Ir o contido principal

Ditame 36/22

Enviado o Mér, 13/12/2023 - 11:06
Ditame proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas, destinadas ao financiamento do “Programa investigo”, de contratación de persoas mozas demandantes de emprego na realización de iniciativas de investigación e innovación, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2023

I. ANTECEDENTES

O día 17 de novembro de 2022 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección xeral de Emprego da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas, destinadas ao financiamento do “Programa investigo”, de contratación de persoas mozas demandantes de emprego na realización de iniciativas de investigación e innovación, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2023. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, o proxecto ten como finalidade contratación de persoas mozas maiores de 16 e menores de 30 anos, investigadoras, tecnólogas, persoal técnico e outros perfís profesionais en I+D+i , así como no seu caso o persoal de apoio á investigación, en organismos públicos de investigación, e difusión do coñecemento, universidades públicas, centros tecnolóxicos, parques científicos e tecnolóxicos, entidades públicas suxeitas a dereito privado, e entidades privadas sen ánimo de lucro como fundacións, xunto con empresas que invistan en investigación e innovación.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para o exercicio anterior, publicada no DOG o día 30 de decembro de 2021 e o ditame emitido polo Consello con data 25 de novembro de 2021 (ditame53/2021), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións sobre o fondo manifestada polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Obsérvase un incremento dun 43% no orzamento asignado a estas axudas respecto da orde anterior, ascendendo a unha contía total de 13.127.823€ (artigo 3).

O artigo 5 impide contratar persoas mozas con cargo a estas axudas cando os seus contratos xa foron subvencionados ao abeiro deste Programa no exercicio anterior.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas, destinadas ao financiamento do “Programa investigo”, de contratación de persoas mozas demandantes de emprego na realización de iniciativas de investigación e innovación, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2023” consta de: Exposición de motivos, vinte e cinco artigos, seis disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día1 de decembro de 2022 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e catro específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Así mesmo, como anexo, contén unha consideración xeral de carácter non unánime sobre manifestadas polas organizacións sindicais CIG, SN DE CCOO DE GALICIA E UGT-GALICIA

DITAME 36/2022

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas, destinadas ao financiamento do “Programa investigo”, de contratación de persoas mozas demandantes de emprego na realización de iniciativas de investigación e innovación, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2023, con data de rexistro de entrada neste Consello o 17 de novembro de 2022, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 1 de decembro de 2022, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira
Este Comité considera que, naquelas cuestións en que a CCAA de Galicia non estea habilitada para ditar criterios propios respecto destas axudas, se estea ao recollido na Orde TES/ 1267/2021, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas, destinadas ao financiamento do "Programa investigo", de contratación de persoas novas demandantes de emprego na realización de iniciativas de investigación e innovación, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Segunda
Obsérvanse varios erros no texto do proxecto sometido a ditame, por exemplo no final do artigo 3.1, debería eliminarse o último inciso “por un”; ou no apartado 2 do mesmo artigo, procede corrixir o termo “creditoaxus”.

Pola súa banda, as seis disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas. Formúlase o mesmo respecto das disposicións finais.

Finalmente, as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira. – Artigo 5. Destino das subvencións públicas, contías e financiamento.
Segundo o apartado 1, os contratos formalizaranse na modalidade de contratación que mellor se axuste ás circunstancias concretas de cada iniciativa, acorde coa lexislación vixente.
A continuación, no parágrafo seguinte, establece que o período subvencionado será de 12 meses.

Este Comité considera que, sen prexuízo da mellora de redacción que elimina a incongruencia neste precepto da orde anterior, debe terse en conta o feito de que non todas as modalidades de contratación se adaptan a unha duración de 12 meses.

Segunda. – Artigo 5. Destino das subvencións públicas, contías e financiamento das mesmas.
Este Comité considera que se debería incentivar ás entidades para manter no seu cadro de persoal á persoa moza contratada baixo esta orde, de xeito que poida continuar adquirindo experiencia laboral.

Proponse á Xunta de Galicia que suxira ao Ministerio de Traballo e Economía Social ter en conta este criterio en vindeiras convocatorias destas axudas.

Terceira. – Artigo 11. Prazo de presentación de solicitudes.
Este artigo fixa o prazo para presentar as solicitudes nun mes desde a publicación da orde.

Este Comité considera que sería máis axeitado ampliar o dito prazo a 30 días hábiles.

Cuarta. – Artigo 23. Perda do dereito ao cobramento, reintegros e réxime sancionador.
Respecto do incumprimento de obrigas previsto no apartado 1.d) deste artigo, este Comité considera que se debería prever na orde a posibilidade de substitución da persoa contratada, tal e como se fai noutras ordes de axudas á contratación.

ANEXO

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, SN DE CCOO DE GALICIA e UGT - GALICIA:

Artigo 5. Destino das subvencións públicas, contías e financiamento das mesmas.
As organizacións sindicais que forman parte deste Comité consideran que as contratacións previstas neste precepto deben regularse dun xeito máis pormenorizado, xa que non se especifican os diferentes tipos de contratación nin se concretan as condicións nas que levalo a cabo, botando en falta unha previsión máis garantista para as persoas que van ser contratadas ao abeiro destas axudas.

Así mesmo, segundo o apartado 1, non se poderán contratar persoas mozas que desempeñasen calquera tipo de posto de investigación na mesma entidade, organismo, centro ou empresa ou nas súas asociadas, no prazo de 6 meses inmediatamente anteriores á data da solicitude.

Para as organizacións sindicais que forman parte deste Comité, o dito prazo considérase escaso e debería ser máis amplo.

Neste senso, as organizacións sindicais que forman parte deste Comité propoñen á Xunta de Galicia que suxira ao Ministerio de Traballo e Economía Social que permita incluír estas precisións en vindeiras convocatorias.

Número ditame
36