DITAME 8/2026
|
Proxecto de Orde de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras para promover a primeira experiencia profesional mediante contratos formativos, para a mocidade e o sector artesanal e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (códigos de procedemento TR353C e COXXX) |
I. ANTECEDENTES
O día 7 de abril de 2026 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega Proxecto de Orde de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras para promover a primeira experiencia profesional mediante contratos formativos, para a mocidade e o sector artesanal e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (códigos de procedemento TR353C e COXXX).
Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos “Os incentivos para promover a práctica profesional de persoas mozas menores de 30 anos responden á necesidade de proporcionarlles aos nosos mozos e mozas unha primeira experiencia profesional por medio no posto de traballo que lles permita ou ben mellorar as súas cualificacións profesionais (no caso daquelas persoas mozas que carezan de cualificación profesional recoñecida polo sistema de formación profesional para o emprego ou o sistema educativo), ou ben adquirir a experiencia profesional necesaria para asegurar unha carreira profesional cunha evolución progresiva e ascendente dentro do mercado laboral galego.
Por outra banda, mediante esta orde incentívase a primeira experiencia profesional no sector artesanal co fin de conservar os oficios artesanais e garantir a súa continuidade en Galicia. As actividades artesanais constitúen un gran valor desde o punto de vista cualitativo e cuantitativo e forman parte do tecido produtivo básico sobre o cal se constrúe a nosa sociedade, ao tempo que actúan como fío condutor preservando a nosa identidade e a nosa cultura”.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio anterior (publicado no DOG núm. 95, do 20 de maio de 2025) e o ditame emitido polo Consello con data 16 de abril de 2025 (Ditame 7/2025), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial e que a pesar diso a Consellería non deu contestación.
Do novo proxecto normativo destacan os seguintes aspectos, respecto do previsto na orde de 2025:
REFORMA ESTRUTURAL DA ORDE E AMPLIACIÓN SISTEMÁTICA DO ARTICULADO NO PROXECTO 2026:
A orde publicada no DOG de 2025 presenta unha estrutura normativa máis reducida, centrada fundamentalmente na convocatoria anual e nas bases básicas do programa.
Pola contra, o proxecto de orde de 2026 incorpora unha regulación moito máis completa e sistematizada, utilizando unha técnica lexislativa máis depurada ao organizar as bases en tres Capítulos:
- Capítulo I de disposicións xerais con 20 artigos, común a ambos programas, regulando aspectos como o marco normativo, principios de xestión e financiamento
- Capítulos II e III: Separan de forma estrita os requisitos, exclusións e contías para cada un dos programas (Xeral e Artesanal).
- Documentación e tramitación: No proxecto de 2026, reitérase a obrigatoriedade da presentación electrónica de documentos.
Entre as novas materias reguladas destacan:
- principios de xestión da subvención
- financiamento
- definicións normativas
- procedemento administrativo completo
- transparencia e bo goberno
- publicidade e BDNS
- modificación da resolución
- devolución voluntaria
- comunicación de fraude
Esta ampliación supón unha maior densidade normativa e adaptación á Lei 3/2023 de Emprego e á normativa de subvencións.
CREACIÓN DUN NOVO PROGRAMA SUBVENCIONABLE: SECTOR ARTESANAL:
A orde publicada no DOG de 2025 regula un único programa de primeira experiencia profesional para mozos (TR353C).
Pola contra, o proxecto de 2026 introduce un novo programa específico para oficios artesanais:
- Programa I: primeira experiencia profesional das persoas mozas
- Programa II: primeira experiencia profesional en oficios artesanais
Amplíase, polo tanto, o ámbito material da política pública de emprego, incorporando un sector económico específico (artesanía) cun réxime subvencionable autónomo, pasando dunha norma de fomento do emprego xuvenil estrita (2025) a unha norma híbrida de fomento do emprego e protección do patrimonio produtivo artesanal (2026), mantendo a integridade do procedemento administrativo e as garantías de transparencia e control de fraude.
MODIFICACIÓNS NOS REQUISITOS DAS PERSOAS BENEFICIARIAS: INTRODUCIÓN DUNHA EXCEPCIÓN NA INSCRICIÓN COMO DEMANDANTE DE EMPREGO:
A orde publicada no DOG de 2025 establece como requisito xeral que as persoas contratadas estean inscritas como demandantes de emprego.
