- ANTECEDENTES
O día 10 de novembro de 2020 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección xeral de Emprego da Consellería de Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións públicas, destinadas ao financiamento do “Programa investigo”, de contratación de persoas mozas na realización de iniciativas de investigación e innovación, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2022. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos, o proxecto ten como finalidade contratación de persoas mozas maiores de 16 e menores de 30 anos, investigadoras, tecnólogas, persoal técnico e outros perfís profesionais en I+D+i , así como no seu caso o persoal de apoio á investigación, en organismos públicos de investigación, e difusión do coñecemento, universidades públicas, centros tecnolóxicos, parques científicos e tecnolóxicos, entidades públicas suxeitas a dereito privado, e entidades privadas sen ánimo de lucro como fundacións, xunto con empresas que invistan en investigación e innovación.
Ao tratarse dun proxecto novo non hai orde nin ditame anterior.
Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
O artigo 1.1, parágrafo dous, establece como obxecto da subvención, a contratación de persoas mozas, de 16 ou máis anos e que non cumprisen 30 anos no momento de comezar a relación contractual, polos organismos de investigación e difusión de coñecementos, universidades públicas, centros tecnolóxicos, parques científicos e tecnolóxicos, entidades públicas suxeitas a dereito privado, e entidades privadas sen ánimo de lucro, xunto con empresas que estean a investir en investigación e innovación pertencentes ao sector público ou privado, na realización de iniciativas de investigación e innovación.
Segundo o artigo 1.2, O ámbito de aplicación desta orde esténdese a todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. As entidades públicas ou privadas beneficiarias deberán ter o seu domicilio social e/ou centro de traballo en Galicia.
O artigo 2, establece que “as actividades obxecto das axudas enmarcadas nesta orde desenvolveranse polas persoas capacitadas para levar a cabo proxectos de investigación en calidade de investigadoras, técnólogas, persoal técnico e outros perfís profesionais en I+D+i, así como no seu caso o persoal de apoio á investigación...”
O artigo 3.2, fixa a importe total destinado ás subvencións en 13.127.823 euros.
Segundo o artigo 5.1 as subvencións para a contratación destinaranse ao financiamento dos custos laborais e salariais, incluíndo os gastos de cotización por todos os conceptos á Seguridade Social, das persoas mozas que sexan contratadas para o desenvolvemento e execución das iniciativas de investigación e innovación do Programa Investigo
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
- CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas, destinadas ao financiamento do “Programa investigo”, de contratación de persoas mozas na realización de iniciativas de investigación e innovación, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2022” consta de: Exposición de motivos, vinte e catro artigos, seis disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
O día 25 de novembro de 2021 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e seis específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Así mesmo, como anexo, contén dúas consideracións específicas de carácter non unánime sobre manifestadas polas organizacións sindicais CIG, SN DE CCOO DE GALICIA E UGT-GALICIA
| DITAME 53/2021 |
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas, destinadas ao financiamento do “Programa investigo”, de contratación de persoas mozas na realización de iniciativas de investigación e innovación, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2022, con data de rexistro de entrada neste Consello o 10 de novembro de 2021, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 25 de novembro de 2021, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
Obsérvase no texto o emprego do masculino xenérico, por exemplo “o beneficiario” no artigo 19. Tamén se considera que, no artigo 18, debería substituírse a referencia a “os traballadores e as traballadoras” por “persoas traballadoras”, ao consideralo un termo máis acaído.
Pola súa banda, as seis disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas. Formúlase o mesmo respecto das disposicións finais.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Primeira. – Artigo 2. Actividades e ocupacións de preferente cobertura
Neste precepto fálase de ocupacións preferentes, mentres que o artigo 6 alude a postos de cobertura preferente.
Este Comité considera que debería concretarse máis a que se está a referir a orde ao falar desa preferencia, xa que estamos ante un termo impreciso que semella dar cabida a outras ocupacións.
Segunda. – Artigo 5. Destino das subvencións públicas, contías e financiamento das mesmas.
Segundo o apartado 1, os contratos formalizaranse na modalidade de contratación que mellor se axuste ás circunstancias concretas de cada iniciativa, acorde coa lexislación vixente.
A continuación, no parágrafo seguinte, establece que a duración dos contratos será dun mínimo de 12 meses, e ata un máximo de 24 meses, aínda cando o contrato formalizado teña unha duración superior.
Este Comité considera que isto resulta incongruente, pois establece unha duración mínima e máxima dos contratos aínda que o contrato teña unha duración superior, o cal é contraditorio. Por outra parte, debe terse en conta o feito de que non todas as modalidades de contratación se adaptan a unha duración de 12 meses.
Terceira. – Artigo 5. Destino das subvencións públicas, contías e financiamento das mesmas.
Este Comité considera que se debería incentivar ás entidades para manter no seu cadro de persoal á persoa moza contratada baixo esta orde, de xeito que poida continuar adquirindo experiencia laboral.
Proponse que esa estabilidade sexa tida en conta como criterio a valorar positivamente en vindeiras convocatorias destas axudas.
Cuarta. – Artigo 8. Requisitos e criterios para a selección das persoas para contratar.
Este Comité considera que se debería engadir un novo requisito esixindo que as persoas desempregadas que se contraten ao abeiro desta orde estean inscritas no Servizo Público de Emprego.
Quinta. – Artigo 11. Prazo de presentación de solicitudes.
Este artigo fixa o prazo para presentar as solicitudes nun mes desde a publicación da orde.
Este Comité considera que sería máis axeitado ampliar o dito prazo a 30 días hábiles.
Sexta. – Artigo 21. Obrigas das entidades beneficiarias.
Este Comité considera que se debería constar expresamente no texto do proxecto normativo o previsto pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Segundo o artigo 20.2.l) da dita lei, a convocatoria dunha subvención debe incluír, no seu contido, criterios de valoración das solicitudes avaliándose, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda.
ANEXO
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, SN DE CCOO DE GALICIA e UGT - GALICIA:
Primeira. – Artigo 5. Destino das subvencións públicas, contías e financiamento das mesmas.
As organizacións sindicais que forman parte deste Comité consideran que as contratacións previstas neste precepto deben regularse dun xeito máis pormenorizado, xa que non se especifican os diferentes tipos de contratación nin se concretan as condicións nas que levalo a cabo, polo que procede unha previsión máis garantista para as persoas que van ser contratadas ao abeiro destas axudas.
Segunda. – Artigo 5. Destino das subvencións públicas, contías e financiamento das mesmas.
Segundo o apartado 1, non se poderán contratar persoas mozas que desempeñasen calquera tipo de posto de investigación na mesma entidade, organismo, centro ou empresa ou nas súas asociadas, no prazo de 6 meses inmediatamente anteriores á data da solicitude.
Para as organizacións sindicais que forman parte deste Comité, o dito prazo considérase escaso e debería ser máis amplo.