Ir o contido principal

Ditame 7/25

Enviado o Mar, 06/05/2025 - 13:05
Ditame sobre o proxecto de Orde pola que se aproban as bases reguladoras para promover a primeira experiencia profesional das persoas mozas menores de 30 anos mediante contratos formativos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025

I. ANTECEDENTES

 

O día 7 de abril de 2025 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega proxecto de orde pola que se aproban as bases reguladoras para promover a primeira experiencia profesional das persoas mozas menores de 30 anos mediante contratos formativos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025.

 

Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

Segundo a exposición de motivos, “os incentivos para promover a práctica profesional e a formación en competencias brandas para persoas mozas menores de 30 anos responden á necesidade de proporcionar aos nosos mozos e mozas unha primeira experiencia profesional por medio no posto de traballo que lles permita ou ben mellorar as súas cualificacións profesionais (no caso daquelas persoas mozas que carezan de cualificación profesional recoñecida polo sistema de formación profesional para o emprego ou o sistema educativo), ou ben adquirir a experiencia profesional necesaria para asegurar unha carreira profesional cunha evolución progresiva e ascendente dentro do mercado laboral galego”.

 

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio anterior (publicado no DOG o día 22 de maio de 2024) e o ditame emitido polo Consello con data 15 de marzo de 2024 (Ditame 3/2025), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

 

Do novo proxecto normativo destacan os seguintes aspectos, respecto do previsto na orde anterior:

 

En canto ao orzamento global, obsérvase un incremento do importe máximo destinado a estas axudas de 2.089.488€ respecto do crédito previsto para a convocatoria de 2024, fixándose o importe para este exercicio en 6.281.403€ (artigo 4).

 

En canto ás persoas destinatarias finais das axudas, o artigo 7 esixe que non superen os 29 anos, cando na orde anterior non podían superar os 30.

 

Dentro dos gastos subvencionables (artigo 8), as novas contratacións deben realizarse no prazo de 25 días hábiles tras recibir comunicación de concesión da axuda, o que supón un incremento do prazo que fixaba a orde anterior (20 días hábiles).

Tamén se observa, neste artigo, a redución do número de contratos subvencionables de 5 a 3.

Finalmente, engade unha nova previsión segundo a cal as persoas empregadoras e empresas beneficiarias das axudas previstas nesta orde que non leven a cabo, como mínimo, un 50% das contratacións que lle fosen concedidas, serán excluídas da vindeira convocatoria.

 

O artigo 9 exclúe dos beneficios da orde, entre outros supostos, os contratos realizados  con persoas traballadoras que finalicen unha relación laboral de carácter indefinido na empresa solicitante ou noutra empresa do mesmo grupo, nun prazo de 4 meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención. Na convocatoria para o ano 2024, ese prazo era de 3 meses e, ademais, elimínase a excepción que se recollía para determinados supostos.

 

Obsérvase a eliminación do incentivo á formación para a impartición dun programa formativo en competencias brandas (artigo 10).

 

II. CONTIDO.

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “orde pola que se aproban as bases reguladoras para promover a primeira experiencia profesional das persoas mozas menores de 30 anos mediante contratos formativos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025” consta de: Exposición de motivos, trinta artigos, unha disposición adicional e dúas disposicións finais.

 

O día 16 de abril de 2025 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e seis consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

 

Así mesmo contén, como anexos, as consideracións non unánimes seguintes: 1 xeral e catro específicas manifestadas polas organizacións sindicais CIG, UGT- Galicia  e SN de CCOO de Galicia (Anexo I) e nove específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).

 

 

 

 

 

DITAME 7/2025

 

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se aproban as bases reguladoras para promover a primeira experiencia profesional das persoas mozas menores de 30 anos mediante contratos formativos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 16 de abril de 2025, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

 

Primeira.

Este Comité reitera a necesidade que se acheguen os datos estatísticos completos de execución da resolución do exercicio anterior para a xusta valoración da norma.

 

En consecuencia, tal e como se ten formulado respecto doutros proxecto normativos, solicita que se inclúan nas follas de datos estatísticos do exercicio anterior os seguintes datos:

 

-             Número de persoas mozas desempregadas afectadas por esas solicitudes.

-             Número de persoas mozas desempregadas ás que afectan as solicitudes resoltas favorablemente.

 

Segunda.