O proxecto de 2026 introduce unha excepción relevante: Non se requirirá a inscrición no Servizo Público de Emprego de Galicia no caso de persoas incluídas nos supostos de vulnerabilidade previstos no Real decreto lei 1/2023.
Polo tanto, prodúcese unha flexibilización do requisito de acceso, ampliando o colectivo beneficiario.
DESENVOLVEMENTO DO PROCEDEMENTO ADMINISTRATIVO:
O proxecto introduce unha regulación completa de:
- presentación de solicitudes
- comprobación de datos
- emenda
- notificacións
- resolución
- modificación da resolución
- devolución voluntaria da subvención
- publicidade e BDNS
- Consecuencia xurídica
A orde de 2026 sistematiza o procedemento administrativo, adaptándoo ao modelo da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común e da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
CONCLUSIÓN XURÍDICA:
Da análise comparativa resulta que o proxecto de orde de 2026 non constitúe unha mera actualización da convocatoria, senón que introduce modificacións estruturais e materiais relevantes, entre as que destacan:
- Ampliación da estrutura normativa e sistematización do procedemento.
- Creación dun novo programa subvencional para o sector artesanal.
- Flexibilización dos requisitos de acceso para colectivos vulnerables.
- Creación de mecanismos de control e integridade institucional.
Estas modificacións evidencian unha evolución cara a un modelo máis estruturado, controlado e sectorial das políticas activas de emprego da Xunta de Galicia.
MODIFICACIÓNS CONCRETAS MAIS IMPORTANTES NO ARTICULADO:
En canto ao título da Orde de 2025 o texto refírese a “promover a primeira experiencia profesional das persoas mozas menores de 30 anos mediante contratos formativos” e o proxecto de orde de 2026, en cambio, establece no título “promover a primeira experiencia profesional mediante contratos formativos, para a mocidade e o sector artesanal e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (códigos de procedemento TR353C e COXXX)”, polo que amplíase o ámbito material da orde.
Pola súa banda, na Exposición de Motivos de 2025 a xustificación estaba centrada na inserción laboral da mocidade mentres que no Proxecto de 2026 engádese a finalidade de preservas oficios artesanais, introducindo polo tanto un novo contido cunha política pública sectorial artesanal.
En canto ao artigo 1 que regula o obxecto e finalidade hai unha clara modificación no mesmo xa que establece que o obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2026: das subvencións para promover a primeira experiencia profesional, a través de contratos formativos, reguladas nos seguintes programas:
a) Programa I: Primeira experiencia profesional das persoas mozas menores de 30 anos mediante contratos formativos (código de procedemento TR353C).
b) Programa II: Primeira experiencia profesional en oficios artesanais (código de procedemento TR353E), que é totalmente novo, incluíndo un novo ámbito material (que é o sector artesanal).
O artigo 4 regula o financiamento, que no proxecto de 2026 é diferente xa que se reparten os fondos entre dous programas, un dos cales non existía no 2025 (sector artesanal). Ademais, increméntase o importe máximo destinado á concesión das subvencións reguladas na Orde de 6.281.403 € no ano 2025 a un importe de 8.761.886,57 € no proxecto de 2026.
No artigo 5 que recolle as definicións, introdúcese a seguinte novidade: “6. Obradoiro artesán. Para os efectos desta orde terá a condición de Obradoiro artesán aquel que estea debidamente inscrito no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia”
O artigo 7 regula a presentación de solicitudes e prazo introducindo como novidade que “As solicitudes de subvención deberán presentarse por separado para cada un dos programas desta orde nos modelos de solicitude que figuran como anexos. Os anexos de solicitude que corresponden a cada procedemento son:
a) Anexo I.1 para o Programa I: Primeira experiencia profesional das persoas mozas menores de 30 anos mediante contratos formativos (código de procedemento TR353C).
b) Anexo I.2 para o Programa II: Primeira experiencia profesional en oficios artesanais (código de procedemento TR353E)”.
