I. ANTECEDENTES
O día 18 de abril de 2024 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego, da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para 2024 as axudas do Bono remuda para o fomento da remuda xeneracional de negocios.
Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo o artigo 1, “a finalidade desta orde é evitar o peche de negocios por falta de remuda xeracional, ao tempo de se facilita que as persoas interesadas en emprender teñan a posibilidade de recoller a testemuña dun negocio xa viable economicamente”.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2020 (publicado no DOG o día 3 de febreiro de 2020) e o ditame emitido polo Consello con data 15 de novembro de 2019 (Ditame 40/2019), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións de fondo manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Deste proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
Segundo o artigo 1 a remuda, para ser subvencionable deberá estar motivada pola xubilación ou pola proximidade da idade de xubilación da persoa titular do negocio, aínda que tamén pode estar motivada por causas sobrevidas como a incapacidade permanente total, absoluta ou gran invalidez, ou a morte.
En canto ás liñas de axuda, a orde anterior recollía tres bonos en función da actividade subvencionable (asesoramento, formación e inicio da actividade) mentres que o artigo 4 do actual proxecto ten en conta o número de habitantes do concello no que está situado o negocio para regular un bono remuda rural e un bono remuda xeral.
O orzamento total que fixa este artigo para estas axudas ascende a 1.500.000€ (1.000.000 para dotar o bono remuda rural e 500.000€ para dotar o bono xeral).
O artigo 6 recolle os requisitos que se deben reunir para poder optar a estas axudas, entre eles, a antigüidade mínima de 5 anos do negocio obxecto de remuda.
Recorda este artigo que a remuda que se subvenciona nesta orde ten que estar motivada pola proximidade da idade de xubilación da persoa titular do negocio ou por causas sobrevidas como a incapacidade permanente total, absoluta ou gran invalidez, ou a morte.
Segundo o artigo 8, e a diferenza da orde anterior que fixaba unha axuda de contía fixa para a persoa transmisora e unhas contías máximas en función do bono solicitado , o novo proxecto subvenciona unha porcentaxe do prezo estipulado no contrato de remuda dun negocio ou actividade, que será do 75% no caso do bono remuda rural e do 70% no caso do bono remuda xeral. Tamén recolle este artigo supostos especiais como cando a persoa beneficiaria accede á remuda mediante o alugueiro do local e/ou medios produtivos.
Por outra banda, pode incrementarse a intensidade da axuda nun 5%, ou incluso nun 10% no caso do bono remuda rural, en algúns supostos.
En calquera caso, a contía máxima subvencionable por remuda será de 30.000€.
En canto ás obrigas das beneficiarias que recolle o artigo 23, obsérvase que se incrementa de 2 a 3 anos a obriga de manter de alta no RETA. Pola contra, redúcese de 2 a 1 ano a obriga de manter a mesma actividade económica.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para 2024 as axudas do Bono remuda para o fomento da remuda xeneracional de negocios” consta de: vinte e sete artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
O día 25 de abril de 2024 reúnese este Comité e acorda emitir o seguinte ditame, que contén tres consideracións xerais e seis específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións empresarial e sindicais.
Contén así mesmo, unha consideración xeral e dúas consideracións específicas manifestadas polas organizacións sindicais (Anexo I) e catro específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).
|
DITAME 8/2024
|
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para 2024 as axudas do Bono remuda para o fomento da remuda xeneracional de negocios”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 18 de abril de 2024, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 25 de abril de 2024, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira.
Este Comité considera necesario que se acheguen os datos estatísticos de execución da resolución do exercicio anterior para a xusta valoración da norma.
En consecuencia, tal e como se ten formulado respecto doutros proxecto normativos, solicita que se faciliten as follas de datos estatísticos do exercicio anterior que deben acompañar a esta resolución cos seguintes datos:
- Número de solicitudes presentadas
- Número de persoas traballadoras afectadas por esas solicitudes.
- Número de solicitudes resoltas favorablemente
- Número de persoas traballadoras polas solicitudes resoltas favorablemente.
Segunda.
Este Comité propón levar a cabo unha revisión do texto do proxecto normativo xa que se observa o emprego do masculino xenérico (por exemplo, “empadroado” no artigo 5) e das barras (excluído/a no artigo 10), que non é a solución máis axeitada para respectar a linguaxe inclusiva. Ademais, debería revisarse o índice xa que non se corresponde coa numeración e título de varios artigos ao longo do texto.
Por outra banda, non se recolle ao comezo do proxecto a exposición de motivos.
Obsérvase o emprego das letras j e k na clasificación dos artigos 10, 11, 12 e 23, impropias do alfabeto galego. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vén xustificando o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán, como se ten feito noutros proxectos normativos como o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.
Pola súa banda, as disposicións adicionais deberían encaixarse baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha dela, seguindo a estrutura empregada, neste senso, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2024. Obsérvase o mesmo respecto das disposicións finais.
Ademais, as disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “última” fai a Real Academia Galega, fórmula que se emprega, por exemplo, no proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.
Terceira.
Varios artigos deste proxecto fan referencia aos Anexos II e III.
Este Comité non pode pronunciarse respecto dos ditos anexos xa que non foron remitidos xunto co proxecto normativo sometido a ditame.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Primeira.- Artigo 6. Persoas e entidades beneficiarias.