Obsérvase que ao longo do texto emprégase a letra j na clasificación dos artigos 11, 23 e 27, impropia do alfabeto galego. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

 

Pola súa banda, as disposicións finais deberían encaixarse baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha dela, seguindo a estrutura empregada, neste senso, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para a anualidade 2024.

 

Finalmente, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE),  e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.

 

Terceira.

Proponse unha revisión xeral do texto de cara a mellorar a súa redacción, xa que se detectan erros ao longo do articulado, así por exemplo, no parágrafo quinto da exposición de motivos, ou nos artigos 12.1, 20.5 ou 20.6

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

 

Primeira. Artigo 7. Persoas destinatarias finais.

Proponse modificar o título deste artigo xa que dá a entender, erroneamente, que as persoas contratadas ao abeiro desta orde son as destinatarias da subvención.

Ademais, o artigo limítase a recoller os requisitos que estas persoas deben reunir, polo que se considera que o título máis axeitado é “Requisitos para as contratacións”.

 

Segunda. Artigo 7. Persoas destinatarias finais.

Entre os requisitos que deben cumprir as persoas mozas para poderen ser destinatarias finais destas axudas, o apartado 1.b) deste artigo esixe que estean desempregadas indicando que terán preferencia as persoas paradas de longa duración.

 

Este Comité considera que se debería eliminar ese último inciso, xa que se trata dun aspecto que non ten máis recorrido ao longo do texto da norma ou, subsidiariamente, solicita que se especifique como se concreta esa preferencia.

 

Terceira.  Artigo 11. Presentación de solicitudes e prazo.

O apartado 2 deste artigo indica cal debe ser o contido da declaración responsable que forma parte da solicitude. Segundo a letra j), debe facerse constar “que presentou unha única solicitude, ben como persoa autónoma, ben como societaria”.

 

Este Comité considera que se debería mellorar a redacción engadindo unha referencia ao artigo 6.6 da orde, no que se recolle que as persoas autónomas que, pola súa vez, sexan autónomas societarias só poderán presentar unha solicitude.

 

Cuarta.  Artigo 12. Documentación complementaria.

Este artigo fai referencia ás “persoas interesadas”.

En concordancia co artigo 6, que alude a “persoas e empresas beneficiarias”, este Comité propón que esa referencia se faga ao longo do texto a “persoas e empresas”.

 

Quinta.  Artigo 24. Xustificación e pagamento

O apartado 3 deste precepto establece que non se poderá realizar o pagamento mentres a beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas e da Seguridade Social, sexa debedor/a en virtude de resolución declarativa firme da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

 

Este Comité vén propoñendo que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “outra débeda”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia e considera, ao respecto, que procede recoller expresamente no texto da orde o sinalado na resposta remitida pola Consellería respecto ao ditame 19.23 (emitido sobre a Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de corta duración que se desenvolvan por parte das entidades beneficiarias, e se convoca para 2023-2024), na que se indica que tanto na fase de presentación de solicitudes como na de liquidación, de existir débedas pendentes procédese a efectuar requirimento de oficio á solicitante para que emenden a situación.

 

Obsérvase o mesmo respecto do previsto no artigo 27.a).

 

Sexta.  Artigo 27. Obrigas das persoas empregadoras ou empresas beneficiarias.

Este Comité propón que se engada, entre as obrigas das beneficiarias, a de cumprir coa normativa laboral.

 

 

 

ANEXO I

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAL E  ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA .

 

Consideración Xeral

 

As organizacións sindicais entenden que un período "mínimo" de contratación de 12 meses para a adquirir a primeira experiencia profesional nas empresas privadas é excesivo porque, na práctica, instaura un contrato temporal subvencionado para a mocidade que xa sofre unha elevada precariedade. Tampouco se observa na norma o contido "formativo" do programa ao non haber referencia ao plan formativo ou á titorización.

 

Consideracións Específicas

 

Primeira. Artigo 8. Gastos subvenbcionables.

A apartado 3 deste artigo refírese as relacións laborais iniciadas con anterioridade á data de solicitude da axuda.

 

As organizacións sindicais consideran que a orde debería primar a contratación de persoas desempregadas e non as relacións laborais xa iniciadas.

 

Segunda. Artigo 10. Contía das axudas.

O apartado 5 deste artigo establece que o importe da subvención en ningún caso pode ser de tal contía que supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade solicitante.

 

As organizacións sindicais propoñen que non poda ser de tal contía que supere o custo da Seguridade Social.

 

Terceira. Artigo 11. Presentación de solicitudes e prazos.