No artigo 15 refírese a resolución establecendo como novidade no apartado 2 que ·O prazo máximo de resolución e notificación nos dous programas regulados nesta orde será de catro meses (...)” cando na Orde de 2025 era de dous meses (segundo o artigo 20 da referida Orde de 2025).
Como novidade o artigo 20 regula a publicidade nun artigo autónomo a diferenza da Orde de 2025, que a regulaba no apartado i) do artigo 27:
Novo artigo 20: “As subvencións outorgadas ao abeiro desta orde figurarán no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios. En todo caso, a presentación da solicitude implica que a persoa solicitante consente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no dito rexistro, feito que terá lugar, agás nos casos legalmente establecidos, de acordo co regulado no artigo 16.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Non obstante, a persoa solicitante poderá solicitar a non publicación dos seus datos cando concorra algunha das causas previstas no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia”
Antigo artigo 27: “i) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración con fondos recibidos do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), dándolle publicidade á axuda concedida na páxina de inicio da web da persoa ou empresa beneficiaria ou noutro sitio visible, accesible desde a páxina de inicio, no caso de dispoñer dela, e colocar e manter, durante un mínimo de doce (12) meses, un cartel en cor e formato A3, nun lugar visible do centro de traballo segundo o modelo que consta na sede electrónica da Xunta de Galicia”.
O Capítulo II establece os artigos que regulan o Programa I. Primeira experiencia profesional das persoas mozas (código de procedemento TR353C), que coincide coas diferenzas sinaladas respecto á Orde de 2025.
En cambio, o Capítulo III que regula o Programa II. Primeira experiencia profesional en oficios artesanais (código de procedemento TR353E) é totalmente novidoso (artigos 33 a 43).
II. CONTIDO.
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto da Orde de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras para promover a primeira experiencia profesional mediante contratos formativos, para a mocidade e o sector artesanal e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (códigos de procedemento TR353C e COXXX)” consta de: Exposición de motivos, corenta e cinco artigos, unha disposición adicional única e dúas disposicións finais.
O día 17 de abril de 2026 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións xerais e seis consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.
Así mesmo contén, como anexos, as consideracións non unánimes seguintes: unhq xeral e catro específicas manifestadas polas organizacións sindicais CIG, UGT- Galicia e SN de CCOO de Galicia (Anexo I) e nove específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).
|
DITAME 8/2026
|
En relación coa solicitude de ditame sobre o Proxecto da Orde de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras para promover a primeira experiencia profesional mediante contratos formativos, para a mocidade e o sector artesanal e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (códigos de procedemento TR353C e COXXX), e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 17 de abril de 2026, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira.- Revisión da numeración e denominación do articulado.
Visto o proxecto remitido pola Subdirección Xeral de Emprego, aconséllase unha revisión íntegra do texto, xa que a numeración dos artigos do índice non coincide co corpo do texto e a numeración dos artigos.
O mesmo ocorre coa denominación dalgúns dos artigos que no índice aparecen dunha forma e no corpo do proxecto denomínanse doutra.
Aconséllase a revisión e unificación do texto.
Segunda.- Datos estatísticos.
Este Comité reitera a necesidade que se acheguen os datos estatísticos completos de execución da resolución do exercicio anterior para a xusta valoración da norma.
En consecuencia, tal e como se ten formulado respecto doutros proxecto normativos, solicita que se inclúan nas follas de datos estatísticos do exercicio anterior os seguintes datos:
- Número de persoas mozas desempregadas afectadas por esas solicitudes.
- Número de persoas mozas desempregadas ás que afectan as solicitudes resoltas favorablemente.
Terceira.- Revisión formal.
Obsérvase que ao longo do texto emprégase a letra j) na clasificación dos artigos 7, 9, 30 e 41 impropia do alfabeto galego. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.
Pola súa banda, as disposicións finais deberían encaixarse baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha dela, seguindo a estrutura empregada, neste senso, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede a súa convocatoria para a anualidade 2024.
Cuarta.- Revisión da redacción do texto.
Proponse unha revisión xeral do texto de cara a mellorar a súa redacción, xa que se detectan erros ao longo do articulado.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
Primeira. Artigo 24. Gastos subvencionables e Artigo 35. Gastos subvencionables.
