Ir o contido principal

Ditame 15/23

Enviado o Mér, 13/12/2023 - 11:07
Ditame proxecto de resolución da Secretaría Xeral da Igualdade pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación por parte de entidades sen ánimo de lucro de mulleres que sofren violencia de xénero, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo Plus no marco do Programa FSE+ Galicia 2021 – 2027, e se convocan para o ano 2023.

I. ANTECEDENTES

O día 25 de abril de 2023 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito do Servizo de Planificación e Mellora da Coordinación da Secretaría Xeral da Igualdade, que achega o proxecto de resolución pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación por parte de entidades sen ánimo de lucro de mulleres que sofren violencia de xénero, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo Plus no marco do Programa FSE+ Galicia 2021 – 2027, e se convocan para o ano 2023.

Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, “considerando que a independencia económica é clave para garantir que as mulleres en situación de violencia de xénero consigan maior estabilidade persoal, social e laboral, a presente Resolución supón un paso máis na mellora da súa inserción laboral, articulando axudas económicas ás entidades sen ánimo de lucro para fomentar a contratación de mulleres que sofren violencia de xénero e que non poden acadar un posto de traballo no mercado laboral ordinario”.

Vistos o borrador agora remitido, o texto desta Resolución para o exercicio 2022, publicada no DOG do 1 de xullo de 2022) e o ditame emitido polo Consello con data 2 de maio de 2022 (ditame 12/2022), obsérvase que se tiveron en conta varias das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

As novidades máis destacables deste proxecto son as seguintes:

Obsérvase un incremento de 50.000€nos orzamentos destinados a estas axudas (artigo 2).

En canto aos requisitos da contratación recollidos no artigo 7, a duración mínima dos contratos aumenta de 4 a 6 meses.

No que respecta ás obrigas das entidade beneficiarias, o apartado 11 do artigo 24 reduce de 5 a 2 anos o prazo durante o cal se deben conservar os documentos xustificativos.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “resolución pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación por parte de entidades sen ánimo de lucro de mulleres que sofren violencia de xénero, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo Plus no marco do Programa FSE+ Galicia 2021 – 2027, e se convocan para o ano 2023” consta de: exposición de motivos, trinta e un artigos, unha disposición adicional e dúas disposicións finais.

O día 8 de maio de 2023 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións xerais e catro consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma. Así mesmo, contén cinco consideracións específicas de carácter non unánime manifestadas polas organizacións sindicais (Anexo).

DITAME 15/2023

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de resolución pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación por parte de entidades sen ánimo de lucro de mulleres que sofren violencia de xénero, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo Plus no marco do Programa FSE+ Galicia 2021 – 2027, e se convocan para o ano 2023, con data de rexistro de entrada neste Consello o 25 de abril de 2023, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 8 de maio de 2023, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.
Obsérvase que no texto do proxecto normativo faise referencia, nalgúns artigos, ás “persoas traballadoras” (por exemplo, no artigo 11.3).

Tendo en conta que se trata de axudas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero, este Comité entende que as referencias deben facerse especificamente a elas.

Segunda.
Segundo o comité de ditames, as disposición finais deberían encaixarse baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha delas.
Así mesmo, o comité considera que as dúas disposicións derradeiras deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

Terceira.
Este Comité considera que as bases reguladoras das axudas deberían publicarse con vocación de permanencia temporal, sendo obxecto de publicación anual unicamente a correspondente convocatoria.

Cuarta
Este Comité considera que se debería engadir na exposición de motivos, como acontece con outras ordes da Consellería, indicación dos informes preceptivos que se solicitaron na tramitación deste proxecto normativo.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Artigo 1. Obxecto e finalidade.
O apartado 4 de este artigo establece que as subvencións recollidas na presente resolución concederanse cando a contratación se produza con posterioridade á súa publicación.
O comité suxire que a subvención teña carácter retroactivo para as contratacións feitas no período de tempo non cuberto pola RESOLUCIÓN do 22 de xullo de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación, por parte de entidades sen ánimo de lucro, de mulleres que sofren violencia de xénero, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2022.

Segunda.- Artigo 2. Financiamento
Á vista das mulleres que foron contratadas ao abeiro da convocatoria destas axudas en 2022, este comité considera que se deberían tomar as medidas que resulten necesarias para que as axudas teñan un maior alcance e poidan beneficiar a un maior número de mulleres vítimas de violencia de xénero.

Terceira.- Artigo 3. Contía da subvención
Con respecto ao apartado 4 deste artigo, o comité quere sinalar que lle chama a atención que non se consideren custos salariais subvencionables o importe da indemnización prevista no artigo 49.1 do Estatuto dos traballadores, así como os incentivos e gratificacións extrasalariais que non formen parte da base de cotización. O comité propón que se determine que os ditos custos son subvencionables en base a esta resolución.

Cuarta.- Artigo 12. Prazo de presentación das solicitudes.
Este artigo establece que o prazo de presentación de solicitudes será de 1 mes contado desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.
Segundo a opinión do comité, este prazo debería aumentarse tendo en conta o prazo máis amplio previsto para a realización das actuacións subvencionables.

ANEXO

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG,SN. DE CC.OO. DE GALICIA E UGT-GALICIA:

Primeira.- Artigo 3. Contía da subvención.
As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que o conxunto dos incentivos non deberían superar, en ningún caso, unha contía equivalente ao custo da Seguridade Social xerado pola persoa contratada, en coherencia co manifestado noutros ditames.

Segunda.- Artigo 4. Entidades beneficiarias.
Este Comité considera que se deberían engadir, como requisitos das entidades beneficiarias neste artigo, os seguintes:

- non ter sido sancionada administrativamente e con sentenza condenatoria por vulnerar dereitos fundamentais, en especial o dereito á igualdade e non discriminación.
- non ter sido sancionada con falta grave o moi grave segundo a Lei sobre Infraccións e Sancións na Orde Social.

Terceira.- Artigo 7. Requisitos da contratación.
A letra b) do apartado 1 establece que a duración dos contratos sexa como mínimo de 46 meses.
O comité considera que debería de incrementarse a duración dos contratos para facilitar a integración laboral.

Cuarta.-Artigo 9. Selección das candidatas.
O apartado 1 deste artigo establece que “para a selección das candidatas, as entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta resolución poderán contactar coa oficina de emprego asignada para a presentación da correspondente oferta...”
As organizacións sindicais que forman parte do comité entenden que a redacción debería cambiarse substituíndo a forma verbal “poderán contactar” pola forma “contactarán”.

Quinta.- Artigo 9. Selección das candidatas. No apartado 1 do artigo establécese a posibilidade de que se presenten ofertas nominativas sempre que se cumpran os requisitos fixados na resolución.
As organizacións sindicais que forman parte do comité consideran que tendo en conta o perfil das persoas destinatarias finais da subvención, non procede establecer ofertas nominativas.

Número ditame
15