As organizacións sindicais consideran que se debería limitar o número de solicitudes a unha por cada persoa empregadora ou empresa beneficiaria.

 

Cuarta. Artigo 22. Selección de persoas candidatas.

As organizacións sindicais consideran que a selección das persoas candidatas debería facerse, unicamente, a través do Servizo Público de Emprego.

 

 

 

ANEXO II

 

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

 

Primeira.- Artigo 6. Persoas empregadoras e empresas beneficiarias.

A CEG considera que se debería recoller a posibilidade de que sexan beneficiarias destas axudas as entidades sen ánimo de lucro.

 

Segunda.- Artigo 7. Persoas destinatarias finais.

O apartado 1.a) deste artigo esixe que as persoas destinatarias finais “teñan feitos os 16 anos e non superen os 29 anos no momento da contratación”.

 

A CEG considera que se debería mellorar esa redacción, do seguinte xeito “...teñan cumpridos os 16 anos e ser menores de 30 anos no momento da contratación”. Esta redacción é coherente co título da Orde que se refire a persoas mozas menores de 30 anos.

 

Terceira.- Artigo 7. Persoas destinatarias finais.

Dentro dos requisitos que o apartado 1 deste artigo esixe ás persoas destinatarias finais, a letra c) require que non teñan unha experiencia profesional superior a un ano (365 días) no mesmo grupo de cotización no que van a ser contratadas.

 

A CEG considera que acotar segundo o grupo de cotización é demasiado restritivo e propón que se limite á actividade concreta ou ocupación que a persoa contratada vai realizar efectivamente.

 

Cuarta.- Artigo 8. Gastos subvencionables.

O apartado 2 deste artigo esixe que os contratos terán unha duración mínima de 12 meses e deberán ser a xornada completa, para seren subvencionables.

 

A CEG propón que, no suposto dos colectivos que presentan unha máis difícil inserción laboral (como poden ser as persoas paradas de longa duración) se valore a posibilidade de subvencionar contratacións por un período de tempo inferior (sempre cun mínimo de 6 meses) así como as contratacións a tempo parcial (sempre cun mínimo do 50% da xornada ordinaria).

 

Quinta.- Artigo 8. Gastos subvencionables.

O apartado 5 prevé que as persoas empregadoras e empresas beneficiarias das axudas previstas nesta orde que non leven a cabo, como mínimo, un 50% das contratacións que lle fosen concedidas, serán excluídas da vindeira convocatoria.

 

A CEG considera que estamos ante unha penalización excesiva, debendo terse en conta circunstancias como a renuncia ou falecemento da persoa traballadora así como outros supostos organizativos imprevistos  que a empresa poida acreditar para que esa penalización non se produza.

 

Sexta.- Artigo 9. Exclusións.

O apartado a) deste proxecto normativo, inclúe dentro das exclusións dos beneficios desta orde, entre outras, as contratacións de persoas traballadoras para prestaren servizos noutras empresas mediante contratos de posta á disposición.

 

A CEG considera que a orde debería prever o carácter subvencionable deste tipo de contratacións.

 

Sétima- Artigo 23. Contratación das persoas traballadoras.

Segundo o apartado 10 deste artigo, extinguido o contrato incentivado antes de finalizar o período de 12 meses, a beneficiaria poderá en determinados supostos substituír á persoa traballadora no prazo máximo de 15 días.

 

A CEG considera que se trata dun prazo moi escaso e  propón amplialo a 30 días.

 

Oitava.- Artigo 29. Perda do dereito ao cobramento e reintegro.

O apartado 2.h) deste artigo prevé o reintegro total da axuda no caso de incumprirse a obriga de manter o emprego por un período mínimo de 12 meses, con algunhas excepcións.

 

A CEG considera que deberían exceptuarse tamén os supostos de incapacidade permanente, incapacidade absoluta e grande invalidez, así como os supostos de despido disciplinario procedente.

 

Así mesmo, formula a mesma consideración respecto dos artigos 23.10, 26, 27. g) e resto de articulado concordante.

 

Novena.- Artigo 29. Perda do dereito ao cobramento e reintegro.

O apartado 2.h) prevé a fórmula para calcular o reintegro parcial para o suposto que o propio apartado indica, pero non prevé o xeito de calcular o reintegro que procede en caso de que a substitución da persoa traballadora se realice nun prazo superior ao fixado no artigo 27.g).

Número ditame
7