Entre os requisitos que deben cumprir as persoas mozas para poderen ser destinatarias finais destas axudas, o apartado 3.b) destes artigos esixen que estean desempregadas indicando que terán preferencia as persoas paradas de longa duración.
Este Comité considera que se debería eliminar ese último inciso, xa que se trata dun aspecto que non ten máis recorrido ao longo do texto da norma ou, subsidiariamente, solicita que se especifique como se concreta esa preferencia.
Segunda. Artigo 7. Presentación de solicitudes e prazo.
O apartado 3 deste artigo indica cal debe ser o contido da declaración responsable que forma parte da solicitude. Segundo a letra j), debe facerse constar “que presentou unha única solicitude, ben como persoa autónoma, ben como societaria”.
Este Comité considera que se debería mellorar a redacción engadindo unha referencia ao artigo 6.6 da orde, no que se recolle que as persoas autónomas que, pola súa vez, sexan autónomas societarias só poderán presentar unha solicitude.
Terceira. Artigo 7. Presentación de solicitudes e prazo.
Segundo o apartado 4 o prazo xeral para a presentación das solicitudes dos procedementos de axudas establecidas nesta orde comezará ás 09:00 horas do quinto día hábil posterior ao dia seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e rematará ás 20.00 horas do 30 de setembro de 2026.
Este Comité estima que o prazo de presentación de solicitudes crea confusión, polo debería modificarse indicando que debe comezar ao día seguinte da publicación da Orde, como é costume e uso habitual en todas as Ordes da Consellería, e mais tendo en conta que debe adaptarse ao destinatario final desta orde que son pequenas empresas e autónomos/as, polo que estímase que debe harmonizarse o prazo con outras ordes e en aras da simplificación administrativa.
Cuarta. Artigo 15. Resolución.
Segundo o apartado 2 o prazo máximo de resolución e notificación nos dous programas regulados nesta orde será de catro meses contados a partir do día seguinte ao remate do prazo de presentación da solicitude. Se no prazo indicado non existe resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Este Comité considera que o prazo de resolución debería ser en calquera caso inferior aos tres meses, excedendo os catro meses fixados en moito dos prazos establecidos noutras ordes similares.
Quinta. Artigo 29. Xustificación e pagamento e Artigo 40. Xustificación e pagamento.
O apartado 3 destes preceptos establecen que non se poderá realizar o pagamento mentres a beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas e da Seguridade Social, sexa debedor/a en virtude de resolución declarativa firme da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.
Este Comité vén propoñendo que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “outra débeda”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia e considera, ao respecto, que procede recoller expresamente no texto da orde o sinalado na resposta remitida pola Consellería respecto ao ditame 19.23 (emitido sobre a Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de corta duración que se desenvolvan por parte das entidades beneficiarias, e se convoca para 2023-2024), na que se indica que tanto na fase de presentación de solicitudes como na de liquidación, de existir débedas pendentes procédese a efectuar requirimento de oficio á solicitante para que emenden a situación.
Obsérvase o mesmo respecto do previsto no artigo 7.3.g), 30.a), 40.3) e 41.a).
Sexta. Artigo 30. Obrigas das persoas empregadoras ou empresas beneficiarias e Artigo 41. Obrigas dos obradoiros artesáns beneficiarios.
Este Comité propón que se engada, entre as obrigas das beneficiarias, a de cumprir coa normativa laboral.
ANEXO I
CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA .
Consideración Xeral:
As organizacións sindicais entenden que un período "mínimo" de contratación de 12 meses para a adquirir a primeira experiencia profesional nas empresas privadas é excesivo porque, na práctica, instaura un contrato temporal subvencionado para a mocidade que xa sofre unha elevada precariedade. Tampouco se observa na norma o contido "formativo" do programa ao non haber referencia ao plan formativo ou á titorización.
Consideracións Específicas:
Primeira. Artigo 24. Gastos subvencionables e Artigo 35. Gastos subvencionables.
O apartado 3 destes artigos refírense ás relacións laborais iniciadas con anterioridade á data de solicitude da axuda.
As organizacións sindicais consideran que a orde debería primar a contratación de persoas desempregadas e non as relacións laborais xa iniciadas.