O apartado 1.d) recolle o requisito de que a transmisión se materialice mediante contrato de traspaso ou venda do negocio ou actividade, elevado a escritura pública.
Porén, nese mesmo parágrafo indícase que abondará cun acordo de transmisión asinado entre as partes implicadas, de xeito que non queda claro se a escritura pública é obrigatoria ou non.
Por outra banda, o artigo 11 inclúe entre a documentación que debe achegarse aquela sinalada no artigo 21 para a xustificación da axuda, entre a que está a escritura do contrato de remuda debidamente formalizado.
Así, este Comité considera que se debería aclarar se a escritura pública constitúe ou non un requisito e harmonizar o contidos dos ditos artigos nese senso.
Segunda.- Artigo 10. Solicitudes e prazo de presentación.
Segundo o apartado 1 deste precepto o prazo para a presentación das solicitudes remata o 30 de outubro de 2024.
Este Comité considera que o prazo debería permanecer aberto durante todo o ano e evitar así un posible período de lagoa.
Terceira.- Artigo 11. Documentación complementaria.
O apartado 1.g) esixe presentar, no caso de remuda por incapacidade da persoa traballadora transmisora, resolución da incapacidade total ou absoluta ditada polo órgano competente.
Este Comité considera que se debería facer referencia tamén á resolución de gran invalidez, xa que é un dos supostos que pode motivar a remuda, segundo establece o artigo 1 da orde.
Cuarta.- Artigo 17.Resolución e recursos.
Segundo o apartado 5 deste artigo, o prazo para resolver e notificar a resolución será de tres meses.
Este Comité considera que o dito prazo debería reducirse sensiblemente, dada a sinxeleza dos trámites e comprobacións a levar a cabo no procedemento. Ademais, en todo caso, debería especificar que se trata dun prazo máximo.
Quinta.- Artigo 21. Xustificación da axuda.
Segundo o apartado 6 deste precepto, o pagamento realizarase unha vez comprobada a documentación xustificativa da axuda e comprobado que a persoa beneficiaria non ten débedas coa SS, Atriga ou a AEAT.
Este Comité vén propoñendo que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “outra débeda”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia e considera, ao respecto, que procede recoller expresamente no texto da orde o sinalado na resposta remitida pola Consellería respecto ao ditame 19.23 (emitido sobre a Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de corta duración que se desenvolvan por parte das entidades beneficiarias, e se convoca para 2023-2024), na que se indica que tanto na fase de presentación de solicitudes como na de liquidación, de existir débedas pendentes procédese a efectuar requirimento de oficio á solicitante para que emenden a situación.
Sexta.- Artigo 22. Perda do dereito ao cobramento e reintegro.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.
ANEXO I
CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA:
Consideración xeral.
Ao longo do texto do proxecto normativo faise referencia á Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego.
As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que se debería concretar en que consiste esa Rede que semella ser un instrumento laboral pero que non tivo un desenvolvemento normativo ou, de dispor del, a norma que o contén non foi obxecto de ditame por este Comité.
Consideracións específicas:
Primeira- Artigo 6. Persoas beneficiarias.
As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que se debería engadir, como requisito para optar ás axudas, que a persoa beneficiaria estea inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia.
Segunda- Artigo 23. Obrigas xerais das persoas e entidades beneficiarias e supostos de reintegro.
As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que se deberían engadir dúas obrigas máis ás aquí relacionadas:
-Manter a actividade durante como mínimo dous anos.
-Non simultanear esta actividade con outra por conta allea no mesmo período.
ANEXO II
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Primeira.-Artigo 6. Persoas e entidades beneficiarias.
O apartado 1.a) recolle o requisito de que o negocio obxecto de remuda debe ter un mínimo de antigüidade de 5 anos.
A CEG considera excesivo ese prazo e considera que debería rebaixarse a 3 anos.
Segunda.-Artigo 6. Persoas e entidades beneficiarias.
Segundo o apartado 1.b) require, para que a remuda poida ser subvencionable, que se trate da mesma actividade do negocio que se remuda e se desenvolva no mesmo local, se a actividade require a existencia do mesmo.
A CEG considera que debería subvencionarse tamén o traspaso da actividade (fondo de comercio e clientela) sen traspaso do local.
Terceira.-Artigo 11. Documentación complementaria.
O apartado 1.b) esixe presentar un Plan de negocio segundo o modelo do Anexo II, acompañado dun informe de calquera das asociacións de persoas profesionais autónomas máis representativas en Galicia.
A CEG considera que, ademais, debería permitirse que efectúen ese informe as asociacións empresariais, xa que non se entende que non estean contempladas sendo o fomento da creación de empresas un dos seus fins para o cal contan con persoal especializado e experiencia, independentemente da fórmula xurídica e do réxime de cotización da persoa beneficiaria.
Cuarta.-Artigo 23. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro.
O apartado 1.b) deste artigo esixe manter a alta no RETA durante os 3 anos posteriores á data da escritura do contrato de remuda, prevendo o artigo 24.4.h) o reintegro proporcional da axuda en caso de incumprimento desta obriga.
A CEG considera ese prazo de tres anos excesivo e propón que se reduza a un ano ou, subsidiaremente, se recupere o prazo de 2 anos que se recollía a convocatoria anterior para o ano 2020.