beneficiaria (agás no suposto de empresas do sector do transporte marítimo, onde a porcentaxe é do 100%).

As organizacións sindicais consideran excesivo tanto o límite subvencionable como a contía máxima á que poden optar as beneficiarias, entendendo que a subvención regulada nesta orde se debería adecuar ao módulos económicos previstos para o financiamento doutras actuacións formativas desta Consellería.

 

 

ANEXO II

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

 

Primeira.- Artigo 3. Definicións.

O apartado 3 define ás empresas en crise, excluídas da condición de beneficiarias destas axudas segundo o artigo 6.

 

A CEG entende que esta exclusión non debería afectar a aquelas empresas declaradas en concurso cando neste adquirira a eficacia un convenio, xa que o artigo 10.2 da Lei de Subvencións de Galicia permite a estas entidades ser beneficiarias de subvencións este extremo debería constar expresamente nesta orde.

 

Segunda.- Artigo 6. Entidades beneficiarias.

A CEG entende excesivo o requisito esixido no apartado 1 deste artigo de que as entidades deban contar cunha actividade ininterrompida, cando menos, de tres anos antes da data de publicación da presente convocatoria. Considera que debería eliminarse ou, subsidiariamente, reducirse para dar cabida a un maior número de empresas. Coa redacción actual penalízase ás empresas de máis recente creación.

 

Número ditame
7