Segunda. Artigo 26. Contía das axudas e Artigo 37. Contía das axudas.
O apartado 5 destes artigos establecen que o importe da subvención en ningún caso pode ser de tal contía que supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade solicitante.
As organizacións sindicais propoñen que non poda ser de tal contía que supere o custo da Seguridade Social.
Terceira. Artigo 7. Presentación de solicitudes e prazos.
As organizacións sindicais consideran que se debería limitar o número de solicitudes a unha por cada persoa empregadora ou empresa beneficiaria.
Cuarta. Artigo 27. Selección de persoas candidatas e Artigo 38. Selección de persoas candidatas.
As organizacións sindicais consideran que a selección das persoas candidatas debería facerse, unicamente, a través do Servizo Público de Emprego.
ANEXO II
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Primeira.- Artigo 6. Persoas e entidades beneficiarias.
A CEG considera que se debería recoller a posibilidade de que sexan beneficiarias destas axudas as entidades sen ánimo de lucro.
Segunda.- Artigo 24. Gastos subvencionables e Artigo 35. Gastos subvencionables.
Dentro dos requisitos que o apartado 3.c) destes artigos esixen ás persoas destinatarias finais, a letra c) require que non teñan unha experiencia profesional superior a un ano (365 días) no mesmo grupo de cotización no que van a ser contratadas.
A CEG considera que acoutar segundo o grupo de cotización é demasiado restritivo e propón que se limite á actividade concreta ou ocupación que a persoa contratada vai realizar efectivamente.
Terceira.- Artigo 24. Gastos subvencionables e Artigo 35. Gastos subvencionables.
O apartado 2 destes artigos esixen que os contratos terán unha duración mínima de 12 meses e deberán ser a xornada completa, para seren subvencionables.
A CEG propón que, no suposto dos colectivos que presentan unha máis difícil inserción laboral (como poden ser as persoas paradas de longa duración) se valore a posibilidade de subvencionar contratacións por un período de tempo inferior (sempre cun mínimo de 6 meses) así como as contratacións a tempo parcial (sempre cun mínimo do 50% da xornada ordinaria).
A CEG tamén considera que debe terse en conta na redacción da Orde que no caso dos contratos de formación en alternancia a duración do contrato será a prevista no correspondente plan ou programa formativo, cun mínimo de tres meses e un máximo de dous anos, podendo suceder que haxa períodos de formación e na aula de v.gr. seis meses e períodos de contratación de seis meses.
Cuarta.- Artigo 24. Gastos subvencionables e Artigo 35. Gastos subvencionables.
O apartado 8 prevé que o número máximo de contratos subvencionables establécese en 3. As persoas empregadoras e empresas beneficiarias das axudas previstas nesta orde que non leven a cabo, como mínimo, un 50% das contratacións que lle fosen concedidas, serán excluídas da vindeira convocatoria.
A CEG considera que estamos ante unha penalización excesiva, debendo terse en conta circunstancias como a renuncia ou falecemento da persoa traballadora así como outros supostos organizativos imprevistos que a empresa poida acreditar para que esa penalización non se produza.
tendo en conta que o 50% de 3 contratacións é 1,5, dando como resultado decimais e non números enteiros. A CEG recomenda a seguinte redacción: “(...) nesta orde que non leven a cabo, como mínimo, un 50% das contratacións que lle fosen concedidas, ou sexa, dúas contratacións, serán excluídas da vindeira convocatoria”.
Quinta.- Artigo 26. Contía das axudas.
O apartado 2 deste artigo establece que as persoas mozas serán contratadas a tempo completo, ben na modalidade de obtención de práctica profesional ben de contrato de formación en alternancia, e durante un período mínimo continuado de 12 meses en ambos casos, salvo que se trate dunha substitución.
A CEG considera que aquí tamén debe terse en conta a alegación feita ao artigo 24 no sentido de que debe aclararase o que se entende por “a templo completo” nos contratos de formación en alternancia, xa que segundo a normativa laboral nestes casos a duración do contrato será a prevista no correspondente plan ou programa formativo, cun mínimo de tres meses e un máximo de dous anos, e poderá desenvolverse ao abeiro dun único contrato de forma non continuada, ao longo de diversos períodos anuais coincidentes cos estudos, sempre que así estea previsto no plan ou programa formativo.
O tempo de traballo efectivo, que haberá de ser compatible co tempo dedicado ás actividades formativas no centro de formación, non poderá ser superior ao 65 por cento, durante o primeiro ano, ou ao 85 por cento, durante o segundo, da xornada máxima prevista no convenio colectivo de aplicación na empresa, ou, na súa falta , da xornada máxima legal.
Sétima- Artigo 28. Contratación das persoas traballadoras.
Segundo o apartado 10 deste artigo cando se produza a extinción do contrato incentivado antes de que finalice o período de 12 meses, a persoa empregadora ou empresa beneficiaria deberá proceder ao reintegro total da axuda, agás no caso de baixa voluntaria ou falecemento da persoa traballadora contratada, caso no que a persoa empregadora ou empresa beneficiaria poderá optar preferentemente por substituíla no prazo máximo de 15 días polo tempo que reste para cumprir coa obriga de mantemento do emprego de 12 meses, por outra persoa moza que cumpra os requisitos establecidos nesta orde co mesmo tipo de contrato e de perfil análogo a aquel para o que se solicitou a subvención, ou, de non ser así, optar por devolver voluntariamente a contía proporcional da subvención.
De non producirse a substitución ou cando, aínda producíndose, a suma dos distintos períodos de contratación referidos a este posto de traballo fose inferior ao período de tempo tomado como referencia para o cálculo do incentivo (12 meses), procederase á redución ou reintegro da axuda concedida polo importe proporcional correspondente.
Permítese unha única substitución da persoa contratada inicialmente, de maneira que se a dita persoa é substituída por outra, esta nova persoa contratada pecha o proceso de contratacións incentivadas ao abeiro desta convocatoria.
A CEG considera que se trata dun prazo moi escaso e propón amplialo a 30 días.
Oitava.- Artigo 31. Perda do dereito ao cobramento e reintegro e Artigo 42. Perda do dereito ao cobramento e reintegro.
O apartado 2.h) deste artigo prevé o reintegro total da axuda no caso de incumprirse a obriga de manter o emprego por un período mínimo de 12 meses, agás no caso de baixa voluntaria ou falecemento da persoa traballadora que procederá a devolución parcial da axuda concedida de non optar a persoa empregadora ou empresa beneficiaria pola substitución da persoa contratada, de xeito que a contía a reintegrar será a que corresponda ao período en que o posto estivo vacante.
A CEG considera que deberían exceptuarse tamén os supostos de incapacidade permanente, incapacidade absoluta e grande invalidez, así como os supostos de despido disciplinario procedente.
Así mesmo, formula a mesma consideración respecto dos artigos 27.2, 30.g), 38.2, 41.g), 42.3.d) e do resto de articulado concordante.
Novena.- Artigo 31. Perda do dereito ao cobramento e reintegro e Artigo 42. Perda do dereito ao cobramento e reintegro.
O artigo 31 recolle dunha forma mais completa que o artigo 42 referente aos obradoiros artesáns beneficiarios o réxime de incumprimento de condicións que darán dereito á perda do dereito ao cobramento da subvención e o reintegro.
A CEG considera que deben redactarse de forma similar e completa os dous artigos.
Décima.- Artigo 42. Perda do dereito ao cobramento e reintegro.
No apartado 3.d) deste artigo se establece que no caso de incumprimento de mantemento do emprego por un período mínimo de 12 meses procede o reintegro total da axuda, agás no caso de baixa voluntaria ou falecemento da persoa traballadora que procederá a devolución parcial da axuda concedida de non optar a persoa empregadora ou empresa beneficiaria pola substitución da persoa contratada, de xeito que a contía a reintegrar será a que corresponda ao período en que o posto estivo vacante.
A CEG considera que aparte da baixa voluntaria e o falecemento, deberían incluírse no texto outras situacións asimilables como a incapacidade permanente e o despido disciplinario.
A mesma alegacións realízase respecto dos artigos 17.1, 28.10, 30.g), 31.2.h), 39.10, 41.g) e 42.3.d).